Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Luns, 30 de marzo de 2020 Páx. 17501

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ACORDO do 27 de marzo de 2020 polo que se adoptan medidas relativas ao control da distribución e dispensación de especialidades con cloroquina e hidroxicloroquina.

O artigo 34.12 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, prevé, entre as intervencións públicas que poderán exercer as autoridades sanitarias competentes sobre as actividades públicas e privadas que, directa ou indirectamente, poidan ter consecuencias para a saúde, a posibilidade de adoptar as medidas preventivas que se consideren pertinentes en caso de que exista un risco inminente e extraordinario para a saúde.

Para tal efecto, a Administración sanitaria poderá proceder á incautación ou inmobilización de produtos, a suspensión do exercicio de actividades, o peche de empresas ou das súas instalacións, a intervención de medios materiais e persoais e cantas outras medidas se consideren sanitariamente xustificadas.

A duración das medidas a que se refire ese punto fixaranse para cada caso, sen prexuízo das prórrogas sucesivas acordadas por resolucións motivadas, e non excederá do que exixa a situación de risco extraordinario que as xustificou.

O artigo 52.4 da mesma Lei 8/2008, do 10 de xullo, prevé que, ante situacións de crise, alerta ou alarma de saúde pública, o Sistema público de saúde de Galicia responderá con mecanismos e accións precisas que garantan a protección da saúde da poboación.

Mediante Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, declarouse a emerxencia sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19 (DOG nº 51, do 15 de marzo de 2020).

A declaración de estado de alarma, acordada polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, para a xestión da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, xunto coa necesidade de manter unha continuidade na prestación farmacéutica, require da posta en marcha de medidas extraordinarias.

Por outra banda, o artigo 8.3 da Lei 3/2019, do 2 de xullo, de farmacia de Galicia, prevé entre as obrigas dos establecementos e servizos de atención farmacéutica a de estar suxeitos ao cumprimento das obrigas derivadas do principio de solidariedade e integración sanitaria, nos casos de emerxencia ou perigo para a saúde pública.

Neste intre as necesidades urxentes de medicación a nivel hospitalario e o incremento de casos de persoas infectadas polo COVID-19 fan necesaria a adopción de medidas extraordinarias que garantan a continuidade dos tratamentos crónicos xa existentes no ámbito ambulatorio, así como a cobertura das necesidades hospitalarias de determinados fármacos e principios activos, necesarios para loitar eficazmente contra a pandemia.

Dentro dos tratamentos utilizados para combater a infección polo COVID-19 encóntranse a hidroxicloroquina e a cloroquina.

O tratamento da infección polo COVID-19 con cloroquina e hidroxicloroquina débese facer tendo en conta o previsto no Decreto 1015/2009, do 19 de xuño, polo que se regula a dispoñibilidade de medicamentos en situacións especiais.

A Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios estableceu un procedemento de distribución controlada das especialidades con cloroquina e hidroxicloroquina á canle de distribución, coa finalidade de garantir a continuidade do tratamento aos pacientes que cumpran as indicacións autorizadas nas fichas técnicas destes medicamentos.

Tendo en conta o anterior, e de conformidade coa Orde SND/276/2020, do 23 de marzo, pola que se establecen obrigas de subministración de información, abastecemento e fabricación de determinados medicamentos na situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, cómpre establecer medidas extraordinarias en relación coa distribución e dispensación das especialidades con cloroquina e hidroxicloroquina, e para tal efecto

ACORDO:

Primeiro. As existencias dos almacéns de distribución serán monitorizadas pola Consellería de Sanidade, co obxecto de dispor en todo momento de información actualizada das existencias de especialidades con cloroquina e hidroxicloroquina.

Segundo. As oficinas de farmacia só poderán solicitar a reposición ao almacén de distribución no momento en que acuda un/unha paciente cunha receita Sergas dispensable de especialidades con cloroquina e hidroxicloroquina, de tal xeito que só se poderá repor a cantidade dispensada ao/á paciente concreto/a.

Terceiro. No caso de dispensacións non comprendidas no acordo segundo, só se poderán dispensar as citadas especialidades logo de constancia dun informe ou declaración responsable do/da facultativo/a prescritor/a colexiado/a que xustifique a necesidade de instaurar ou manter o tratamento para unha patoloxía ou patoloxías crónicas determinadas, e de conformidade coas indicacións autorizadas nas súas fichas técnicas. Estes documentos deberán respectar o establecido na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

As dispensacións a que se refire este punto estarán suxeitas ao previsto no artigo 4 da Orde SND/276/2020, do 23 de marzo, pola que se establecen obrigas de subministración de información, abastecemento e fabricación de determinados medicamentos na situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

Cuarto. Establécese de xeito excepcional e temporal o procedemento de homologación sanitaria para as novas prescricións de hidroxicloroquina e cloroquina en receita electrónica Sergas conforme as indicacións autorizadas nas súas fichas técnicas.

Quinto. De xeito excepcional e temporal non se poderán dispensar receitas Sergas en formato papel para as especialidades con cloroquina e hidroxicloroquina.

Sexto. As citadas medidas manteranse mentres se manteña vixente o estado de alarma ou as súas prórrogas.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2020

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade