Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Luns, 13 de abril de 2020 Páx. 18146

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 31 de marzo de 2020, conxunta da Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se declaran actuacións administrativas automatizadas.

O Decreto 30/2017, do 30 de marzo, establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda. Na sección 4ª do capítulo IV, artigo 22, recolle que a Dirección Xeral da Función Pública é o órgano ao cal lle corresponde, baixo a dependencia da persoa titular da Consellería de Facenda, a execución da política de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, nos termos previstos na Lei da función pública e demais normativa que a desenvolva, a xestión das competencias atribuídas á Consellería de Facenda nesta materia e a resolución daquelas que lle delegue a persoa titular da consellería. Con tal fin, coordinará a actuación dos órganos competentes en materia de persoal das distintas consellerías e entidades dependentes e ditará as instrucións oportunas.

A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en diante só Lei 40/2015), integra as materias que demandaban unha regulación unitaria das relacións ad intra de cada Administración e das relacións entre elas, como a sinatura e as sedes electrónicas, o intercambio electrónico de datos en contornos pechados de comunicación e a actuación administrativa automatizada.

O artigo 41.1 da Lei 40/2015 define a actuación administrativa automatizada como calquera acto ou actuación realizada integramente a través de medios electrónicos por unha Administración pública no marco dun procedemento administrativo e na cal non interviñese de forma directa un empregado público.

O artigo 41.2 da devandita lei determina que, en caso de actuación administrativa automatizada, se deberá establecer previamente o órgano ou órganos competentes, segundo os casos, para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se for o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte. Así mesmo, indicarase o órgano que debe ser considerado responsable para efectos de impugnación.

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no artigo 76.4 que as actuacións administrativas automatizadas se deberán declarar mediante unha resolución conxunta do órgano competente para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se é o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte, así como do órgano responsable para efectos de impugnación. Nesta resolución especificarase a identificación de tales órganos e os sistemas de sinatura utilizados, de ser o caso, para a actuación administrativa automatizada. Así mesmo, o artigo 76.5 indica que se publicará na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia o texto íntegro das resolucións indicadas no punto anterior.

O Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, regula o procedemento para a provisión con carácter temporal de postos reservados tanto ao persoal funcionario como ao persoal laboral da Xunta de Galicia, en canto non se proceda á súa cobertura con carácter definitivo.

O Decreto 60/2019, do 23 de maio, modificou o dito decreto e incorporou os medios electrónicos ao sistema de xestión de listas (artigos 5, 13, 14, 16), o que orixina un cambio no sistema de chamamentos e imponlles ás persoas integrantes das listas a obriga de dispor de teléfono móbil para seren seleccionadas. Estes cambios van permitir simplificar os trámites, ampliar os ámbitos, reducir os tempos para as coberturas, evitar desprazamentos innecesarios para as persoas aspirantes e aforrar custos tanto para a Administración como para as persoas seleccionadas, xa que dota o sistema de maior transparencia ao ofrecer unha información puntual, áxil e actualizada.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar as seguintes actuacións administrativas automatizadas a través de sistemas de información no ámbito das listas para a cobertura temporal de postos:

a) Emisión e comunicación electrónica das citacións.

b) Resolución das citacións e adxudicacións de postos.

c) Emisión e comunicación electrónica das credenciais de adxudicación.

Segundo. Os órganos responsables en relación coas actuacións administrativas automatizadas nomeadas no punto anterior serán:

a) A Dirección Xeral da Función Pública, como órgano responsable da definición das especificacións destas actuacións administrativas automatizadas.

b) A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como órgano responsable da programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se é o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte.

c) A Dirección Xeral da Función Pública, como órgano responsable para os efectos de impugnación.

Terceiro. Autorizar á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para xestionar a solicitude de creación dun selo electrónico denominado «Dirección Xeral da Función Pública» ante a autoridade de servizos de certificación que corresponda.

A titularidade, así como a responsabilidade do seu uso, corresponderá á Dirección Xeral da Función Pública.

O selo electrónico estará baseado nun certificado electrónico recoñecido ou cualificado e as súas características técnicas xerais serán as que consten na declaración de prácticas de certificación do emisor do certificado.

Os datos necesarios para acceder ao servizo de validación para a verificación do certificado estarán incluídos no certificado. Os datos que deberán constar no selo electrónico son os seguintes:

a) NIF do organismo subscritor: S1511001H.

b) Organismo subscritor: Dirección Xeral da Función Pública.

c) Nome do selo: Dirección Xeral da Función Pública.

Cuarto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para utilizar o selo electrónico denominado «Dirección Xeral da Función Pública» para asinar as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución e a realizar as tarefas técnicas precisas para a súa implantación efectiva nos sistemas automatizados que dan soporte á actuación e ao procedemento mencionados.

Quinto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para a renovación do selo electrónico denominado «Dirección Xeral da Función Pública», sempre e cando continúe vixente a actuación administrativa automatizada declarada nesta resolución.

Sexto. A presente resolución producirá efectos desde o día da súa sinatura e publicarase na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2020

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública
da Consellería de Facenda

Mar Pereira Álvarez
Directora da Axencia para a Modernización
Tecnolóxica de Galicia