Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Luns, 4 de maio de 2020 Páx. 19042

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 5 de marzo de 2020 pola que aproban as bases para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento CT207A).

BDNS (Identif.): 499078.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas (autónomas) ou xurídicas constituídas como produtoras audiovisuais independentes cunha antigüidade mínima e sen interrupcións dun ano e dadas de alta cunha antigüidade mínima e sen interrupcións dun ano na epígrafe IAE 961.1 e con sucursal ou oficina permanente polo menos un ano, previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que formen parte do acordo que establece a Área Económica Europea e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia.

Por produtor independente enténdese, para os efectos desta convocatoria, toda persoa física (autónoma) ou xurídica privada que teña a iniciativa e asuma a responsabilidade na produción audiovisual e non sexa obxecto de influencia dominante por parte dun prestador de servizo de comunicación/difusión audiovisual nin dun titular de canle televisiva privada, nin, pola súa parte, exerza unha influencia dominante, tal e como establece a Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, artigo 4.n).

Cando a persoa xurídica sexa unha agrupación de interese económico (AIE), os requisitos citados deberán ser cumpridos por todas as empresas que a integran no momento da súa constitución

Segundo. Finalidade

Fixar as bases que regularán o réxime de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, establecidas pola Agadic para contribuír ao fomento da produción da actividade audiovisual galega, dentro do marco das competencias deste organismo, e proceder á súa convocatoria para o ano 2020.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 5 de marzo de 2020 pola que aproban as bases para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento CT207A).

Cuarto. Importe

O importe global máximo para o financiamento da presente convocatoria será de 2.500.000 euros, distribuídos por anualidades: 250.000 euros para o exercicio 2020, 563.000 euros para o exercicio 2021, 723.000 euros para o exercicio 2022 e 964.000 euros para o exercicio 2023, suma que irá con cargo á aplicación orzamentaria 11.A1.432B.770.0 do orzamento de gasto da Agadic, coa seguinte distribución:

2020

2021

2022

2023

Modalidade A, B, C e E

220.000

503.000

723.000

964.000

Modalidade D

30.000

60.000

Total

250.000

563.000

723.000

964.000

– 90.000 euros para a modalidade D, con carácter bianual: 30.000 euros para a anualidade 2020 e 60.000 euros para a anualidade 2021.

– 2.410.000 euros, para o resto das modalidades, con carácter cuadrianual: 220.000 euros para a anualidade 2020, 503.000 euros con cargo ao exercicio 2021, 723.000 euros con cargo ao exercicio 2022 e 964.000 euros con cargo ao exercicio 2023. Deste orzamento, 1.687.000 euros resérvanse para as modalidades A1, A2, B e C, sen prexuízo de reasignar as cantidades entre as distintas modalidades se non hai suficientes proxectos que acaden a puntuación exixida.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2020

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega
das Industrias Culturais