Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Martes, 28 de abril de 2020 Páx. 18848

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 17 de abril de 2020 pola que se establecen medidas de flexibilidade para a impartición de accións formativas financiadas por esta consellería no ámbito da formación profesional para o emprego, ante a suspensión temporal das accións de formación presenciais como consecuencia da situación e evolución do coronavirus (COVID-19).

Durante a execución das accións formativas financiadas con cargo a diversas convocatorias do período 2019-2020, entrou en vigor o Acordo do Consello da Xunta, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19 (DOG núm. 49 bis, do 12 de marzo). Pola súa vez, o Goberno de España ditou o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 (BOE núm. 67, do 14 de marzo), e o Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19 (BOE núm. 73, do 18 de marzo).

Polo tanto, á vista da situación excepcional creada pola epidemia de COVID-19, e das anteditas medidas adoptadas pola Xunta de Galicia e polo Goberno de España, faise necesario posibilitar a impartición das actividades formativas a través da modalidade de teleformación ou mediante aula virtual, para que poida continuar no posible e con garantía de seguimento e control, así como con calidade de impartición, a execución das accións formativas, sempre que o alumnado mostre o seu acordo, se respecten os requisitos exixidos normativamente e se garantan as actividades de seguimento e control necesarias.

Estas medidas, dadas as especiais características que reúnen as accións formativas que se imparten no ámbito da formación profesional para o emprego, requiren que a súa vixencia non se circunscriba ao ámbito temporal en que estea en vigor o estado de alarma no noso país, de maneira que nesta orde non se establecen máis límites temporais neste sentido que os que correspondan a cada un dos procedementos que subvencionan as accións formativas e normativa que os modifique.

Consecuentemente con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO ÚNICO

Disposicións xerais sobre a flexibilidade na modalidade de impartición de accións formativas financiadas por esta consellería

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. A presente orde ten por obxecto o establecemento de medidas de flexibilidade en canto á modalidade de impartición das accións formativas financiadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria no ámbito da formación profesional para o emprego, para paliar os efectos do impacto económico e social derivado da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 e do estado de alarma para a súa xestión declarado polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, coa finalidade de optimizar a empregabilidade das persoas traballadoras, desempregadas e ocupadas, e contribuír á mellora da competitividade dos diferentes sectores económicos de Galicia.

2. As entidades beneficiarias das subvencións enmarcadas nos procedementos que se sinalan no punto 3 poderán solicitar o cambio da modalidade presencial pola modalidade de teleformación para a impartición de accións de formación profesional para o emprego, nos termos que se establecen nesta orde.

Así mesmo, as entidades beneficiarias de subvencións para accións formativas na modalidade presencial poderán solicitar a impartición dunha parte ou da totalidade da correspondente especialidade formativa mediante aula virtual, que seguirá tendo a consideración de formación presencial.

Segundo o punto primeiro da disposición adicional cuarta da Orde TMS/369/2019, do 28 de marzo, pola que se regula o Rexistro Estatal de Entidades de Formación do Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, así como os procesos comúns de acreditación e inscrición das entidades de formación para impartir especialidades formativas incluídas no Catálogo de especialidades formativas, considérase aula virtual a contorna de aprendizaxe onde a persoa titora-formadora e o alumnado interactúan, de forma concorrente e en tempo real, a través dun sistema de comunicación telemático de carácter síncrono que permita levar a cabo un proceso de intercambio de coñecementos co fin de posibilitar unha aprendizaxe das persoas que participan na aula.

3. Poderán autorizarse as medidas de flexibilidade previstas nesta orde para as entidades beneficiarias das subvencións para impartición de accións formativas, reguladas polas seguintes convocatorias:

a) Orde do 17 de abril de 2019 pola que se procede á primeira convocatoria do procedemento TR301K pola que se subvencionan as accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para os exercicios 2019 e 2020.

b) Orde do 13 de agosto de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2019-2021 e se procede á primeira convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas para os exercicios 2019-2020 (código de procedemento TR301P).

c) Orde do 17 de decembro de 2019 pola que se procede á segunda convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas para os exercicios 2020-2021 (código de procedemento TR301P).

d) Orde do 16 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de unidades formativas dirixidas á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas para o período 2019-2021, cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á primeira convocatoria, correspondente aos exercicios 2019-2020.

e) Orde do 2 de maio de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións no marco do Plan de formación para o emprego (persoas traballadoras ocupadas) e se procede á súa convocatoria para os exercicios 2019 e 2020.

4. No caso de accións impartidas na rede de centros públicos da Xunta de Galicia, poderánselles aplicar as disposicións desta orde en todos aqueles aspectos en que o permita o instrumento xurídico en virtude do cal se financian, baixo a autorización e supervisión dos equipos directivos e docentes, de ser o caso, de cada centro, e a dirección dos servizos periféricos da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Subdirección Xeral de Promoción Laboral.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

1. Para solicitar os cambios tendentes á flexibilidade previstos nesta orde, as entidades beneficiarias das subvencións relacionadas no artigo 1.3 deberán manter, polo menos, o persoal medio dos últimos 6 meses anteriores á declaración do estado de alarma. Para estes efectos, computaranse como cadro de persoal as persoas traballadoras que fosen afectadas por expedientes temporais de regulación de emprego (ERTE).

Ademais, deberán presentar xunto coa súa solicitude:

a) Documentación que acredite que todas e cada unha das persoas alumnas da acción formativa foron debidamente informadas das consecuencias de participar na modalidade de teleformación ou mediante aula virtual, incluída a perda do dereito para beneficiarse de bolsas e axudas, e que mostran o seu acordo expreso ao cambio.

Sen este consentimento informado de todo o alumnado da acción formativa, que ademais deberá cumprir cos requisitos exixibles para participar na impartición mediante teleformación ou aula virtual, non se poderá autorizar a solicitude.

b) Declaración responsable de que a entidade facilitará a todo o alumnado da acción formativa os suficientes medios técnicos e didácticos que permitan o cambio que se solicita, con enumeración de cales son estes medios, que ademais, como mínimo, se deberán referir á habilitación e posta á disposición dun número de teléfono e dun enderezo de correo electrónico que recolla e resolva as dúbidas, incidencias ou problemas de uso e manexo.

Ademais, deberá acompañarse con documentación mediante a cal o alumnado explicite que dispón de medios técnicos suficientes e adecuados, propios ou facilitados pola entidade, para participar adecuadamente na acción formativa.

c) Acreditación técnica e documental da tecnoloxía e/ou aplicación informática que se utilizará para verificar a asistencia do persoal docente e titor, así como do alumnado, mediante control biométrico, DNI electrónico, sinatura dixital ou método similar que garanta a identificación correcta das persoas, ademais dos métodos para seguir o número de horas de conexión, realización de exercicios prácticos e a superación de controis periódicos.

3. No caso de entidades que queiran solicitar a modificación da modalidade presencial de impartición á modalidade de teleformación, deberán acreditar, ademais, que dispoñen na data de solicitude da totalidade dos seguintes requisitos con respecto á especialidade formativa pola cal recibiron a correspondente subvención:

a) Plataforma acreditada polo Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) para impartir na modalidade de teleformación.

b) Persoas titoras-formadoras acreditadas para impartir e titorizar a dita especialidade na modalidade de teleformación, conforme as exixencias da normativa aplicable.

4. As entidades que soliciten a utilización de aula virtual para a impartición total ou parcial da acción formativa para a cal recibiron a subvención tamén deberán presentar:

a) Acreditación técnica e documental de que a formación se estrutura e se organiza de forma que se garanta, en todo momento, que exista conectividade sincronizada entre a persoa formadora e o alumnado participante, así como bidireccionalidade nas comunicacións.

b) Acreditación técnica e documental de existencia dun rexistro de conexións xerado pola aplicación da aula virtual en que se identifiquen, para cada acción formativa desenvolvida a través deste medio, as persoas participantes na aula, así como as súas datas e tempos de conexión, así como contar cun mecanismo que posibilite a conexión durante o tempo de impartición da aula por parte dos órganos de control, para os efectos das actuacións de seguimento e control previstas nesta orde.

5. Os servizos de orientación e promoción laboral da xefatura territorial en cuxo ámbito teña lugar a impartición da acción formativa para a cal se presenta a solicitude correspondente serán a unidade competente para a revisión do cumprimento dos requisitos e a que emitirá, en consecuencia, a proposta de resolución.

No caso de que non se cumpran todos e cada un dos anteriores requisitos, a proposta e a consecuente resolución terán carácter desestimatorio.

Artigo 3. Execución da formación

1. A impartición das accións formativas que se suspenderon por mor da entrada en vigor do Acordo do Consello da Xunta do 12 de marzo de 2020, e da declaración do estado de alarma polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, poderá restablecerse na modalidade de teleformación ou a través de aula virtual, segundo o caso, despois da notificación da resolución de autorización que acepte a solicitude formulada con fundamento nesta orde.

2. Tamén se poderá solicitar o cambio á modalidade de teleformación da impartición das accións formativas non iniciadas pendentes de execución no momento da entrada en vigor desta orde que se inicien durante o estado de alarma ou unha vez finalizado, cuxa modalidade fose presencial, así como a parte presencial da modalidade mixta.

O cambio de modalidade de impartición a teleformación ou o uso de aula virtual non terá efectos na puntuación da valoración técnica obtida.

O cambio de modalidade poderase autorizar sempre que a dita modalidade de teleformación figurase para a correspondente especialidade formativa no Catálogo de especialidades formativas do SEPE e se cumpran todos os requisitos exixidos nesta orde.

Ademais, a entidade que imparta a formación deberá demostrar que se atopaba acreditada ou rexistrada para impartir a formación na modalidade de teleformación para a respectiva especialidade antes da publicación desta orde.

3. En todo caso, cando se cambie de modalidade formativa a teleformación ou se pase a realizar a parte de modalidade presencial mediante aula virtual, deberase garantir a transmisión de coñecementos e o desenvolvemento dos obxectivos e contidos previstos nas accións formativas.

A entidade beneficiaria verase obrigada a continuar a impartición da acción formativa en modalidade presencial, sen que isto poida supoñer incremento do importe da subvención, e deberá asumir, polo tanto, os posibles sobrecustos, nos supostos de execución deficiente en que quede acreditado o incumprimento da antedita garantía, entendéndose que esta, como mínimo e entre outros aspectos de calidade que teñan fundamento na normativa de formación profesional para o emprego, se referirá ao mantemento de todos e cada un dos requisitos exixidos no artigo 2.

No caso de que algunha persoa alumna non poida ou non queira continuar a formación na modalidade de teleformación ou a través de aula virtual, a entidade garantirá a impartición da formación de forma presencial que quede pendente de cursar ao finalizar a suspensión das actividades formativas, e deberá asumir tamén nestes casos a entidade beneficiaria os posibles sobrecustos.

Aínda que, en virtude do anterior, exista, dentro dunha mesma acción formativa, diversidade de alumnado en canto ao modo en que participe na formación, considerarase, para os efectos de execución, que se trata dun único grupo de participantes na mesma acción formativa.

4. Serán de aplicación ao alumnado que participe en accións formativas autorizadas para converterse en modalidade de teleformación ou utilización de aula virtual as disposicións que sobre incumprimentos de horarios e ausencias se prevexan nas bases reguladoras e convocatorias que as financien.

Artigo 4. Certificados de profesionalidade

1. Nos supostos de impartición das accións formativas destinadas á obtención de certificados de profesionalidade, permitirase o cambio de modalidade de impartición de presencial a teleformación cando afecte módulos formativos completos e a entidade beneficiaria estea acreditada no correspondente rexistro para impartir o mesmo certificado na modalidade de teleformación. En todo caso, a impartición na modalidade de teleformación efectuarase de acordo coas especificacións respecto diso establecidas para o respectivo certificado na normativa de aplicación.

Así mesmo, poderase realizar ou continuar a impartición na modalidade de teleformación das accións formativas vinculadas a certificados de profesionalidade, salvo as titorías presenciais e as probas finais de avaliación de cada módulo formativo, que se terán que realizar de maneira presencial con posterioridade á finalización do estado de alarma.

Para ese efecto, a entidade que imparta o certificado de profesionalidade axustará a planificación e programación didáctica, así como a planificación da avaliación da aprendizaxe da acción formativa, ás novas datas e horario de realización das sesións e probas presenciais, e deberá, en todo caso, completar o total das horas do certificado de profesionalidade.

2. A impartición mediante aula virtual non será de aplicación a aqueles contidos presenciais do certificado de profesionalidade que requiran a utilización de espazos, instalacións e/ou equipamentos para a adquisición de destrezas prácticas. Estes contidos deberanse impartir con posterioridade á finalización do estado de alarma, dentro do prazo de execución da acción formativa.

En todo caso, as probas presenciais da avaliación final de cada módulo formativo realizaranse con posterioridade á finalización do estado de alarma, dentro do prazo de execución da acción formativa.

Para estes efectos, cando sexa preciso, a entidade beneficiaria que imparta o certificado de profesionalidade axustará a planificación e programación didáctica, así como a planificación da avaliación da aprendizaxe da acción formativa, ás novas datas e horario de realización das sesións e probas presenciais, e deberá, en todo caso, completar o total das horas do certificado de profesionalidade.

3. A realización do módulo de formación práctica en centros de traballo suspendida durante o estado de alarma ou pendente de realizar deberase desenvolver presencialmente, unha vez finalizada a vixencia do estado de alarma.

Artigo 5. Custos e xustificación económica

1. Nos casos de cambio de modalidade de impartición a teleformación, para a realización da xustificación económica, a determinación do alumnado subvencionable e o cálculo da liquidación, aplicaranse os módulos económicos fixados para cada especialidade formativa en modalidade de teleformación polo SEPE e nos supostos en que non exista un módulo económico específico, en atención aos máximos determinados pola normativa aplicable no ámbito da formación profesional para o emprego.

O custo do módulo aplicable a unha acción formativa en modalidade presencial que se pase a impartir mediante aula virtual manterase para o número total de horas impartidas a través da dita aula virtual.

No caso de accións formativas que se impartan na modalidade de teleformación ou que se impartan mediante aula virtual, non se considerarán financiables os gastos de transporte, manutención e aloxamento das persoas participantes e formadoras.

A imputación de custos laborais, alugueiros, de espazos e equipamentos, instalacións e calquera outro que sexa ineludible para as entidades de formación e para as empresas durante o período de suspensión, que estean acreditados, poderán ser xustificables, sen que supoña un incremento do custo máximo financiable, cando se trate de formación financiada mediante subvencións.

As previsións deste punto non serán aplicables ás accións formativas financiadas con cargo á convocatoria do procedemento TR301K, nos termos do punto 2 deste artigo.

2. No caso das accións formativas subvencionadas con cargo á Orde do 17 de abril de 2019 pola que se procede á primeira convocatoria do procedemento TR301K pola que se subvencionan as accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para os exercicios 2019 e 2020, por canto utiliza a metodoloxía dos custos simplificados, as especialidades formativas que se pasen a impartir en modalidade de teleformación ou que fagan uso de aula virtual serán liquidadas nas partes ou módulos afectados a razón de multiplicar o número de horas efectivamente así executadas, polo número de persoas alumnas cuxa participación se comprobase, polo 70 % do importe do módulo económico €/hora/persoa alumna que para a correspondente especialidade formativa se prevé no anexo I da orde de convocatoria.

3. A liquidación que terá dereito a percibir a entidade beneficiaria virá determinada polo sumatorio dos cálculos de liquidación nas distintas modalidades de impartición realizadas para cada un dos módulos ou partes da acción formativa, de maneira que se diferencien na suma os importes correspondentes, de ser o caso, á modalidade presencial, á modalidade presencial mediante aula virtual e á modalidade de teleformación.

En todo caso, a cantidade que se aboará á entidade beneficiaria da subvención por cada acción formativa despois do dito sumatorio non poderá superar a subvención concedida orixinalmente.

Para a modalidade presencial aplicaranse os métodos de cálculo que estableza cada orde de bases reguladoras e convocatoria, mentres que para as horas impartidas despois da autorización do cambio á modalidade presencial mediante aula virtual ou a modalidade de teleformación se aplicará esta orde para calcular a liquidación correspondente en exclusiva ao alumnado que participase na totalidade das horas correspondentes e, subsidiariamente, aqueles aspectos que resulten aplicables das bases reguladoras e convocatoria.

Artigo 6. Presentación de solicitudes e utilización de medios electrónicos

1. A presentación de solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://emprego.xunta.es/forman mediante FORMAN, ou na ligazón directa https://sede.xunta.gal, e sempre dentro do prazo de vixencia do Acordo do Consello da Xunta, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, das súas correspondentes prórrogas e das consecuentes prolongacións do prazo de execución que se determinen para as accións formativas financiadas polas convocatorias a que afecta esta orde.

2. As solicitudes, ademais da documentación exixida nesta orde, deberán incluír unha memoria explicativa en que se refiran os motivos da solicitude e a/as acción/s formativa/s, co seu correspondente código identificativo.

Ademais, na dita memoria deberá facerse mención:

– Ás partes da especialidade ou módulos formativos afectados, e número de horas previstas, para a modalidade de teleformación ou mediante aula virtual.

– Ao calendario proposto.

– A metodoloxía de traballo.

3. As solicitudes deberán dirixirse ás seguintes unidades administrativas, en función do tipo de convocatoria que financia a actividade formativa para a que se pide a flexibilidade de impartición:

a) Subdirección Xeral de Promoción Laboral: accións formativas subvencionadas polos procedementos TR302A, TR301P e TR310A.

b) Servizos de orientación e promoción laboral das xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria: accións formativas subvencionadas con cargo ao procedemento TR301K.

4. Todas as comunicacións entre as entidades beneficiarias e a unidade administrativa competente deberán efectuarse a través de medios electrónicos.

5. Exixirase o uso de medios electrónicos para garantir a asistencia das persoas participantes nas accións formativas sempre que quede debidamente acreditada a súa identidade.

Artigo 7. Sinatura dixitalizada ou con datos biométricos

Permítese a sinatura electrónica das persoas responsables de formación, persoas formadoras e alumnado mediante captura de sinatura dixitalizada ou con datos biométricos en calquera dos documentos que precisen da súa sinatura, que terá que estar asociada ao correspondente NIF ou DNI.

O sistema de captura de sinatura dixitalizada deberá garantir, en todo caso, a autenticidade dos datos correspondentes a ela.

Permitirase o uso de medios electrónicos para garantir a asistencia das persoas participantes, sempre que quede debidamente acreditada a identidade das persoas asinantes e se reúnan os requisitos de seguridade xurídica exixidos na normativa reguladora e nesta orde.

Artigo 8. Seguimento e control

1. Serán órganos e unidades administrativas competentes para o seguimento e control das actividades autorizadas con fundamento nesta orde os mesmos que exerzan estas funcións con respecto ao procedemento mediante o cal se financian as accións formativas afectadas.

2. Nas actuacións de seguimento e control que se realicen terase en conta o seguinte:

a) No caso da formación cuxo proceso de aprendizaxe se desenvolva mediante aula virtual, deberase facilitar, por pedimento dos órganos de control, a información e os instrumentos técnicos necesarios para o exercicio das actuacións de seguimento e control da actividade formativa, tanto en tempo real como ex post.

Para ese efecto, deberanse poñer ao dispor dos órganos de control os medios necesarios para poder realizar a conexión durante a impartición da formación, co fin de comprobar a execución da actividade formativa e o cumprimento dos requisitos legalmente previstos.

Así mesmo, o sistema técnico empregado deberá estar habilitado para xerar rexistros de actividade ao dispor dos órganos de control, co fin de comprobar, unha vez finalizada a formación, os tempos de conexión detallados de cada participante e permitir unha identificación deles.

b) Durante as actuacións de seguimento, co obxecto de documentalas, poderanse solicitar as sinaturas das persoas responsables de formación, persoas formadoras e alumnado, nos documentos de recollida de datos, mediante captura de sinatura dixitalizada con datos biométricos.

3. As actividades de seguimento e control deberán velar polo cumprimento da normativa en materia de formación profesional para o emprego que sexa de aplicación e, especialmente, do establecido nas correspondentes bases reguladoras e ordes de convocatoria, así como na Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, pola que se desenvolve o Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, en relación coa oferta formativa das administracións competentes e o seu financiamento, e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento, e na Orde TMS/369/2019, do 28 de marzo, pola que se regula o Rexistro Estatal de Entidades de Formación do Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, así como os procesos comúns de acreditación e inscrición das entidades de formación para impartir especialidades formativas incluídas no Catálogo de especialidades formativas.

4. A carencia de medios ou a obstrución da actividade de seguimento e control será motivo suficiente para non autorizar as solicitudes presentadas ou para ditar resolución de revogación da autorización que, de ser o caso, se outorgase, logo da proposta do Servizo de Orientación e Promoción Laboral da xefatura territorial correspondente.

Artigo 9. Resolución e instrución do procedemento

1. O Servizo de Orientación e Promoción Laboral da xefatura territorial en cuxo ámbito teña lugar a impartición da acción formativa para a cal se presenta a solicitude correspondente será a unidade competente para a instrución do procedemento e revisión do cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e na normativa aplicable.

2. A persoa titular da xefatura do Servizo de Orientación e Promoción Laboral emitirá a proposta de resolución correspondente, en función dos resultados das tarefas de instrución e tramitación, e encargarase de que se dea traslado ao órgano competente para ditar a resolución.

3. Serán órganos competentes para resolver, no ámbito desta orde, os seguintes:

a) A Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, no caso de accións formativas financiadas a través das convocatorias dos procedementos TR301P, TR302A e TR310A.

b) As xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria, para aquelas accións formativas subvencionadas mediante a convocatoria do procedemento TR301K.

Disposición adicional primeira. Marco temporal

A autorización de solicitudes con fundamento nesta orde non supoñerá, en ningún caso, a ampliación do prazo exixido para a finalización das accións formativas beneficiadas máis alá do período de execución que lles sexa aplicable, polo que se deberán adecuar ao establecido nas bases reguladoras e convocatorias de subvencións que as financian, así como as ordes que as modificasen, especialmente para ampliar os prazos de execución en consonancia cos períodos de vixencia do Acordo do Consello da Xunta, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, e das súas correspondentes prórrogas.

Disposición adicional segunda. Bolsas e axudas

O alumnado que participe nas accións formativas ás que se autorice a conversión á modalidade de teleformación ou a impartición mediante aula virtual perderá o seu dereito a percibir, durante o período correspondente, as bolsas e axudas subvencionadas con cargo ao procedemento TR301V, con excepción da bolsa de asistencia para persoas con discapacidade, a axuda á conciliación e a axuda para mulleres vítimas de violencia de xénero, que se poderán seguir financiando, sempre que quede debidamente acreditada a asistencia.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2020

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria