Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Xoves, 5 de marzo de 2020 Páx. 14878

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 3 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes da Resolución do 31 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as subvencións correspondentes a programas de actuación en favor das entidades galegas no exterior para o exercicio 2020 (código de procedemento PR924B).

Mediante a Resolución do 31 de decembro de 2019 (DOG nº 25, do 6 de febreiro), reguláronse e convocáronse as subvencións correspondentes a programas de actuación en favor das entidades galegas no exterior para o exercicio 2020.

No artigo 7 da devandita resolución establécese que o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, prazo que remata o próximo día 6 de marzo.

As especiais circunstancias sociais, políticas e económicas que acontecen actualmente en Venezuela, Cuba, Arxentina e Uruguai están a provocar grandes dificultades para que as entidades domiciliadas nestes países poidan reunir a documentación necesaria para solicitar as subvencións dos programas convocados ao abeiro desta convocatoria.

Nos países citados teñen a súa sede social e desenvolven as súas actividades un gran número de entidades galegas do exterior, inscritas no Rexistro da Galeguidade, potenciais beneficiarias segundo se recolle no artigo 2 da dita resolución, que debido ás circunstancias sinaladas non contan con ingresos propios suficientes para o desempeño do seu cometido estatutario e poñen en risco a súa propia supervivencia, polo que as subvencións que se lles veñen concedendo ao abeiro desta convocatoria resultan imprescindibles para o seu funcionamento e o desenvolvemento dos proxectos que xustifican a súa existencia.

En atención a estas circunstancias, resulta preciso ampliar o prazo de presentación de solicitudes ao abeiro da dita convocatoria.

En consecuencia, de conformidade co disposto no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas,

RESOLVO:

Artigo único. Ampliar o prazo de presentación de solicitudes previsto no artigo 7 da Resolución do 31 de decembro de 2019, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as subvención correspondentes a programas de actuación en favor das entidades galegas no exterior para o exercicio 2020 (DOG nº 25, do 6 de febreiro), ata o 16 de marzo de 2020, inclusive.

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2020

O secretario xeral da Emigración
P.S. (Decreto 76/2017, do 28 de xullo)
José Carlos García Bouzas
Subdirector xeral de Xestión Económico-Administrativa e do Retorno