Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Xoves, 5 de marzo de 2020 Páx. 14923

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 24 de febreiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de bolsas para a realización de prácticas formativas en empresas do sector TIC (bolsas DigiTalent) dirixidas a estudantes do Sistema universitario de Galicia no curso 2019/20 no marco do Plan DigiTalent (código de procedemento PR607A).

O Goberno galego a través da Axenda Dixital de Galicia 2020, liderada pola Amtega e aprobada no Consello da Xunta de Galicia o 30 de abril de 2015, ten o obxectivo de impulsar un modelo de crecemento baseado na economía dixital, que contribúa a dar resposta a desafíos a que se enfronta Galicia en todas as áreas de desenvolvemento.

A Axenda Dixital de Galicia 2020 (en diante, ADG2020) establece entre os seus obxectivos, impulsar a innovación tecnolóxica, a competitividade e a xeración de emprego no ecosistema dixital que contribúan a situar ao sector tecnolóxico como un dos sectores de referencia de Galicia.

En concreto, asume o desafío de avanzar da Competencia TIC ao Talento TIC, aumentando a capacidade produtiva das empresas a través de profesionais TIC que respondan ás necesidades tecnolóxicas actuais e futuras.

Para contribuír á consecución destes obxectivos, a Amtega define o Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020 (en diante, Plan DigiTalent) co fin de reducir a fenda crecente entre a demanda e a dispoñibilidade de talento dixital para satisfacer as necesidades do mercado tecnolóxico a medio e longo prazo e promover que a cidadanía conte coas capacidades necesarias para desenvolverse plenamente no ámbito dixital tanto na súa vida persoal como profesional.

No marco do Plan DigiTalent, a Amtega está articulando un programa de accións orientadas a espertar, motivar e potenciar as vocacións STEM desde idades temperás así como a promover a adaptación de estudantes, titulados e profesionais á demanda de novos perfís dixitais e maximizar as oportunidades de desenvolvemento profesional na economía dixital.

Estas accións teñen un carácter de interese xeral porque contribuirán a potenciar a competitividade dos sectores produtivos galegos a través de profesionais TIC que responden ás necesidades de demanda de novos perfís dixitais, abordando as lagoas de competencias dixitais en todos os ámbitos, tanto no propio sector TIC como no resto de sectores empresariais de Galicia.

Concretamente, e atendendo ao establecido na ADG2020, impulsaranse as vocacións tecnolóxicas e os novos perfís dixitais para satisfacer as necesidades do mercado tecnolóxico a medio e longo prazo promovendo a adaptación da capacitación dos profesionais aos novos requirimentos da dixitalización.

Neste contexto, a Xunta de Galicia, a Amtega, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña, a Universidade de Vigo e a Fundación Empresa-Universidad Gallega (en diante, Feuga) asinaron o 4 de outubro de 2019 un convenio de colaboración para a posta en marcha do programa de bolsas DigiTalent, que permitan promover a adaptación da capacitación de estudantes, titulados e profesionais á demanda de novos perfís dixitais e maximizar as súas oportunidades de desenvolvemento profesional na economía dixital, impulsando a competitividade e xeración de emprego no ecosistema dixital.

Na cláusula cuarta do convenio establécense as obrigas das partes. A Amtega comprométese, entre outras, a realizar a convocatoria e selección dos bolseiros para a realización de prácticas formativas nas empresas do sector TIC previamente determinadas.

En consecuencia, e no uso das facultades que me foron conferidas, segundo o establecido no Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta resolución ten por obxecto regular a convocatoria e a selección, en réxime de concorrencia competitiva, das persoas bolseiras para a realización de prácticas formativas nas empresas do sector TIC do programa de bolsas DigiTalent, no marco do Plan DigiTalent (código de procedemento PR607A).

Estas prácticas formativas están orientadas a estudantes universitarios/as das tres universidades públicas de Galicia que teñan máis do 75 % e menos do 100 % de créditos aprobados e que cumpran os requisitos establecidos no artigo 4. As persoas bolseiras realizarán as prácticas formativas en empresas do sector TIC por un período de 3 meses.

As bolsas reguladas nesta resolución concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Segundo. Duración, importe e financiamento da bolsa

O período de formación práctica terá unha duración de 3 meses, período que se considera necesario e conveniente para que o bolseiro poida adquirir suficientes habilidades prácticas sobre as materias e áreas sinaladas. As persoas bolseiras contarán durante este período co asesoramento, orientación e dirección das persoas responsables das empresas TIC que se determinen e que definirán as tarefas que se realizarán conforme o correspondente plan de formación.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia financiará estas bolsas con cargo á aplicación orzamentaria 04.A1.571A.481.00 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2020 polo importe máximo de 60.000 €. Esta achega irá destinada a financiar a posta en marcha do programa de bolsas DigiTalent mediante as actuacións preparatorias e convocatoria de 32 bolsas, establecéndose un importe mensual que percibirá por cada bolseiro de 455 €. Ademais, o importe máximo inclúe o custo de cotización, do seguro de accidentes, así como os asociados ao cumprimento destes, para a realización de prácticas formativas en empresas do sector TIC.

Terceiro. Requisitos das persoas solicitantes

Poderán presentar solicitude para acollerse ao programa de bolsas aqueles estudantes que cumpran os seguintes requisitos no momento de terminar o prazo de presentación de solicitudes:

• Estar matriculado no curso 2019/20 nunha das tres universidades públicas da nosa Comunidade Autónoma, en estudos universitarios oficiais conducentes a unha titulación de grao.

• Ser menor de 31 anos.

• Non ter desfrutado doutra beca de formación de Feuga para estudantes universitarios, por período superior a 9 meses.

• Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea e estar empadroado/a nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia.

• Cumprir os requisitos do artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser considerado/a beneficiario/a de subvencións.

• Ter aprobados, na data en que finaliza o prazo de presentación de solicitudes, máis do 75 % e menos do 100 % dos créditos dalgunha titulación universitaria de grao nalgunha das universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG), nas áreas de coñecemento seguintes:

– Artes e Humanidades: grao en Información e Documentación, grao en Filosofía, etc.

– Ciencias: Física, Química, Matemáticas, Bioloxía, etc.

– Ciencias da Saúde: grao en Medicina, grao en Psicoloxía, etc.

– Ciencias Sociais e Xurídicas: grao en Administración e Dirección de Empresas, grao en Economía, grao en Consultoría e Xestión da Información, etc.

– Enxeñaría e Arquitectura.

• Non ter sido beneficiario dunha beca da Xunta de Galicia ou da Amtega co mesmo obxecto da convocada. Exceptúanse aqueles supostos en que, por razón non imputables ao beneficiario, non puidese desfrutar da beca concedida.

• Os/as interesados/as deberán estar rexistrados no portal de bolsas Feuga, no enderezo da internet www.becasfeuga.es, ter cubertos correctamente os datos de perfil e curriculo e achegar a documentación requirida no punto quinto.

Para calquera consulta relacionada, os/as interesados/as poden dirixirse ao número de teléfono da Feuga (981 53 41 80) así como obter información adicional sobre o programa de bolsas DigiTalent na páxina web https://digitalent.xunta.gal/gl/iniciativa/bolsas-digitalent.

Cuarto. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As persoas interesadas presentarán obrigatoriamente por medios electrónicos a súa candidatura ás oportunidades ofertadas polas empresas TIC seleccionadas como entidades colaboradoras do programa de bolsas DigiTalent publicadas no portal de bolsas Feuga a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (formulario normalizado que figura no anexo I desta resolución).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude e/ou memoria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Para calquera consulta relacionada, os/as interesados/as poden dirixirse ao número de teléfono da Feuga (981 53 41 80) así como obter información adicional sobre o programa de bolsas DigiTalent na páxina web https://digitalent.xunta.gal/gl/iniciativa/bolsas-digitalent.

3. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude ou o formulario non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase o/a interesado/a para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá desistido/a da súa petición, logo da correspondente resolución.

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. Documentación complementaria e comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI da persoa solicitante ou número de identificación de estranxeiría (NIE), no caso de que o/a solicitante sexa nacional doutro Estado membro da Unión Europea. No caso de non conceder a dita autorización, o interesado deberá achegar copia deles.

b) Datos de residencia con data de última variación padroal do solicitante. No caso de non conceder a dita autorización, o interesado deberá achegar certificado de empadroamento para acreditar o cumprimento da veciñanza administrativa en Galicia.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia ou incidencia técnica imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

– Solicitude participación no programa a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (formulario normalizado que figura no anexo I desta resolución).

– Expediente académico oficial expedido polo centro ou institución onde o/a solicitante realizou os seus estudos universitarios superiores. Para a súa valoración, no expediente académico deberá constar a nota media, calculada segundo o sistema establecido no Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro.

– Memoria explicativa sobre a motivación do/da solicitante para realizar a práctica formativa e os resultados que pretende acadar. Esta memoria non poderá superar unha (1) folla en formato A4, en tipografía libre cun alto dos caracteres de 10 a 12, e rango de interliñado de sinxelo a 1,5 liñas.

– Certificado de vida laboral expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social emitido con posterioridade á data de convocatoria.

– Xustificante de matrícula do curso académico 2019/20.

– Declaración responsable de que a persoa solicitante cumpre os criterios de participación definidos na presente convocatoria (anexo I).

5. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que se presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

8. Adicionalmente, a documentación recollida no punto 1 deste artigo deberá achegarse polos solicitantes a través do seu perfil no portal de bolsas Feuga.

A documentación deberá engadirse no perfil de usuario dos/das solicitantes no portal web da Feuga. Para iso, os/as solicitantes deberán achegar as copias dixitalizadas dos documentos. O/a solicitante responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente.

Sexto. Órganos competentes

1. O órgano competente para convocar e resolver as bolsas será a persoa titular da Dirección da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

2. A área de Sociedade Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia será o órgano encargado da instrución e do seguimento das subvencións.

3. Na presente convocatoria, a Feuga actuará como entidade colaboradora, en virtude do disposto no convenio de colaboración entre a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña, a Universidade de Vigo e a Fundación Empresa-Universidad Gallega (Feuga) para a posta en marcha do programa de bolsas Digitalent.

Sétimo. Comisión Avaliadora

A selección e avaliación das solicitudes para a realización de prácticas formativas será realizada pola Comisión de Seguimento do convenio de colaboración entre a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña, a Universidade de Vigo e a Fundación Empresa-Universidad Gallega (Feuga) para a posta en marcha do programa de bolsas DigiTalent, formada por dous representantes da Amtega, dous representantes da Secretaría Xeral de Universidades e un representante de cada unha das tres universidades galegas e un representante da Fundación Empresa-Universidad Gallega.

Esta comisión estará presidida por un dos representantes da Amtega, que terá voto de calidade, e reunirase en todas as ocasións que se consideren oportunas.

A secretaría da Comisión de Seguimento será exercida por un dos representantes da Secretaría Xeral de Universidades.

Oitavo. Criterios de avaliación

A selección das solicitudes que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria será realizada pola comisión avaliadora atendendo a:

– Expediente académico: ata un máximo de 10,00 puntos, que se asignará en función da nota media calculada para as titulacións universitarias polo Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro. No caso de que esta nota non apareza no expediente académico presentado calculada polas normas referidas ou estas non se especifiquen, valorarase con 0,00 puntos.

– Memoria explicativa que presente o solicitante sobre a súa motivación para realizar a práctica formativa e os resultados que pretende acadar, ata un máximo de 1,5 puntos. Valorarase a claridade expositiva (ata un máximo de 0,5 puntos), a adecuación da motivación para solicitar a práctica formativa aos obxectivos do programa DigiTalent (ata un máximo de 0,5 puntos) e a adecuación dos resultados que pretende acadar aos obxectivos do Programa DigiTalent (ata un máximo de 0,5 puntos).

– No caso de empate nas puntuacións segundo os criterios anteriores, utilizarase como criterio de desempate a data de entrada das solicitudes no lugar establecido no artigo 5 desta resolución.

– Se un candidato opta a dúas oportunidades ofertadas polas empresas TIC seleccionadas como entidades colaboradoras, deberá indicar unha orde de preferencia. En último termo, en caso de empate, decide a Comisión Avaliadora.

Noveno. Publicación das listas provisionais e definitivas

1. Rematado o prazo de presentación de instancias, e una vez revisadas as solicitudes recibidas e a documentación achegada, no caso de que algunha solicitude estea incompleta ou conteña erros ou no caso de que non se acompañe toda a documentación exixida, requirirase a persoa interesada afectada para que emende os defectos administrativos observados e se lle outorgará un prazo de 10 días hábiles para atender o requirimento, que se contarán desde a súa notificación, todo de acordo co disposto polo artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as súas causas.

3. Unha vez que remate o prazo de presentación de solicitudes e, se é o caso, o de corrección, a Comisión Avaliadora elaborará un informe relativo á súa avaliación de acordo cos criterios fixados na cláusula oitava da presente resolución en que figurará unha listaxe dos posibles bolseiros/as ordenada de maior a menor, segundo a súa puntuación. Para a elaboración do informe antedito, a Comisión Avaliadora poderá contar co auxilio técnico da Feuga.

O dito informe será sometido ao órgano instrutor quen, á vista do expediente e do informe do órgano avaliador, establecerá a proposta de resolución provisional debidamente motivada, que deberá de conter:

a) Listaxe das persoas propostas como beneficiarias das bolsas e a súa contía.

b) Listaxe das persoas propostas como suplentes, no caso de que as houbese, en que figurará o alumnado que, reunindo os requisitos exixidos, non acadou un número de orde que lle permita ser adxudicatario da bolsa.

c) Listaxe de solicitudes denegadas por non reunir algún ou algúns dos requisitos exixidos nesta convocatoria.

4. A proposta de resolución provisional publicaranse na páxina web da Amtega
https://digitalent.xunta.gal/gl/iniciativa/bolsas-digitalent e na páxina web da Feuga
www.becasfeuga.es debendo outorgarse un prazo de 10 días hábiles para que os interesados poidan formular alegacións ás puntuacións obtidas.

5. Resoltas, de ser o caso, as reclamacións presentadas ao abeiro do disposto no parágrafo anterior, o órgano instrutor elaborará a proposta de resolución definitiva de posibles bolseiros/as xunto coa puntuación obtida polos solicitantes.

A relación definitiva de posibles bolseiros/as publicarase nos mesmos sitios previstos no parágrafo anterior.

Décimo. Resolución e notificación

1. Á vista da proposta realizada polo órgano instrutor, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica ditará resolución de concesión en que constará, cando menos:

a) Listaxe das persoas beneficiarias das bolsas e a súa contía.

b) Listaxe das persoas suplentes, no caso de que as houbese, en que figurará o alumnado que, reunindo os requisitos exixidos, non acadou un número de orde que lle permita ser adxudicatario da bolsa.

c) Listaxe de solicitudes denegadas por non reunir algún ou algúns dos requisitos exixidos nesta convocatoria.

4. O prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de tres meses, e comezará a contar desde o día seguinte ao da data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que recaia resolución expresa, os/as interesados/as poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

5. Á resolución de concesión daráselle a oportuna publicidade no Diario Oficial de Galicia e a Feuga notificará aos/ás bolseiros/as que resulten seleccionados/as, comunicando os datos da empresa e instrucións que se seguirán para continuar o proceso. A comunicación realizarase por algún dos medios indicados no perfil de usuario (teléfono ou correo electrónico).

Décimo primeiro. Obrigas das persoas beneficiarias

Os bolseiros, polo feito de solicitar as bolsas, comprométense a aceptar o contido das bases da convocatoria, así como a cumprir as seguintes obrigas:

a) Aceptar por escrito a bolsa concedida, dentro do prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da súa concesión no lugar fixado na convocatoria. De non aceptarse a beca dentro do dito prazo, entenderase que renuncia a ela e concederase ao suplente que figure en primeiro lugar na resolución de concesión.

b) Iniciar a actividade formativa para a que se lle concede a bolsa na data que se estableza na oportuna comunicación.

c) Realizar a actividade formativa que fundamenta a concesión da bolsa con arranxo ao programa de formación que se estableza, con pleno respecto ao persoal, medios e normativa da empresa na que se desenvolven as prácticas.

As prácticas terán una duración de 20 horas semanais e no seu desenvolvemento o bolseiro atenderá as instrucións recibidas polo/a titor/a asignado/a.

En caso de incumprimentos debidos a ausencias sen xustificar, practicaranse no importe mensual as deducións correspondentes á parte proporcional correspondente aos días de ausencia. Adicionalmente, no caso de que a ausencia inxustificada sexa dunha duración que impida ou dificulte gravemente a formación que é o fundamento da bolsa, extinguiranse a axuda económica á formación e a acción formativa. Entenderanse causas xustificadas as continxencias previstas no réxime xeral da Seguridade Social, de acordo co artigo 3 do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro. O tempo de ausencia por causas xustificadas computarase igualmente para os efectos da duración máxima da bolsa.

d) Someterse ás actuacións de comprobación e control que poidan resultar pertinentes, facilitando canta información lle sexa requirida para o efecto.

e) Non adquirir durante o período da bolsa ningún compromiso ou obriga, tal como outra bolsa, contrato laboral ou outro de natureza análoga, que impida o cumprimento íntegro e continuado do obxecto dela.

f) Observar a necesaria reserva en canto aos asuntos, feitos ou informacións de que tivese coñecemento durante o período da bolsa. A confidencialidade da documentación ou información a que tivesen acceso subsistirá unha vez finalizada a bolsa.

g) Elaborar e presentarlle á Feuga ao remate do primeiro mes da bolsa, en colaboración co/coa seu/súa titor/a, un informe parcial dos traballos realizados durante ese período.

h) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

i) Elaborar e presentarlle á Feuga ao final da bolsa, en colaboración co/coa seu/súa titor/a, unha memoria final dos traballos realizados durante todo o período da bolsa e completar a enquisa de avaliación que recibirán ao finalizar este.

A comprobación da inexactitude ou falsidade dos méritos alegados, as ausencias repetidas sen xustificar e o incumprimento de calquera das obrigas establecidas nos puntos anteriores ou a non realización dos traballos para a súa formación práctica en condicións satisfactorias poderá supor, unha vez oído o bolseiro, a privación da bolsa polo tempo que queda pendente, ademais doutras responsabilidades que resultasen exixibles.

Décimo segundo. Pagamento

A dotación da bolsa aboaráselle ao/á bolseiro/a mediante o cumprimento dos seguintes requisitos:

A) Para os pagamentos parciais:

O beneficiario deberá acreditar ante a Feuga a realización das actividades correspondentes a cada mes a que se estenda a bolsa, dentro dos primeiros 10 días do mes seguinte, mediante a presentación dos seguintes documentos:

a) Solicitude de pagamento.

b) Memoria detallada das actividades realizadas, subscrita polo bolseiro e o seu titor/a, en que se especificará o programa desenvolvido e os obxectivos alcanzados.

c) Declaración responsable relativa á titularidade da conta onde se debe realizar o pagamento, en que conste o NIF, así como o código do banco, código de sucursal, díxito control e código de conta corrente.

d) Declaración do conxunto de axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes así como dos entes privados. Nesta declaración, se é o caso, deberá figurar unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que houbesen financiado a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa procedencia.

e) Calquera outra documentación ou material que o beneficiario considere necesario presentar para unha mellor xustificación das actuacións obxecto da presente convocatoria.

B) Para o pagamento final:

O beneficiario deberá acreditar ante a Feuga a realización das actividades, dentro do mes seguinte á finalización do prazo fixado para a terminación da acción formativa, mediante a presentación dos seguintes documentos:

a) Solicitude de pagamento.

b) Certificación ou certificacións expedidas polo titor/a asignado, en que expresamente se faga constar que se cumpriu o programa inicialmente proxectado e que se acadaron os obxectivos previstos.

c) Memoria detallada das actividades realizadas, subscrita polo bolseiro e o seu titor/a, en que se especificará o programa desenvolvido e os obxectivos alcanzados.

d) Completar a enquisa de avaliación que recibirán ao finalizar este.

e) Declaración responsable relativa á titularidade da conta onde se debe realizar o pagamento, en que conste o NIF, así como o código do banco, código de sucursal, díxito control e código de conta corrente.

f) Declaración do conxunto de axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes así como dos entes privados. Nesta declaración, se é o caso, deberá figurar unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que houbesen financiado a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa procedencia.

g) Calquera outra documentación ou material que o beneficiario considere necesario presentar para unha mellor xustificación das actuacións obxecto da presente convocatoria.

A Feuga remitirá á Amtega a documentación sinalada nas letras anteriores para a súa revisión e comprobación por parte da Área de Sociedade Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

O pagamento da Feuga aos bolseiros beneficiarios realizarase logo de informe de conformidade da Área de Sociedade Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

A Feuga achegará á Amtega a documentación acreditativa dos pagamentos aos bolseiros beneficiarios e da realización das actuacións que constitúen o obxecto da presente convocatoria no prazo de dous meses desde que se realicen, sen que poida exceder o 31 de outubro do ano a que as actuacións se refiran.

En todo caso, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia resérvase o dereito de solicitar aos bolseiros beneficiarios toda a documentación que se considere precisa en relación coa realización das actuacións obxecto do presente convenio e calquera outra que considere oportuna para a correcta xustificación do gasto e o seu pagamento.

Décimo terceiro. Compatibilidade, modificación e reintegro das bolsas

1. Estas bolsas non serán compatibles con outras bolsas co mesmo obxecto que as da presente convocatoria outorgadas pola Xunta de Galicia ou da Amtega, ou de calquera outra Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais. Exceptuándose aqueles supostos en que, por razóns non imputables ao beneficiario, non puidese desfrutar da beca concedida.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas para a mesma finalidade por outras administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión segundo prevé o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde e demais normas aplicables poderá constituír causa determinante de revogación da axuda e do reintegro total ou parcial pola persoa beneficiaria das cantidades percibidas xunto cos xuros de mora que lle poidan corresponder en cada caso, en aplicación do disposto nos artigos 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Procederá a devolución íntegra das cantidades percibidas cando se obteña a axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou se falseen ou oculten feitos ou datos que motivaron a súa concesión.

Décimo cuarto. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Amtega e Feuga, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos.

Os datos das persoas beneficiarias da subvención incorporaranse ao Rexistro Público de Subvencións da Xunta de Galicia.

Décimo quinto. Natureza xurídica do vínculo

A concesión e posterior aceptación da bolsa non supón ningún tipo de vínculo laboral ou funcionarial entre o/a bolseiro/a e a Amtega, nin supón ningún compromiso de incorporación do/a bolseiro/a no seu cadro de persoal.

Para a utilización do material e a información obtidos como resultado das actividades desenvolvidas durante a bolsa, o/a bolseiro/a deberá contar coa autorización expresa da directora da Amtega e deberá facer constar neste caso que a información foi obtida durante o desenvolvemento da bolsa concedida pola Amtega.

Décimo sexto. Transparencia e bo goberno

1. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no seu artigo 3.1, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

2. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Amtega publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

3. De acordo co establecido no artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa, que introduciu diversas modificacións na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o contido desta convocatoria será publicado na Base de datos nacional de subvencións, nos termos recollidos no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa. O extracto da convocatoria publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Décimo sétimo. Réxime de recursos

As resolucións dos procedementos instruídos ao abeiro desta convocatoria esgotan a vía administrativa e contra elas, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, ante a directora da Amtega, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Décimo oitavo. Normativa de aplicación

Rexeranse pola normativa aplicable ás axudas e subvencións na Comunidade Autónoma e, en particular, as seguintes:

1. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas e subvencións.

2. Disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

3. Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, nos seus artigos 4 e 17.

Así mesmo, atendida a natureza das prácticas formativas, están suxeitas ao disposto no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2020

Mar Pereira Álvarez
Directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

missing image file
missing image file