Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Martes, 28 de abril de 2020 Páx. 18838

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 7 de abril de 2020 pola que se declaran definitivamente como espazo natural de interese local as Illas de San Pedro, no concello da Coruña.

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, recoñece os espazos naturais de interese local (ENIL en diante) como unha das categorías en que se clasifican os espazos naturais protexidos. O artigo 17 desta lei establece que, por petición do concello e logo dos informes perceptivos pertinentes, a consellería competente en materia de conservación da natureza poderá declarar como ENIL aqueles espazos integrados no seu termo municipal que, polas súas singularidades, sexan merecedores dalgún tipo de protección dos seus valores naturais.

A declaración dun ENIL é competencia da consellería competente en materia de conservación da natureza, mentres que a responsabilidade e competencia da súa xestión é municipal. Así mesmo, a declaración dun ENIL non comporta a súa inclusión na Rede galega de espazos protexidos nin implicará a asignación de recursos económicos da Xunta de Galicia para a súa xestión e conservación.

A regulación dos ENIL recollida na Lei 9/2001, do 21 de agosto, foi desenvolvida polo Decreto 124/2005, do 6 de maio, polo que se regula a figura do espazo natural de interese local e a do espazo privado de interese natural. O artigo 4 deste decreto recolle a posibilidade que ten a consellería competente en materia de conservación da natureza de declarar, de xeito provisional, un ENIL por un prazo non superior a dous anos, prazo no cal as entidades promotoras deben presentar, como requisito imprescindible para a declaración definitiva do espazo natural, o seu plan de conservación.

Mediante a Orde do 2 de novembro de 2017 declarouse, de xeito provisional o ENIL Illas de San Pedro (DOG núm. 218, do 16 de novembro), localizado no concello da Coruña.

Tras a declaración provisional, e como requisito imprescindible para a súa declaración definitiva, o Concello da Coruña debía presentar ante a consellería competente o Plan de conservación do espazo. O concello formalizou a remisión electrónica dun documento base de plan o 16 de abril de 2018.

Este plan someteuse a participación pública o día 4 de xaneiro de 2019, de acordo co previsto no artigo 16 da Lei 27/2006, do 18 de xullo, que regula o dereito de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente e recibíronse achegas da asociación parroquial San Román de Doniños, do Grupo Naturalista Hábitat e da Sociedade Galega de Ornitoloxía.

O documento base foi corrixido e completado o día 19.2.2019 para incorporar a información relativa á delimitación da ribeira do mar e demais liñas asociadas ao deslindamento marítimo-terrestre, e foi sometido ao trámite de informes.

O Plan de conservación presentado cumpre cos contidos mínimos referidos no artigo 38 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, desenvolvidos polo Decreto 124/2005, do 6 de maio, e establece o réxime de uso e as actividades permitidas, así como as limitacións que se consideran necesarias para a conservación do espazo. En consecuencia, tras a realización dos trámites oportunos, o plan elevarase ao Consello da Xunta de Galicia para a súa aprobación mediante decreto, en cumprimento do artigo 40 da Lei 9/2001, do 21 de agosto.

Esta orde ten por obxecto declarar, de xeito definitivo, o espazo denominado Illas de San Pedro, no concello da Coruña, como ENIL, unha vez constatadas as singularidades que presenta este espazo natural que o fan merecente da protección dos seus valores naturais e tras a presentación do correspondente plan de conservación.

Polo exposto, no uso das atribucións que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Primeiro. Declaración definitiva de Illas de San Pedro como espazo natural de interese local

Declárase como ENIL o espazo denominado Illas de San Pedro, no concello da Coruña, por proposta deste concello.

Segundo. Límites

A extensión e límites do ENIL Illas de San Pedro son os sinalados no anexo desta orde.

Terceiro. Xestión

Será responsabilidade e competencia do Concello da Coruña a xestión do espazo natural Illas de San Pedro, de acordo co Plan de conservación que sexa aprobado polo Consello da Xunta de Galicia.

Cuarto. Efectos

1. A declaración definitiva de Illas de San Pedro como ENIL non comporta a súa inclusión na Rede galega de espazos protexidos.

2. A declaración definitiva de Illas de San Pedro como ENIL non implicará a asignación de recursos económicos da Xunta de Galicia para a súa xestión e conservación.

3. Con posterioridade á aprobación desta orde procederase á aprobación do correspondente plan de conservación, aprobación que deberá realizar o Consello da Xunta de Galicia, en cumprimento do artigo 40 da Lei 9/2001, do 21 de agosto.

Quinto. Extinción

1. Mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de conservación da natureza, poderase poñer fin aos efectos da declaración definitiva de Illas de San Pedro como ENIL se desaparecen as causas que motivaron a protección deste espazo protexido e non son susceptibles de recuperación ou restauración.

2. A consellería competente en materia de conservación da natureza poderá iniciar expediente para retirar a condición de espazo protexido no caso de que non se cumpran as finalidades de conservación recollidas na declaración do espazo ou se detecten desviacións importantes con respecto ao plan de conservación aprobado.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANEXO

Límites do ENIL Illas de San Pedro

1. O ámbito que se declara como ENIL localízase na contorna do monte de San Pedro, no concello da Coruña, e abrangue o territorio emerxido do conxunto de illas situadas fronte ao lugar do Portiño ata o límite da ribeira do mar. Coincide coa extensión e os límites establecidos para o ENIL Illas de San Pedro, declarado de xeito provisional pola Orde do 2 de novembro de 2017 (DOG núm. 218, do 16 de novembro).

2. O espazo conta cunha superficie de 13,00 ha e localízase nas follas 21-III da cartografía 1:25.000 do Instituto Xeográfico Nacional.

A denominación que predomina para cada unha das illas que conforman este espazo, tanto na tradición local como nas cartas mariñas é, de SW a NE, Illa do Vendaval, Illa do Pé, As Tres Illas, O Aguillón e os illotes dos Fernandiños, O Rompedoiro e O Merlón.

3. Plano:

missing image file