Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Luns, 4 de maio de 2020 Páx. 18985

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 30 de abril de 2020 pola que se modifica a Orde do 13 de abril do 2020 pola que se crea unha canle alternativa para a comercialización de produtos agrogandeiros de proximidade con motivo da suspensión de actividades comerciais derivada da entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

A Orde do 13 de abril do 2020, da Consellería do Medio Rural, pola que se crea unha canle alternativa para a comercialización de produtos agrogandeiros de proximidade con motivo da suspensión de actividades comerciais derivada da entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara en todo o territorio nacional o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, foi ditada a fin de paliar a falta de saída comercial ao mercado das producións do sector primario, que tiñan a súa canle natural de comercialización a través de mercados locais, a hostalaría e a restauración.

Ante a imposibilidade de empregar eses ámbitos de comercialización de produtos agrogandeiros derivada das medidas de suspensión adoptadas, coa conseguinte repercusión económica para o sostemento de familias e explotacións do sector primario galego, a Orde do 13 de abril articulou unha canle alternativa para a saída deses produtos ao mercado, a fin de conter así a perda de recursos do sector. Para tal efecto, púxose en funcionamento a rede Mercaproximidade para a venda desas producións frescas e de calidade achegando os operadores do sector primario e as grandes cadeas de distribución, empresas de subministración de colectividades, plataformas on line de comercialización de produtos agroalimentarios e similares, coa finalidade da que chegasen ás persoas consumidoras. Ademais, e ligado ao anterior, conseguiríase que a propia demanda destes produtos de orixe e calidade recoñecida polas persoas consumidoras finais, a través da divulgación da rede Mercaproximidade e o fomento do consumo deses produtos, actuae tamén como elemento catalizador para a viabilidade e mantemento do sector agrogandeiro galego.

Deste xeito, xa desde o primeiro momento de aplicación da orde se evidencia que a divulgación e o coñecemento cada vez maior da rede por parte das persoas consumidoras determina que estas reclamen unha presenxa máis activa na revitalización da venda das nosas producións agrogandeiras e, por tanto, na propia rede, polo que cómpre modificar a orde para recoller a posibilidade de que os/as consumidores/as acudan á rede como compradores directos das ditas producións.

Igualmente, a extensión temporal do estado de alarma pola pandemia e a súa incidencia no ámbito socioeconómico precisa dalgún axuste canto aos requisitos para a adhesión á rede por parte das industrias de transformación de produtos agrogandeiros.

Polo exposto, no marco das competencias exclusivas que corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de ordenación, fomento e mellora da produción agrogandeira, a protección e control da sanidade animal e vexetal, a defensa da produción nos cultivos vexetais agrícolas e os seus produtos, e dos procedementos relacionados coa seguranza alimentaria das producións primarias agrícolas e gandeiras, segundo o previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, o Decreto 149/2018, do 5 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, e de conformidade co establecido no Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, e demais disposicións do corpo normativo ditado en sede do estado de alarma decretado por razón da emerxencia sanitaria COVID-19 actualmente existente,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 13 de abril do 2020 da Consellería do Medio Rural pola que se crea unha canle alternativa para a comercialización de produtos agrogandeiros de proximidade con motivo da suspensión de actividades comerciais derivada da entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara en todo o territorio nacional o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19

Un. Modifícase o número 2 do artigo 1 que queda redactado como segue:

2. A canle alternativa funcionará mediante a posta en contacto por parte da Consellería de Medio Rural dos agricultores, gandeiros e industrias de transformación de productos agrogandeiros que se adhiran á ela cos establecementos de comercialización a que se refire o punto primeiro do artigo 4.

Asimesmo, e sen prexuízo do anterior, as persoas agricultoras, gandeiras e as titulares de industrias de transformación de produtos agrogandeiros adheridas á rede poderán vender directamente as súas producións ás persoas consumidoras finais. Para tal efecto, na páxina web a que se refire o punto seguinte, os ditos operadores poderán identificarse debidamente como subministradores directos ás persoas consumidoras.

Dous. Modifícase o número 1 do artigo 3, que queda redactado como segue:

1. Os operadores deberán manifestar expresamente a súa adhesión á rede, a través dun correo electrónico dirixido a mercaproximidade@xunta.gal indicando para tal efecto os seus datos de contacto, concretamente un enderezo electrónico, os datos básicos da explotación e o tipo de producións.

Coa adhesión á rede achegarase unha declaración responsable en que se faga constar expresamente a imposibilidade de canalizar a saída comercial da súa produción polas vías habituais, os mercados locais tradicionais, hostalaría e restauración e que esa vía supón como mínimo o 50 % dos seus ingresos. Sen prexuízo das facultades de comprobación, control e inspección por parte da Administración para a verificar o contido da dita declaración responsable, de conformidade co disposto no artigo 69.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O requisito da exixencia de declarar que o 50 % como mínimo dos ingresos procede das vendas nos mercados locais tradicionais, hostalaría e restauración a que se refire o parágrafo anterior exceptúase para as persoas titulares de industrias de transformación de produtos agrogandeiros por considerarse necesario para a mellor saída dos produtos transformados por esas industrias en beneficio dos produtores da materia prima correspondente.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2020

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural