Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Martes, 28 de abril de 2020 Páx. 18843

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 16 de abril de 2020 pola que se modifican parcialmente a Orde do 17 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento TR301K, polo que se establecen as accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2019-2021, e a Orde do 17 de abril de 2019 pola que se procede á primeira convocatoria do procedemento TR301K pola que se subvencionan as accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para os exercicios 2019 e 2020, como consecuencia da situación creada pola evolución da epidemia do COVID-19.

Mediante a publicación no DOG número 86, do 7 de maio de 2019, da Orde do 17 de abril de 2019, a Consellería de Economía, Emprego e Industria estableceu as bases reguladoras, con vixencia 2019-2021, das subvencións para accións formativas dirixidas a persoas traballadoras desempregadas, procedemento TR301K, de tal maneira que concretaba os principios xerais contidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no relativo ás axudas para os cursos de formación profesional para o emprego, que teñen por obxecto a cualificación profesional das persoas traballadoras. Ao abeiro das ditas bases reguladoras, aprobaranse as sucesivas convocatorias, como xa aconteceu a través da primeira convocatoria, vixente durante os exercicios 2019 e 2020 (Orde do 17 de abril de 2019, DOG núm. 86, do 7 de maio de 2019).

Durante a execución das accións formativas financiadas con cargo á antedita convocatoria 2019-2020, entrou en vigor o Acordo do Consello da Xunta, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19 (DOG núm. 49-Bis, do 12 de marzo de 2020). Así mesmo, o Goberno de España ditou o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 (BOE núm. 67, do 14 de marzo de 2020) e o Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19 (BOE núm. 73, do 18 de marzo de 2020).

Polo tanto, á vista da situación excepcional creada pola epidemia do COVID-19, e das anteditas medidas adoptadas pola Xunta de Galicia e polo Goberno de España, cómpre modificar determinados artigos das bases reguladoras e da convocatoria do procedemento TR301K, xa que a execución das accións formativas foi suspendida, o que supón, pola cantidade de cursos e persoas alumnas afectadas, a necesidade de introducir certas flexibilizacións nos límites horarios de imparticións e adecuar o período máximo de execución das accións formativas.

A introdución destas medidas permitirá que moitas accións formativas vinculadas a sectores económicos con maior demanda de emprego na tempada estival poidan rematar antes do prazo inicialmente previsto e facilitar así a inserción laboral do alumnado, así como dotar de man de obra cualificada sectores produtivos clave. Así mesmo, permitirá unha reprogramación das accións formativas co obxecto de que as entidades que as imparten non se vexan na obriga de renunciar a elas, co conseguinte prexuízo que isto comportaría para as persoas traballadoras desempregadas e para as propias entidades beneficiarias.

Consecuentemente con todo o anterior, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Modificación das bases reguladoras do procedemento TR301K polo
que se establecen as accións formativas do Plan formativo para o emprego
(persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia
para o período 2019-2021

Artigo 1. Modificación do número 6 do artigo 7 das bases reguladoras

O número 6 do artigo 7 das bases reguladoras queda redactado do seguinte xeito:

«Unha mesma entidade beneficiaria non poderá ser adxudicataria de accións formativas que superen as 10 horas diarias por aula.

Con carácter xeral, o número de horas por acción formativa non superará as 5 por día, nin as 25 horas semanais, salvo para a realización das prácticas non laborais, en que o límite será de 8 horas por día e 40 horas semanais.

Poderanse impartir accións formativas de luns a sábado, inclusive.

No formulario de solicitude de aplicación SIFO, cada entidade solicitante deberá detallar as características dos cursos que solicita para cada unha das súas aulas, priorizando a orde en que os solicita, con especial referencia aos aspectos de número de horas, planificación temporal e contía, e indicará o total de horas por aula.

Non serán obxecto de adxudicación as accións formativas contidas en solicitudes en que se supere o referido límite de horas por aula.

A aplicación informática SIFO contará con controis específicos para garantir que se cumpran os requisitos sinalados neste punto; por tanto, o persoal técnico das xefaturas territoriais realizará verificacións por mostras estatísticas durante calquera das fases.

Logo da notificación da resolución de concesión das subvencións, a xefatura territorial, por mor da situación de emerxencia e alarma creadas pola pandemia do COVID-19, e mediante resolución motivada, poderá ampliar o referido límite máximo de horas diarias e semanais, especialmente, pero non exclusivamente, para os supostos de accións formativas dunha duración superior ás 500 horas ou de familias profesionais vinculados con sectores para os cales se prevexa unha gran contratación laboral en determinados períodos do ano, o que lle comunicará á entidade beneficiaria. Na resolución de autorización motivada de ampliación sinalarase o número de horas diarias e semanais máximas, consonte as directrices que ao respecto determine a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

As referidas resolucións de autorización de superación dos límites horarios xerais, diarios e semanais, poderanse ditar para calquera curso financiado con cargo ao procedemento TR301K na súa primeira convocatoria, á marxe de se a resolución de concesión da subvención se ditou nunha primeira fase ou se é consecuencia da existencia de crédito procedente de renuncias ou incorporacións orzamentarias».

CAPÍTULO II

Modificación da primeira convocatoria do Plan formativo para o emprego
(persoas traballadoras desempregadas) para os exercicios 2020 e 2021 (procedemento TR301K)

Artigo 2. Modificación do artigo 4

O artigo 4 da Orde do 17 de abril de 2019, pola que se procede á primeira convocatoria do procedemento TR301K pola que se subvencionan as accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para os exercicios 2019 e 2020, queda redactado do seguinte xeito:

«As accións formativas correspondentes á presente convocatoria non poderán comezar antes do 1 de setembro de 2019, polo que non se admitirá calquera solicitude que formule datas anteriores.

A data límite para o remate das accións formativas que se desenvolvan exclusivamente durante a anualidade 2019 será o 20 de decembro de 2019.

Para os cursos que se desenvolvan durante as anualidades 2019 e 2020 ou exclusivamente durante a anualidade 2020, a data límite para o remate das accións formativas será a que resulte de engadirlle ao 30 de setembro de 2020 o período de vixencia do Acordo do Consello da Xunta, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, e/ou do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, en función do que implique maior duración, e as súas correspondentes prórrogas.

En calquera caso, o inicio das accións formativas requirirá a validación previa de cumprimento de requisitos e condicións, a través da aplicación informática SIFO, por parte de persoal técnico da unidade administrativa competente».

Disposición adicional primeira. Ampliación de prazos

1. Durante o prazo de vixencia do Acordo do Consello da Xunta, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, e do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, amplíanse, pola vixencia do que, sumado ás correspondentes prórrogas, implique maior duración, todos e cada un dos prazos máximos referidos ao remate da execución, solicitude e pagamento de anticipos, pagamento e xustificacións, parciais e finais, dos gastos, así como liquidación, en todas as accións formativas financiadas con cargo ao procedemento TR301K, no marco das referidas bases reguladoras e primeira convocatoria.

2. As referidas ampliacións establécense sen prexuízo da suspensión do cómputo de prazos que resulta aplicable, polo mesmo período e circunstancias, a outros aspectos regulados nas sinaladas convocatorias e nas súas bases reguladoras, que sexan susceptibles de ampliación, concretamente, e sen carácter exclusivo: verificación da adecuada realización, presentación da solicitude de pagamento, conservación de documentación, realización do módulo de prácticas, solicitude de renuncia, etc.

Disposición derradeira única. Vixencia e entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e terá vixencia durante o período en que se amplíen os prazos consecuencia do Acordo do Consello da Xunta, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19 (DOG núm. 49-Bis, do 12 de marzo de 2020), e do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 (BOE núm. 67, do 14 de marzo de 2020), e as súas respectivas prórrogas.

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2020

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria