Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Xoves, 7 de maio de 2020 Páx. 19199

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 4 de maio de 2020, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se dispón a continuación de varios expedientes de subvencións (códigos de procedemento MT804B, MT811A, MT808A, MT809D, MT809B, MT809E, MT814A, MT724A e MT819A).

I. O Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, procede á declaración do estado de alarma. Nas súas disposicións adicionais terceira e cuarta decreta a suspensión de prazos administrativos e de prescrición e caducidade.

II. No mesmo sentido, a Resolución do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), mediante o que se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19, no seu punto sétimo decreta a suspensión e a interrupción dos prazos dos procedementos das entidades do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia e, no oitavo, a interrupción dos prazos de prescrición e caducidade.

III. O 8 de abril de 2020, publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 69-bis) a Resolución do 24 de abril de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se lle dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 3 de abril de 2020, sobre iniciación, continuación e aprobación de expedientes de contratación e de subvencións. No seu punto terceiro disponse que unha vez completada a tramitación interna dos expedientes nos termos indicados, isto é, ata o momento previo á fiscalización e á aprobación, deberá someterse a proposta de continuación de tales expedientes a valoración polo Consello da Xunta de Galicia.

IV. O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 24 de abril de 2020, adoptou un acordo sobre a continuación da tramitación de determinados expedientes e procedementos en materia de subvencións, no eido da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico, valorando favorablemente a continuación dos expedientes de subvencións de, entre outros, as ordes que se indican no anexo desta resolución.

Respecto dos expedientes e procedementos de concesión de subvencións que teñan completada a tramitación interna ata o momento previo á fiscalización, estimouse que procede a súa continuación coa realización dos trámites posteriores, así como as propostas de continuación daqueles procedementos de concesión de subvencións, que estivesen en tramitación no momento de entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, respecto dos cales xa se tivesen aprobado e publicado as correspondentes bases reguladoras e convocatoria pero non se tivese ditado resolución de concesión.

En relación coas subvencións xa concedidas no momento de entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, e respecto das cales non tivese transcorrido o prazo de execución da actuación ou do proxecto subvencionado, o prazo de xustificación ou o prazo de comprobación, aprobouse que poida acordarse o órgano concedente da subvención a continuación dos prazos pendentes.

V. A competencia para ditar esta resolución corresponde á directora xeral Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en virtude do establecido no punto cuarto da Orde do 25 de outubro de 2019, sobre delegación de competencias nos órganos superiores, directivos e periféricos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, modificada pola Orde do 7 de abril de 2020 (DOG núm. 210, do 5 de novembro de 2019 – DOG núm. 72, do 15 de abril de 2020).

De acordo co anterior,

RESOLVO:

1. Retomar os expedientes de subvencións e realizar os trámites que procedan para a súa continuidade, con respecto das axudas obxecto das convocatorias que se indican no anexo I desta resolución.

2. No caso das axudas a entidades colaboradoras de pesca fluvial para o fomento da riqueza piscícola (código MT808A), continúase o prazo de presentación de solicitudes, que será de 11 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. No caso das axudas para paliar os danos producidos polo lobo (código MT809B) e as axudas para paliar os danos producidos polo xabaril nos cultivos agrícolas (código MT809E), para os danos comunicados ao teléfono 012 desde o 14 de marzo de 2020 ata a data de publicación da presente resolución, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

4. No caso das axudas a investimentos non produtivos vinculadas á realización de obxectivos agroambientais e climáticos en concellos incluídos na Rede Natura 2000 (código MT814A), o prazo de presentación de solicitudes será dun día hábil contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

5. No caso das axudas a investimentos non produtivos vinculadas á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica na Rede de reservas da biosfera de Galicia (código MT724A), o prazo de presentación de solicitudes será de catro días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2020

Belén María do Campo Piñeiro
Directora xeral de Patrimonio Natural

ANEXO I

Código de procedemento

Orde do 12 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para a conservación, protección e mellora das árbores e formacións incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras, e se convocan axudas para o ano 2020.

MT804B

Orde do 12 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para actuacións encamiñadas á protección dos animais domésticos de compañía abandonados en Galicia e se convocan axudas para o ano 2020.

MT811A

Orde do 21 de xaneiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades colaboradoras de pesca fluvial para o fomento da riqueza piscícola e se convocan para o ano 2020.

MT808A

Orde do 20 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a prevención dos danos que causan determinadas especies de fauna silvestre e se convocan para o ano 2020.

MT809D

Orde do 20 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo e se convocan para o ano 2020.

MT809B

Orde do 23 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo xabaril nos cultivos agrícolas e se convocan para o ano 2020.

MT809E

Orde do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para os anos 2020 e 2021 das axudas a investimentos non produtivos vinculadas á realización de obxectivos agroambientais e climáticos en concellos incluídos na Rede Natura 2000.

MT814A

Orde do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2020 das axudas para estudos e investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica na Rede de reservas da biosfera de Galicia.

MT724A

Orde do 31 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria, para os anos 2020 e 2021, das axudas a investimentos non produtivos vinculados á realización de obxectivos agroambientais e climáticos no ámbito dos parques naturais de Galicia.

MT819A