Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Luns, 11 de maio de 2020 Páx. 19789

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

EXTRACTO da Resolución do 23 de abril de 2020 pola que se convocan para o ano 2020 as axudas para a concesión de subvencións para o fomento da participación galega no Programa marco de investigación e innovación da Unión Europea, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (código de procedemento IN607F). (Axudas para preparación de propostas de calidade ao Programa marco).

BDNS (Identif.): 505033.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarios

Poderán ter a condición de beneficiarios, segundo o artigo 3 da convocatoria e das bases reguladoras, pemes e organismos de investigación e difusión. Deberanse ter en conta, ademais, as definicións recollidas no anexo I das bases reguladoras.

Non poderán ser beneficiarias delas aquelas entidades que, pola actividade que desenvolvan ou o sector a que pertenzan, se atopen entre as excepcións recollidas no artigo 1.1 do Regulamento (UE) 1407/2013 relativo ás axudas de minimis.

Segundo. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto aprobar a convocatoria para o ano 2020 da liña 1 das axudas para o fomento da participación galega de calidade no Programa marco da Unión Europea:

– Liña 1 (código de procedemento administrativo IN607F): axudas para actividades de preparación de propostas de calidade, tanto de xeito individual como en consorcio, ao Programa marco de investigación e innovación. Consideraranse propostas de calidade aquelas que acadaron no proceso de avaliación da convocatoria do Programa marco á cal concorreron unha puntuación superior ao 75 % da nota máxima establecida.

Deberase ter en conta, ademais, o resto de condicións e requisitos incluídos no artigo 1 da convocatoria.

Terceiro. Convocatoria de axudas

A concesión destas axudas realizarase a través dun réxime de concorrencia non competitiva. Considerase a orde de presentación de solicitudes como único criterio de concesión, unha vez que se comprobe o cumprimento dos requisitos de subvencionabilidade previstos na convocatoria e nas bases reguladoras (DOG do 11.7.2019). Deste xeito, as solicitudes atenderanse por orde cronolóxica ata o esgotamento do crédito consignado, considerándose como data de presentación aquela en que unha solicitude reúna toda a documentación requirida, unha vez emendadas todas as posibles deficiencias.

Cuarto. Contía

As axudas que se convocan concederanse en forma de subvención como unha porcentaxe do investimento subvencionable cun importe máximo do 80 % deste investimento. Deberanse, ademais, ter en conta os límites incluídos no artigo 13 das bases reguladoras segundo o tipo de convocatoria do Programa marco a que se presentou a proposta e o rol do solicitante nela.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria, e permanecerá aberta ata o 30 de novembro de 2020 ou ata o esgotamento dos fondos asignados no caso en que se produza con anterioridade a esta data.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2020

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación