Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Mércores, 1 de abril de 2020 Páx. 17668

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural

ORDE do 25 de marzo de 2020, conxunta da Consellería do Medio Rural, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, pola que se aproban os pregos de condicións aos cales se deberán suxeitar os aproveitamentos madeireiros das especies recollidas na disposición adicional terceira da Lei 3/2007, do 9 de abril, en terreos suxeitos a algún réxime de protección ou afectados pola lexislación de protección do dominio público.

A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, establece o marco normativo do montes ou terreos forestais existentes na Comunidade Autónoma de Galicia. Un dos obxectivos desta lei é permitir a compatibilización dos diferentes usos e aproveitamentos forestais.

A Lei de montes de Galicia, na modificación operada a través da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, regula, no seu artigo 92, a autorización única para a realización de aproveitamentos madeireiros que, segundo a lexislación sectorial de aplicación, exixan autorización administrativa de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia. De tal xeito que a competencia para conceder esta autorización corresponde ao órgano forestal competente, logo do informe preceptivo dos órganos ou organismos sectoriais.

Así mesmo, o citado artigo 92 faculta as consellerías competentes a aprobar, mediante orde, os pregos coas condicións sectoriais a que se deberán suxeitar os aproveitamentos madeireiros das especies recollidas na disposición adicional terceira da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais, nos terreos forestais que formen parte de espazos suxeitos a algún réxime de protección e nos terreos forestais afectados por algunha lexislación de protección do dominio público. En consonancia con isto, a aprobación dos citados pregos permitirá substituír a exixencia de autorización administrativa pola declaración responsable da persoa interesada do cumprimento dos requisitos previstos nos citados pregos e eliminará a necesidade de obter informe previo do órgano sectorial competente.

As especies afectadas por esta previsión son: o piñeiro galego ou do país, o piñeiro de Monterrei, o piñeiro de Oregón, a acacia negra e o eucalipto, respectando as peculiaridades establecidas en cada prego. Exclúese da relación contida na disposición adicional terceira da Lei 3/2007, do 9 de abril, a mimosa (Acacia dealbata), por estar incluída no Catálogo español de especies exóticas invasoras, polo que lle resulta de aplicación o establecido no artigo 64.5 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, que exixe a autorización administrativa para a posesión, transporte, tráfico e comercio de exemplares desta especie.

Os terreos forestais afectados son aqueles que estean suxeitos a un réxime de protección ou pola lexislación de protección do dominio público e abranguen materias tan variadas como os terreos suxeitos á normativa sectorial en materia de costas, patrimonio cultural, estradas, augas e conservación da natureza, sempre e cando o dominio público protexido corresponda á competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Noutros casos, os aproveitamentos poden afectar o dominio público estatal, competencia do Estado, en cuxo caso segue a rexer a normativa básica de aplicación. Nestes casos, as afectacións serían, principalmente, as relativas a estradas do Estado, bacías hidrográficas que afectan máis dunha comunidade autónoma ou espazos afectados pola rede ferroviaria.

Esta orde recolle os condicionantes que deben cumprir as cortas das especies sinaladas en zonas de protección de estradas, policía de leitos e de conservación do patrimonio natural.

Á vista do anteriormente exposto, e de conformidade co establecido no artigo 38.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público de Galicia, e no artigo 92.7 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, a Consellería Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e a Consellería do Medio Rural,

DISPOÑEN:

Artigo 1

Aprobar os pregos de condicións sectoriais ás cales se deberán suxeitar os aproveitamentos madeireiros das especies contidas na disposición adicional terceira da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, nos seguintes terreos:

1. Nos terreos que conforman a zona de protección de estradas de titularidade autonómica, cuxo prego se establece no anexo I desta orde.

2. Nos terreos que forman parte da Rede Galega de Espazos Protexidos, Rede Natura 2000 e áreas críticas de especies incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas, onde existen plantacións do xénero pinus, eucalyptus e mixtas de ambos os xéneros coas condicións recollidas no anexo II desta orde.

3. Nos terreos que forman parte da zona de policía de leitos (5-100 m), no ámbito da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, cuxo prego se establece no anexo III desta orde.

Artigo 2

As especies forestais para as cales rexen estes pregos, respectando as peculiaridades establecidas no prego correspondente aos terreos que forman parte da Rede Galega de Espazos Protexidos, Rede Natura 2000 e áreas críticas de especies incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas, son as comprendidas na disposición adicional terceira da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, das que a súa corta é susceptible de solicitarse nunha declaración responsable, son as seguintes:

Especie

Nome común

Pinus pinaster

Piñeiro galego, piñeiro do país

Pinus radiata

Piñeiro de Monterrei

Pseudotsuga menziesii

Piñeiro de Oregón

Acacia melanoxylon

Acacia negra

Eucalyptus spp

Eucalipto

Artigo 3

Os aproveitamentos previstos neste prego están supeditados á presentación da correspondente declaración responsable, na sede electrónica da Xunta de Galicia, segundo o modelo MR604H, e o aproveitamento realizarase no prazo máximo dun ano desde a presentación desta declaración.

Artigo 4

A inexactitude, falsidade ou omisión de carácter esencial de calquera dato, manifestación ou documento que se xunte ou incorpore á declaración responsable sinalada no número anterior, ou a non presentación desta declaración responsable, determinará a imposibilidade de exercer o aproveitamento, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas a que houber lugar. A resolución que declare tales circunstancias pode determinar a obriga de repor as cousas ao estado previo ao inicio da actividade, así como a imposibilidade de instar novos procedementos para a realización de aproveitamentos madeireiros e leñosos en montes de xestión privada mediante declaración responsable durante un período dun ano.

Artigo 5

A realización do aproveitamento estará supeditada á obtención das demais licenzas e autorizacións necesarias, de ser o caso, sen prexuízo de terceiros e deixando a salvo os dereitos preexistentes sobre os terreos ou bens.

Artigo 6

As persoas declarantes terán que solicitar autorización previa do plan de cortas, no caso de superficies de aproveitamento superiores a 15 hectáreas, mentres o monte non dispoña do instrumento de ordenación ou xestión forestal obrigatorio.

Unha vez obtida a autorización deste plan, de conformidade co indicado na disposición transitoria sexta da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, poderá presentarse a oportuna declaración responsable.

Artigo 7

O aproveitamento realizarase sen abandonar ningún tipo de material que poida resultar tóxico para as augas, a flora ou a fauna acuática e terrestre, e deberase retirar dos terreos e entregalo a un xestor autorizado, ou ben depositalo en vertedoiros autorizados, no caso de que se trate de material non biodegradable, contaminante ou impropio do medio natural procedente da realización dos traballos (plásticos, aceites, recambios usados, etc.).

Artigo 8

En ningún caso poderán ser obxecto dunha declaración responsable aqueles usos que requiran a realización dunha avaliación ambiental no marco da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

Artigo 9

A presentación da declaración responsable non suporá a adquisición de dereitos permanentes de corta en favor da persoa declarante. A Administración poderá suspender temporal ou definitivamente a habilitación para o aproveitamento, por razóns de afección ao dominio público ou ao patrimonio natural, seguridade, saúde ou outros motivos xustificados. Nestes casos, a persoa declarante non terá dereito a ningunha indemnización.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

1. Facúltanse as persoas titulares das direccións xerais competentes en materia de patrimonio natural, infraestruturas, augas e planificación e ordenación forestal, no ámbito das súas respectivas competencias, para ditar as instrucións e ordes de servizo que consideren oportunas para facilitar a execución desta orde.

2. Mediante orde da consellería competente en materia de patrimonio natural, infraestruturas ou augas poderanse modificar, no ámbito das súas respectivas competencias, as cláusulas dos anexos I ao III desta orde, logo de traslado, para o seu coñecemento e implementación nas ferramentas informáticas, ao órgano competente en materia forestal.

Disposición derradeira segunda. Efectos

Esta orde produce efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto

Ethel Mª Vázquez Mourelle

José González Vázquez

Conselleira de Medio Ambiente,

Conselleira de Infraestruturas

Conselleiro do Medio Rural

Territorio e Vivenda

e Mobilidade

ANEXO I

Prego de condicións para os aproveitamentos madeireiros das especies recollidas na disposición adicional terceira da Lei 3/2007, do 9 de abril, nos terreos que conforman a zona de protección de estradas de titularidade autonómica

1. Non se autoriza a corta de árbores na zona de dominio público da estrada.

2. A realización do aproveitamento pode modificala ou suspendela temporal ou definitivamente a Administración cando a actuación produza danos no dominio público viario, por incumprimento dos seus condicionantes, por pór en risco a seguridade viaria, sen que a persoa declarante ou a que realiza o aproveitamento teña dereito a indemnización ningunha.

3. O aproveitamento non suporá en ningún caso a cesión do dominio público, nin a asunción pola Administración titular da estrada de ningunha responsabilidade respecto da persoa que realiza o aproveitamento ou de terceiros.

4. Se para a execución do aproveitamento madeireiro for necesario construír un acceso á estrada autonómica, a persoa declarante ou a que realiza o aproveitamento deberá solicitar previamente a preceptiva autorización do dito acceso ao Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, empregando o procedemento IF205D - Autorización de novo acceso, cambio de uso ou reordenación dun acceso existente na rede de titularidade da Comunidade Autonóma de Galicia.

5. O persoal da Axencia Galega de Infraestruturas poderá realizar labores de inspección e vixilancia e as súas indicacións serán cumpridas polas persoas declarantes ou polas que realicen os aproveitamentos.

6. O aproveitamento madeireiro executarase cumprindo todas as condicións de garantía e seguridade das disposicións vixentes e a persoa declarante ou a que realiza o aproveitamento aceptará as especiais que se poidan impor para a seguridade da estrada e do tráfico.

7. As árbores ou ramas deberán cortarse de xeito que caian fóra da plataforma da estrada, deberán empregar os medios necesarios para este fin. As pólas e demais produtos da corta ou poda depositaranse fóra da calzada, nas beiravías, nos foxos e no resto da zona de dominio público da estrada.

8. Non se autoriza a ocupación do dominio público para o almacenamento de materiais, salvo coa autorización previa do Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, tramitada segundo o establece a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia.

9. O aproveitamento madeireiro realizarase só no caso en que non resulten diminuídas as condicións de visibilidade ou de seguridade na estrada e en ningún momento se prexudicará a estrada por variar o curso das augas ou producir inestabilidade nos noiros.

10. O aproveitamento efectuaranse sen interromper nin dificultar o tránsito polas estradas, tanto de vehículos como de peóns, e sen ocupar ningún dos seus elementos (calzada, beiravías, gabias...) con materiais, medios auxiliares, maquinaria ou vehículos.

11. O aproveitamento debe executarse adoptando as precaucións oportunas, para que en ningún caso se produza arrastre de terras ou de calquera outros materiais á plataforma ou ás gabias da estrada, ben adheridos ás rodas dos vehículos ou maquinaria que participe no aproveitamento ou ben por calquera outra causa.

12. Durante os traballos, establecerase a sinalización adecuada ás actividades que se van realizar, de acordo coas disposicións vixentes sobre a materia, tendo en conta que, salvo casos excepcionais debidamente autorizados, esa sinalización non deberá impor restricións que afecten a circulación pola estrada. En todo caso, o executor da actividade está obrigado a adoptar todas cantas precaucións sexan precisas e non poderá establecer ningunha outra sinalización que afecte a circulación pola estrada sen a expresa autorización do Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Para o cumprimento desta condición pódese consultar a Norma 8.3-IC de sinalización de obras, aprobada pola Orde ministerial do 31 de agosto de 1987.

13. Os danos e prexuízos ocasionados á estrada, á súa zona de influencia, a terceiros ou na súa propia actividade con motivo da realización dos traballos son responsabilidade das persoas que realizan o aproveitamento, estas quedan obrigadas a repor, pola súa conta, os elementos da estrada que resulten afectados pola execución dos traballos, restituíndoos ás súas anteriores condicións de seguridade, funcionalidade e aspecto.

14. O incumprimento por parte das persoas que realizan o aproveitamento de calquera das condicións impostas neste prego de condicións poderá ser considerado como infracción leve, grave ou moi grave segundo o artigo 61 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, e dará lugar á tramitación do expediente sancionador que proceda.

Información adicional

missing image file

ANEXO II

Prego de condicións para os aproveitamentos madeireiros das especies contidas na disposición adicional terceira da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, nos terreos que forman parte da Rede Galega de Espazos Protexidos, Rede Natura 2000 e áreas críticas de especies incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas

As condicións a que se someterán os aproveitamentos madeireiros nos terreos que forman parte da Rede Galega de Espazos Protexidos, Rede Natura 2000 e áreas críticas de especies incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas onde existen plantacións do xénero pinus, eucalyptus e mixtas de ambos os xéneros, son as seguintes:

1. Condicións xerais:

Primeiro. Presentarase unha declaración responsable para a realización de aproveitamentos madeireiros nas zonas onde existen plantacións do xénero pinus, eucalyptus e mixtas de ambos os xéneros, coa exclusión das:

a) ZEPA e daqueles terreos cuxo ámbito territorial coincida coa figura de parque, reserva natural ou monumento natural.

b) Áreas críticas de especies incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas.

c) Hábitats sensibles: complexos dunares litorais e hábitats turbosos.

Nestas zonas excluídas do ámbito de aplicación da declaración responsable precisarase dunha autorización administrativa. As zonas excluídas do ámbito de aplicación desta orde poderanse consultar no visor da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda no seguinte enlace http://mapas.xunta.gal/visores/aproveitamentos/ e no mapa que se insire no número terceiro deste anexo.

Segundo. Este prego rexe para os aproveitamentos comerciais das seguintes especies forestais de entre as comprendidas na disposición adicional terceira da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia:

Especie

Nome común

Pinus pinaster

Piñeiro galego, piñeiro do país

Pinus radiata

Piñeiro de Monterrei

Eucalyptus spp

Eucalipto

Terceiro. O aproveitamento realizarase sobre masas puras de eucaliptos, piñeiros ou masas mixtas de piñeiros e eucaliptos. Este aproveitamento realizarase sobre o número de pés, volume e especies declaradas de piñeiros e eucaliptos, poden incluír ata un máximo do 10 % de pés doutras especies mesturadas, sempre que non formen parte dun bosquete, dunha sebe ou teñan un diámetro superior aos 15 cm. No caso de que non se cumpran estas condicións, deberán someter a solicitude de corta á autorización.

Cuarto. Nos aproveitamentos empregaranse, exclusivamente, os camiños de servizo, rúas de desembosque ou vías de saca existentes na parcela, sen realizar a apertura de novas vías de desembosque temporais ou permanentes.

Quinto. No caso de aprobar con posterioridade a estes pregos un instrumento de planificación de calquera categoría de espazo natural protexido onde se estableza unha limitación para a declaración responsable, a explotación dese espazo poderá regularse por eses novos criterios ou, se é o caso, someterse á autorización.

Sexto. A nova plantación requirirá autorización preceptiva do Servizo de Conservación da Natureza da provincia correspondente, segundo o recollido no artigo 57.3.e.2º e 3º do Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia, aprobado polo Decreto 37/2014, do 27 de marzo.

Sétimo. O órgano con competencias en conservación do patrimonio natural poderá verificar a presenza de especies ou hábitats catalogados e realizar en calquera momento as inspeccións que se consideren pertinentes. Con base nestas inspeccións poderá ditar as indicacións e instrucións que sexan necesarias e que serán de obrigado cumprimento.

No caso de que se observe a existencia de especies ou hábitats catalogados no terreo afectado pola declaración responsable, a consellería competente en materia conservación do patrimonio natural procederá á paralización inmediata do aproveitamento e informará a persoa titular del de que este debe ser sometido á autorización.

No caso de que se constatase que o aproveitamento causou unha afección apreciable aos hábitats naturais, aos hábitats das especies ou ás especies que motivaran a designación destas áreas, a consellería competente en materia conservación do patrimonio natural iniciará un procedemento sancionador.

Oitavo. No caso de que a persoa declarante descoñeza a existencia de hábitats e/ou especies catalogadas na súa parcela, deberá substituír a declaración responsable pola correspondente solicitude de autorización, segundo o modelo MR604I da sede electrónica da Xunta.

Noveno. As zonas excluídas do ámbito de aplicación desta orde poderanse consultar no visor da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda no seguinte enlace http://mapas.xunta.gal/visores/aproveitamentos/ e no mapa que se insire no número terceiro deste anexo.

2. Condicións particulares.

1. A presentación da declaración responsable implica que a persoa interesada cumpre cos requisitos exixidos pola lexislación en materia de conservación do patrimonio natural.

2. Non se realizarán rozas ou segas da vexetación herbácea ou das matogueiras salvo que sexa necesario para previr os riscos laborais dos operarios que efectúen as cortas.

3. O amoreamento da madeira realizarase sen afectar os hábitats e especies protexidos.

4. En ningún caso a Administración será responsable da afección a hábitats ou especies de interese para a conservación, nin dos danos persoais ou materiais producidos polo desenvolvemento do aproveitamento forestal, corresponderalle ao declarante valorar o risco existente no desenvolvemento da actividade e adoptar as medidas necesarias para minimizalo.

5. Na zona de actuación non se abandonará ningún tipo de material contaminante ou impropio do medio natural e deberán entregarse ao xestor autorizado todos os residuos xerados como consecuencia da actividade (plásticos, aceites, recambios de aceites, etc.). Adoptaranse as precaucións necesarias para que non se produzan verteduras de lubricantes, combustibles, aceites ou graxas de maquinaria durante os labores forestais usando, preferentemente, produtos biodegradables; estas precaucións serán obrigatorias en calquera zona en que teña lugar o aproveitamento e, especialmente, nas zonas próximas a ríos e canles.

6. A maquinaria manterase en perfecto estado de funcionamento para evitar fugas de combustible e aceite e minimizar a contaminación acústica e atmosférica, así como os medios adecuados que eviten a produción de faíscas por fricción dos seus mecanismos.

7. A maquinaria empregada en calquera traballo forestal debe estar en perfectas condicións mecánicas, sometidas a todas as rutinas de mantemento que estableza o fabricante. Todos os labores de mantemento, cambios de aceite e operacións similares para maquinaria pesada deberán realizarse en talleres ou noutros lugares idóneos onde sexa posible controlar a súa execución, que en todo caso serán terreos chairos nos cales se teñan establecido medidas fronte á contaminación do solo e das augas subterráneas.

8. Se a persoa declarante detecta a presenza na zona de actuación dalgunha especie incluída no Catálogo español de especies exóticas invasoras (Real decreto 630/2013, do 2 de agosto, polo que se regula o Catálogo español de especies exóticas invasoras), comprométese a poñelo en coñecemento inmediato do Servizo de Conservación da Natureza da provincia correspondente.

9. Para os aproveitamentos de leñas para uso doméstico das especies da DT3ª agás a mimosa (Acacia dealbata), rexerán os seguintes condicionantes:

• Será prioritaria a corta de espécimes secos ou enfermos. A corta dos pés secos ou enfermos efectuarase en último lugar para evitar a propagación de enfermidades a pés sans. Unha vez rematados os traballos, desinfectaranse todas as ferramentas de corte utilizadas.

• Durante a realización dos traballos non poderá verse afectada a persistencia da masa forestal nin poderá derivar unha perda no estado de conservación dos hábitats de interese comunitario ou das áreas críticas das especies de interese para a conservación: non se afectarán especies de flora, fauna ou hábitats protexidos pola lexislación vixente.

10. Para os aproveitamentos comerciais de piñeiros e eucaliptos rexerán os seguintes condicionantes específicos:

• Os aproveitamentos de eucalipto e piñeiro deberán efectuarse conforme as especificacións incluídas no Decreto 37/2014, do 27 de marzo, e a normativa sectorial vixente, garantindo a conservación dos solos e dos compoñentes naturais e sen afectar apreciablemente os tipos de hábitats do anexo I da Directiva 92/43/CEE, áreas críticas das especies de interese para a conservación, así como non afectar árbores e mouteiras senlleiras, declaradas de conformidade co Decreto 67/2007, do 22 de marzo, polo que se regula o Catálogo galego de árbores senlleiras.

• Unha vez rematado o aproveitamento, a persoa á que lle corresponda esta responsabilidade procederá á retirada dos materiais sobrantes da corta, agás nos casos excluídos pola lexislación sectorial.

• Dirixirase a corta de xeito que se minimicen os danos sobre as árbores que vaian quedar en pé.

• Se é necesaria a entrada de maquinaria na zona de corta, tomaranse as medidas adecuadas para evitar causar danos innecesarios aos solos.

3. Mapas das zonas excluídas da declaración responsable nos terreos que forman parte da Rede Galega de Espazos Protexidos, Rede Natura 2000 e áreas críticas de especies incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas.

missing image file

ANEXO III

Prego de condicións para os aproveitamentos madeireiros das especies recollidas na disposición adicional terceira da Lei 3/2007, do 9 de abril, nos terreos que forman parte da zona de policía de leitos (5-100 m), no ámbito da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa

1. Este prego aplícase na zona de policía (5-100 m) pero non en zona de dominio público hidráulico e zona de servidume de leitos.

2. Prohíbese utilizar as marxes ou ribeiras dos leitos, así como a zona de servidume como depósito de materiais, parques de maquinaria, lavados e, en xeral, todas cantas actividades que supoñan un risco de contaminación das augas ou alteracións do ecosistema asociado.

3. Prohíbese o depósito de restos da corta ou das podas nin no leito do curso nin nas súas zonas de servidume.

4. Prohíbese acumular substancias, calquera que sexa a súa natureza e lugar en que se depositen, que constitúan ou poidan constituír un perigo de contaminación das augas (superficiais ou subterráneas) ou de degradación do seu contorno.

5. Prohíbese a vertedura directa ou indirecta de augas ou produtos residuais susceptibles de contaminar as augas continentais ou calquera outro elemento do dominio público hidráulico, agás que se conte coa previa autorización de Augas de Galicia.

6. Prohíbese vadear os ríos ou regatos coa maquinaria de corta e transporte, agás que se conte coa preceptiva autorización de Augas de Galicia.

7. Adoptaranse as medidas necesarias que garantan a estabilización de forma adecuada dos solos alterados tanto pola propia corta como polo tránsito de maquinaria necesaria para a corta e transporte, evitando a erosión e o posible arrastre de materiais que se puidesen incorporar ao leito, con especial atención a cortas de grandes superficies ou en terreos de forte pendente.

8. Instalaranse sistemas de retención de sedimentos como por exemplo balas de palla, barreiras de retención ou calquera outro que garanta que non cheguen arrastres ao dominio público hidráulico, poderase empregar para este fin o amoreamento lineal de parte dos restos de corta, unha vez triturados, en sentido contrario ao da pendente.

9. Durante a corta, unicamente se poderá amorear temporalmente a madeira en zona de policía, fóra da zona inundable, cando non exista outro lugar para o seu amoreamento. En todo caso, non se poderá amorear madeira dunha parcela distinta á solicitada.

10. No caso de que se precisen executar vías de transporte, explanacións de vellos camiños ou calquera obra de movemento de terras, deberá solicitarse a preceptiva autorización de Augas de Galicia.

11. Unha vez rematada a corta, procederase inmediatamente ao tratamento dos restos e á rehabilitación das zonas que dalgún xeito sufrisen unha degradación (tránsito de maquinaria).

12. No caso de afectar algunha captación de augas inscrita, como consecuencia das actuacións propostas, deberase prever a súa reposición. Cara ao cumprimento do artigo 143 do Regulamento do dominio público hidráulico, referido ás modificacións de concesións, o titular dos traballos deberá elaborar e facilitarlles aos afectados por esas reposicións toda a documentación necesaria para a tramitación da modificación da concesión.

13. Deberanse respectar as zonas protexidas incluídas no Catálogo do Plan hidrolóxico Galicia Costa cara á súa preservación. As anteditas zonas poden consultarse no visor.