Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Mércores, 1 de abril de 2020 Páx. 17686

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 31 de marzo de 2020 pola que se modifican as bases reguladoras do Marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito adheridas, publicadas mediante a Resolución do 7 de febreiro de 2020 (Diario Oficial de Galicia número 28, do 11 de febreiro) (código de procedemento IG535A).

O Consello de Dirección do Igape, na súa reunión do 30 de marzo de 2020, acordou modificar as bases reguladoras do Marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito adheridas, publicadas mediante a Resolución do 7 de febreiro de 2020 (DOG número 28, do 11 de febreiro de 2020).

EXPOSICIÓN:

A situación provocada pola epidemia do COVID-19 está a ter un impacto na economía tanto a nivel nacional como internacional. Ante este contexto, o tecido empresarial galego e, en particular, os autónomos e as pequenas e medianas empresas pódense enfrontar a tensións de liquidez causadas por diferentes factores: caída das vendas, interrupción da actividade, menor demanda, falta de subministracións ou rescisión de contratos.

Por este motivo, a Xunta de Galicia considera necesaria a creación dunha liña específica para, por unha banda, conseguir que os autónomos e as pequenas e medianas empresas accedan ao crédito nunhas condicións preferentes que lles permitan atender as súas necesidades máis inmediatas ─como o pagamento de salarios, de facturas, alugamentos ou impostos─ e, por outra, mobilizar os avais para a cobertura das operacións concedidas polas entidades financeiras e conceder reavais ás sociedades de garantía recíproca que as avalan.

A liña está orientada á obtención de liquidez inmediata por parte dos autónomos e pequenas e medianas empresas. Dentro da liña, que permitirá mobilizar 250M€, habilítase un primeiro tramo de operacións avaladas por importe de 100M€.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Modificación das bases reguladoras

Modificar as bases reguladoras do Marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito adheridas, publicadas mediante a Resolución do 7 de febreiro de 2020 (DOG número 28, do 11 de febreiro de 2020), nos seguintes aspectos:

1) Modificar o segundo parágrafo do punto 2 no artigo 3, que queda redactado do xeito seguinte:

«Con carácter xeral, o reaval do Igape ante as SGR será do 25 % do risco asumido pola SGR, salvo nos casos nos que a SGR combine este coa cobertura doutros reavais doutros organismos públicos ou dependentes da Administración. Nestes supostos aplicarase en primeiro lugar a porcentaxe máxima prevista por esoutros organismos públicos ou dependentes da Administración, para cada tipo de operación. Se, como consecuencia da suma das porcentaxes de reaval desoutros organismos e do Igape se exceden os límites de porcentaxe máxima permitida pola normativa vixente, reducirase a cobertura do reaval do Igape na porcentaxe necesaria para non superar o citado límite».

2) Modificar o artigo 9. Formalización da operación financeira, engadindo o punto 5 seguinte:

«5. No documento de aval en que se instrumente a garantía da sociedade de garantía recíproca deberá figurar o apoio do Igape para a concesión da operación e incluírse o logotipo da Xunta de Galicia».

3) Incluír no anexo 1 das bases reguladoras, Modalidades de liñas de financiamento, o punto I4. Préstamos avalados para apoiar pemes e autónomos no contexto do actual brote do COVID-19.

4) Engadir a seguinte disposición adicional.

«Disposición adicional

Nas operacións acollidas ás presentes bases reguladoras, así como nas acollidas a outras liñas de financiamento reavaladas vixentes procedentes de anos anteriores e instrumentadas mediante convenios entre o Igape e as SGR, se, como consecuencia da falta de liquidez da beneficiaria, a entidade de crédito e a sociedade de garantía recíproca acordasen novar, aumentar os prazos de carencia e/ou conceder carencias intermedias da operación formalizada, estas modificacións non afectarán a validez do reaval prestado. Nestes supostos non se aumentará o prazo de vixencia do reaval aprobado e non será necesaria autorización expresa por parte do Igape».

Segundo. Prazo de presentación de solicitudes dos préstamos avalados para apoiar pemes e autónomos no contexto do actual brote do COVID-19

O prazo de presentación de solicitudes da liña “Préstamos avalados para apoiar pemes e autónomos no contexto do actual brote do COVID-19” comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:

Que, conforme as solicitudes recibidas, se esgote o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 32 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro).

b) O 30 de setembro de 2020.

Terceiro. Dotación orzamentaria

Modifícase a dotación orzamentaria das bases reguladoras, que queda establecida do xeito seguinte:

a) Para atender posibles falidos nos reavais concedidos ante as sociedades de garantía recíproca, con cargo á partida orzamentaria 09.A1.741A.8900 dotaranse provisións por importe de 2.500.000 €.

As dotacións ao fondo de garantía de avais materializaranse cunha retención de crédito polo 10 % do importe máximo de cada reaval que conceda o Igape ante as SGR que subscriban o convenio asinado para o efecto no período de vixencia. Establécese un límite máximo total de operacións financeiras de 121.600.000 € avaladas polas SGR nun importe máximo de 100.000.000 €, cun límite máximo de reavais do Igape ante as SGR de 25.000.000 €, respectando, xunto aos restantes avais concedidos ou que poida conceder o Igape, o límite de risco establecido pola Lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma.

Anualmente, e mentres as operacións reavaladas estean en vigor, será rexistrada ao inicio de cada exercicio unha retención de crédito na partida orzamentaria indicada, aplicando a porcentaxe de provisión ao montante de reavais vivos. Durante o exercicio, esta retención de crédito será incrementada por cada reaval concedido, e minorarase, sé o caso, en proporción aos reavais minorados conforme a información trimestral de avais vivos facilitada para tal efecto polas SGR.

b) Para as compensacións económicas ás SGR, os créditos dispoñibles nesta convocatoria serán de 5.000.000 €, partida orzamentaria 09.A1.741A.7700, do exercicio 2020, previa existencia de crédito adecuado e suficiente.

c) A subsidiación ao tipo de xuro financiarase con cargo á partida orzamentaria 09.A1.741A.7700, cunha dotación de 1.800.000 € para o ano 2020 e de 1.800.000 € para o ano 2021.

Cuarto. Prazos de duración do procedemento

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución de concesión/denegación será de tres meses desde a recepción no Rexistro do Igape da solicitude de axuda.

Quinto

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Sexto. Contido da convocatoria

Os requisitos das letras c), e), f), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases reguladoras do Marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito adheridas, publicadas mediante a Resolución do 7 de febreiro de 2020 (DOG número 28, do 11 de febreiro de 2020).

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2020

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO

Modificación das bases reguladoras do Marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito adheridas, publicadas mediante a Resolución do 7 de febreiro de 2020 (DOG número 28, do 11 de febreiro de 2020)

A. Modificación do segundo parágrafo do punto 2 no artigo 3 das bases reguladoras.

Modifícase o segundo parágrafo do punto 2 no artigo 3, que queda redactado do xeito seguinte:

«Con carácter xeral, o reaval do Igape ante as SGR será do 25 % do risco asumido pola SGR, salvo nos casos en que a SGR combine este coa cobertura doutros reavais doutros organismos públicos ou dependentes da Administración. Nestes supostos, aplicarase en primeiro lugar a porcentaxe máxima prevista por esoutros organismos públicos ou dependentes da Administración, para cada tipo de operación. Se, como consecuencia da suma das porcentaxes de reaval desoutros organismos e do Igape se exceden os límites de porcentaxe máxima permitida pola normativa vixente, reducirase a cobertura do reaval do Igape na porcentaxe necesaria para non superar o citado límite».

B. Modificación do artigo 9 das bases reguladoras.

Modifícase o artigo 9. Formalización da operación financeira, engadindo o punto 5 seguinte:

«5. No documento de aval en que se instrumente a garantía da sociedade de garantía recíproca deberá figurar o apoio do Igape para a concesión da operación e incluírse o logotipo da Xunta de Galicia».

C. Inclusión dunha disposición adicional.

Inclúese a seguinte disposición adicional:

«Nas operacións acollidas ás presentes bases reguladoras, así como nas acollidas a outras liñas de financiamento reavaladas vixentes procedentes de anos anteriores e instrumentadas mediante convenios entre o Igape e as SGR, se, como consecuencia da falta de liquidez da beneficiaria, a entidade de crédito e a sociedade de garantía recíproca acordasen novar, aumentar os prazos de carencia e/ou conceder carencias intermedias da operación formalizada, estas modificacións non afectarán á validez do reaval prestado. Nestes supostos non se aumentará o prazo de vixencia do reaval aprobado e non será necesaria autorización expresa por parte do Igape».

D. Inclusión dunha nova liña de préstamo nas modalidades de financiamento previstas no anexo I das bases reguladoras

Modifícase o anexo I «Modalidades de liñas de financiamento» das bases reguladoras do Marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito adheridas, publicadas mediante a Resolución do 7 de febreiro de 2020 (DOG número 28, do 11 de febreiro de 2020), incluíndo o punto I4 seguinte:

I4. PRÉSTAMOS AVALADOS PARA APOIAR A PEMES E AUTÓNOMOS NO CONTEXTO DO ACTUAL BROTE DO COVID-19.

A) Obxecto.

Favorecer o acceso a préstamos a longo prazo para acceso a liquidez para as pemes e autónomos cuxas actividades se atopen afectadas polo actual brote de COVID-19.

B) Modalidade da axuda

O Igape reavalará ata un máximo do 25 % do risco asumido polas SGR como primeiras avalistas, nos termos do Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulamento de avais do Igape, e nos decretos 132/1995, do 10 de maio, e 302/1999, do 17 novembro, que o modifican, dos préstamos concedidos polas entidades de crédito adheridas ao abeiro destas bases.

O Igape subvencionará a fondo perdido un importe equivalente á suma dos xuros dos préstamos concedidos ao abeiro desta liña de financiamento.

C) Requisitos específicos da beneficiaria.

Ademais de cumprir os requisitos establecidos no artigo 2, para ser beneficiaria desta liña de financiamento, a titular deberá formalizar un préstamo a un prazo máximo de 4 anos, que será aplicado do seguinte xeito:

C.1) Un mínimo do 35 % do seu principal será aplicado ao pagamento dos seguintes conceptos de gasto: pagamentos a provedores de mercadorías, materias primas e aprovisionamentos; pagamentos a acredores por prestación de servizos, arrendamentos e/ou subministracións; pagamento de nóminas e seguros sociais; gastos financeiros operativos; pagamento de impostos e primas de seguros en cobertura de riscos asociados á actividade empresarial.

C.2) Un máximo do 65 % poderá ser aplicado á cancelación de débedas bancarias e outros conceptos, sempre e cando correspondan a algunha das seguintes modalidades:

– Pagamento de cotas de préstamos, leasing e/ou renting vencidas ou que venzan durante os tres meses seguintes á data de formalización.

– Pagamento de saldos dispostos de pólizas de crédito, sempre que estas incrementen o seu dispoñible na contía da aplicación do préstamo a esta finalidade, e se manteñan abertas ata o seu vencemento.

– Débedas bancarias vencidas, cuxo vencemento se producise con posterioridade ao 1 de marzo de 2020.

– A comisión do aval, así como as achegas ao capital das sociedades de garantía recíproca.

D) Condicións das operacións financeiras.

D.1) Importe.

O importe do préstamo non poderá superar:

a) O dobre dos custos salariais anuais do beneficiario (incluídas as cargas sociais) correspondentes a 2019 ou ao último ano dispoñible; no caso de empresas creadas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2019, o importe máximo do préstamo non poderá superar, para estes efectos, a estimación dos custos salariais anuais para os primeiros dous anos de actividade, ou

b) O 25 % do volume de negocios total do beneficiario en 2019.

En todo caso, o préstamo que se avale deberá ser igual ou superior a 3.000 € e igual ou inferior a 200.000 €.

D.2) Prazo.

O prazo máximo do préstamo que se avale será de 4 anos, incluíndo 1 ano de carencia, como máximo.

D.3) Tipo de xuro.

O tipo de xuro nominal anual que poderán cobrar as entidades de crédito para as operacións de préstamo previstas nesta liña será fixo, cun máximo do 1,50 %.

D.4) Subvención ao tipo de xuro.

O Igape poderá subvencionar a fondo perdido un importe equivalente á suma dos xuros dos préstamos concedidos ao abeiro desta modalidade.

A subvención que, se é o caso, sexa concedida será determinada no momento da concesión, e pagarase á beneficiaria dunha soa vez, na conta bancaria que esta designe, unha vez que esta presente a xustificación e solicitude de cobramento conforme o artigo 11 das bases reguladoras. No caso de amortización anticipada do préstamo, a titular deberá reintegrar ao Igape a diferenza entre os xuros aboados e o importe da subvención.

D.5) Comisións.

As comisións máximas que a entidade de crédito poderá repercutir en concepto de apertura e estudo serán do 0,60 %. Para as comisións de estudo e apertura, conxuntamente, a entidade de crédito poderá estipular un mínimo de ata 30 €. Para estes efectos, non se considerará comisión o cobramento da tarifa de reclamación de posicións debedoras.

As SGR poderán cobrar ao cliente ata o 0,50 % en concepto de comisión de aval, calculada para toda a vida da operación sobre o saldo vivo anual previsto do importe avalado e que será cobrada por anticipado; e ata o 4,00 % do importe do financiamento avalado en concepto de achega ao capital social da SGR, que se aboará igualmente ao inicio da operación. Ambos os importes poderán formar parte do préstamo avalado. O cliente poderá solicitar o reembolso da participación social unha vez que remate a súa relación coa SGR.

D.6) Garantías.

A garantía a favor das entidades de crédito será o aval da SGR adherida ao convenio, polo 100 % do risco. No caso de operacións de importe superior a 150.000 €, as operacións poderán ser coavaladas por máis dunha SGR adherida. Para estes efectos, todas as referencias destas bases ás operacións de aval e ás SGR descritas en singular entenderanse realizadas en plural.

As contragarantías a favor da SGR consistirán no reaval do Igape en cobertura de ata o 25 % do risco, e como garantía adicional poderán requirir garantías persoais, pero en ningún caso depósitos de activos líquidos ou financeiros que poidan detraer liquidez da empresa. As SGR tamén poderán contar con reavais e achegas de organismos públicos e outros dependentes da Administración.

E) Xustificación de finalidades.

A xustificación de finalidades do préstamo prevista no artigo 11 das bases deberá presentarse no prazo de 15 días hábiles seguintes ao da última utilización do préstamo para as finalidades previstas. Para o caso das operacións que xa se atopasen dispostas na data de notificación da resolución de concesión, por terse formalizado previamente de acordo co previsto no artigo 9.1 das bases, o prazo de 15 días hábiles comezará o día seguinte ao da recepción da notificación.

Para axudas de importe superior a 30.000 € e para aquelas que, resultando de importe inferior, non se acade evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da axuda, coa forma e o procedemento descrito no artigo 11, deberá achegarse a seguinte documentación dixitalizada xustificativa da aplicación do préstamo:

– Extracto da conta bancaria en que se aboase o importe do préstamo, comprensivo do período comprendido entre a primeira disposición ata a total utilización do saldo disposto para a súa aplicación ás finalidades.

– Facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007 e no artigo 48 do Decreto 11/2009. As facturas deberán conter suficiente información que permita relacionala co gasto pagado cos recursos procedentes do préstamo. Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas, deberá achegarse unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel.

– Nóminas e xustificantes dos importes correspondentes a retencións e ingresos á conta do IRPF e Seguridade Social afrontados co préstamo.

– Xustificantes bancarios de pagamento de todos os gastos pagados co préstamo.