Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Xoves, 7 de maio de 2020 Páx. 19204

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 27 de abril de 2020, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, pola que se adía a realización das probas para a obtención dos títulos que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer na Comunidade Autónoma de Galicia para a convocatoria de maio, debido á situación de estado de alarma declarado polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, en que se declara o estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

A Xunta de Galicia establece diversas cuestións na Resolución do 12 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de marzo de 2020, polo que se aproba o Protocolo de actuación para o persoal empregado publico da Administración da Xunta de Galicia en relación co coronavirus COVID-19, e na Resolución do 12 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan as medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

O Real decreto 492/2020, do 24 de abril, prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, en que declara o estado de alarma para a xestión da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 (BOE núm. 67, do 14 de marzo), ata o 10 de maio de 2020. A prórroga establecida neste real decreto estenderase desde as 00.00 horas do día 26 de abril de 2020 ata as 00.00 horas do día 10 de maio de 2020 e someterase ás mesmas condicións establecidas no Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, e as súas modificacións.

Tendo en conta que a Consellería do Mar, a través da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, ten previsto realizar os exames ordinarios teóricos e prácticos para a obtención das titulacións que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer e motos náuticas na Comunidade Autónoma de Galicia no mes de maio, e que ás ditas probas pode concorrer un número importante de aspirantes e que moitos se desprazan desde diversas poboacións da Comunidade Autónoma de Galicia e doutras comunidades autónomas, esta dirección xeral, no uso das funcións atribuídas no Decreto 168/2015, do 15 de novembro, acorda o seguinte: 

Primeiro. Suspender a realización das probas para os días 11, 12, 13, 14 e 15 de maio de 2020, que se indican na Resolución do 3 de febreiro de 2020, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, pola que se convocan exames ordinarios teóricos e prácticos para a obtención das titulacións que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer e motos náuticas na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 30, do 13 de febreiro).

Segundo. As persoas interesadas que presentasen a solicitude para participar na convocatoria indicada no punto primeiro poderán participar nalgunha das seguintes convocatorias que se realicen durante o ano 2020.

Terceiro. As persoas interesadas que non queiran participar en ningunha das convocatorias que se realicen no ano 2020 poderán solicitar a devolución da correspondente taxa.

Cuarto. A presente resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2020

Susana Rodríguez Carballo
Directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro