Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Luns, 4 de maio de 2020 Páx. 18983

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

DECRETO 67/2020, do 12 de marzo, de creación do colexio de educación infantil e primaria Novo Mesoiro, no concello da Coruña.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece que é competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis, graos, modalidades e especialidades, e o artigo 16.1.b) do Decreto 138/2018, do 8 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional (DOG núm. 219, do 16 de novembro), atribúe a competencia para elaborar propostas de creación de centros escolares á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

A creación deste centro docente de educación infantil e primaria mellorará as condicións de escolarización e a oferta educativa na zona de Mesoiro, no concello da Coruña.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, en exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día doce de marzo de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo único. Creación dun colexio de educación infantil e primaria

Créase o colexio de educación infantil e primaria Novo Mesoiro, no concello da Coruña (código 15033228), con capacidade para 6 unidades de educación infantil e 12 unidades de educación primaria.

Disposición adicional única. Situación do profesorado

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional determinará as necesidades de acordo coa normativa aplicable.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da consellería con competencias en materia de educación para ditar, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para executar e desenvolver este decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de marzo de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional