Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Martes, 3 de marzo de 2020 Páx. 14436

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 19 de febreiro de 2020 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras do Programa de adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización empresarial, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG414A).

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do día 26 de novembro de 2019 acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras do Programa de adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización empresarial, e facultou o director xeral para a súa convocatoria, a aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras do Programa de adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización empresarial, e convocar para o ano 2020 as axudas en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG414A).

Segundo. O prazo de presentación de solicitudes será dous meses a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte partida orzamentaria e polos seguintes importes e coa seguinte distribución plurianual:

Orzamento inicial 12 meses

Ano

Dotación partida

09.A1 741A 4803

(Seg. Social por conta da empresa)

Partida 09.A1 741A 4840

Total

2020

781.050,40

10.214,00

791.264,40

2021

387.065,60

21.448,00

408.513,60

 

1.168.116,00

31.662,00

1.199.778,00

Orzamento prórroga 12 meses 

Ano

Dotación partida

09.A1 741A 4803

(Seg. Social por conta da empresa)

Partida 09.A1 741A 4840

Total

2021

845.554,60

10.724,00

856.278,60

2022

421.529,40

22.414,00

443.943,40

 

1.267.084,00

33.138,00

1.300.222,00

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos, logo de declaración da súa dispoñibilidade, como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Cuarto. Prazos de duración do procedemento, de execución da bolsa e para solicitar o cobramento:

O prazo máximo para resolver e publicar a resolución será de 4 meses contados desde a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, transcorrido o cal se poderá entender rexeitada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.

O prazo de execución das bolsas rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder o 30 de decembro 2022.

O bolseiro deberá solicitar o pagamento da bolsa nos quince días hábiles seguintes ao cumprimento de cada período de pagamento.

Quinto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei  9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2020

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras do Programa de adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización empresarial

O Igape, en liña coas funcións que ten encomendadas como instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia para impulsar o desenvolvemento competitivo do sistema produtivo galego, está levando a cabo unha serie de accións no ámbito exterior desde o apoio á formación de capital humano especialista no eido internacional, o apoio ás empresas galegas no seu proceso de expansión exterior e a captación de investimentos estranxeiros cara a Galicia.

Na actual situación de forte índice de desemprego, é necesario aproveitar as oportunidades que xorden das accións de promoción económica, para ao mesmo tempo impactar sobre o emprego. Por outro lado, as pemes galegas necesitan incorporar profesionais cualificados. Os programas de adquisición de competencias profesionais suman ambos obxectivos: achegan coñecemento ás organizacións nas que se integran os profesionais e melloran a empregabilidade destes.

Un dos eixes da estratexia do Igape de internacionalización da empresa galega 2020 é o de promover unha cultura de internacionalización. E son obxectivos deste eixe: a formación de capital humano en internacionalización, proporcionar ao tecido empresarial recursos altamente especializados -con coñecemento dos mercados exteriores e de aspectos clave do comercio exterior- e impulsar a contratación destes como apoio aos directivos e mandos intermedios de empresas en proceso de expansión internacional.

Dentro da súa actividade de fomento da competitividade e da internacionalización, o Igape xera en moitas ocasións oportunidades nas que persoas que non tiveron aínda a posibilidade de obter competencias profesionais poidan participar en traballos especializados mediante formación teórico-práctica. Como consecuencia, os participantes teñen ocasión de realizar actividades de difícil acceso no mercado laboral actual.

Ademais o Igape é xestor de fondos FSE no marco regulamentario 1420 no seguinte encaixe:

• Obxectivo temático (OT8): promover a substentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral.

• Prioridade de investimento (PI.8.1): facilitar o acceso ao emprego dos desempregados ou persoas inactivas, incluíndo as persoas paradas de longa duración e persoas afastadas do mercado laboral, incluídas as iniciativas locais de emprego e apoio á mobilidade laboral.

• Obxectivo específico (OE.8.1.5.): mellorar a empregabilidade das persoas desempregadas ou inactivas, especialmente daquelas con maiores dificultades de acceso ao mercado laboral, por medio da adquisición de experiencia profesional, incluídas as iniciativas locais de emprego.

• Tema secundario conforme o FSE: fomentar a competitividade das pemes.

Para alcanzar os obxectivos anteriores porase en marcha un programa de formación, titorización e prácticas laborais para adquisición de competencias en materia de internacionalización empresarial.

O obxectivo destas bases é formar especialistas no ámbito da internacionalización empresarial mediante bolsas de formación práctica en internacionalización, con destino en organismos de promoción económica, centros de investigación e/ou empresas en Galicia e no estranxeiro en labores de investigación de mercados, estudo de empresas e a súa planificación para internacionalización.

A través deste programa téñense formado máis de 350 especialistas en comercio exterior desde a súa posta en marcha. Sendo profesionais logo moi valorados polas empresas, xerando polo tanto unha boa empregabilidade.

A convocatoria destas prazas será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. A convocatoria incluirá o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

O procedemento de concesión destas prazas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007.

Artigo 1. Obxecto

O obxecto destas bases é a convocatoria de 50 prazas para a capacitación de mozos profesionais en materia de internacionalización empresarial mediante formación práctica, coa finalidade de mellorar a empregabilidade e poñer á disposición das empresas galegas profesionais que lles axuden a mellorar a súa competitividade.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas prazas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2. Non se poderán outorgar bolsas por contía superior á que se determine nesta convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria, ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007.

Artigo 3. Natureza e incompatibilidade da bolsa

1. O programa reúne os requisitos previstos no artigo 1 do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, polo que a dita norma resulta de aplicación.

2. A concesión ou desfrute destas bolsas non implica ningunha vinculación laboral entre o beneficiario e o Igape, nin supoñen ningún compromiso ou dereito de incorporación ao seu cadro de persoal, non tendo o bolseiro, en ningún caso, a representación do Igape.

3. As bolsas outorgadas son incompatibles con calquera outra bolsa ou axuda de similares características, así como con calquera relación laboral ou de prestación de servizos remunerada do bolseiro. Así mesmo, son incompatibles coa percepción de prestación ou subsidio por desemprego.

4. A obtención doutras axudas recibidas para a realización do proxecto obxecto da bolsa deberá comunicarse ao Igape tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a memoria final da bolsa. En todo caso, antes de conceder a bolsa, solicitarase da persoa solicitante unha declaración escrita ou en soporte electrónico, sobre outras axudas recibidas para a realización do proxecto obxecto da bolsa. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Requisitos dos solicitantes

1. Ter nacido a partir do 1 de xaneiro de 1990.

2. Posuír a nacionalidade española e nacido en Galicia, ser nacido en Galicia e estar nacionalizado nun Estado membro da Unión Europea, ou estar empadroado nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia con dous anos de antigüidade á data de publicación destas bases.

3. Estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións na data en que finaliza o prazo de presentación de solicitudes:

a) Universitarias (licenciatura, diplomatura, enxeñaría ou grao): Administración e Dirección de Empresas, Ciencias do Transporte e Loxística, Ciencias Económicas e Empresariais, Ciencias Empresariais, Ciencias Políticas, Comercio, Comercio Exterior, Dereito, Dirección e Creación de Empresa, Dirección de Empresas-BBA, Dirección Financeira e Contabilidade, Economía, Enxeñaría, Estatística e Empresa, Márketing e Dirección Comercial, Márketing e Investigación de Mercados, Relacións Internacionais, ou outras con distinta denominación, pero de contidos similares ás citadas.

b) Formación profesional: técnico superior en Comercio Internacional.

c) Outras titulacións universitarias non preferentes (licenciatura, diplomatura ou grao) doutras temáticas coa condición de que se dispoña ademais de título de máster en Comercio Internacional.

Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros privados españois deberán estar homologados polo Ministerio de Educación español antes de que finalice o prazo de presentación de solicitudes. Polo que se refire aos títulos de máster non se require que estean homologados.

4. Coñecementos de inglés (falado e escrito).

Esta capacidade acreditarase mediante a realización dun exame no que os aspirantes deberán demostrar como mínimo nivel B2 do marco común europeo de referencia para as linguas.

Os aspirantes que non comparezan ou non acaden o nivel mínimo B2 na proba de inglés quedarán excluídos do proceso de selección.

Opcionalmente, os candidatos, ademais de examinarse de inglés, poderán indicar na solicitude ata tres idiomas adicionais dos que queiran examinarse, de cara a ter máis puntos no baremo. Os idiomas adicionais dispoñibles son: chinés, alemán, francés e portugués.

5. Estar dado de alta como demandante de emprego (ou demandante de mellora de emprego) no servizo público de emprego antes da data de presentación da súa solicitude de axuda.

6. Cumprir os requisitos do art. 10 da Lei 9/2007 para ser considerado beneficiario de subvencións.

7. Non ter gozado con anterioridade dunha bolsa do Igape relacionada coa internacionalización empresarial. Quedarán tamén excluídos da convocatoria aqueles solicitantes que fosen adxudicatarios deste tipo de bolsas en edicións anteriores e que renunciasen a elas con posterioridade ou lles fora determinado un incumprimento total.

8. Non ter gozado dunha bolsa concedida por outros organismos distintos de Igape, relacionada coa internacionalización empresarial ou con prácticas en empresas fóra de España. Exceptúanse as bolsas de estudos desfrutadas durante os anos escolares ou universitarios.

9. Estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma. O cumprimento deste requisito acreditarase cubrindo no formulario electrónico a declaración responsable da persoa solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma, de acordo co establecido no artigo 11.h) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Condicións da bolsa

1. Duración e destino.

A duración inicial da bolsa establécese nun máximo de doce meses contados desde a data de comezo que para tal efecto fixe a resolución de concesión. O Igape poderá prorrogala por un máximo de ata 12 meses adicionais en función da necesidade de finalizar ou completar unha parte da formación que xa tivese comezado ou estivese a piques de comezar.

Así mesmo, a prórroga estará condicionada ademais a: solicitude de prórroga por parte do bolseiro polo menos un mes antes da fin do período inicial da bolsa, informe favorable do titor do bolseiro, posibilidade de desfrute da prórroga no mesmo organismo do período inicial ou noutro destino alternativo, dispoñibilidade orzamentaria e a súa aceptación por parte do bolseiro.

En caso de prórroga a dotación incrementarase proporcionalmente segundo a súa duración e o destino asignado.

A formación práctica levarase a cabo no estranxeiro e/ou en Galicia (en oficinas do Igape ou Xunta, oficinas comerciais de España no exterior, cámaras de comercio españolas no estranxeiro, organismos multilaterais, organismos intermedios galegos, centros de investigación, empresas e/ou outros organismos en Galicia ou no estranxeiro), para realizar labores de investigación de mercados, estudo de empresas e a súa planificación para internacionalización e investigación das posibilidades de cooperación internacional entre empresas galegas e estranxeiras.

Antes do inicio da bolsa e no seu transcurso o Igape resérvase a posibilidade de cambiar as datas de incorporación, os destinos dos bolseiros e a dotación correspondente, no caso de concorrer causa xustificada.

A formación en Galicia poderá implicar visitas a empresas ou organismos empresariais galegos que serán realizadas polos bolseiros a través dos seus propios medios (con reintegro dos gastos de desprazamento segundo o indicado no artigo 6.2.)

2. Desenvolvemento da bolsa.

O bolseiro deberá aterse aos horarios e á normativa interna de funcionamento das entidades de acollida na cidade de destino da bolsa. No caso de peche das entidades en períodos vacacionais (non festivos) o bolseiro debe informar o Igape para que lle asigne tarefas alternativas que contribúan á súa formación.

O bolseiro poderá dispoñer dos seguintes tipos de permiso:

a) No caso de maternidade ou parternidade o bolseiro/a gozará do correspondente permiso retribuído pola Seguridade Social e o seu período de gozo engadirase ao final do período de duración normal da bolsa. Acreditarase mediante copia da partida de nacemento ou da páxina correspondente do Libro de familia.

b) Licenza por matrimonio, ou parella en análoga relación de afectividade, o bolseiro deberá comunicalo ao Igape coa maior brevidade posible e presentar o correspondente xustificante.

c) No caso de enfermidade ou accidente, o bolseiro deberá comunicalo ao Igape co maior brevidade posible e presentar o correspondente xustificante médico.

No caso de que a suma de interrupcións da formación por enfermidade e/ou outros motivos supere os 20 días hábiles, o Igape resérvase o dereito de rescindir a bolsa, temporal ou definitivamente ou cambiar o destino se con iso se facilita a reinserción do bolseiro á súa formación.

d) Así mesmo, o bolseiro poderá gozar dun período de 10 días de libre disposición por ano de bolsa concedida, sen necesidade de xustificación e logo de notificación con antelación ao Igape, cando o destino da bolsa sexa en Galicia. Noutros destinos o bolseiro adaptarase ao establecido por cada organismo ou entidade de acollida, ben que neste caso se aplicará a proporcionalidade con base no tempo da bolsa con destino en Galicia.

e) Por cambio de destino, o bolseiro poderá gozar de ata 5 días hábiles, no caso de cambio para un país diferente, ou ata 3 días se se trata do mesmo país, pero cambia de entidade de acollida.

3. Programa de formación.

A formación que recibirán os bolseiros abrangue:

a) Estudo dos sectores económicos máis importantes dos mercados estranxeiros.

b) Análise dos puntos fortes, debilidades, ameazas e oportunidades dos diferentes sectores estratéxicos de Galicia en relación á súa internacionalización.

c) Estudo das distintas formas de introdución nos mercados estranxeiros.

d) Para completar a dita formación, o bolseiro contará co apoio do seu titor no organismo de destino e dunha persoa no Igape a quen lles poderá dirixir as súas dúbidas e preguntas.

Artigo 6. Contía da bolsa

1. Para a dotación (tanto para a dotación inicial como para a prórroga) terase en consideración os índices do custo de vida das distintas cidades de destino das bolsas, segundo criterios establecidos pola Entidade Pública Empresarial ICEX España Exportación e Inversiones (ICEX), dependente do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Na fase inicial ou no período de prórroga poderá modificarse a dotación da bolsa por flutuacións do tipo de cambio que xustifiquen esta modificación e sempre que exista dispoñibilidade orzamentaria. A actualización farase a partir do mes seguinte ao da súa solicitude por parte do beneficiario e tomaranse como tipos de cambio de referencia o do día da publicación das bases e o día de solicitude de modificación da dotación. Esta actualización no tipo de cambio farase, como máximo, cuadrimestralmente.

2. O importe máximo de subvención por bolseiro é de 48.000 € por un período de 12 meses ou a súa parte proporcional en función do período da bolsa. As dotacións variarán segundo o destino e o número de meses de estadía en Galicia e no estranxeiro. Desta subvención detraeranse a correspondente retención fiscal e a cota por cotización á Seguridade Social aplicables segundo a lexislación vixente.

Considéranse incluídos dentro do importe da dotación da bolsa -e dentro do límite máximo dos 48.000 €- todos os gastos en que teña que incorrer o bolseiro para o seu desenvolvemento:

a) Gastos de desprazamento: unha contía semestral máxima de 1.000 € por bolseiro -que se revisará ao termo de cada semestre para efectos de novas dotacións semestrais en función da execución do semestre anterior e logo de solicitude motivada do bolseiro (anexo II)- en concepto de gastos de taxas de visado e gastos de desprazamento a eventos, empresas ou entidades distintas do destino asignado, relacionados co obxecto da bolsa (avión, tren, autobús, hotel, taxi, aparcadoiro, autopista, compensación por quilometraxe), así como cursos de idiomas no país de destino logo de autorización do Igape. Estes importes serán aboados polo Igape ao bolseiro, unha vez sexan autorizados polo Igape, realizados e correctamente xustificados. Cando o medio de transporte sexa o vehículo particular, serán aboados os quilómetros percorridos a razón de 0,19 € por km percorrido. O desprazamento mediante vehículo propio só é posible en Galicia.

b) Gastos de viaxe de ida para incorporación a destino e retorno a Galicia, unha vez rematada a bolsa en destino, no período inicial ou no período de prórroga, o Igape aboará ao bolseiro os gastos de desprazamento mediante avión, tren ou autobús e gastos de hotel, logo de presentación dos correspondentes xustificantes de gastos (mediante facturas, billetes e/ou tarxetas de embarque) ata un máximo de 1.000 euros, se é o mesmo continente, e 1.500 euros se se traslada a outro continente.

c) Gastos de seguro de accidentes e enfermidades ata un máximo de 2.000 €. Esta dotación só se aboará no caso de bolsas con destino fóra da Unión Europea. Para as bolsas con destino Galicia e na Unión Europea o bolseiro deberá xustificar que posúe a tarxeta sanitaria europea, non procedendo dotación por este concepto.

Unha vez incorporados aos destinos indicados na resolución, no caso de cambio de destino -mediante nova resolución que implique máis dunha viaxe de ida e retorno previstos na dotación da bolsa, no período inicial ou no período de prórroga- o Igape aboará ao bolseiro os gastos de desprazamento mediante avión, tren ou autobús e gastos de hotel, logo de presentación dos correspondentes xustificantes de gastos (mediante facturas, billetes e/ou tarxetas de embarque) ata un máximo de 1.000 euros se é o mesmo continente e 1.500 euros se se traslada a outro continente. Estes importes -ao ser circunstancias excepcionais- non están incluídos dentro do límite máximo da bolsa.

Artigo 7. Solicitude e documentación complementaria necesaria para a tramitación

1. Forma e lugar de presentación das solicitudes:

Para presentar a solicitude, os interesados deberán cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. Deberá cubrir necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática http://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda, transcorrido o cal teráselles por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

Considérase que todos os solicitantes dispoñen de ferramentas informáticas cun coñecemento básico do seu funcionamento polo que queda acreditado que teñen acceso e dispoñibilidade aos medios electrónicos necesarios.

No caso de presentala de xeito presencial, o Igape requirirá ao solicitante para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC.

Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación electrónica, un recibo no que quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico no que desexan recibir o xustificante.

4. A solicitude deberá presentarse xunto coa seguinte documentación complementaria (no caso de que estea redactada nunha lingua non oficial en Galicia, deberase presentar acompañada de tradución realizada por intérprete xurado):

a) Acreditación dos requisitos mínimos segundo o expresado no artigo 4 destas bases.

1º. Currículum vitae.

2º. Copia do pasaporte no caso de que o solicitante sexa estranxeiro e non teña o número de identificación de estranxeiría (NIE).

3º. Xutificante de ter pagadas as taxas para a obtención do título de estudos universitarios acadado segundo o expresado no artigo 4.3, en defecto do título.

No caso de títulos expedidos por centros estranxeiros ou privados será preciso que os acrediten cunha copia da homologación concedida polo Ministerio de Educación español (isto non se require para os títulos de máster).

A formación deberá estar finalizada antes da data de presentación da solicitude.

b) Acreditación dos requisitos baremables segundo o expresado no artigo 10.2 destas bases:

1º. Acreditación, se é o caso, da formación específica de posgrao en comercio exterior segundo o expresado no artigo 10.2.e): copia do certificado de realización dun curso completo no que conste o número de horas ou créditos do curso. O curso deberá estar finalizado antes da data de presentación da solicitude.

2º. Acreditación, se é o caso, doutra formación de posgrao segundo o expresado no artigo 10.2.f): copia do certificado de realización dun curso completo no que conste o número de horas ou créditos do curso. O curso deberá estar finalizado antes da data de presentación da solicitude.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. O solicitante responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, o Igape poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

5. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude: todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado de empadroamento para acreditar o cumprimento da veciñanza administrativa en Galicia.

d) Título de estudos universitarios acadado, segundo o expresado no artigo 4.3.

e) Tarxeta de demandante de emprego (ou tarxeta de demandante de mellora de emprego).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 9. Órganos competentes

O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das prazas será a Área de Internacionalización do Igape e a competencia para ditar a resolución, que poña fin ao procedemento na vía administrativa, correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

As solicitudes serán avaliadas por un comité de selección, que estará presidido polo subdirector de Internacionalización (ou o seu suplente, en caso de necesidade) e integrado por outros dos membros de entre o persoal técnico do Igape (ou os seus suplentes, en caso de necesidade), designados polo presidente do comité de selección, actuando un deles como secretario.

Artigo 10. Instrución dos procedementos

1. Todos os aspirantes que presentasen a súa solicitude dentro do prazo establecido na resolución da convocatoria, serán convocados a probas eliminatorias de inglés e dos idiomas adicionais indicados na solicitude (chinés, alemán, francés e/ou portugués), que constarán dunha parte escrita e outra oral, nas datas, horarios e lugares de realización que se comunicarán no taboleiro de anuncios e na páxina web do Igape, cun mínimo de cinco días de antelación e poderán celebrarse en calquera data a partir do día seguinte á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. As probas de idiomas terán lugar en Santiago de Compostela, correndo por conta da persoa solicitante, se é o caso, os gastos de desprazamento, estadía e manutención.

Os aspirantes serán cualificados como aptos ou non aptos. Serán aptos os que demostren un nivel mínimo B2 no idioma inglés tomando como referencia o Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas e, dentro da cualificación de apto obterase unha puntuación segundo o nivel máximo acadado (nivel B2 ou nivel C1).

Os aspirantes que non comparezan ou non acaden a cualificación de apto na proba de inglés quedarán excluídos do proceso de selección.

2. O comité de selección realizará unha lista provisional segundo a puntuación obtida conforme o seguinte baremo:

a) Proba de inglés (nivel C1: 10 puntos).

b) Resultado proba de idioma adicional 1 (nivel B1: 8 puntos; nivel B2: 10 puntos; nivel C1: 15 puntos).

c) Resultado proba de idioma adicional 2 (nivel B1: 8 puntos; nivel B2: 10 puntos; nivel C1: 15 puntos).

d) Resultado proba de idioma adicional 3 (nivel B1: 8 puntos; nivel B2: 10 puntos; nivel C1: 15 puntos).

e) Formación específica de posgrao en comercio exterior (máximo 30 puntos nesta epígrafe). Obterá 5 puntos por curso completo de 140 a 299 horas (entre 14 e 29,9 créditos); 15 puntos por curso completo de 300 horas ou máis (30 ou máis créditos); 30 puntos por máster. No caso de titulacións universitarias non preferentes (art. 4.3), o máster en comercio exterior non puntúa por ser condición necesaria.

Polo que se refire a esta formación pode exixirse por parte de Igape información adicional para a súa acreditación (información da entidade que impartiu a formación, temario curso, formadores,..).

f) Outra formación de posgrao relacionada coa xestión empresarial (máximo 15 puntos nesta epígrafe). Obterá 2 puntos por curso completo de 140 a 299 horas(entre 14 e 29,9 créditos); 5 puntos por curso completo de 300 horas ou máis (30 ou máis créditos); 10 puntos por máster. Polo que se refire a esta formación pode exixirse por parte de Igape información adicional para a súa acreditación (información da entidade que impartiu a formación, temario curso, formadores,..).

A puntuación máxima para cursos realizados on line, independentemente do número de cursos realizados, será de 15 puntos.

g) Entrevista persoal realizada por persoal da Área de Internacionalización do Igape. Non computable para efectos de baremación.

A suma total das puntuacións será como máximo de 100 puntos.

3. A lista provisional, con indicación da puntuación obtida publicarase na páxina web do Igape, www.tramita.igape.es, e abrirase un prazo de 5 días hábiles para que os interesados poidan presentar alegacións e para presentar a documentación acreditativa das circunstancias alegadas nas solicitudes que faltase.

4. Unha vez analizadas as alegacións o Igape publicará na súa páxina web, www.tramita.igape.es, a listaxe de países de destinos e dotacións das bolsas.

A asignación de destinos será feita polo comité de selección tendo en conta o perfil do candidato, os idiomas dos países de destino e os idiomas adicionais dos candidatos.

En todo caso, en función da dispoñibilidade de destinos, os candidatos que teñan superado proba de idioma adicional, terán como primeiro destino un país que requira o dito idioma adicional. Para estes efectos teranse en conta os cupos seguintes: alemán 2 bolsas, chino 6 bolsas, francés 8 bolsas e portugués 2 bolsas. Unha vez cubertos os destinos vinculados aos idiomas adicionais, o comité de selección adxudicará o resto de destinos seguindo os criterios xerais definidos anteriormente.

No caso de que o número de solicitantes que superen a fase de selección sexa inferior a 50 o Igape publicará unha relación de destinos axustada a ese número inferior.

5. Unha vez asignados os destinos o órgano instrutor confeccionará a relación definitiva de puntuacións outorgadas ás solicitudes e elevará a proposta de resolución ao director xeral do Igape, quen resolverá por delegación do Consello de Dirección do Igape.

En caso de empate terase en conta o número de expediente, que se outorgará segundo a data de presentación da solicitude.

Artigo 11. Resolución

1. A resolución definitiva da convocatoria do programa comprenderá o detalle do baremo aplicado para a avaliación das solicitudes, o número de bolsas adxudicadas con indicación da data de comezo da bolsa, o destino e a súa contía económica e a puntuación alcanzada por cada solicitante. Tamén incluirá a lista de solicitudes denegadas, indicando a súa causa de exclusión e de solicitudes arquivadas.

Así mesmo, comprenderá unha lista dun máximo de 50 candidatos en posto de reserva (os 50 seguintes por orde de puntuación). Esta lista de reservas servirá para cubrir posibles renuncias, incidencias, incumprimentos ou bolsas adicionais debido a remanentes orzamentarios. Non poderán concederse bolsas da lista de reservas por un tempo inferior a seis meses tendo en conta o período inicial e o período de prórroga.

2. A resolución será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no Diario Oficial de Galicia, de acordo co artigo 45 da Lei 39/2015.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o establecido na resolución de convocatoria, transcorrido o cal se poderá entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

4. As notificacións das resolucións e actos administrativos do procedemento que non sexan obxecto de publicación practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape no enlace tramitación electrónica para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción electrónico).

5. No caso de prórroga o Igape poderá asignar destino no estranxeiro con preferencia aos que non tivesen un destino no estranxeiro no primeiro ano.

Artigo 12. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da súa publicación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, que resolverá a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.

Artigo 13. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, observarase o establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009. Admitiranse modificacións da resolución inicial dentro dos límites xerais establecidos nestas bases relativas a calquera alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da bolsa, sempre e cando estes cambios non alteren o baremo ou desvirtúen o proxecto.

2. O beneficiario deberá comunicar ao Igape a modificación das condicións establecidas na resolución. Para solicitar a modificación, deberá cubrir previamente o formulario electrónico sinalado no artigo 7 das bases e presentar a instancia de modificación xerada pola aplicación dirixida á Dirección Xeral do Igape. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado, por delegación do Consello de Dirección do Igape, pola persoa titular da Dirección Xeral do Igape, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia, de ser preciso, aos interesados.

Artigo 14. Obrigas dos bolseiros

Sen prexuízo doutras obrigas conforme estas bases e demais disposicións aplicables, os beneficiarios das bolsas quedarán suxeitos ás seguintes obrigas:

a) Incorporarse ao seu destino dentro do prazo fixado na resolución de concesión. A incorporación dos beneficiarios farase en grupos con diferentes datas de incorporación para facilitar a formación previa. A non incorporación na data establecida na resolución sen que medie comunicación ao Igape suporá renuncia á bolsa.

b) Cumprir as normas de conduta da oficina ou entidade de destino do bolseiro.

c) Elaborar e presentarlle ao Igape os estudos, informes ou traballos prácticos durante a duración da bolsa e, antes do remate de cada período (período inicial e, se é o caso, prórroga, presentar unha memoria final sobre os traballos realizados e, se for o caso, devolver no prazo de 10 días desde o remate final o material non funxible entregado polo Igape para o desenvolvemento da bolsa.

d) Xestionar, tramitar e obter os visados, permisos ou autorizacións esixidos polas autoridades do país ou cidade de destino e presentar unha copia no Igape antes de ocupar o seu destino.

e) Vacinarse e recibir os tratamentos preventivos necesarios para o país ou cidade de destino.

f) Contratar un seguro de enfermidade e accidentes por unha duración equivalente á da bolsa e as súas posibles prórrogas e presentar unha copia no Igape antes de ocupar o seu destino. O bolseiro será dado de alta na Seguridade Social desde o Igape polo que durante a súa estadía en Galicia terá a cobertura sanitaria da Seguridade Social, así como da mutua correspondente no caso de accidente laboral ou enfermidade profesional. Así mesmo, tamén terán cobertura sanitaria as estadías en países do Espazo Económico Europeo onde teña validez a tarxeta sanitaria europea.

g) Comunicar ao Igape a obtención doutras bolsas ou axudas de carácter similar, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade ao aboamento da bolsa.

h) Proceder ao reintegro da bolsa percibida, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) Dispoñer dun ordenador (agás que no destino ao que se asigne o bolseiro dispoña de medios informáticos, o que se lle comunicará ao bolseiro antes da súa incorporación ao destino) e conexión á internet durante todo o tempo de gozo da bolsa dado que é necesario para a realización das labores da súa formación.

Os requisitos mínimos do ordenador son:

• Procesador de 64 bits (×86).

• 4 GB de memoria del sistema.

• Disco duro de 120 Gb Serial ATA a 7200 r.p.m.

• DVD+/-RW SATA SuperMulti Doble Capa con LightScribe.

• Conexión de red Gigabit Ethernet (10/100/1000 NIC) integrada.

• Tecnoloxías inalámbricas: o LAN 802.11a/b/g/N.

• Portos E/S externos: ou Portos USB 2.0.

• 1×RJ-45.

• Teclado Touchpad.

O sistema operativo deberá ser Windows 7 Professional ou Windows 10 Profesional, (en ningún caso versións Starter nin Home nin a súas correlativas de Windows 8.X) e dispoñer das correspondentes licenzas de ofimática ou calquera outro software que requira o Igape.

j) Participar nas actividades formativas que organice o Igape durante a bolsa, presenciais (no caso de destino en Galicia) ou on line.

k) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Xustificación da bolsa

1. Para o cobramento da bolsa concedida, o bolseiro, dentro do prazo establecido na resolución de convocatoria, deberá cubrir previamente o formulario electrónico de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de cobramento.

2. Deberá presentar a solicitude de cobramento mediante o formulario normalizado (anexo II) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

3. Unha vez xerada a solicitude de cobramento na aplicación informática, deberá presentala obrigatoriamente por vía electrónica.

4. No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase ao bolseiro para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días hábiles. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da bolsa, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu Regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o bolseiro das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da dita Lei 9/2007.

5. Xunto coa solicitude de cobramento, o bolseiro presentará a seguinte documentación:

a) Para solicitar o cobramento dos pagamentos trimestrais previstos nas letras b) e c) dos artigos 16.1 e 16.2:

1º Informe actualizado das actividades realizadas no trimestre correspondente, cunha descrición en detalle de cada acción realizada, eventos, visita a feira sectoriais, reunións destacables polos temas tratados ou polo perfil dos participantes durante esta, e tarefas singulares levadas a cabo no período que corresponda. Para facilitar a realización deste informe, o Igape facilitará un modelo xeral que cada bolseiro adaptará ao seu caso particular.

2º Informe de vida laboral do bolseiro durante o período de prácticas formativas que leve executado.

b) Para solicitar o cobramento dos pagamentos finais previsto na letra d) dos artigos 16.1 e 16.2:

1º Memoria final das actividades realizadas.

2º Informe de vida laboral do bolseiro durante o período de prácticas formativas que leve executado.

c) Para solicitar o cobramento dos pagamentos dos gastos indicados no artigo 16.3:

1º. Xustificantes de gastos e do seu pagamento de: taxas de visado e de gastos de desprazamento a eventos, empresas ou entidades distintas do destino asignado, relacionados co obxecto da bolsa (avión, tren, autobús, hotel, taxi, aparcadoiro, autopista, compensación por quilometraxe; mediante facturas, billetes e/ou tarxetas de embarque e documentos de pagamento) xunto co informe da actividade realizada no caso de desprazamento a eventos ou reunións.

2º. Xustificantes de gastos e do seu pagamento de: viaxe de ida para incorporación a destino e retorno a Galicia unha vez rematada a bolsa en destino, no período inicial ou no período de prórroga (mediante facturas, billetes e/ou tarxetas de embarque e documentos de pagamento).

3º. Xustificantes de gastos e do seu pagamento de: gastos de seguro de accidentes e enfermidades (mediante facturas e documentos de pagamento).

O Igape poderá solicitar as aclaracións pertinentes á documentación presentada.

O beneficiario deberá presentar a documentación xustificativa polos mesmos medios que os establecidos no artigo 7 para a presentación da documentación complementaria á solicitude.

O beneficiario responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, o Igape poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo ca copia electrónica presentada.

6. Con carácter previo ao pagamento, os beneficiarios deberán presentar unha declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.

7. Advírtese de que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, total ou parcial, das cantidades previamente aboadas.

Artigo 16. Aboamento da bolsa

1. A dotación da bolsa aboarase ao bolseiro segundo o seguinte detalle:

a) Un 40 % da dotación da bolsa, unha vez que o bolseiro se incorpore ao programa

b) Un 25 % da dotación ao termo do primeiro trimestre e cumpridas as obrigas da bolsa nese período.

c) Un 25 % da dotación ao termo do segundo trimestre e cumpridas as obrigas da bolsa nese período.

d) Un 10 % á finalización do prazo de duración da bolsa e cumpridas totalmente as obrigas da bolsa.

2. No caso de prórroga os pagamentos serán segundo o seguinte detalle:

a) Un 40 % da dotación ao inicio da prórroga.

b) Un 25 % da dotación ao termo do primeiro trimestre da prórroga e cumpridas as obrigas da bolsa nese período.

c) Un 25 % da dotación ao termo do segundo trimestre da prórroga e cumpridas as obrigas da bolsa nese período.

d) Un 10 % á finalización do prazo de duración da prórroga da bolsa e cumpridas totalmente as obrigas desta.

3. Exclúense dos anteriores pagamentos a contía para gastos indicados no artigo 6.2.a), b) e c). O bolseiro deberá solicitar o seu cobramento no mesmo prazo que a solicitude de cobramento, marcando a opción correspondente no anexo II.

4. A dotación e o calendario de pagamentos das bolsas outorgadas por renuncias doutros bolseiros estableceranse na resolución de concesión da bolsa en función do período do seu desfrute.

5. A concesión do anticipo, establecido nas letras a) dos puntos 1 e 2 deste artigo, será obxecto de resolución motivada e poderá chegar ata o 40 % da dotación da bolsa previa autorización polo Consello da Xunta nos termos previstos no artigo 63.Un.1 e 63.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia. O importe conxunto dos pagamentos a conta e do pagamento anticipado non excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario e pode acadar ata o 90 % da subvención previa autorización polo Consello da Xunta nos termos previstos nos artigos 62.2 e 62.4 do devandito Decreto 11/2009.

Artigo 17. Certificado da bolsa

Tras a presentación no Igape da memoria final das actividades realizadas, o bolseiro terá dereito a recibir un certificado de beneficiario da bolsa concedida. Non se recibirá certificado no caso de renuncia á bolsa antes de que transcorran 6 meses desde o inicio.

Artigo 18. Incumprimento da bolsa

1. Procederá a revogación da bolsa e, se é o caso, o reintegro das cantidades anticipadas e os seus xuros de demora devindicados desde o seu pagamento, cando o bolseiro incumpra calquera das bases da convocatoria ou os compromisos contraídos na resolución de concesión, así como nos casos previstos nos artigos 33 e concordantes da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

En calquera momento o Igape poderá comprobar, mediante os mecanismos de inspección e de control que considere convenientes, as actividades formativas dos beneficiarios relativas á bolsa concedida.

2. Ao termo do primeiro semestre o Igape revisará o cumprimento do programa de formación asignado e resérvase a facultade de revogar a bolsa se o bolseiro incumpre as súas obrigas, sen que sexa por algunha causa xustificada ou motivo de forza maior.

3. No caso de que o bolseiro renuncie á bolsa concedida deberá comunicalo ao Igape por escrito con polo menos 15 días de antelación á data na que abandone o seu posto. Este prazo establécese con carácter xeral sen prexuízo de que por causas xustificadas non poida cumprirse o dito prazo.

Se o bolseiro renuncia á bolsa antes de que transcorran 6 meses desde o seu inicio por atopar un posto de traballo, unha vez asinado o contrato deberá presentalo no Igape, xunto coa vida laboral actualizada na que se recolla a nova situación –para o caso de terceiros países a vida laboral poderá ser substituída por documento local análogo. Esta circunstancia dará lugar ao inicio dun procedemento de incumprimento parcial. Nos casos de incumprimento parcial, a cantidade anticipada que se vai devolver obterase pola diferenza entre a dotación percibida ata o momento da renuncia e a que lle corresponde polos días efectivamente desfrutados.

No caso de renuncia antes de que transcorran 6 meses desde o inicio da bolsa por outras causas, considerarase incumprimento total. O incumprimento total comportará a devolución de todas as cantidades percibidas, excepto o aboado en concepto de gastos de desprazamento.

4. En todo o non regulado nestas bases rexerá o disposto nos capítulos I e II do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no título V, capítulos I e II do Decreto 11/2009, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 19. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das bolsas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007.

Artigo 20. Fiscalización e control

Os beneficiarios someteranse ás actuacións de control que efectúe o Igape e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ás previstas na lexislación do Consello de Contas e do Tribunal de Contas, así como ás que poidan efectuar os órganos competentes da Unión Europea. Neste senso, os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que sexa requirida polo ditos organismos.

Artigo 21. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, o Igape publicará na súa páxina web oficial e no Diario Oficial de Galicia a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade. Cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 €, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Igape.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, o beneficiario da subvención está obrigado a subministrar toda a información necesaria para que o Igape poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións, non requirirá o consentimento do beneficiario.

Artigo 22. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito nas presentes bases reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explícita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Artigo 23. Remisión normativa

En todo o non previsto nestas bases, será de aplicación o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, o Real decreto 1493/2011 do 24 de outubro e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, aplicarase o disposto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

missing image file
missing image file
missing image file