Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Venres, 13 de marzo de 2020 Páx. 16051

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 5 de marzo de 2020 pola que se convocan os Premios de Arquitectura e Rehabilitación da Comunidade Autónoma de Galicia 2020 (código de procedemento VI490A).

O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, no seu artigo 27.3 atribúe á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia exclusiva en materia de ordenación do territorio, urbanismo e vivenda, nos termos do disposto nos artigos 47 e 148.1.3 da Constitución.

En virtude dos artigos 3 e 4 da Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do Instituto Galego da Vivenda e Solo, compete a este organismo autónomo a realización das políticas de vivenda e solo na Comunidade Autónoma de Galicia e, así mesmo, a dirección da política en materia de patrimonio arquitectónico, o fomento da rehabilitación e a construción de todo tipo de vivendas.

No marco competencial descrito, o Instituto Galego da Vivenda e Solo impulsa actuacións no patrimonio arquitectónico de Galicia co fin de atender as necesidades de rehabilitación e, así mesmo, mediante programas de conservación e enriquecemento deste patrimonio, realiza unha intensa actividade de fomento da rehabilitación. Precisamente, este patrimonio, constituído polo conxunto de edificacións representativas da nosa identidade cultural, é digno merecedor dunha adecuada conservación como legado común, como se puxo de manifesto coa aprobación da Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, a primeira lei galega de rehabilitación.

Neste contexto, na nosa comunidade autónoma realízanse obras arquitectónicas que destacan pola súa contribución á sociedade, por constituíren elementos innovadores, así como pola procura na conservación e rehabilitación do patrimonio arquitectónico. Deste xeito, configúrase unha arquitectura orientada a mellorar as condicións de conservación e mantemento de edificios con valor patrimonial ou utilidade social, o que repercute, en última instancia, na calidade de vida das persoas.

Desde o ano 2016, cada dous anos convócanse os Premios de Arquitectura e Rehabilitación da Comunidade Autónoma de Galicia, co obxecto de impulsar a excelencia da nosa arquitectura e a rehabilitación.

Nesta edición, a terceira, estes premios supoñen o recoñecemento á calidade das edificacións rematadas nos anos 2018 e 2019, tanto de obra nova como de rehabilitación. Cabe destacar, así mesmo, os dous premios especiais: o de sustentabilidade e á traxectoria profesional; o primeiro busca destacar a implementación dunha arquitectura responsable e comprometida co ambiente, en consonancia cos programas desenvolvidos pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en especial a Estratexia galega de cambio climático e Enerxía 2050, as Directrices de ordenación do territorio e a estratexia da paisaxe galega. O premio á traxectoria profesional pretende ser un recoñecemento da especial contribución á arquitectura no territorio galego.

En consecuencia, e segundo o disposto no artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

Convocar os Premios de Arquitectura e Rehabilitación da Comunidade Autónoma de Galicia para a anualidade 2020, que se rexerán polas bases que figuran no anexo I (código de procedemento VI490A).

A dotación económica dos premios pagarase con cargo á aplicación orzamentaria 07.83.451A.480.0, dos orzamentos do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) para 2020.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

ANEXO I

Bases reguladoras

Primeira. Modalidades de premios

Establécense as seguintes modalidades de premios:

1. Premio galego de arquitectura 2020.

O xurado poderá outorgar o premio galego de arquitectura 2020 entre os proxectos de nova planta relativos a actuacións que xerasen unha nova edificación ou unha ampliación dunha xa existente, sempre que teña suficiente entidade como para poder ser valorada de forma independente da construción orixinal.

Dotación económica: 6.000 €.

2. Premio galego de rehabilitación 2020.

O xurado poderá outorgar o premio galego de rehabilitación 2020 entre os proxectos de rehabilitacións relativos a intervencións de recuperación e adecuación do parque edificado existente.

Dotación económica: 6.000 €.

3. Mencións.

Entre as actuacións que non obtivesen premio, poderán ser obxecto de mención aquelas que o xurado aprecie como merecedoras dun especial recoñecemento.

4. Premios especiais.

O xurado poderá outorgar premios nas categorías especiais que se indican a seguir:

a) Á sustentabilidade 2020, destinado a destacar aquela actuación que supoña a implantación dunha arquitectura responsable co ambiente, os recursos e as xeracións futuras.

Dotación económica: 6.000 €.

b) Á traxectoria profesional 2020, destinada a recoñecer a meritoria traxectoria profesional a favor da arquitectura no territorio galego.

Dotación económica: 6.000 €.

Segunda. Condicións dos proxectos e das persoas premiadas

1. Poderán optar aos premios, agás o especial á traxectoria profesional 2020, os proxectos arquitectónicos de edificacións finalizadas na Comunidade Autónoma de Galicia entre o día 1 de xaneiro de 2018 e o 31 de decembro de 2019.

2. As persoas físicas ou xurídicas autoras dos citados proxectos deberán ser profesionais da arquitectura.

3. Poderán propoñerse para o premio especial á traxectoria profesional 2020 as persoas arquitectas que pola súa contribución a favor da arquitectura no territorio galego sexan merecedoras dun especial recoñecemento.

Terceira. Presentación de candidaturas para concorrer aos premios galegos de arquitectura, rehabilitación e especial de sustentabilidade 2020

1. As entidades que, segundo a base quinta, teñan representación no xurado, poderán presentar candidaturas para os premios de arquitectura, rehabilitación e especial de sustentabilidade 2020, no prazo de dous (2) meses, contados desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución.

2. A presentación das candidaturas realizarase electronicamente, a través da aplicación informática que, para estes efectos, figura na páxina web do IGVS, mediante o achegamento da seguinte documentación:

a) Autorización das persoas autoras dos proxectos á entidade propoñente para presentar a súa candidatura, así como o seu consentimento expreso ao IGVS para poder publicar, difundir e dar publicidade aos proxectos e ao material achegado coa proposta, segundo o modelo dispoñible na devandita aplicación. No suposto de que se presente conxuntamente un elevado número de candidaturas, estes anexos poderán substituírse por unha declaración responsable da entidade propoñente de que conta coas ditas autorizacións de todas as persoas autoras dos proxectos propostos.

b) Imaxes: admitirase un máximo de 12 arquivos, que poderán conter fotografías, planos, diagramas, etc., en formato jpg, relativos ao correspondente proxecto.

c) Memoria descritiva e xustificativa do proxecto.

d) Lámina-resumo, en formato horizontal DIN-A3, do proxecto proposto.

e) Opcionalmente, poderá achegarse un vídeo de duración máxima de 3 minutos sobre o proxecto proposto.

f) Os proxectos que se presenten para o premio especial á sustentabilidade deberán incluír, ademais, unha memoria xustificativa das estratexias de sustentabilidade aplicadas, así como dos resultados obtidos.

Co obxecto de permitir a identificación das distintas persoas que participaron nos proxectos, no proceso de presentación de candidaturas de cada proxecto deberá quedar constancia do nome, teléfono e correo electrónico de cada unha das persoas intervenientes neles.

3. Cumpridas as formalidades anteriores, a aplicación informática xerará un documento resumo da documentación presentada, en formato pdf, que a entidade propoñente deberá achegar obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) correspondente ao procedemento VI490A, cuxo modelo se incorpora como anexo II.

4. Para a presentación das propostas poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. Se algunha das entidades presenta a documentación antes relacionada de forma presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Nestes supostos, considerarase como data de presentación da proposta aquela en que fose realizada a emenda, conforme o disposto no artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

6. As entidades propoñentes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, o xurado poderá requirir a exhibición dos documentos orixinais para o seu cotexo coas copias electrónicas presentadas.

7. Pechado o prazo de presentación de candidaturas, a persoa secretaria do xurado levantará acta dos proxectos presentados, que será publicada na páxina web do IGVS.

8. Os proxectos propostos poderán ser visualizados na ligazón que, para estes efectos, se dispoña na páxina web do IGVS.

9. A documentación presentada quedará á disposición da organización dos premios, que poderá utilizala para a súa difusión en calquera tipo de formato ou soporte.

Cuarta. Proposta de premio á traxectoria profesional 2020

As propostas para o outorgamento do premio á traxectoria profesional 2020 serán presentadas no seo do xurado polas entidades con representación nel e deberán vir avaladas pola correspondente xustificación.

Quinta. Composición do xurado

1. O xurado estará presidido pola persoa titular da Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Así mesmo, formarán parte do xurado, as seguintes persoas:

a) A persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

b) A persoa titular da Secretaría Xeral do IGVS.

c) A persoa titular da Dirección Técnica de Solo, Edificación e Calidade do IGVS.

d) A persoa que designe a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo.

e) A persoa que designe a Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario.

f) A persoa que designe a Dirección da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña.

g) A persoa que designe a Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Universidade da Coruña.

h) A persoa que designe o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

i) A persoa que designe o Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos.

j) A persoa que designe a Federación Galega da Construción.

k) A persoa que designe a Federación de Promotores de Edificación y Suelo de Galicia.

2. Actuará como secretario/a do xurado a persoa titular da Secretaría Xeral do IGVS.

Sexta. Funcionamento do xurado

1. O xurado axustará o seu funcionamento ao sinalado nestas bases e ao disposto na sección 3ª do capítulo II do título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

2. As reunións do xurado celebraranse nas datas sinaladas pola súa presidencia e terán lugar na sede que o IGVS ten en Santiago de Compostela.

3. Corresponde á presidencia do xurado a interpretación das presentes bases, así como a resolución daqueles aspectos non determinados nelas.

Sétima. Deliberacións e decisión do xurado

1. Nas candidaturas aos premios de arquitectura, rehabilitación e especial de sustentabilidade 2020, o xurado poderá realizar unha selección previa de proxectos finalistas, entre os cales se elixirá un ou varios proxectos gañadores para cada unha das modalidades dos premios. Así mesmo, o xurado poderá facer mencións honoríficas, sen dotación económica, a aquelas actuacións que aprecie como merecedoras dun especial recoñecemento.

2. As decisións do xurado tomaranse por maioría dos presentes na deliberación e, en caso de empate, decidirá o voto de calidade da súa presidencia.

3. O xurado poderá declarar desertos os premios se considera que as obras presentadas non reúnen o mérito necesario para acadaren a distinción.

4. O xurado emitirá a súa decisión, con mención dos valores dos proxectos galardoados que os fan meritorios da distinción recibida.

Oitava. Difusión e publicidade

1. O IGVS poderá publicar na súa páxina web os proxectos presentados e, de ser o caso, os seleccionados como finalistas polo xurado e, en todo caso, os galardoados.

2. Tras a decisión do xurado, daranse a coñecer os proxectos premiados e farase entrega, en acto público, dos correspondentes galardóns ás persoas premiadas.

3. O IGVS dará a correspondente publicidade, tanto ás persoas galardoadas como aos proxectos premiados, e pode, para tal efecto, utilizar o material achegado coa proposta de candidatura, así como proceder á súa divulgación a través das publicacións, exposicións, conferencias ou calquera outra actuación que coide oportuna.

Novena. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-IGVS coas finalidades de levar a cabo a tramitación ad-ministrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

missing image file