Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Venres, 17 de abril de 2020 Páx. 18425

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 16 de abril de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade de diversos acordos do Centro de Coordinación Operativa da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop), do 14 de abril de 2020.

O Centro de Coordinación Operativa (Cecop), na súa reunión do 14 de abril de 2020, adoptou, entre outros, os seguintes acordos:

«O Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020 declarou a situación de emerxencia sanitaria de interese galego e activou o Plan territorial de emerxencias de Galicia, coa conseguinte asunción de todas as actividades de emerxencia por parte do titular da Presidencia da Xunta de Galicia ou persoa en quen delegue.

A activación do Plan implicou a constitución do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), co obxecto de garantir o funcionamento e a operatividade do Plan.

O Acordo do Consello da Xunta de Galicia prevé que para o desenvolvemento do Plan poderán ditarse ordes e instrucións que afecten dereitos da cidadanía nos termos establecidos polas leis, así como adoptarse medidas de obrigado cumprimento para os seus destinatarios e destinatarias, conforme o que se dispoña, se así o aconsellan as necesidades da emerxencia e dos bens que se pretende protexer.

En particular, habilítase o Cecop para revisar ou adaptar ás circunstancias as previsións establecidas no acordo.

Tendo en conta o exposto, o Centro de Coordinación Operativa, na súa reunión do 14 de abril de 2020,

ACORDA:

– Posta á disposición daquelas asociacións e clústeres que así o requiran da posibilidade de adherirse ao sistema de compras organizado pola Administración autonómica, coa finalidade de garantirlles a subministración de máscaras.

As dificultades na recepción das subministracións procedentes do Estado (representan o 11 % do total) determinaron que a Xunta de Galicia iniciase e centralizase a compra de material propio que se está a distribuír non só internamente, no ámbito sanitario e sociosanitario, senón tamén a concellos e outras entidades. De feito, están funcionando, plenamente operativas, dúas plataformas loxísticas para a repartición de EPI a centros sanitarios, centros de servizos sociais e concellos.

A dificultade para adquirir a subministración dos EPI necesarios, entre os que as máscaras teñen una alta demanda, esténdese a empresas e entidades de diferentes sectores (alimentación e auxiliares, da construción, da madeira, de enerxías renovables, cooperativas agrarias, enxeñarías, centros de atención telefónica (call centers), autónomos e comerciantes, entre outros), que así llo puxeron de manifesto á Xunta de Galicia.

Por todo indicado, coa finalidade de colaborar coas asociacións e clústeres que así o requiran, adóptase o seguinte acordo:

Primeiro. A Administración autonómica porá á disposición dos establecementos, asociacións e clústeres que conforman o tecido empresarial galego, con especial atención aos autónomos e ás pemes que así o soliciten, as máscaras que teña dispoñibles para tales efectos en cada momento.

Segundo. As asociacións e clústeres solicitantes deberán manifestar expresamente a súa adhesión ao sistema de compras organizado pola Administración autonómica mediante a aceptación expresa dos prezos de adquisición, que serán os mesmos que os que sufrague a Administración autonómica.

Terceiro. A Administración autonómica comprométese a entregar e repartir as máscaras solicitadas nos termos indicados nos puntos anteriores, en función das súas dispoñibilidades.

Cuarto. Os custos de distribución serán asumidos pola Administración autonómica sempre que se poidan arbitrar sistemas centralizados que eviten un número elevado de reparticións individuais desde a plataforma loxística da Xunta de Galicia.

Quinto. Os adheridos, pola súa banda, asumen o compromiso de ingresar no Tesouro de Comunidade Autónoma de Galicia o importe equivalente ao custo do material recibido unha vez que lles sexa entregado.

– Modificación e ampliación de medidas para favorecer as persoas demandantes inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia (Emprego Galicia).

A Resolución do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade do Acordo do Centro de Coordinación Operativa da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, declarada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do día 13 de marzo de 2020, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, establecía no seu punto décimo o seguinte:

«Décimo. Medidas urxentes do Servizo Público de Emprego de Galicia (oficinas de emprego)

No ámbito do Servizo Público de Emprego de Galicia, e en coordinación co Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), adóptanse as seguintes medidas:

Non será necesario renovar a demanda de emprego ata o 30 de abril.

Se se teñen que realizar trámites urxentes na demanda, pode facerse a través da oficina virtual ou chamando á correspondente oficina de emprego.

Quedan suspendidas as citas de orientación laboral.

No que se refire ás prestacións, poden consultarse as medidas adoptadas en: https://www.sepe.es.

Esta información actualizarase no portal https://emprego.xunta.gal».

Nesta data, as sucesivas prórrogas na duración do estado de alarma, así como as necesarias medidas de prevención que se terán que implementar nas oficinas de emprego da Xunta de Galicia no momento da súa reapertura como centros de atención ao público, fan imprescindible a ampliación dos trámites de oficio e telemáticos nas demandas de emprego, co obxectivo de evitar desprazamentos innecesarios que poidan poñer en risco a seguridade e saúde das persoas usuarias e do persoal empregado público.

En virtude do anterior, acórdase modificar e ampliar as medidas do Servizo Público de Emprego de Galicia, no seguinte senso:

Non será necesario renovar a demanda de emprego ata o 30 de xuño de 2020.

Para a realización de trámites urxentes na demanda de emprego amplíanse os servizos telemáticos á disposición da cidadanía:

– Novo formulario web para a tramitación de altas iniciais.

–  Ampliación dos servizos para a reactivación da demanda a través da Oficina Virtual de Emprego Galicia.

Estes dous servizos, xunto coas restantes medidas acordadas pola Xunta de Galicia en favor das persoas demandantes de emprego e os datos de contacto da rede de oficinas de emprego, están dispoñibles no Portal de emprego de Galicia: https://emprego.xunta.gal.

– Proposta para que todos os autónomos poidan ser beneficiarios das axudas públicas, independentemente do seu réxime de cotización.

O 3 de febreiro activouse o paquete de medidas específicas para autónomos, ao abeiro das políticas activas de emprego, por un importe de 24,5 millóns de euros. O obxectivo é beneficiar máis de 7.000 persoas e 545 empresas a través de 8 liñas de axuda para apoiar o inicio da actividade e a consolidación dos autónomos.

Preténdese que os beneficiarios sexan todos os autónomos. Nas liñas de axuda poden ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas que estean dadas de alta no réxime especial de autónomos ou en mutualidade de colexio profesional, que teñan domicilio fiscal en Galicia.

Tamén poden acceder todos os autónomos ás liñas especiais de financiamento postas en marcha pola emerxencia sanitaria e que pretenden mobilizar 250 millóns de euros.

A maiores, está aberto un programa de servizos de mentoring (convenio coa Fundación Ronsel) para apoiar a consolidación e mellora das actividades de autónomos, tamén aberto a todo tipo de autónomos, á marxe do réxime de cotización.

Desde a Administración autonómica tense coñecemento de que nas axudas xestionadas pola Administración estatal non se está considerando como beneficiarios aqueles autónomos de alta en réximes diferentes ao da Seguridade Social (por exemplo, mutualidades de colexios profesionais), co grave prexuízo que isto supón para eles.

Polo exposto, acórdase:

Propoñer á Administración do Estado que faga as xestións oportunas para que todas as axudas en que poidan participar como beneficiarias as persoas traballadoras autónomas se fagan extensivas aos colexios profesionais que cotizan a través de mutualidades.

– Proposta para que as administracións públicas reactiven a tramitación de expedientes administrativos, emisión de informes e concesión de permisos e licenzas como medio necesario para a reactivación progresiva da actividade económica.

O día 9 de abril de 2020 finalizou a vixencia do Real decreto lei 10/2020, do 29 de marzo, polo que se regula un permiso retribuído recuperable para as persoas traballadoras por conta allea que non presten servizos esenciais, co fin de reducir a mobilidade da poboación no contexto da loita contra o COVID-19.

Este real decreto lei supoñía unha restrición aínda maior á xa existente tras a declaración do estado de alarma, pois obrigaba á paralización de determinadas actividades non declaradas esenciais, pero de grande importancia para a reactivación da economía.

Tras a perda de vixencia do devandito real decreto lei, moitas destas actividades van poder restablecerse, polo que o Cecop considera que debe ser un obxectivo de todas as administracións públicas planificar, sempre dando prioridade á seguridade e a saúde da poboación, os pasos necesarios para facilitar ás empresas o restablecemento da súa actividade.

Moitas actividades produtivas precisan, para o seu inicio ou continuidade, a tramitación de diversos expedientes administrativos cuxo fin é a obtención dun permiso ou licenza. Estes procedementos encóntranse, en principio, suspendidos durante o estado de alarma. Porén, a regulación da disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, modificada polo Real decreto 465/2020, do 17 de marzo, permite a adopción de acordos motivados de continuación dos procedementos administrativos en determinados casos. En particular, o número catro da disposición adicional permite a continuación dos procedementos que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.

Para estes efectos, o Cecop insta as administracións competentes a valorar, de acordo coa disposición aludida, a continuación dos procedementos administrativos necesarios para que se poidan desenvolver as actividades económicas permitidas neste momento, por considerar que existe no seu desenvolvemento un interese xeral. Doutro xeito, carecería de sentido que, por unha banda, se permita a continuidade desas actividades e, por outra, permaneza paralizada a tramitación administrativa de que depende a súa continuidade.

De acordo co exposto, o Cecop considera que concorren razóns para que todas as administracións públicas nel representadas (Administración xeral do Estado, Administración autonómica e Administración local) valoren, de acordo coa regulación antes aludida, a continuación de forma progresiva e planificada dos expedientes administrativos de que depende a actividade produtiva da nosa sociedade, priorizando aqueles expedientes de que dependen as actividades que se van reactivando, para facilitar proactivamente a recuperación económica.

– Modelo de autorización de desprazamento que deberán utilizar os propietarios forestais, para efectos da compravenda de madeira, para asegurar a subministración aos ciclos industriais.

Por proposta da Consellería de Medio Rural, o Cecop, tendo en conta a necesidade de asegurar a subministración aos ciclos industriais, e para os efectos de facilitar a xustificación ante as autoridades competentes dos desprazamentos dos propietarios forestais aos predios da súa titularidade coa finalidade de identificar os terreos para venda da madeira, aproba o modelo de declaración responsable que figura como anexo I deste acordo.

– Guía preventiva ante o coronavirus no ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Servizo de Prevención de Riscos Laborais, dependente da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, dá cobertura aos/ás traballadores/as da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude da súa norma de creación (Decreto 204/1997, do 24 de xullo).

Cómpre ter presente que está expresamente excluído do ámbito de actuación do Servizo de Prevención de Riscos Laborais o persoal do Sergas dos centros sanitarios e o persoal destinado en centros docentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, así como aqueles outros entes ou organismos que contan con servizo de prevención propio ou alleo.

Preséntase ante o Cecop a Guía preventiva ante o coronavirus no ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, cuxo obxecto é, en aplicación dos procedementos de actuación aprobados polas autoridades estatais, establecer o protocolo interno de actuación á hora de abordar a prevención da infección do coronavirus desde a óptica da súa prevención no eido laboral, así como establecer os mecanismos de protección dos traballadores, con especial referencia aos potencialmente sensibles.

Deste xeito, en primeiro lugar, a guía realiza unha determinación das exposicións de risco que concorren nas actividades declaradas esenciais con prestación presencial de traballo, ás cales se asocian as medidas de prevención que resultan de aplicación.

En segundo lugar, establécese a determinación das circunstancias que eventualmente poden implicar a declaración dun/ha traballador/a como especialmente sensible, logo de tramitación do oportuno expediente técnico-sanitario.

En canto a estes dous aspectos, debe destacase que a guía é a aplicación do procedemento de actuación para os servizos de prevención de riscos laborais fronte á exposición ao SARS-CoV-2, do 8 de abril de 2020, aprobado polas autoridades estatais, e son igualmente de aplicación as revisións del que se poidan ditar con posterioridade.

En terceiro lugar, a guía protocoliza o procedemento para canalizar as solicitudes de declaración do persoal como especialmente sensible.

O Cecop acorda aprobar a guía, que se recolle como anexo II deste acordo.

ANEXO I

Modelo de autorización de desprazamento que deberán utilizar os propietarios forestais, para efectos da compravenda de madeira, para asegurar a subministración aos ciclos industriais.

Á AUTORIDADE COMPETENTE OU A QUEN CORRESPONDA

D./Dna. ______________________________, con DNI ________________________, na miña condición de apoderado/a da mercantil __________________________________ con CIF _________________ e domicilio social en _______________________________ (en diante, a «Empresa»).

EXPÓN:

I. Que en virtude da normativa específica relacionada co COVID-19 (en particular, Real decreto 463/2020, do 14 de marzo), a actividade desenvolvida pola «Empresa» forma parte da cadea de abastecemento que ofrece as subministracións, equipamentos e materiais necesarios e imprescindibles para o correcto desenvolvemento de actividades industriais manufactureiras e/ou enerxéticas esenciais, polo que a súa actividade se considera esencial (artigo 18 do R.D. 463/2020). Para isto, realiza actividades incluídas na CNAE 0220, de «Explotación de madeira», recollida como esencial no documento anexo da Xunta de Galicia de criterios de aplicación do R.D.L. 10/2020.

II. A persoa portadora da presente autorización, D./Dna. ________________________, con DNI _____________________________ manifesta ser titular, xestor/a ou representante do/da titular da parcela ________________ situada en ___________________________ e as actividades que realiza para a venda de madeira son complementarias e conexas á actividade esencial da «Empresa» e están incluídas, e son imprescindibles, dentro da súa cadea de abastecemento, polo que, en consecuencia, se consideran esenciais, de acordo co previsto no R.D. 463/2020.

III. Que, de acordo co exposto nos expositivos anteriores, o/a titular, xestor/a ou representante do/da titular da parcela realizará, na data _____ de __________________ de 2020, un desprazamento á parcela mencionada imprescindible para identificar in situ o obxecto da compravenda da madeira e biomasa da parcela.

Por todo o exposto,

MANIFESTA que o/a mencionado/a titular, xestor/a ou representante do/da titular da parcela realizará o desprazamento e circulación polas vías públicas na data indicada para os efectos do previsto nos parágrafos anteriores: polo tanto, a citada actividade está permitida de conformidade co disposto no artigo 7.1.c) do R.D. 463/2020 e demais normativa reguladora do estado de alarma; todo o anterior, sen prexuízo do cumprimento e adopción das medidas preventivas e de protección establecidas pola citada normativa.

________________________, _________ de abril de 2020

D./Dna. _____________________________________________________________

ANEXO II

Guía de actuación preventiva ante o coronavirus no ámbito da
Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia

1. Ámbito de actuación

O Servizo de Prevención de Riscos Laborais, dependente da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, dá cobertura aos/as traballadores/as da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude da súa norma de creación (Decreto 204/1997, do 24 de xullo).

Cómpre ter presente que está expresamente excluído do ámbito de actuación do Servizo de Prevención de Riscos Laborais e, polo tanto, desta guía de actuación o persoal do Sergas dos centros sanitarios e o persoal destinado en centros docentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, así como aqueles outros entes ou organismos que contan con servizo de prevención propio ou alleo.

2. Obxecto

O obxecto da presente guía é, en aplicación dos procedementos de actuación aprobados polas autoridades estatais, establecer o protocolo interno de actuación á hora de abordar a prevención da infección do coronavirus desde a óptica da súa prevención no eido laboral, así como establecer os mecanismos de protección dos traballadores, con especial referencia aos potencialmente sensibles.

Deste xeito, en primeiro lugar realízase unha determinación das exposicións de risco que concorren nas actividades declaradas esenciais con prestación presencial de traballo, as cales se asocian as medidas de prevención que resultan de aplicación.

En segundo lugar, establécese a determinación das circunstancias que eventualmente poden implicar a declaración dun/ha traballador/a como especialmente sensible, logo de tramitación do oportuno expediente técnico-sanitario.

En terceiro lugar, protocolízase o procedemento para canalizar as solicitudes de declaración do persoal como especialmente sensible.

O punto 3.2 e o anexo II do presente documento céntranse nas tarefas realizadas polo persoal vinculado aos centros de atención a persoas con discapacidade, residencias de maiores e centros asimilados da Consellería de Política Social

O persoal que conflúe neste tipo de centros sociosanitarios encádrase nalgunha das seguintes tipoloxías:

– Persoal sanitario e asistencial: médica/o, DUE, auxiliar de enfermaría, coidador/a, auxiliar coidador/a.

– Persoal técnico: psicóloga/o, traballador/a social, fisioterapeuta, terapeuta ocupacional, educador/a, animador/a sociocultural.

– Persoal de servizos xerais: mantemento, cociña, ordenanza, administración, camareira/o--limpador/a.

Finalmente, cómpre ter en conta que é integramente aplicable a este ámbito o procedemento de actuación para os servizos de prevención de riscos laborais fronte á exposición ao SARS-CoV-2, do Ministerio de Sanidade, do 8 de abril de 2020, así como as revisións del que se poidan ditar con posterioridade.

3. Determinación das actividades esenciais e a súa avaliación do risco de exposición

En función da natureza das actividades e dos mecanismos de transmisión do coronavirus SARSCoV-2, podemos establecer os diferentes escenarios de risco en que se poden encontrar os traballadores.

Exposición de risco: aquelas situacións laborais en que se pode producir un contacto estreito cun caso probable ou confirmado de infección por SARS-CoV-2, sintomático.

Exposición de baixo risco: aquelas situacións laborais en que a relación que se poida ter cun caso probable ou confirmado non inclúe contacto estreito.

Baixa probabilidade de exposición: traballadores que non teñen atención directa ao público ou, se a teñen, se produce a máis de dous metros de distancia, ou dispoñen de medidas de protección colectiva que evitan o contacto (anteparo de cristal, separación de cabina de ambulancia, etc.).

Por «contacto estreito» de casos posibles, probables ou confirmados, enténdese:

– Calquera persoa que proporcionase coidados mentres o caso presentaba síntomas: traballadores sanitarios que non utilizaron as medidas de protección adecuadas, membros familiares ou persoas que teñan outro tipo de contacto físico similar.

– Conviventes, familiares e persoas que estivesen no mesmo lugar que un caso mentres o caso presentaba síntomas a unha distancia menor de 2 metros durante un tempo de, polo menos 15, minutos.

3.1. Escenarios de risco de exposición ao coronavirus SARS-CoV-2 no contorno laboral.

A continuación, recóllense os escenarios xerais de risco de exposición ao coronavirus nos postos de traballo:

Exposición de risco

Exposición de baixo risco

Baixa probabilidade de exposición

Persoal sanitario asistencial e non asistencial que atenda unha persoa sintomática

Situacións en que non se poida evitar un contacto estreito no traballo cunha persoa sintomática

Persoal sanitario cuxa actividade non inclúe contacto estreito cunha persoa sintomática (p. ex. acompañantes para traslado, celadores, persoal de limpeza)

Persoal non sanitario que teña contacto con material sanitario, fomites ou restos posiblemente contaminados

Traballadores sen atención directa ao público, ou a máis de 2 metros de distancia, ou con medidas de protección colectiva que evitan o contacto, por exemplo:

Persoal administrativo

Persoal de seguridade

Bombeiros e persoal de salvamento

Requirimentos

En función da avaliación específica do risco de exposición de cada caso: compoñentes de EPI de protección biolóxica e, en certas circunstancias, de protección fronte a aerosois e fronte a salpicaduras

En función da avaliación específica do risco de cada caso: compoñentes de EPI de protección biolóxica

Non necesario uso de EPI

Sen prexuízo desta configuración xeral dos distintos escenarios de risco por exposición ao coronavirus, cómpre tamén ter en conta as avaliacións específicas de risco para os distintos grupos de traballadores.

3.2. Escenarios de risco de exposición ao coronavirus SARS-CoV-2 no contorno laboral sociosanitario:

O nivel de risco existente para as tarefas dos postos de traballo dos centros sociosanitarios establécese, de xeito xeral, tal e como segue:

Contacto probable

Contacto non probable

EPI

Non EPI

EPI

Non EPI

Zona de risco

2

3

1

2

Zona de non risco

1

2

0

0

Onde: 0: risco aceptable

1: risco moderado

2: risco alto

3: risco moi alto

A continuación, establécese unha serie de medidas encamiñadas a diminuír o nivel de risco existente xunto con recomendacións xerais de protección.

Escenarios de risco de exposición ao coronavirus SARS-CoV-2 no contorno laboral

Exposición de risco

Exposición de baixo risco

Baixa probabilidade de exposición

Persoal da residencia cando atende un caso confirmado ou en investigación sintomático

Persoal da residencia no coidado de residentes asintomáticos

Persoal da residencia cando desenvolva traballos a máis de 2 metros de distancia, ou con medidas de protección colectiva que eviten o contacto: traballos de cociña, limpeza, recepción,…

Requirimentos

En función da avaliación específica do risco de exposición de cada caso: compoñentes de EPI de protección biolóxica e, en certas circunstancias, de protección fronte a aerosois e fronte a salpicaduras

En función da avaliación específica do risco de cada caso: compoñentes de EPI de protección biolóxica

Non necesario uso de EPI.

En certas situacións, como pode ser a limpeza:

Protección respiratoria

Luvas de protección.

Medidas de prevención.

No ámbito específico do sector sociosanitario, ademais das previsións de xeral aplicación, deben ser atendidas as seguintes previsións:

1. A limpeza e desinfección da roupa de traballo e dos equipamentos de protección xestionaranse desde o centro de traballo, e non se poderán levar á casa para tal fin.

2. Empregaranse os equipamentos de protección individual habituais nas tarefas rutineiras e cotiás.

3. O persoal que despache coidados e/ou atención médica a persoas diagnosticadas de COVID-19 ou a aquelas que ingresan en zona de illamento debe levar un equipamento de protección individual (EPI) adecuado á tarefa que vai realizar, conforme as recomendacións sanitarias.

4. Xestión de residuos.

• Os residuos ordinarios xestionaranse de forma rutineira. Para un suposto confirmado por COVID-19 seguirase este procedemento:

• Os residuos dun residente confirmado por COVID-19, incluído o material dun só uso (panos, máscaras), eliminaranse nunha bolsa de plástico (BOLSA 1) nun cubo de lixo disposto no cuarto, preferiblemente con tapa e pedal de apertura, sen realizar ningunha separación para a reciclaxe.

• A bolsa de plástico (BOLSA 1) debe cerrarse adecuadamente e introducirse nunha segunda bolsa de lixo (BOLSA 2), ao lado da saída do cuarto, e pecharase adecuadamente antes de saír do cuarto.

• A BOLSA 2, cos residuos anteriores, depositarase na bolsa de lixo (BOLSA 3) co resto dos residuos. A BOLSA 3 tamén se cerrará adecuadamente.

• Inmediatamente despois realizarase unha completa hixiene de mans, con auga e xabón, polo menos durante 40-60 segundos.

5. Louza e roupa de cama.

• Os cubertos, vasos, pratos e demais utensilios reutilizables lavaranse con auga quente e xabón ou preferiblemente no lavalouzas, utilizando un programa unha temperatura da auga superior a 50º.

• A roupa do cuarto do paciente embolsarase e pecharase centro do propio cuarto. A roupa non deberá ser sacudida e recoméndase lavala cun ciclo completo a unha temperatura de entre 60 e 90 graos.

Sen prexuízo desta configuración xeral dos distintos escenarios de risco por exposición ao coronavirus, cómpre tamén ter en conta as avaliacións específicas de risco para os distintos grupos de traballadores.

4. Procedemento de determinación dun/ha traballador/a como especialmente sensible

De acordo co procedemento de actuación para os servizos de prevención de riscos laborais fronte á exposición ao SARS- CoV-2 publicado polo Ministerio de Sanidade (versión do 8 de abril de 2020):

«O servizo sanitario do SPRL debe avaliar a presenza de persoal traballador especialmente sensible en relación coa infección de coronavirus SARS-CoV-2, establecer a natureza de especial sensibilidade da persoa traballadora e emitir informe sobre as medidas de prevención, adaptación e protección. Para iso, terá en conta a existencia ou inexistencia dunhas condicións que permitan realizar o traballo sen elevar o risco propio da condición de saúde da persoa traballadora.

Coa evidencia científica dispoñible en data 8 de abril de 2020, o Ministerio de Sanidade definiu como grupos vulnerables para COVID-19 as persoas con diabetes, enfermidade cardiovascular, incluída hipertensión, enfermidade pulmonar crónica, inmunodeficiencia, cancro en fase de tratamento activo, embarazo e maiores de 60 anos.

Para cualificar unha persoa como especialmente sensible para COVID-19, debe aplicarse o indicado no primeiro parágrafo. Esa avaliación é a única actividade técnica que poderá servir de base para tomar as decisións preventivas adaptadas a cada caso».

Nos anexos I e II a esta guía recóllense os distintos escenarios que se poden dar co persoal incluído como grupo vulnerable e indícanse, de ser o caso, as adaptacións de tarefas que a Consellería deberá realizar para que poida seguir desempeñando o seu posto de traballo.

Tal e como se recolle nos anexos I e II, o simple feito de que o/a traballador/a presente algunha das patoloxías indicadas ou teña máis de 60 anos non determina a súa consideración de traballador como especialmente sensible, senón que deberá seguir traballando, agás que deba permanecer no seu domicilio polas causas xerais que determinen os protocolos ordinarios de aplicación (persoa con síntomas de coronavirus, contacto estreito cunha persoa enferma...). Polo tanto, para determinar a especial sensibilidade deberán concorrer as circunstancias indicadas nos anexos I e II e proceder segundo o disposto na presente guía.

De acordo co que antecede, cando un/ha traballador/a se atope dentro dun grupo vulnerable dos sinalados anteriormente, deberanse seguir os seguintes pasos:

1. O/a traballador/a deberá presentar unha solicitude ante os responsables da súa unidade en que exprese que concorren causas para considerar o/a traballador/a como grupo vulnerable.

2. O responsable da unidade aplicará as previsións incluídas no procedemento de actuación para a xestión da vulnerabilidade (anexo I para os ámbitos non sanitarios nin sociosanitarios e o anexo II para os que si o son), e adoptará respecto ao traballador as medidas que resulten procedentes en cumprimento do citado procedemento.

Na xestión e tramitación desta solicitude, o responsable da unidade deberá observar o máis absoluto sixilo e confidencialidade, e custodiarase a solicitude de xeito independente respecto ao expediente persoal do/da traballador/a co fin de que só o responsable da unidade poida ter acceso a esta información.

Deste xeito, no marco do vixente estado de alarma, esta guía articula un sistema urxente de atención ao persoal traballador incluído nun grupo vulnerable para garantir o seu dereito á saúde recollido no artigo 43 da Constitución española, pero deberá ser escrupuloso na protección dos datos de carácter persoal das/dos traballadoras/es.

3. No suposto en que o responsable da unidade considere que non sexa posible realizar a adaptación do posto de traballo indicada no procedemento, remitirá o expediente á Secretaría Xeral Técnica da súa consellería, achegando un informe xustificativo da imposibilidade de proceder á adaptación do posto de traballo.

Igualmente, na Secretaría Xeral Técnica da consellería respectiva adoptaranse as medidas especiais de sixilo e confidencialidade respecto dos datos persoais do/da traballador/a, tal e como se indicou no número anterior.

4. A Secretaría Xeral Técnica da consellería de destino do/da traballador/a remitirá esta solicitude ao Servizo de Prevención de Riscos Laborais (Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza), así como o informe xustificativo do responsable da unidade indicado no punto terceiro.

5. O Servizo de Prevención de Riscos Laborais remitirá a solicitude ao servizo de prevención alleo con que está concertada a especialidade da medicina do traballo (na actualidade Cualtis).

6. O médico especialista en medicina do traballo avaliará a solicitude recibida e solicitará ao/á traballador/a a documentación acreditativa da súa situación que resulte procedente. Coa análise da devandita documentación e da relativa aos riscos existentes no centro de traballo da persoa solicitante, o facultativo emitirá informe.

A actuación do servizo sanitario non suporá a necesidade de desprazamento nin do/da traballador/a nin do facultativo e realizarase a través da análise da documentación que aquel lle achegue.

Resulta obrigatorio para o/a traballador/a achegar toda a documentación requirida polo servizo sanitario; no caso contrario, entenderase que desiste da súa petición.

O acceso á información médica de carácter persoal limitarase ao persoal médico e ás autoridades sanitarias que leven a cabo a vixilancia da saúde dos traballadores.

Finalmente, mentres se tramita o informe do especialista, o/a traballador/a ten que continuar realizando o seu traballo, agás que se determine o contrario en aplicación dos protocolos da Consellería de Sanidade (o/a traballador/a presenta síntomas da enfermidade, tivo contacto estreito cunha persoa infectada...).

No que se refire ao informe que emitirá o servizo sanitario, deberá establecer algunha das seguintes medidas:

a) Establecer que non concorre especial sensibilidade no/na traballador/a e que haberá que seguir mantendo as medidas de prevención establecidas nas avaliacións de riscos específicas do posto.

b) Se hai novas circunstancias no posto de traballo que poden elevar o risco na saúde da persoa traballadora, realizará un informe de adaptación de posto en que se lle indiquen ao responsable da unidade as medidas de prevención, adaptación e protección que se deban adoptar. Estas medidas poderán consistir na adaptación do posto de traballo, dotación dunha protección adecuada que evite o contacto ou de recolocación a outras funcións exentas de risco, tendo en conta as pautas incluídas no anexo I.

c) Como última medida e, unha vez acreditada a imposibilidade de realizar as medidas do punto anterior, o facultativo emitirá informe en que indique a imposibilidade de adaptación do posto de traballo e a imposibilidade de aplicar unha protección adecuada que evite o contaxio ou recolocación a outras funcións exentas de risco e, polo tanto, considerarase ao/a traballador/a como especialmente sensible para os efectos da tramitación da incapacidade laboral.

Nesta situación, o/a traballador/a deberá acudir ao seu médico de atención primaria para tramitar a súa incapacidade laboral e comunicarllo á Xunta de Galicia.

Para efectos do estudo das circunstancias concorrentes para a declaración dun/ha traballador/a como especialmente sensible, realizarase o estudo das patoloxías do traballador en relación co seu posto de traballo, avaliando especificamente o risco que supoñen as súas funcións en relación coas súas doenzas.

Cómpre destacar que se as circunstancias do posto de traballo non variaron respecto á situación previa da pandemia do coronavirus, non existe no/a traballador/a maior sensibilidade que a que existía con anterioridade.

5. Cláusula de revisión

O presente procedemento será obxecto de revisión continua en atención ás recomendacións sanitarias.

ANEXO I

Procedemento de actuación para a xestión da vulnerabilidade en ámbitos non sanitarios nin sociosanitarios

Grupos vulnerables

Patoloxía controlada

Patoloxía descompensada

Comorbilidade ≥ 2 aspectos

Exposición laboral

NR1

NR2

NR3

NR4

NR1

NR2

NR3

NR4

NR1

NR2

NR3

NR4

Enfermidade cardiovascular/HTA

1

1

2

2

1

3

3

3

1

3

3

3

Diabetes

1

1

2

2

1

3

3

3

1

3

3

3

Enfermidade pulmonar crónica

1

1

2

2

1

3

3

3

1

3

3

3

Inmunodeficiencia

1

3

3

3

1

4

4

4

1

4

4

4

Cancro en tratamento activo

1

4

4

4

1

4

4

4

1

4

4

4

Maiores de 60 anos

Sen patoloxía dos grupos vulnerables

Patoloxía controlada

Patoloxía descompensada

1

1

2

2

1

3

3

3

1

4

4

4

Embarazo

Sen complicacións nin comorbilidades

Con complicacións ou comorbilidades

 

1

3

3

3

1

4

4

4

 

NR1: similar ao risco comunitario, traballo sen contacto con persoas sintomáticas

NR2: traballo en contacto con persoas sintomáticas, mantendo a distancia de seguridade e sen actuación directa sobre elas

NR3: asistencia ou intervención directa sobre persoas sintomáticas, con EPI adecuado e sen manter a distancia de seguridade

NR4: profesionais non sanitarios que deben realizar manobras xeradoras de aerosois, como por exemplo RCP

1

Non precisa nin adaptación nin cambio de posto, permanecerá na súa actividade profesional

2

Continúa a actividade laboral. Pode realizar tarefas con exposición a persoas sintomáticas con EPI adecuados

3

Pode continuar actividade laboral sen contacto con persoas sintomáticas. Se existe imposibilidade, iniciarase a tramitación para declarar o/a traballador/a como especialmente sensible ou prestación por risco durante o embarazo-lactación (PREL)

4

Precisa cambio de posto de traballo e, de non ser posible, iniciarase a tramitación para declarar o/a traballador/a como especialmente sensible ou prestación por risco durante o embarazo-lactación (PREL)

ANEXO II

Procedemento de actuación para a xestión da vulnerabilidade no ámbito sanitario ou sociosanitario

Grupos vulnerables

Patoloxía controlada

Patoloxía descompensada

Comorbilidade ≥ 2 aspectos

Exposición laboral

NR1

NR2

NR3

NR4

NR1

NR2

NR3

NR4

NR2

NR3

NR4

Enfermidade cardiovascular/HTA

1

1

2

2

1

3

3

3

1

3

3

3

Diabetes

1

1

2

2

1

3

3

3

1

3

3

3

Enfermidade pulmonar crónica

1

1

2

2

1

3

3

3

1

3

3

3

Inmunodeficiencia

1

3

3

3

1

4

4

4

1

4

4

4

Cancro en tratamento activo

1

4

4

4

1

4

4

4

1

4

4

4

Maiores de 60 anos

Sen patoloxía dos grupos vulnerables

Patoloxía controlada

Patoloxía descompensada

1

1

2

2

1

3

3

3

1

4

4

4

Embarazo

Sen complicacións nin comorbilidades

Con complicacións ou comorbilidades

 

1

3

3

3

1

4

4

4

 

NR1: similar ao risco comunitario. Tarefas en áreas non COVID, tanto asistenciais coma de soporte estratéxico

NR2: entrada en zonas COVID para tarefas con pacientes posibles, probables ou confirmados, mantendo a distancia de seguridade e sen actuación directa sobre o paciente, por exemplo, repartición de comida, limpeza, traslado de pacientes…

NR3: entrada en zonas COVID con asistencia directa a pacientes ou intervención directa con posibles casos probables ou confirmados, con EPI adecuado e sen manter a distancia de seguridade, incluída a mobilización de pacientes e aseo

NR4: profesionais, sanitarios ou non sanitarios, que deben realizar manobras xeradoras de aerosois (RCP, intubación, extubación…)

1

Non precisa nin adaptación nin cambio de posto, permanecerá na súa actividade profesional habitual

2

Continúa a actividade laboral. Pode realizar tarefas con exposición a pacientes posibles, probables ou confirmados por COVID-19, con EPI adecuados. Non pode realizar manobras xeradoras de aerosois

3

Continúa actividade laboral en zona NON COVID

4

Precisa cambio de posto de traballo e, de non ser posible, iniciarase a tramitación para declarar o/a traballador/a como especialmente sensible ou prestación por risco durante o embarazo-lactación (PREL)

».

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2020

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza