Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Mércores, 1 de abril de 2020 Páx. 17683

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ACORDO do 30 de marzo de 2020 polo que se establecen medidas relativas ao traslado de pacientes COVID-19 ás residencias integradas habilitadas para tal efecto polo Sistema Público de Saúde de Galicia.

O artigo 34.12 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, inclúe entre as intervencións públicas que poderán exercer as autoridades sanitarias competentes sobre as actividades públicas e privadas que, directa ou indirectamente, poidan ter consecuencias para a saúde a posibilidade de adoptar as medidas preventivas que se consideren pertinentes en caso de que exista un risco inminente e extraordinario para a saúde.

Para tal efecto, a Administración sanitaria poderá proceder á incautación ou inmobilización de produtos, a suspensión do exercicio de actividades, ao peche de empresas ou das súas instalacións, á intervención de medios materiais e persoais e cantas outras medidas se consideren sanitariamente xustificadas.

A duración das medidas a que se refire este punto fixarase para cada caso, sen prexuízo das prórrogas sucesivas acordadas por resolucións motivadas e sen exceder o que exixa a situación de risco extraordinario que as xustificou.

Por acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020 declarouse a emerxencia sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID 19 (DOG nº 51, do 15 de marzo).

O artigo 52 da mesma Lei 8/2008 refírese á atención a urxencias e emerxencias establecendo que todo o Sistema Público de Saúde de Galicia prestará a atención continuada e das urxencias a través dos seus dispositivos asistenciais.

Así mesmo, prevé que en situacións de emerxencia orixinadas por catástrofes ou accidentes en calquera lugar de Galicia o Sistema Público de Saúde de Galicia facilitará, a través dos seus dispositivos asistenciais, a asistencia sanitaria in situ, o traslado de persoas afectadas e a asistencia nos centros máis apropiados.

A atención de urxencia prestarase ao paciente nos casos en que a súa situación clínica obrigue a unha atención sanitaria inmediata e dispensarase tanto en centros sanitarios coma fóra deles, incluíndo o domicilio do paciente, durante as vinte e catro horas do día, mediante a atención médica e de enfermaría.

O mesmo precepto indica que, ante situacións de crise, alerta ou alarma de saúde pública, o Sistema Público de Saúde de Galicia responderá con mecanismos e accións precisas que garantan a protección da saúde da poboación.

Con data 19.3.2020 ditouse a Orde SND/265/2020, de adopción de medidas relativas ás residencias de persoas maiores e centros sociosanitarios, ante a situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

Esta orde prevé a clasificación dos/as pacientes para os efectos do seu agrupamento e illamento, segundo proceda.

Por Orde SND/275/2020, do 23 de marzo, establecéronse medidas complementarias de carácter organizativo, así como de subministración de información no ámbito dos centros de servizos sociais de carácter residencial, en relación coa xestión da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

No acordo terceiro, alínea a) desta orde considérase a posibilidade de «ordenar por motivos de saúde pública xustificados a alta, a baixa, recolocación e traslado dos residentes a outro centro residencial do seu territorio, con independencia do seu carácter público ou privado».

Así mesmo, o acordo sétimo atribúe ás autoridades competentes de cada comunidade autónoma a facultade de ditar as disposicións e resolucións necesarias para garantir a eficacia do previsto na citada orde.

Por outra banda, cómpre ter en conta a Resolución do 12 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de marzo de 2020 polo que se adoptan as medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19 (DOG nº 49-Bis, do 12 de marzo),

O citado Acordo do Consello da Xunta de Galicia, no seu punto cuarto (sobre aplicación das medidas previstas e posible adopción de medidas adicionais ou complementarias) faculta a Consellería de Sanidade para ditar os actos e as instrucións e adoptar as medidas que sexan precisas para aplicar e desenvolver o citado acordo. Así mesmo, a Consellería de Sanidade poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias que sexan necesarias.

Tendo en conta o anterior, de conformidade coa Orde SND/265/2020, de adopción de medidas relativas ás residencias de persoas maiores e centros sociosanitarios, ante a situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19; coa Orde SND/275/2020, do 23 de marzo, pola que se estableceron medidas complementarias de carácter organizativo, así como de subministración de información no ámbito dos centros de servizos sociais de carácter residencial, en relación coa xestión da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19; e no exercicio das facultades atribuídas polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de marzo de 2020 polo que se adoptan as medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19 (DOG nº 49-Bis, do 12 de marzo),

ACORDO:

Único. Para os efectos da cobertura das necesidades inherentes á recolocación e traslado dos pacientes COVID 19 residentes en centros e residencias sociosanitarias e de maiores a outro centro residencial na Comunidade Autónoma de Galicia, as empresas que teñan subscrito concertos para a prestación de servizos de transporte sanitario, urxente ou non urxente, e de transporte hospitalario urxente (expediente nº AB-SER4-16-003) porán ao dispor do Servizo Galego de Saúde e da Consellería de Sanidade os seus medios persoais e materiais, co obxecto de levar a cabo o transporte de pacientes a ou desde as residencias integradas habilitadas polo Servizo Galego de Saúde para a atención sanitaria dos ditos pacientes no Sistema Público de Saúde de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2020

Jesús Vázquez Almuiña
Conselleiro de Sanidade