Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Xoves, 30 de abril de 2020 Páx. 18920

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 64/2020, do 12 de marzo, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Ames do treito da estrada AC-543 comprendido entre o punto quilométrico 6+250 e o punto quilométrico 8+390.

Segundo o teor do artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Ames e a Axencia Galega de Infraestruturas asinaron un convenio de colaboración para levar a cabo a mellora do firme do treito da estrada AC-543 entre o punto quilométrico 6+250 (glorieta da AG-56) e o punto quilométrico 8+390 (límite co Concello de Brión). A cláusula 3ª deste convenio recolle como obriga do concello aceptar a transferencia de titularidade e asinar a acta de entrega do treito obxecto de convenio antes da licitación das obras.

A estrada AC-543 discorre por solo clasificado como urbano polo vixente PXOM do Concello de Ames. Conta con marcadas características urbanas, está integrado no tecido urbano do núcleo de Bertamiráns e presenta un tráfico rodado de ámbito local. Por outro lado, a vía de alta capacidade AG-56 nos municipios de Ames e Brión articúlase como alternativa viaria á estrada AC-543, polo que a transferencia do treito obxecto de convenio non supón a interrupción da Rede autonómica de estradas de Galicia e pode ser transferida ao concello segundo o estipulado no número 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito que se define no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día doce de marzo de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Ames do treito:

Clave

Denominación

PQi

Coordenadas UTM (ETRS89)

PQf

Coordenadas UTM (ETRS89)

AC-543

Vidán (Rotonda de Brandía)-Noia (AC-550)

6+250

X = 529.519

Y = 4.745.602

8+390

X = 527.604

Y = 4.744.859

Modificar o Decreto 308/2003, do 26 de xuño, polo que se aproba a relación de estradas de titularidade autonómica da Comunidade Autónoma de Galicia, corrixindo a nomenclatura da AC-543 da seguinte maneira:

Estrada

Rede

Denominación

Clave anterior

AC-543

PB

Vidán (Rotonda de Brandía)-Noia (AC-550)

C-543

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Ames deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Correspóndenlle ao Concello de Ames, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de marzo de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade