Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Martes, 28 de abril de 2020 Páx. 18811

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

DECRETO 62/2020, do 8 de abril, polo que se aproba o Plan de conservación do espazo natural de interese local Illas de San Pedro (A Coruña).

Exposición de motivos

A Constitución española de 1978 recoñece no seu artigo 45.1 o dereito a desfrutar dun ambiente adecuado para o desenvolvemento da persoa, así como o deber de o conservar, e o artigo 149.1.23 faculta as comunidades autónomas para estableceren normas adicionais de protección e da paisaxe, competencia exclusiva que se recolle no artigo 27.30 do Estatuto de autonomía de Galicia.

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, e o Decreto 124/2005, do 6 de maio, polo que se regula a figura de espazo natural de interese local e a figura do espazo privado de interese natural, establecen que, por solicitude dun concello, a consellería con competencias en conservación da natureza pode declarar como tal aqueles espazos integrados no seu termo municipal que polas súas singularidades sexan merecedores dalgún tipo de protección dos seus valores naturais. En aplicación do disposto na normativa autonómica, Illas de San Pedro foi declarado como espazo natural de interese local (ENIL en diante), de xeito provisional, pola Orde do 2 de novembro de 2017 (DOG núm. 218, do 16 de novembro). O expediente de declaración foi iniciado por solicitude do Concello da Coruña mediante o acordo adoptado polo Pleno do Concello do 26.10.2016, onde consta o seu compromiso formal de poñer en práctica as medidas de conservación e de elaborar o plan de conservación.

A declaración provisional do ENIL condicionou a súa declaración definitiva á presentación, por parte do concello, ante a consellería competente en materia de conservación da natureza, dunha proposta adecuada de plan de conservación. O concello formalizou a remisión electrónica dun documento base inicial de plan o día 16.4.2018.

En virtude do establecido nos artigos 40 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, e 41.1 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, o día 12.11.2018 iniciouse o procedemento para a formulación e a aprobación do plan por decreto do Consello da Xunta de Galicia.

O documento base do plan de conservación someteuse a participación pública o día 4.1.2019, de acordo co previsto no artigo 16 da Lei 27/2006, do 18 de xullo, que regula o dereito de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente, e recibíronse achegas da Asociación parroquial San Román de Doniños nas cales solicitan poder realizar pesca deportiva desde as illas, cuestión relacionada coa xestión cotiá do espazo natural protexido, do Grupo Naturalista Hábitat e da Sociedade Galega de Ornitoloxía.

O documento base foi corrixido e completado o 19.2.2019 para incorporar a información relativa á ribeira do mar e demais liñas asociadas ao deslindamento marítimo-terrestre, así como para engadir a versión en castelán do plan.

A tramitación do Plan de conservación de Illas de San Pedro seguiu o procedemento recollido na Lei 9/2001, do 21 de agosto e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, sen que o procedemento resultase afectado pola aprobación da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, conforme se establece na súa disposición transitoria sétima.

En canto á calidade ambiental, os valores máis salientables son de tipo paisaxístico e ecolóxico. Os illotes son de natureza granítica, cuxos baixos poden emerxer na baixamar, e forman parte da rasa costeira duns 8 km de largo que percorre a provincia da Coruña de NE a SW. A superficie máis alta da Illa do Vendaval está dominada por Matricaria maritima subsp. maritima e nas zonas rochosas atópamos Armeria pubigera, endemismo de interese pola súa limitada distribución no noroeste ibérico, e Rumex acetosa subsp. biformis. Tamén abundan algunhas especies ruderais.

Dentro da avifauna destaca o falcón peregrino (Falco peregrinus), o furabuchos do Atlántico (Puffinus puffinus) e o arao dos cons (Uria aalge); mención especial merecen 7 parellas de corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis) e a gabita (Haematopus ostralegus).

No que se refire aos valores etnográficos, no ámbito territorial deste espazo atopamos os restos dunha antiga cetaria abandonada, un pequeno embarcadoiro e vestixios dun muro na illa do Vendaval. Por último, cómpre resaltar que o contorno mariño que rodea as illas tamén é de grande interese pesqueiro e marisqueiro.

O ENIL Illas de San Pedro localízase na grande área paisaxística das Chairas e Fosas Occidentais, no Arco Bergantiñán, de acordo co Catálogo das paisaxes de Galicia, aprobado polo Decreto 119/2016, do 28 de xullo, polo que se aproba o Catálogo das paisaxes de Galicia (DOG núm. 160, do 25 de agosto). Así mesmo, este espazo está integrado no ámbito de aplicación do Plan de ordenación do litoral (POL), na unidade da paisaxe Costa de Caión e dentro da área continua de protección costeira e dun espazo de interese paisaxístico.

No que se refire ao réxime urbanístico, o documento de Revisión e adaptación do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM), aprobado pola Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do 25 de febreiro de 2013, clasifica as Illas de San Pedro como solo rústico de especial protección, incluído nas categorías de costas (SREPd), de interese paisaxístico (SREPe), e de espazos naturais (SREPg), tal e como aparece recollido no plano 0.4.-Solo rústico. Trátase, por tanto, dun plan adaptado á Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (Louga) e, de conformidade co previsto na alínea 1.d) da disposición transitoria primeira da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, as categorías de solo rústico contidas no respectivo plan manterán a súa vixencia.

Respecto á clasificación das illas de San Pedro como solo rústico de especial protección de espazos naturais (SREPg), o plan introduce a necesidade de mellorar, no artigo 3.4.1 do PXOM, a definición do réxime de usos aplicable a esta categoría de solo rústico. Esta modificación é necesaria por canto o dito artigo 3.4.1 regula todas as categorías de solo rústico salvo a de especial protección de espazos naturais (SREPg) e esta é unha condición establecida na Orde do 2 de novembro de 2017 pola que se declarou este espazo como ENIL de xeito provisional.

O decreto de aprobación do Plan de conservación incorpora, ademais, o contido dos informes preceptivos do Servizo de Conservación da Natureza da Delegación Territorial da Coruña (informe do 12.4.2019), agora denominado de Patrimonio Natural, do Instituto de Estudos do Territorio (informe do 9.4.2019), da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (informe preceptivo do 9.4.2019), da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica (informe preceptivo do 8.4.2019), da Demarcación de Costas do Estado en Galicia (informe do 4.4.2019) e da Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar do Ministerio para a Transición Ecolóxica (informe preceptivo do 7.6.2019), co seguinte contido:

a) Respecto do alcance do artigo 37 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, a Demarcación de Costas do Estado en Galicia emitiu informe no sentido de que, considerando o ámbito territorial do espazo natural referido, sería de aplicación o artigo 37.1, sen prexuízo do necesario título administrativo para a utilización do dominio.

b) A Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar refire que a totalidade do ámbito pertence ao dominio público marítimo-terrestre e, respecto das medidas de uso e xestión, o informe indica que as medidas de información ambiental se realizarán fóra do dominio público marítimo-terrestre. Deberán terse en conta, ademais, as exixencias do título III da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas e, particularmente, a de dispoñer dos correspondentes títulos habilitantes para levar a cabo actuacións no dominio público marítimo-terrestre.

c) O Servizo de Patrimonio Natural da Coruña sinala a conveniencia da declaración. A identificación dos valores naturais do plan é axeitada pero as medidas de xestión deberán reflectir a necesidade de valorar o estado de conservación das especies, das comunidades e dos hábitats. No aspecto orzamentario, o plan debe incluír, nos compromisos orzamentarios, os investimentos específicos necesarios para desenvolver as medidas de conservación que se propoñen.

d) O Instituto de Estudos do Territorio informa de que o ámbito está singularizado no Catálogo das paisaxes de Galicia, ao estar incluído dentro do espazo de interese Monte e Illas de San Pedro, delimitado polo Decreto 20/2011, do 10 de febreiro, polo que se aproba definitivamente o Plan de ordenación do litoral de Galicia (POL). En aplicación do Decreto 119/2016, do 28 de xullo, as illas teñen a consideración de áreas de especial interese paisaxístico (AEIP).

Ao respecto do POL, o plan debe considerar os aspectos normativos e de ordenación referidos á protección da paisaxe e do patrimonio natural (áreas de protección costeira, espazo de interese paisaxístico).

e) Incorpóranse os aspectos relacionados coa xestión sustentable dos recursos mariños e cos usos e aproveitamentos tradicionais marisqueiros, pesqueiros e de acuicultura, considerados compatibles coa conservación do ENIL.

f) A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, no marco das súas competencias, non formula obxeccións á declaración das Illas de San Pedro como espazo protexido. Valora que para o réxime de usos e medidas de xestión (número 7), segue a remitirse ao artigo 54 do POL para as áreas de protección costeira, sen prexuízo do cumprimento das exixencias do título III da Lei 22/1988, do 28 de xullo.

O Plan de conservación, logo de ser emendado e completado, cumpre coa finalidade de adecuar a xestión do ENIL aos principios inspiradores sinalados no artigo 2 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, e conta cos contidos mínimos referidos no artigo 20 desa mesma lei e no 38 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, e desenvolvidos polo Decreto 124/2005, do 6 de maio.

O conxunto documental que constitúe o plan consta dos documentos seguintes: unha memoria, que é o documento en que se recolle a delimitación territorial do plan (artigo 38.1 da Lei 9/2001, do 21 de agosto); a identificación dos valores naturais que hai que protexer máis os posibles riscos que poidan afectalos (artigo 38.2 da Lei 9/2001, do 21 de agosto) e a parte de normativa e programación, que establece, para o ámbito, os principios inspiradores e criterios para a xestión dos recursos naturais (artigo 16 da Lei 9/2001, do 21 de agosto), as normas de uso e aproveitamento do solo e dos recursos naturais (artigo 38.3 da Lei 9/2001, do 21 de agosto), as normas relativas ao uso público e as liñas de actuación necesarias para a consecución dos obxectivos da planificación do ENIL (artigo 38.4 da Lei 9/2001, do 21 de agosto), xunto cunha memoria económica acerca dos custos necesarios para a súa aplicación.

O Plan de conservación obtivo o informe favorable do Servizo de Patrimonio Natural da Coruña, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, da Demarcación de Costas do Estado en Galicia e da Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar do Ministerio para a Transición Ecolóxica, polo que procede a súa aprobación por decreto do Consello da Xunta de Galicia, en cumprimento do artigo 40 da Lei 9/2001, do 21 de agosto.

O trámite de información pública do Plan de conservación do ENIL Illas de San Pedro materializouse o 6.2.2020 a través da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e no Portal de transparencia e goberno da Xunta de Galicia, sen que se recibisen alegacións.

Constatadas as singularidades que presenta este espazo natural e despois da presentación e adecuación do correspondente plan de conservación aos principios inspiradores do artigo 2 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, mediante a Orde do 7 de abril de 2020, declarouse de xeito definitivo o espazo denominado Illas de San Pedro, como ENIL.

Polo exposto, e no uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa Presidencia, por proposta da conselleira de Medio Ambiente,Territorio e Vivenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de abril de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo único. Aprobación do Plan de conservación

1. Apróbase o Plan de conservación do ENIL Illas de San Pedro, recollido no anexo I deste decreto, co ámbito, finalidade e valores naturais incluídos na memoria e coas normas, obxectivos de conservación e medidas establecidas na parte de normativa e programación.

2. O ámbito territorial de aplicación do Plan de conservación coincide coa extensión e os límites cartografados do ENIL Illas de San Pedro, declarado de xeito definitivo pola Orde do 7 de abril de 2020, e establecidos no anexo II. O ENIL atópase no termo municipal da Coruña, provincia da Coruña, e abrangue o territorio emerxido do conxunto de illas situadas fronte ao lugar do Portiño ata o límite da ribeira do mar. Conta cunha superficie de 13 ha.

O plan tamén estará á disposición de calquera persoa interesada na web do Concello da Coruña, xestor do espazo, http://www.coruna.gal/medioambiente

Disposición adicional. Revisión do Plan xeral de ordenación municipal

Establécese un prazo de 18 meses para que o Concello da Coruña inicie o procedemento de revisión do PXOM a fin de introducir e aprobar as modificacións necesarias para adaptar os aspectos incompatibles con este plan. En particular, deberase recoller a definición do réxime de usos aplicable ao solo rústico de especial protección de espazos naturais (SREPg) no artigo 3.4.1 e 3.1.1.c) do PXOM, así como os usos admisibles asociados conforme se regulan no artigo 34.2.f) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da consellería competente en materia de ambiente para ditar, no ámbito das súas competencias, cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de abril de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANEXO I

Plan de conservación do ENIL Illas de San Pedro

MEMORIA

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Ámbito territorial e delimitación

1. O ámbito territorial de aplicación do Plan de conservación correspóndese co establecido no anexo II deste decreto e coincide coa extensión e os límites cartografiados para o ENIL Illas de San Pedro, declarado de xeito definitivo pola Orde do 7 de abril de 2020.

Este espazo protexido atópase no termo municipal da Coruña e conta cunha superficie de 13,00 ha.

2. Localízase nas follas 21-III da cartografía 1:25.000 do Instituto Xeográfico Nacional, na contorna do monte de San Pedro, no concello da Coruña. Abrangue o territorio emerxido do conxunto de illas situadas fronte ao lugar do Portiño ata o límite da ribeira do mar.

A denominación que predomina para cada unha delas, tanto na tradición local como nas cartas mariñas é, de esquerda a dereita, Illa do Vendaval, Illa do Pé, As Tres Illas, O Aguillón e os illotes dos Fernandiños, O Rompedoiro e O Merlón.

Artigo 2. Finalidade do plan e principios inspiradores da xestión

1. De conformidade co artigo 16 da Lei 42/2007, modificada pola Lei 7/2018, do 20 de xullo, os recursos naturais e os espazos naturais protexibles serán obxecto de planificación coa finalidade de adecuar a xestión aos principios inspiradores sinalados no artigo 2 da lei. Neste senso, o programa de actuacións do ENIL considerará, polo menos:

a) O mantemento dos procesos ecolóxicos esenciais e dos sistemas vitais básicos, apoiando os servizos dos ecosistemas para o benestar humano.

b) A conservación e a restauración da biodiversidade e da xeodiversidade mediante a conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres e as medidas que se adopten para ese fin terán en conta as exixencias económicas, sociais e culturais, así como as particularidades rexionais e locais.

c) A utilización ordenada dos recursos para garantir o aproveitamento sustentable do patrimonio natural, en particular das especies e dos ecosistemas, a súa conservación, restauración e mellora, e para evitar a perda neta de biodiversidade.

d) A conservación e preservación da variedade, singularidade e beleza dos ecosistemas naturais, da diversidade xeolóxica e da paisaxe.

e) A integración dos requisitos da conservación, uso sustentable, mellora e restauración do patrimonio natural e da biodiversidade nas políticas sectoriais e, en particular, na toma de decisións no ámbito político, económico e social, así como a participación xusta e equitativa na repartición de beneficios que deriven da utilización dos recursos xenéticos.

f) A prevalencia da protección ambiental sobre a ordenación territorial e urbanística e os supostos básicos da devandita prevalencia.

g) A precaución nas intervencións que poidan afectar espazos naturais ou especies silvestres.

h) A garantía da información á cidadanía e concienciación sobre a importancia da biodiversidade, así como a súa participación no deseño e execución das políticas públicas, incluída a elaboración de disposicións de carácter xeral, dirixidas á consecución dos obxectivos desta lei.

i) A prevención dos problemas emerxentes consecuencia do cambio climático, a mitigación e adaptación a este, así como a loita contra os seus efectos adversos.

j) A contribución dos procesos de mellora na sustentabilidade do desenvolvemento asociados a espazos naturais ou seminaturais.

k) A participación das persoas habitantes no contorno do espazo protexido nas actividades coherentes coa conservación do patrimonio natural e da biodiversidade que se desenvolvan nos devanditos espazos e nos beneficios que deriven delas.

l) O mantemento e a adaptación das poboacións de todas as especies de aves que viven normalmente en estado salvaxe nun nivel que corresponda en particular ás exixencias ecolóxicas, científicas e culturais, tendo en conta as exixencias económicas e recreativas.

2. Así mesmo, en virtude do artigo 37 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, o Plan de conservación establece o réxime de usos e actividades permisibles, así como as limitacións que se consideren necesarias para a conservación do espazo.

3. Na xestión do ENIL darase cumprimento da normativa de igualdade de xénero, Lei 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia, e coidarase a utilización dunha linguaxe inclusiva, non sexista.

Artigo 3. Efectos

1. De conformidade co disposto na Orde do 2 de novembro de 2017 declarativa do ENIL Illas de San Pedro (DOG núm. 218, do 16 de novembro) e nos informes do Servizo de Patrimonio Natural da Coruña, do Instituto de Estudos do Territorio, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica e do Ministerio para a Transición Ecolóxica, que incorpora os informes da Demarcación de Costas do Estado en Galicia e a Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar:

a) A aprobación do Plan de conservación do ENIL Illas de San Pedro non implicará a asignación de recursos económicos da Xunta de Galicia para a súa xestión e conservación.

b) En aplicación da lexislación vixente no momento da declaración, ao ámbito do ENIL correspóndelle o réxime de solo rústico de protección de espazos naturais (SREPg), así como os usos admisibles asociados a este. Tamén lle resultará de aplicación o réxime xurídico de solo rústico de protección de costas e de paisaxe.

c) O Concello da Coruña modificará o PXOM para mellorar a definición do réxime de usos aplicable ao solo rústico de especial protección de espazos naturais (SREPg) no artigo 3.4.1 do PXOM, definindo os usos admisibles asociados a este tipo de solo rústico conforme se regulan no artigo 34.2.f) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

d) A totalidade do ENIL Illas de San Pedro pertence ao dominio público marítimo-terrestre. A aplicación do Plan de conservación e a xestión do ENIL non implicará a cesión do dominio público nin a súa utilización significará a cesión das facultades demaniais do Estado.

e) As medidas de información ambiental realizaranse fóra do dominio público marítimo-terrestre e deberán cumprirse, ademais, as exixencias do título III da Lei 22/1988, do 28 de xullo, e, particularmente, a exixencia de dispoñer dos correspondentes títulos habilitantes para levar a cabo actuacións en dominio público marítimo-terrestre.

f) As actividades tradicionais de pesca e marisqueo son compatibles co uso do dominio público e, respecto das actividades non tradicionais, non poderá outorgarse autorización municipal para ningunha actuación se non queda acreditado o outorgamento previo da autorización do uso ou ocupación do dominio público, no caso de que sexa preceptivo.

g) De acordo co disposto no artigo 3.2.a) do Decreto 119/2016, do 28 de xullo (DOG núm. 160, do 25 de agosto), o ámbito territorial deste espazo ten a consideración de área de especial interese paisaxístico (AEIP).

h) Ao respecto do Plan de ordenación do litoral de Galicia, os usos e actividades permitidas serán as acordes co artigo 54, na área de protección costeira, en relación cos artigos 46.1.b) e 46.3.a) do Decreto 20/2011, do 10 de febreiro.

Artigo 4. Prevalencia do plan

Conforme o artigo 39 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, as previsións deste plan de conservación serán vinculantes tanto para as administracións públicas como para as persoas particulares, prevalecerán sobre a planificación urbanística e a súa aprobación implicará a revisión dos plans territoriais e sectoriais incompatibles.

CAPÍTULO II

Valores naturais do espazo e factores de risco

Artigo 5. Identificación dos valores naturais que hai que conservar

1. Tomando como base a información achegada polo Mapa da biodiversidade elaborado polo Concello da Coruña (ano 2017) e diversas colaboracións científicas, os valores máis destacables son de tipo paisaxístico e ecolóxico. Os illotes son de natureza granítica, cuxos baixos poden emerxer na baixamar, e forman parte da rasa costeira duns 8 km de largo que percorre a provincia de NE a SW.

A superficie máis alta da Illa do Vendaval está dominada por Matricaria maritima subsp. maritima e nas zonas rochosas atopamos Armeria pubigera, endemismo de interese pola súa limitada distribución no noroeste ibérico, e Rumex acetosa subsp. biformis. Tamén abundan algunhas especies ruderais.

Dentro da avifauna destaca o falcón peregrino (Falco peregrinus), o furabuchos atlántico (Puffinus puffinus), o arao dos cons (Uria aalge) e a gabita (Haematopus ostralegus). Unha mención especial merece o corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis), do cal se identificaron niños ocupados, con presenza confirmada de crías. Esta especie ameazada está catalogada como «vulnerable» polo Real decreto 139/2011, do 4 de febreiro, para o desenvolvemento da Lista de especies silvestres en réxime de protección especial e do Catálogo español de especies ameazadas, e polo Decreto 88/2007, do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo galego de especies ameazadas.

No que se refire aos valores etnográficos, atopamos os restos dunha antiga cetaria abandonada, un pequeno embarcadoiro e vestixios dun muro na Illa do Vendaval.

Por último, a contorna mariña que rodea as illas tamén é de gran interese pesqueiro e marisqueiro.

2. Paisaxe.

O ámbito localízase na gran área paisaxística das Chairas e Fosas Occidentais, na comarca paisaxística do Arco Bergantiñán, de acordo co Decreto 119/2016, do 28 de xullo (DOG núm. 160, do 25 de agosto).

Así mesmo, está totalmente integrado no ámbito de aplicación do Plan de ordenación do litoral (POL), na unidade da paisaxe Costa de Caión. Ten a consideración de área de especial interese paisaxístico (AEIP).

As Illas de San Pedro, ou arquipélago do Portiño, compóñense de varias illas e illotes de natureza granítica hercinianas e prehercinianas con numerosos baixos que poden emerxer na baixamar. Este arquipélago forma parte da franxa de rocha granítica, duns 8 km de largo, que percorre a provincia da Coruña en dirección NE-SW, amosando un perfil serrado cara a mar aberto e practicamente recto na parte orientada á costa.

Están a unha distancia da costa duns 200 m na súa parte máis estreita, cunha lonxitude total de preto de un quilómetro. A parte máis alta das illas principais está cuberta de vexetación de baixo porte e presenta un relevo bastante chan, cunha súa altura máxima de 12,40 m na illa do Pé.

En termos xeolóxicos, conforman unha antiga rasa costeira creada por mor das variacións no nivel do mar ao longo dos diferentes períodos climáticos acontecidos na historia.

Están presentes numerosas fallas, fracturas de sinxela observación desde a costa, así como as diáclases, que se atopan de forma máis visible nas furnas situadas fronte as illas. Estas fallas tamén se amosan nas canles que separan as illas, coa mesma orientación en todas elas.

Como adoita acontecer ao longo do litoral de Galicia, a toponimia das diferentes illas, illotes e baixos pode variar, ben que parece predominar tanto na tradición local como nas cartas mariñas e planos a seguinte denominación en sentido SW-NE: Illa do Vendaval (a situada a vendaval en termos mariñeiros, máis ao suroeste); illa do Pé; As Tres Illas; O Aguillón e os illotes dos Fernandiños, O Rompedoiro e O Merlón.

3. Fauna vertebrada.

a) Anfibios e réptiles.

Non se atoparon especies destes grupos zoolóxicos nos estudos desenvolvidos, agás unha especie de réptil, a lagarta Podarcis bocagei.

b) Aves.

A relación de especies de aves citadas nas illas que aparecen recollidas na Directiva 2009/147/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de novembro de 2009, relativa á conservación das aves silvestres, no Inventario español de patrimonio natural e da biodiversidade, así como en convenios internacionais e nas listas de organismos internacionais (Berna, Bonn, IUCN) ordenada por afinidade zoolóxica, é a seguinte:

Pardela cincenta (Calonectris diomedea), furabuchos atlántico (Puffinus puffinus), furabuchos balear (Puffinus mauretanicus), paíño do Mediterráneo (Hydrobates pelagicus), mascato atlántico (Morus bassana), corvo mariño grande (Phalacrocorax carbo), corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis), mourelo común (Melanitta nigra), azor (Accipiter gentilis), gabián (Accipiter nisus), miñato común (Buteo buteo), lagarteiro común (Falco tinnunculus), falcón peregrino (Falco peregrinus), gabita (Haematopus ostralegus), mazarico chiador (Numenius phaeopus), bilurico das rochas (Actitis hypoleucos), virapedras (Arenaria interpres), falaropo de bico groso (Phalaropus fulicaria), palleira parasita (Stercorarius parasiticus), palleira pomarina (Stercorarius pomarinus), palleira grande (Catharacta skua), gaivota de cabeza negra (Larus melanocephalus), gaivota chorona (Larus ridibundus*), gaivota patiamarela (Larus michahelis*), gaivota escura (Larus fuscus*), gaivota tridáctila (Rissa tridactyla), carrán cristado (Sterna sandvicensis), carrán común (Sterna hirundo), carrán ártico (Sterna paradisaea), carrán pequeno (Sterna albifrons), arao dos cons (Uria aalge ibericus), arao (Alca torda), lavandeira marela ibérica (Motacilla flava iberiae), rabirrubio (Phoenicurus ochruros), chasco (Saxicola torquata), chasco cincento (Oenanthe oenanthe), merlo (Turdus merula*), corvo pequeno (Corvus corone*) e pardal común (Passer domesticus*).

b) Mamíferos.

Nas illas está comprobada a presenza da rata común Rattus norvegicus, especie que se pretenden controlar polo dano que causa a outras especies, en especial ás aves que crían nelas.

Na contorna litoral é frecuente, sobre todo na primavera e verán, contemplar unha poboación de arroaces (Tursiops truncatus), así como a presenza ocasional doutros mamíferos mariños (pinnípedos e cetáceos).

c) Flora.

Identificáronse catorce especies de once familias diferentes:

Armeria maritima e Armeria pubigera, Beta maritima, Cochlearia danica, Dactylis glomerata, Lavatera cretica, Matricaria maritima subsp. maritima, Plantago coronopus, Plantago lanceolata, Rumex acetosa subsp. biformis, Rumex crispus, Sedum album, Silene dioica, Spergularia media e Urtica dioica.

A comunidade vexetal é semellante en todas as illas, ben que amosa unha distribución e dominancia diferente entra a Illa do Vendaval e o resto. Na Illa do Vendaval a especie dominante, tanto en individuos como en cobertura, é a Matricaria maritima subsp. maritima. Esta especie cobre practicamente toda a superficie alta da illa, sen apenas presenza doutras especies, entre as cales se poderían destacar Plantago coronopus, Beta maritima e Rumex acetosa. Nas zonas de rocha núa, con maior pendente, atópase Armeria pubigera, mentres que nas superficies de granito, máis chans e con regañas e fendas, xorde Sedum album. Outras especies típicas litorais son menos frecuentes do que se podería esperar, como é o caso de Chritmum maritimum.

Na illa do Pé e no resto das illas ao norte con cobertoira vexetal, na superficie principal predominan as gramíneas, como Dactylis glomerata. A Matricaria maritima maritima mingua a súa extensión, ben que se observan individuos illados. No que atinxe á cobertura e altura, destaca a presenza de Lavatera cretica, que é a especie de maior porte das identificadas neste arquipélago. Xunto con estas especies, tamén nos espazos de maior altura se poden atopar outras como Spergularia media, Rumex crispus, Cochlearia danica ou Silene dioica.

A maior parte delas son especies ruderais, é dicir, propias de terreos abandonados e sen cultivos. Son ademais frecuentes, comúns e ben testemuñadas na zona litoral.

Cómpre salientar que dúas especies teñen especial interese por mor da súa limitada distribución: Armeria pubigera é un endemismo do noroeste ibérico e Rumex acetosa biformis é un endemismo da franxa norte do litoral peninsular. É preciso, por tanto, advertir da presenza destes valores naquelas ocasións en que se autorice a presenza humana nas illas, coa finalidade de evitar o seu esmagamento por parte das persoas visitantes, mesmo por descoñecemento.

c) Hábitats.

Ben que a contorna das illas de San Pedro non se atopa incluída dentro de ningunha categoría de espazo natural protexido regulada nin na Rede Natura 2000, algúns hábitats de interese comunitario se encontran presentes nas illas, polo que neste plan se inclúen medidas de xestión e seguimento para a súa conservación. Os hábitats de interese comunitario que se poden atopar nas illas de San Pedro, codificados de acordo co código asignado polo Inventario español de hábitats terrestres (INH), son:

Código INH 8330: Furnas mariñas.

Son covas cubertas polo mar ou ocupadas por el, polo menos durante a preamar, incluídas as somerxidas parcialmente. Os seus fondos e paredes albergan comunidades de invertebrados mariños e algas, dos cales a especie vexetal máis característica Asplenium marinum. Presenza característica de especies como Pyrrhocorax pyrrhocorax, Falco tinnunculus e Phalacrocorax aristotelis.

Código INH 1230: Cantís con vexetación das costas atlánticas.

Son cantís vexetados que comprenden un complexo mosaico de comunidades que reflicten o grao de influencia mariña, factores xeolóxicos e xeomofolóxicos, bioxeográficos e de uso antrópico. Nos casos típicos, as partes máis expostas do cantil presentan unha transición desde a vexetación de gretas e pequenas repisas, que ocupa as áreas máis inclinadas e próximas ao mar (Crithmo-Armerietalia, Géhu 1964), ata pasteiros marítimos densos situados na parte superior das paredes rochosas, os cumios e chanzos en que se acumula un maior espesor de solo (Silenion maritimae, Malloch 1973). Cara ao interior e sobre cantís máis protexidos, esta vexetación deixa paso a un complexo de formacións arbustivas marítimas e paramarítimas, pasteiros calcícolas e silicícolas, formacións terofíticas e megafórbicas e espiñais e bosques achaparrados por efecto aerodinámico, todos eles enriquecidos pola presenza de elementos característicos de hábitats costeiros. Nas costas de perfil suave, con movemento do substrato, atópanse complexos mosaicos de vexetación marítima e non marítima.

Asociado a este hábitat encontramos especies como Armeria maritima, Asplenium marinum, Brassica oleracea, Cochlearia officinalis, Crithmum maritimum, Inula crithmoides, Festuca rubra subesp. pruinosa, Lavatera arborea, Limonium dodartii, Matricaria maritima, Plantago maritima, Sedum anglicum, Silene maritima, Spergularia rupicola, Scilla verna e Scilla autumnalis.

No que atinxe á protección dos hábitats, prevese a prohibición de desenvolver actividades especialmente prexudiciais, como movementos de terra ou arrincar e pisar a vexetación.

4. Fauna invertebrada.

A fauna invertebrada non está considerada no inventario, polo que deberá ser obxecto de seguimento no curto prazo.

Artigo 6. Identificación dos recursos obxecto de aproveitamento

No ámbito próximo ao ENIL atópanse pesqueiras para a frota de baixura e artesanal procedente dos portos de localidades como Mera, Lorbé, A Coruña, Caión, Camariñas, Malpica, Corme, Laxe e Ferrol. As principais especies capturadas por esta frota, mediante o uso de rascos, volantas, betas, palangre, nasas, trasmallos, miños, liña e palangrillo, son abadexo, pescada, linguado, alfóndegas, xurelo, xarda, congro, peixe sapo, faneca, sargo, dourada, robaliza, pinto e maragota, nécora, santiaguiño, polbo, centola e outras.

A actividade pesqueira nesta zona complétase coa explotación de recursos marisqueiros a través de plans de xestión aprobados anualmente para a explotación de distintas especies como o percebe (Polliceps polliceps), ourizo (Paracentrotus lividus), holoturia (Holothuria forskali), algas, anémonas (Anemonia sulcata) e poliquetos (Lumbrineris impatiens, Arenicola marina, Hediste diversicolor e Diopatra neapolitana).

Por outra banda, os establecementos de acuicultura destinados á produción de mexillón requiren de semente (mexilla) para o inicio dos cultivos nos viveiros. No ámbito da Confraría da Coruña, os bancos naturais de mexilla máis importantes son os comprendidos entre punta Herminia e punta Cociñadoiro, cunha potencia media de 13,2 m e un recubrimento medio da superficie no ámbito do ENIL superior ao 50 %.

Artigo 7. Identificación dos factores de risco que poidan afectar os seus valores naturais

Entre os posibles riscos que poden ameazar os valores naturais citados, cómpre salientar os seguintes:

a) Riscos derivados da presenza humana nas illas, principalmente polo tripamento da vexetación, deterioración de hábitats, molestias ás aves nos seus durmidoiros e niños, abandono de lixo, ruídos, etc.

b) Riscos derivados das infraestruturas e presenza humana na costa e no tramo máis preto do paseo marítimo: ruídos, iluminación nocturna, vehículos, etc.

c) Riscos derivados das actividades humanas fóra das illas con impacto directo nelas, ben que cun risco non desprezable de contaminación: refinaría de Bens, estación depuradora de augas residuais de Bens ou porto exterior de Langosteira.

NORMATIVA E PROGRAMACIÓN

CAPÍTULO III

Normas de uso e aproveitamento do solo e dos recursos naturais

Artigo 8. Réxime xeral de usos

1. Os recursos naturais dentro do espazo natural serán xestionados considerando os principios inspiradores establecidos no artigo 2, coa intervención necesaria para manter non só a estrutura dos ecosistemas senón tamén as súas funcións, os procesos naturais e a conectividade. A conservación activa orientarase a asegurar a evolución natural do medio e das especies asociadas.

2. O réxime de usos terá en conta os criterios de proporcionalidade acordes cos obxectivos que se perseguen neste plan de conservación.

3. As accións que alteren as condicións do espazo natural ou os produtos propios del terán a consideración de infracción. O réxime para sancionar aquelas infraccións que poidan cometerse no espazo natural será o recollido na Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, sen prexuízo de todas aquelas normas vixentes que poidan resultar de aplicación ás ditas infraccións ou ilícitos de calquera clase.

4. De conformidade coa disposición adicional segunda do Decreto 124/2005, do 6 de maio, con carácter xeral, permítense todos os usos e actuacións que tradicionalmente se viñesen efectuando no ENIL e que deron lugar ao estado actual que motivou a súa declaración como espazo natural.

5. En concordancia co disposto, permítense os usos e aproveitamentos preexistentes, como as actividades de marisqueo tradicional e recollida selectiva de algas, sen prexuízo do disposto polas administracións competentes no relativo á explotación de recursos mariños vivos.

a) Consideraranse permitidos os usos relacionados co marisqueo tradicional e a recollida de algas, así como a construción de instalacións de apoio á acuicultura e o marisqueo tradicional.

b) Por contra, son incompatibles os usos relacionados coas construcións e instalacións de acuicultura en terra.

6. Ao ENIL Illas de San Pedro, espazo natural protexido declarado ao abeiro da Lei 9/2001, do 21 de agosto, correspóndelle o réxime xeral de usos admisibles acordes co artigo 34.2.f) e 34.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e usos asociados ao solo rústico de protección de espazos naturais. Tamén resultará de aplicación o réxime xeral de usos aplicable ao solo rústico de protección de costas e da paisaxe.

O artigo 3.4.1 do PXOM deberá mellorar a definición de solo rústico, incorporando aquela referida ao solo rústico de protección de espazos naturais (SREPg), condición establecida pola Orde do 2 de novembro de 2017 pola que se declarou este espazo como ENIL, con carácter provisional. Así mesmo, deberá incorporar esta categoría de solo rústico de especial protección ao artigo 3.1.1.c) do devandito PXOM.

7. Non obstante, todo o indicado deberá entenderse sen prexuízo do cumprimento das exixencias do título III (Utilización do dominio público marítimo-terrestre) da Lei 22/1988, do 28 de xullo, e, particularmente, da exixencia de dispor dos correspondentes títulos habilitantes para levar a cabo actuacións no dominio público marítimo-terrestre.

8. A regulación de usos do artigo 54 do Plan de ordenación do litoral para as áreas de protección costeira permite a realización destas actividades pesqueiras e marisqueiras.

Artigo 9. Aproveitamento dos recursos naturais

O aproveitamento dos recursos naturais presentes no ámbito que circunda o ENIL consiste basicamente no marisqueo e na pesca artesanal.

A Orde do 26 de outubro de 2000 que regula a extracción de semente de mexilla en bancos naturais das provincias da Coruña e Pontevedra establece que a extracción poderá realizarse entre o 1 de decembro e o 30 de abril mediante autorización da correspondente xefatura territorial da Consellería do Mar.

A actividade pesqueira do contorno próximo completarase coa explotación de recursos marisqueiros a través de plans de xestión aprobados anualmente para a explotación de distintas especies como o percebe (Polliceps polliceps), ourizo (Paracentrotus lividus), carallote (Holothuria forskali), algas, anémonas (Anemonia sulcata) e poliquetos (Lumbrineris impatiens, Arenicola marina, Hediste diversicolor e Diopatra neapolitana), regulados pola Orde do 20 de decembro de 2018 pola que se aproban os plans de xestión para recursos específicos en Galicia para o ano 2019 e na Resolución da Consellería do Mar pola que se prorroga o Plan experimental para a extracción de Lumbrineris impatiens co emprego de mergullo autónomo á confraría de pescadores da Coruña para o ano 2017. Así, os plans de explotación que rexen na área de influencia do ámbito considerado e aprobados para o ano en curso, son:

a) Plans de explotación de percebe (Pollicipes pollicipes): plan de explotación conxunto das confrarías da Coruña, Mera, Lorbé, Sada e Ares.

b) Plans de explotación de equinodermos: ourizo (Paracentrotus lividus) e carallote (Holothuria forskali).

c) Plan de explotación conxunto de ourizo e carallote das confrarías da Coruña e Barallobre.

d) Plans de explotación de anémona (Anemonia sulcata): plan de explotación conxunto das confrarías da Coruña e Barallobre.

e) Plans de explotación de algas: plan de explotación conxunto das confrarías da Coruña e Sada, plan de explotación da empresa Central Galaica de Plantas Medicinales, plan de explotación da empresa Porto-Muiños, S.L. e plan de explotación da empresa Conservas Mar de Ardora.

f) Plans de explotación de poliquetos (Lumbrineris impatiens, Arenicola marina, Hediste diversicolor e Diopatra neapolitana): plan de explotación da confraría da Coruña e plan experimental de extracción de L. impatiens da confraría da Coruña.

Artigo 10. Normas de uso público

1. Co fin de acadar os obxectivos descritos no número 4, con carácter xeral non se autoriza a presenza humana dentro do ámbito de protección delimitado para este espazo protexido, con excepción das persoas mariscadoras e pescadoras que desenvolvan actividades tradicionais, así como das persoas debidamente autorizadas para actividades permitidas, conforme o descrito no seguinte número.

2. Dentro do espazo natural poderán autorizarse actividades de carácter científico ou educativas.

3. A totalidade do ámbito pertence ao dominio público marítimo-terrestre, polo que as medidas de información ambiental se realizarán fóra do dominio público marítimo-terrestre.

4. Respecto das actividades non tradicionais, lémbrase que non poderá outorgarse autorización municipal para ningunha actuación se non queda acreditado o outorgamento previo da autorización do uso ou ocupación do dominio público, no caso de que sexa preceptivo. Deberán cumprirse, ademais, as exixencias do título III da Lei 22/1988, do 28 de xullo, e, particularmente, a exixencia de dispoñer dos correspondentes títulos habilitante no caso de levar a cabo actuacións.

5. As solicitudes de autorización deberán acompañarse:

a) Dunha memoria que inclúa os seguintes contidos mínimos: finalidade, descrición da actividade, materiais e métodos, número de participantes, días previstos e rango horario.

b) Da resolución favorable de ocupación do dominio público marítimo-terrestre da Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e o Mar do Ministerio para a Transición Ecolóxica, no caso de ser preceptiva.

6. A concellería de Medio Ambiente do Concello da Coruña resolverá de forma motivada as autorizacións para o desenvolvemento das actividades de uso público dentro do ENIL.

a) As autorizacións poderán incluír unha relación de medidas de protección e xestión acordes coa actividade prevista.

b) No caso de que a persoa interesada non obtivese resposta expresa, entenderase desestimada a súa solicitude.

Este tipo de actividades, de carácter non tradicional, deberán cumprir en todo caso as previsións sobre o réxime de usos establecido no artigo 54 do Plan de ordenación do litoral para as áreas de protección costeira.

Artigo 11. Prohibicións xerais

No ámbito do ENIL das illas de San Pedro prohíbese:

1. Levar exemplares de especies de fauna e flora, especialmente animais de compañía como cans ou gatos.

2. Introducir sementes, transplantes ou partes de plantas que poidan orixinar vexetativamente outros individuos de especies de plantas alóxenas.

3. Introducir crías, larvas ou ovos de animais alóxenos.

4. Molestar, danar, capturar ou dar morte á fauna e flora ou causar dano a algún dos seus hábitats.

5. Abandonar restos de residuos orgánicos ou inorgánicos. O lixo deberá ser levado de volta fóra das illas aos contedores apropiados unha vez rematada a actividade.

6. Atracar embarcacións no ámbito do ENIL sen autorización previa, agás as pertencentes a persoas que dispoñan dos permisos de explotación habilitantes para a pesca ou o marisqueo emitidos pola Administración competente en materia de explotación de recursos mariños vivos.

7. Desenvolver calquera actividade que poida afectar a paisaxe e o sistema ecolóxico, como movementos de terra, arrincar ou cortar vexetación, instalación de aparellos, antenas, carteis, equipamentos radioeléctricos, refuxios, pintadas e semellantes.

8. Facer fogueiras ou prender lume en calquera caso.

9. Así mesmo, no desenvolvemento das actividades autorizadas deberán tomarse todo tipo de medidas orientadas a causar as menores molestias á fauna, con especial atención a facer o menor ruído posible e minimizar o impacto derivado do uso de equipamentos de iluminación.

CAPÍTULO IV

Medidas de xestión

Artigo 12. Medidas de xestión

1. Inventario das especies de flora, fauna e do estado dos hábitats, con actualizacións periódicas, coa finalidade de obter a información necesaria para adoptar as medidas correctoras oportunas en tempo e forma.

Merecen unha mención especial as recomendacións feitas nos informes sectoriais, en particular, sobre a necesidade de afondar no coñecemento sobre o estado de conservación dos recursos naturais e de completar o inventario da fauna invertebrada. Neste senso, terán carácter prioritario as investigacións orientadas a:

a) Inventariar a flora, a fauna e os hábitats, con actualizacións periódicas, co fin de facer un seguimento da súa evolución.

b) Identificar e rexistrar as especies da Lista de especies silvestres en réxime de protección especial, do Catálogo español de especies ameazadas ou do Catálogo galego de especies ameazadas.

c) Identificar e rexistrar as especies presentes nas listas actualizadas do Catálogo español de especies exóticas invasoras.

d) Identificar e rexistrar as especies singulares ou de interese relevante, aquelas que desenvolven funcións clave no ecosistema, endémicas, raras, de importancia para a ciencia ou as que teñen interese comercial, estético e cultural.

e) Estudos relativos á evolución do estado de conservación dos hábitats naturais, en especial das furnas mariñas (código INH 8330) e cantís con vexetación das costas atlánticas (código INH 1230).

f) Outros estudos ou propostas para a mellor protección, conservación e rexeneración do sistema ecolóxico do ENIL.

2. Plan de limpeza, mantemento e rexeneración de zonas degradadas que comprenda a retirada total de lixo e residuos de calquera orixe que poidan comprometer a protección dos hábitats e da diversidade biolóxica, con seguimento periódico.

3. Plan de fomento da biodiversidade, mediante o estudo da viabilidade de instalación de refuxios, niños e outros elementos que sirvan de acubillo facilitando o asentamento e a reprodución de diversas especies.

4. Plan de erradicación de especies exóticas invasoras de fauna e flora. Co fin de evitar riscos derivados dunha intervención non apropiada, seguiranse as pautas referidas polos expertos en cada taxon ou en especies concretas.

a) Con carácter previo a calquera medida, terase en conta a análise científica para coñecer as necesidades e adoptar medidas adicionais de apoio ás poboacións, procurando evitar que medidas a priori correctoras poidan resultar negativas no seu conxunto.

b) Así mesmo, considerarase o contexto xeral normativo de protección de espazos e especies que atribúa as competencias de xestión á Xunta de Galicia.

5. Plan de control selectivo da especie Rattus norvegicus, co seguimento da súa evolución e dinámica poboacional, logo dos estudos biolóxicos previos sobre a funcionalidade desta especie no sistema ecolóxico das illas.

A adopción de iniciativas no marco deste plan deberá ser avaliada convenientemente polo Servizo de Patrimonio Natural da Coruña antes da súa implantación a fin de evitar posibles efectos negativos noutras especies que comparten o seu biótopo.

6. Plan de concienciación e información ambiental con paneis de interpretación dos valores do ENIL, así como das recomendacións relativas ao comportamento das persoas visitantes (vehículos, ruídos, luces, etc.), situados en varios puntos da costa inmediata ás illas de San Pedro.

No que atinxe aos programas de educación ambiental, o concello impulsará o desenvolvemento de actividades específicas orientadas a difundir os valores naturais do ENIL mediante mediante material impreso, produción multimedia, contidos dixitais e presenza na web e nas redes sociais.

7. Instalación dun observatorio para aves na costa máis próxima ao ENIL, desde o cal se levarán a cabo diversas actividades educativas.

CAPÍTULO V

Plan económico e previsións orzamentarias

Artigo 13. Orzamento

1. Para asegurar que se cumpran eficazmente os fins perseguidos coa declaración do ENIL Illas de San Pedro, o Concello da Coruña comprometeuse formalmente, no acordo adoptado polo Pleno do 26.10.2016, a poñer en práctica as medidas precisas para asegurar a conservación dos valores naturais que motivaron a declaración.

2. O concello consignará anualmente e con cargo aos orzamentos municipais as cantidades necesarias para acadar os fins da declaración do ENIL e desenvolver as medidas de conservación previstas no plan. En particular, estableceranse partidas destinadas a realizar as actuacións previstas no plan de conservación e definidas no capítulo IV (Medidas de xestión).

3. Entre as medidas de xestión, os orzamentos municipais inclúen partidas de gasto corrente e investimento destinados especificamente ao ENIL para desratización e control de pragas; sinalización, comunicación e divulgación. Ademais, a xestión do ENIL terase en conta nos contratos de servizos vixentes e futuros dos inventarios da flora e a fauna (Mapa da biodiversidade), educación ambiental, accións divulgativas (charlas, visitas aos arredores, etc.) ou eliminación de especies invasoras.

4. A distribución do gasto orzamentario previsto por anualidades será o seguinte:

Medida de xestión núm.

Descrición da medida

Ano 2020 (€)

Ano 2021 (€)

Ano 2022 (€)

Ano 2023 (€)

Ano 2024 (€)

Ano 2025 (€)

Total

(€)

1

Inventario das especies de flora, fauna e do estado dos hábitats, con actualizacións periódicas,coa finalidade de obter a información necesaria para adoptar as medidas correctoras oportunas en tempo e forma

6.000,00

6.500,00

12.500,00

2

Plan de limpeza, mantemento e rexeneración de zonas degradadas que comprenda a retirada total de lixo e residuos de calquera orixe que poidan comprometer a protección dos hábitats e da diversidade biolóxica, con seguimento periódico

1.000,00

1.000,00

1.000,00

1.000,00

1.000,00

1.000,00

6.000,00

3

Plan de fomento da biodiversidade, mediante o estudo da viabilidade de instalación de refuxios, niños e outros elementos que sirvan de acubillo facilitando o asentamento e a reprodución de diversas especies

2.000,00

2.000,00

4.000,00

4

Plan de erradicación de especies exóticas invasoras de fauna e flora. Co fin de evitar riscos derivados dunha intervención non apropiada, seguiranse as pautas referidas polos expertos en cada taxon ou en especies concretas

1.000,00

1.000,00

1.000,00

1.000,00

1.000,00

1.000,00

6.000,00

5

Plan de control selectivo da especie Rattus norvegicus, co seguimento da súa evolución e dinámica poboacional, logo dos estudos biolóxicos previos sobre a funcionalidade desta especie no sistema ecolóxico das illas

1.000,00

1.000,00

1.000,00

1.000,00

1.000,00

1.000,00

6.000,00

6

Plan de concienciación e información ambiental con paneis de interpretación dos valores do ENIL, así como das recomendacións relativas ao comportamento das persoas visitantes (vehículos, ruídos, luces, etc.), situados en varios puntos da costa inmediata ás illas de San Pedro.

No que atinxe aos programas de educación ambiental, o Concello impulsará o desenvolvemento de actividades específicas orientadas a difundir os valores naturais do ENIL mediante material impreso, produción multimedia, contidos dixitais e presenza na web e nas redes sociais

3.000,00

3.000,00

3.000,00

3.000,00

3.000,00

3.000,00

18.000,00

7

Instalación dun observatorio para aves na costa máis próxima ao ENIL, desde o cal se levarán a cabo diversas actividades educativas

50.000,00

50.000,00

Total anual

64.000,00

6.000,00

6.000,00

8.000,00

12.500,00

6.000,00

102.500,00

CAPÍTULO VI

Vixencia e revisión

Artigo 14. Vixencia

As determinacións deste plan de conservación entrarán en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e continuarán en vigor ata que se revise o plan polo cambio significativo e suficiente das circunstancias ou criterios que determinaron a súa aprobación. En calquera caso, na falta de modificacións excepcionais, o plan deberá revisarse pasados cinco anos.

Artigo 15. Extinción

A consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural poderá iniciar o expediente para retirar a condición de espazo protexido no caso de que non se cumpran as finalidades de conservación recollidas na declaración do espazo ou se detecten desviacións importantes respecto ao plan de conservación aprobado.

ANEXO II

Ámbito territorial de aplicación do Plan de conservación, límites
e planos do ENIL Illas de San Pedro

1. O ámbito territorial de aplicación do Plan de conservación coincide coa extensión e os límites cartografados para o ENIL Illas de San Pedro, declarado de xeito definitivo como ENIL pola Orde do 7 de abril de 2020.

Atópase no termo municipal da Coruña e conta cunha superficie de 13,00 ha.

2. Localízase nas follas 21-III da cartografía 1:25.000 do Instituto Xeográfico Nacional, na contorna do monte de San Pedro, no concello da Coruña. Abrangue o territorio emerxido do conxunto de illas situadas fronte ao lugar do Portiño, ata o límite da ribeira do mar.

A denominación que predomina para cada unha delas, tanto na tradición local como nas cartas mariñas é, de esquerda a dereita, Illa do Vendaval, Illa do Pé, As Tres Illas, o Aguillón e os illotes dos Fernandiños, O Rompedoiro e O Merlón.

3. Planos.

missing image file
missing image file