Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Luns, 11 de maio de 2020 Páx. 19725

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 23 de abril de 2020 pola que se convocan para o ano 2020 as axudas para a concesión de subvencións para o fomento da participación galega no Programa marco de investigación e innovación da Unión Europea (Horizon 2020), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (códigos de procedemento IN607F, IN607G e IN607H).

Esta resolución ten por obxecto convocar a segunda convocatoria ao abeiro das bases reguladoras recollidas na Resolución do 31 de maio de 2019 que foi publicada no DOG do 11 de xullo de 2019. A través dela desenvólvense de xeito específico algúns dos contidos incluídos nestas bases e ábrese o prazo para solicitar as axudas nas tres liñas de axudas previstas.

Tal e como se recolle nas bases, as axudas da presente convocatoria fináncianse no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 o cal conta cunha taxa de cofinanciamento Feder do 80 %, computándose como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible dos beneficiarios polo 20 % restante.

A concesión destas axudas nas diferentes liñas realizarase a través dun réxime aberto de concorrencia non competitiva. Considerase a orde de presentación de solicitudes como único criterio de concesión, unha vez que se comprobe o cumprimento dos requisitos de subvencionabilidade previstos nesta convocatoria e nas bases reguladoras (DOG do 11 de xullo de 2019). Un destes criterios é a coherencia da solicitude de axuda presentada coa RIS3 Galicia. Pola súa vez, a Axencia Galega de Innovación no marco do seu compromiso coa investigación e innovación responsable (IIR), e en consonancia coa Axenda 2030, impulsa a través desta actuación a adopción de medidas no ecosistema galego que axuden a garantir e incrementar este compromiso ao recoller o fomento da innovación responsable que se desenvolve no marco do propio Programa Horizon 2020.

Consecuentemente con todo o anterior, a Axencia Galega de Innovación, no exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro,

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto, atendendo ás bases reguladoras recollidas na Resolución do 31 de maio de 2019, aprobar a convocatoria para o ano 2020 das axudas para o fomento da participación galega de calidade no Programa marco da Unión Europea nas súas diferentes liñas:

– Liña 1: (código de procedemento administrativo IN607F): axudas para actividades de preparación de propostas de calidade, tanto de xeito individual como en consorcio, ao Programa marco de investigación e innovación. Consideraranse propostas de calidade aquelas que acadaron no proceso de avaliación da convocatoria do Programa marco á que concorreron unha puntuación superior ao 75 % da nota máxima establecida.

– Liña 2.1: (código de procedemento administrativo IN607G): axudas para o desenvolvemento dunha proposta individual presentada a algunha das convocatorias da fase I do instrumento peme do Programa marco sempre que esta acadase unha avaliación igual ou superior aos 13 puntos ou fose distinguida co selo de excelencia.

– Liña 2.2: (código de procedemento administrativo IN607H): axudas para o desenvolvemento dunha proposta individual presentada a algunha das convocatorias da fase II do instrumento peme do Programa marco sempre que esta acadase unha avaliación igual ou superior aos 12 puntos ou fose distinguida co selo de excelencia.

Tamén serán subvencionables aquelas propostas individuais de calidade presentadas á nova acción piloto do Consello Europeo de Innovación que dá continuidade ao instrumento peme, sempre que estas sexan compatibles coas bases reguladoras destas axudas e a presente convocatoria. Estas propostas deberán contar con selo de excelencia ou cunha nota de avaliación suficiente para a súa obtención.

2. O detalle das actuacións subvencionables en cada unha das liñas, tal e como se recollen no artigo 2 das bases reguladoras, son as seguintes:

a) Liña 1: actividades de preparación de propostas de calidade, tanto de xeito individual como en consorcio, ao Programa marco de investigación e innovación. Consideraranse propostas de calidade aquelas que acadaron no proceso de avaliación da convocatoria do Programa marco que concorreron unha puntuación superior ao 75 % da nota máxima establecida.

Non estarían incluídas as actividades de preparación de propostas presentadas ao Consello Europeo de Investigación (ERC), nin tampouco aquelas que recibiron xa financiamento para o seu desenvolvemento dentro do Programa marco.

Soamente serán subvencionables as accións de preparación realizadas a partir do 1 de xaneiro de 2020, de xeito que a través destas axudas apoiarase a preparación de propostas que se presenten ao Programa marco na anualidade 2020 e que estean resoltas con anterioridade á presentación da súa solicitade ao abeiro desta liña. Deberá, ademais, respectarse sempre o período de execución que se indique na correspondente resolución de concesión de axuda.

b) Liña 2.1: desenvolvemento dunha proposta individual presentada a algunha das convocatorias da fase I do instrumento peme do Programa marco sempre que esta acadase unha avaliación igual ou superior aos 13 puntos ou fose distinguida co selo de excelencia.

Será requisito imprescindible que o contido da proposta avaliada pola CE non se altere na solicitude de axuda que se presente.

As actuacións recollidas deberán consistir na realización de estudos de viabilidade (técnico e comercial) que inclúan un plan de negocio de produtos, procesos ou servizos innovadores. Estas actuacións poderán incluír a realización de actividades tales como: análise de riscos, estudos de mercado ou de xestión da propiedade industrial e intelectual dun novo produto, dun servizo ou unha nova aplicación das tecnoloxías existentes.

A proposta poderá terse presentado a unha convocatoria do Programa marco publicada a partir do ano 2016, pero só serán subvencionables as accións realizadas a partir do 1 de xaneiro de 2020 que non se executasen integramente antes da presentación desta solicitude.

En todo caso, deberá sempre respectarse o período de execución que se indique na correspondente resolución de concesión da axuda.

c) Liña 2.2: desenvolvemento dunha proposta individual presentada a algunha das convocatorias da fase II do instrumento peme do Programa marco sempre que esta acadase unha avaliación igual ou superior aos 12 puntos ou fose distinguida co selo de excelencia.

Soamente será subvencionable a realización do mesmo proxecto presentado ao Programa marco. Este proxecto poderá incluír actividades de desenvolvemento experimental, así como de innovación en materia de procesos e organización e poderá ser plurianual.

A proposta poderá terse presentado a unha convocatoria do Programa marco publicada a partir do ano 2016 pero non se poderá ter iniciado a súa execución. As axudas concedidas ao abeiro desta liña deben ter efecto incentivador, polo que a solicitude de axuda deberase presentar sempre antes da data de inicio da súa execución. Prodúcese un efecto incentivador cando as axudas cambian o comportamento dunha empresa de tal maneira que esta emprenda actividades complementarias que non realizaría, ou que, sen as axudas, realizaría dunha maneira limitada ou diferente. Con todo, as axudas non deben subvencionar os custos dunha actividade nos cales a empresa incorrería de todos os xeitos nin deben compensar o risco empresarial normal dunha actividade económica. A data de inicio das actividades presentadas non debe entenderse unicamente como unha data a partir da cal se poden imputar gastos, senón realmente como a data do seu comezo.

O proxecto deberá executarse sempre respectando o período de execución indicado na correspondente resolución de concesión da axuda.

Tanto na liña 2.1 como na 2.2:

– No caso de propostas que fosen presentadas a diferentes convocatorias do instrumento peme, acadando en máis dunha os requisitos requiridos nestas bases, soamente será subvencionable unha delas, e será imprescindible que ningunha fose financiada polo Programa marco.

– Tamén serán subvencionables aquelas propostas individuais de calidade que se presenten á nova acción piloto do Consello Europeo de Innovación que dá continuidade ao instrumento peme, sempre que estas sexan compatibles coas bases reguladoras destas axudas e a presente convocatoria. Estas propostas deberán contar con selo de excelencia, en algún dos seus pasos, ou cunha nota de avaliación suficiente para a súa obtención.

3. Será requisito imprescindible en todas as liñas que a proposta para a cal se solicita a axuda estea aliñada cos retos e prioridades da RIS3 Galicia. A descrición destes retos e o detalle das súas liñas prioritarias recóllense no anexo I das bases reguladoras.

4. Só se financiarán as actividades que, cumprindo os requisitos exixidos para cada liña, se desenvolvan na Comunidade Autónoma galega. Todas as entidades beneficiarias deberán, polo tanto, ter na Comunidade o seu domicilio social ou algún centro de traballo onde realicen as actividades susceptibles de obter a axuda.

5. As axudas que se concedan na liña 1 e na liña 2.1 axustaranse ao Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. Por outra banda, as axudas da liña 2.2 axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño de 2014, en concreto, ás categorías de axudas reguladas nos artigos 25 e 29 deste: axudas a proxectos de investigación e desenvolvemento e axudas a innovación en materia de procesos e organización, respectivamente. Excepcionaranse deste encaixe os custos indirectos dos proxectos financiados que se regularán polo Regulamento (UE) 1407/2013 relativo ás axudas de minimis.

6. No artigo 4 das bases reguladoras indícanse os conceptos subvencionables en cada unha das liñas de axuda.

Artigo 2. Financiamento

Eixe

OE

Beneficiarios

Desagregación medida
(CE_Actividades)

Aplicación

2020 (€)

2021 (€)

2022 (€)

Total

1

1.2.1

Empresas pemes

CE064

09.A3.561A.770.0 (CP: 2016-9)

906.333,4 €

694.237,4 €

462.824,9 €

2.063.395,7 €

1

1.2.3

Organismos de investigación públicos

CE060

09.A3.561A.743.0 (CP: 2018-1)

300.000,0 €

0,0 €

0,0 €

300.000,0 €

1

1.2.3

Organismos de investigación privados

CE061

09.A3.561A.781.0 (CP: 2016-10)

400.000,0 €

0,0 €

0,0 €

400.000,0 €

Total

1.606.333,4 €

694.237,4 €

462.824,9 €

2.763.395,7 €

1. As subvencións imputaranse ás aplicacións orzamentarias que se indican neste artigo. Poderán ampliarse os créditos dedicados a esta convocatoria logo da declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

As solicitudes atenderanse por orde cronolóxica ata o esgotamento do crédito consignado, considerándose como data de presentación aquela en que unha solicitude reúna toda a documentación requirida, unha vez emendadas todas as posibles deficiencias.

A distribución de fondos entre as aplicacións orzamentarias sinaladas na táboa anterior é unha previsión que deberá axustarse segundo a evolución da concesión de axudas á vista das solicitudes recibidas, e será posible incluso a incorporación de novos conceptos de gasto tendo en conta a natureza xurídica das entidades beneficiarias, sempre sen incrementar o crédito total. Na xestión da convocatoria establécense resolucións periódicas en que se realizarán os axustes entre partidas orzamentarias necesarios para, segundo a natureza xurídica dos beneficiarios, poder atender as solicitudes presentadas considerando a súa orde cronolóxica como único criterio de concesión.

2. As axudas reguladas nesta resolución estarán cofinanciadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020: eixe 1. Potenciar a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación, prioridade de investimento 1.2. Fomento do investimento empresarial en I+i, o desenvolvemento de vínculos e sinerxías entre as empresas, os centros de investigación e desenvolvemento e o sector do ensino superior, en particular mediante o fomento do investimento no desenvolvemento de produtos e servizos, a transferencia de tecnoloxía, a innovación social, a innovación ecolóxica, as aplicacións de servizo público, o estímulo da demanda, a interconexión en rede, as agrupacións e a innovación aberta a través dunha especialización intelixente, e mediante o apoio á investigación tecnolóxica e aplicada, liñas piloto, accións de validación precoz dos produtos, capacidades de fabricación avanzada e primeira produción. En particular, en tecnoloxías facilitadoras esenciais e difusión de tecnoloxías polivalentes. Obxectivos específicos:

1.2.1: impulso e promoción de actividades de I+i lideradas por empresas, apoio á creación e consolidación de empresas innovadoras e apoio á compra pública innovadora, actuación CPSO 1.2.1.1: procesos de investigación e innovación nas pemes, dirixida á atracción do investimento privado para a posta en valor da I+D+i en Galicia. Cooperación con H2020 e 1.2.3: fomento e xeración de coñecemento de fronteira e de coñecemento orientado aos retos da sociedade, desenvolvemento de tecnoloxías emerxentes, actuación CPSO 1.2.3.1: actuacións de investigación e innovación en centros de investigación para a coordinación estratéxica entre os fondos estruturais e de investimento europeos a nivel de Galicia e H2020, co obxectivo de acadar financiamento adicional. Cooperación con H2020.

3. As axudas da presente convocatoria fináncianse no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, que ten unha taxa de cofinanciamento Feder do 80 %. Compútase como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible dos beneficiarios polo 20 % restante.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderán ter a condición de entidades beneficiarias nesta convocatoria as recollidas no artigo 3 das bases reguladoras.

Artigo 4. Intensidade das axudas e concorrencia

A intensidade das axudas para cada unha das liñas convocadas están recollidas no artigo 13 das bases reguladoras:

Artigo 5. Presentación das solicitudes

1 .O prazo para presentar as solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria permanecendo aberta ata o 30 de novembro de 2020 ou ata o esgotamento dos fondos asignados no caso en que se produza con anterioridade a esta data.

2. Segundo se incluía nas bases reguladoras ao abeiro das cales se convoca esta convocatoria, as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formulario normalizados dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (anexos I, II, III, segundo o caso). Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As solicitudes deberán, ademais, acompañarse das declaracións responsables da entidade solicitante que se indican a continuación e da documentación complementaria recollida no artigo seguinte:

1º. Declaración responsable de todas as axudas solicitadas e concedidas para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.

2º. Declaración responsable de que os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos, e acepta as condicións e obrigas recollidas para cada liña de axudas nesta convocatoria.

3º. Declaración responsable de que non está incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4º. Declaración responsable de que non está incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5º. Declaración responsable de que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e de reembolso de préstamos ou anticipos concedidos con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

6º. Declaración responsable de que non estea suxeita a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

7º. Declaración responsable de que desenvolverá en Galicia as actividades para as que se solicita a axuda.

8º. Declaración responsable de que o solicitante coñece que os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, e que non concorren neles ningunha das prohibicións recollidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, nin no artigo 43 do regulamento que desenvolve a citada lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, tendo en conta, ademais, o disposto no Regulamento (UE) nº 651/2014 sobre empresas vinculadas.

9º. Declaración responsable de que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que solicita a axuda.

10º. Declaración do conxunto de axudas recibidas pola empresa en concepto de minimis, durante os dous exercicios fiscais anteriores, e durante o exercicio fiscal en curso en que se presenta a solicitude.

11º. Declaración responsable de que non pode ser considerada unha empresa en crise conforme o disposto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño. No obstante, a Axencia Galega de Innovación utilizará os medios que considere oportunos para a súa verificación e requirirá o solicitante, se for necesario, os documentos oportunos.

Ademais, de xeito específico para as seguintes liñas incluirase:

– No caso da liña 2.1:

12º. Declaración responsable de que o contido da solicitude que se presenta coincide co da proposta presentada ao Programa marco.

– No caso da liña 2.2:

13º. Declaración responsable de que a solicitude de axuda é anterior ao comezo do proxecto para o que se solicita (efecto incentivador).

14º. Declaración responsable de que, se é o caso, non vai realizar ningunha utilización comercial posterior do prototipo ou proxecto piloto incluído no proxecto.

15º. Declaración responsable de que o contido da solicitude que se presenta coincide co da proposta presentada ao Programa marco.

Deberase comunicar calquera variación das circunstancias recollidas na devanditas declaracións no momento en que se produza.

– Na liña 1 xunto con estas declaracións, no caso de beneficiarios que teñan a consideración de entidade do sector público suxeita á normativa de contratación pública, deberá achegarse tamén certificación expedida por persoa responsable do control da legalidade da entidade en que se acredite que se respectaron os procedementos de contratación pública e se fai referencia á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude segundo a liña correspondente a seguinte documentación:

– Documentación técnico-económica:

a) Copia da proposta presentada ao Programa marco de investigación e innovación.

b) Informe resumido da avaliación internacional da proposta. No caso de solicitudes do IN607F en que se solicite axuda para a preparación de propostas que se presenten a primeira fase dun procedemento de dúas fases deberá achegarse, ademais, para acreditar a superación dos criterios de calidade exixidos nesta convocatoria, documentación remitida pola Comisión en que se demostre a superación desta primeira fase e a invitación a participar na segunda.

c) Nos procedementos IN607G e IN607H, selo de excelencia concedido pola Comisión, no caso en que se dispoña del.

d) Memoria da actuación en que se detallen as actividades que se van realizar e se xustifiquen todos os conceptos de gasto para os que se solicita financiamento.

– Documentación xurídico-administrativa:

a) No caso de poder mancomunado, autorización das persoas socias mancomunadas a favor do representante da entidade solicitante (anexo IV) e modelo de comprobación de datos das persoas socias mancomunadas (anexo V).

b) Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito no rexistro competente, verificado polo/a letrado/a da Xunta de Galicia, para os apoderados de entidades mercantís distintos de administración única, administración solidaria ou mancomunada, ou tamén o cargo de conselleiro delegado, dadas as características técnicas da consulta ao Rexistro Mercantil.

c) No procedemento IN607H, contrato entre a entidade beneficiaria e a entidade subcontratista.

d) Declaración responsable da categoría de empresa (peme) no caso de ser pemes (anexo IX).

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada a persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Instrución do procedemento, tramitación e resolución

1. A Área de Programas será a competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións, e será competencia da Dirección da Axencia Galega de Innovación ditar as resolucións de outorgamento das ditas axudas.

2. Nas resolucións periódicas, que serán notificadas de xeito individual, poderán realizarse axustes orzamentarios en función da demanda e da natureza xurídica do beneficiario. A orde de entrada das solicitudes será o único criterio de concesión. De xeito semestral publicaranse no DOG as axudas concedidas e notificadas durante este período.

3. De producirse o esgotamento do crédito asignado con data anterior ao 30 de novembro de 2020, este esgotamento publicarase no momento en que se produza na web da Axencia Galega de Innovación, de xeito que non poderán ser atendidas as solicitudes presentadas cunha data posterior.

4. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban facer durante a tramitación destas axudas deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se unha solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria e nas súas bases reguladoras ou non se acompaña da documentación exixida, requirirase o interesado mediante anuncio publicado na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución. Se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación na páxina web pola notificación individualizada.

A documentación requirida presentarase electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 14 da Lei 39/2015.

5. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que forneza cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento e para o seguimento e avaliación da RIS3 en que se enmarcan estas axudas.

6. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

7. O feito de non axustarse aos termos da convocatoria e das bases reguladoras, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007.

8. Tal e como se indica no artigo 22 das bases reguladoras instruído o procedemento e, inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes. Poderase prescindir deste trámite cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

9. Segundo o artigo 23 das bases reguladoras, unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elevará a proposta de resolución á directora da Axencia Galega de Innovación para ditar a resolución de concesión de xeito individual. Á vista da proposta formulada e segundo o que dispón o artigo 21.4 da Lei 9/2007, ao non seren tidos en conta outros feitos ou outras alegacións e probas máis que as aducidas polos interesados, a directora da Axencia Galega de Innovación ditará a correspondente resolución definitiva de concesión ou denegación.

Notificarase a cada beneficiario un documento que estableza as condicións da axuda para a operación e no cal deberá figurar, como mínimo, a identificación do beneficiario, a contía da subvención e obrigas que correspondan, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse coa axuda, o plan financeiro e o calendario de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección da operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA).

Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, de xeito individual. Tal e como se recolle no artigo 15 das bases reguladoras, as notificacións de resolucións e actos administrativos da convocatoria practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

10. Os beneficiarios destas axudas deberán asistir a unha xornada formativa impartida pola Axencia Galega de Innovación sobre as obrigas desta axuda e outros aspectos relacionados cos obxectivos da Axencia para a cal serán convocados expresamente con antelación. A dita xornada deberá acudir, como mínimo, unha persoa do nivel axeitado pertencente ao cadro de persoal do beneficiario vinculada ás tarefas de innovación.

Ademais, deberán facilitar cantos datos resulten necesarios para a avaliación do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou outros instrumentos relacionados coa medición da innovación. No marco do Plan de avaliación da RIS3 Galicia, desenvolverase un seguimento específico das axudas concedidas. Este seguimento estará baseado na recompilación de información acerca dos resultados económicos e científico-técnicos obtidos polas entidades beneficiarias, así como o seu nivel de satisfacción co apoio recibido. Para tales efectos, e por indicación da Axencia Galega de innovación, durante a execución e á finalización da axuda, os beneficiarios deberán proporcionar información relativa a unha serie de indicadores entre os que se incluirán indicadores xerais e específicos de I+D+I e os de produtividade do proxecto ou plan.

11. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas será de 5 meses, contados a partir da data de entrada en rexistro da solicitude. De non mediar resolución expresa no dito prazo mediante a publicación da correspondente resolución no Diario Oficial de Galicia, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

12. Contra as resolucións desta convocatoria, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, perante o presidente da Axencia Galega de Innovación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Contra as resolucións de reintegro, que poñen fin á vía administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento contado desde o día seguinte en que se produzan os efectos do silencio administrativo, perante a directora da Axencia Galega de Innovación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 8. Xustificación da subvención

1. Para ter dereito ao pagamento da axuda a entidade beneficiaria deberá presentar electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, a documentación xustificativa da subvención utilizando os formularios dispoñibles na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal).

2. Prazos de xustificación:

– Prazo de presentación da documentación:

Axudas dunha única anualidade:

Ata un máximo dun mes contado desde a data de finalización do prazo de execución da actuación indicado na resolución da axuda ou desde a data desta última no caso en que sexa posterior, pero sempre antes do 15 de decembro de 2020.

No caso de axudas plurianuais, presentarase:

a) Primeira anualidade: ata o máximo dun mes contado desde a data de finalización do prazo de execución da actuación indicado na resolución da axuda ou desde a data desta última no caso en que sexa posterior, pero sempre antes do 15 de decembro de 2020.

b) Anualidades intermedias: sempre antes do 30 de novembro de cada exercicio.

c) Anualidade final: ata o máximo dun mes desde a data de finalización da súa execución e sempre antes do 30 de novembro desa anualidade.

Ao considerarse resolucións periódicas durante todo o ano e unha ampla data de peche, na procura dun maior acompasamento cos ritmos de execución do Programa marco que permita recoller o máximo de propostas posibles, os prazos de xustificación das axudas dunha única anualidade ou da primeira anualidade no caso de axudas plurianuais poderán ver reducido o seu prazo de xustificación para respectar sempre a data límite do 15 de decembro de 2020.

– Períodos de realización de gastos (emisión de facturas) e realización de pagamentos dos gastos executados:

Axudas dunha única anualidade:

Só se admitirán gastos realizados e pagados dentro do período de execución indicado na resolución de cada axuda e sempre antes do 30 de novembro de 2020.

No caso de axudas plurianuais.

a) Primeira anualidade: admitiranse gastos realizados e pagados dentro do período de execución indicado na resolución de cada axuda e sempre antes do 30 de novembro de 2020.

b) Anualidade intermedia: admitiranse gastos realizados e pagados desde o 1 de decembro do exercicio anterior (2020) ata o 30 de novembro dese exercicio (2021), sempre respectando o prazo de execución incluído na resolución.

c) Anualidade final: gastos realizados e pagados desde o 1 de decembro do exercicio anterior (2021) e data de finalización da actuación indicada na resolución, que nunca pode superar o 30 de novembro desa anualidade (2022).

Exceptúanse desta regra xeral aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior por axustárense aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas de seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. A entidade subvencionada quedará obrigada a presentar os documentos acreditativos do seu pagamento antes de finalizar o mes en que ao beneficiario lle corresponde liquidar eses gastos.

3. Documentación xustificativa científico-técnica, tal e como se recolle no artigo 28.2 das bases reguladoras deberá achegarse:

a) Informe científico-técnico normalizado segundo o modelo dispoñible na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal) específico para cada unha das liñas. No caso de axudas plurianuais, haberá un modelo para as xustificacións intermedias e outro para a final.

Ademais no caso da liña 2.1:

– Estudo de viabilidade (técnico e comercial) que inclúa un plan de negocio, obxecto da actividade subvencionada.

– Copia do Plan de negocio elaborado.

b) Memoria redactada en formato libre sobre a execución e evolución das actividades desenvolvidas, na cal deberá incluírse a xustificación das normas de publicidade recollidas nesta convocatoria, de conformidade co Regulamento (UE) nº 1303/2013 e o Regulamento de execución (UE) nº 821/2014.

Tanto o informe técnico como a memoria deberán presentarse en formato pdf e en soporte electrónico.

4. Documentación xustificativa económica:

A entidade beneficiaria deberá presentar, ademais, un resumo global de execución económica, segundo modelo dispoñible na web da Gain para cada unha das liñas. Así como a seguinte documentación:

a) Declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional e declaración do conxunto de axudas recibidas pola entidade en concepto de minimis, durante os dous exercicios fiscais anteriores, e durante o exercicio fiscal en curso en que se presenta a solicitude. Deberase empregar o modelo que aparece como anexo VI a esta convocatoria, e que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia http://sede.xunta.gal e na páxina web da Axencia Galega de Innovación http://gain.xunta.gal. De ser o caso, deberá achegarse unha copia da resolución da concesión desas outras axudas.

b) Certificados acreditativos, que deberán estar en vigor, de estar ao día das seguintes obrigas: coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social e coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, no caso de que o solicitante denegue expresamente a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia.

Non obstante, aquelas entidades comprendidas no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que desenvolve a Lei de subvencións de Galicia, poderán presentar unha declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Un resumo de execución económica en que conste o concepto de gasto, o provedor, o importe (IVE excluído) e a data de cada un dos xustificantes presentados agrupados por tipoloxía de gastos.

d) Documentación xustificativa do investimento: documentos acreditativos dos gastos consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 48 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o regulamento da citada lei. As facturas deberán conter suficiente información que permita relacionala co gasto xustificado.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas, deberá achegar unha copia autentica electrónica dos documentos orixinais en papel.

e) Documentación xustificativa do pagamento: copia de transferencias bancarias, certificacións bancarias ou extractos bancarios, ou documentos obtidos a través da banca electrónica sempre que conten co selo do banco. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor.

Nestes documentos deberán estar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, o número e a satisfacción do importe total da factura (IVE incluído), así como o concepto a que se refiren.

No caso en que no documento de pagamento non se faga referencia ás facturas, este deberá ir acompañado da documentación complementaria que permita verificar a correspondencia entre gasto e pagamento. Non se aceptarán aqueles documentos de pagamento que non permitan identificar claramente as facturas vinculadas á actuación financiada a que corresponden.

No caso en que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas, xuntarase dunha relación detallada delas en que se poida apreciar que o pagamento se corresponde coas devanditas facturas. No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas á axuda, será necesario achegar o correspondente extracto bancario, acompañado da orde de pagamento da empresa/organismo de investigación selada polo banco coa relación detallada das facturas.

En ningún caso se admitirán pagamentos xustificados mediante recibos do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

f) No suposto de que o importe do IVE non sexa recuperable, poderá ser considerado un gasto subvencionable. Neste caso deberase presentar un certificado relativo á situación da entidade co respecto ao IVE.

g) Para a xustificación de custo de persoal, deberá achegarse:

1. Certificación dos custos de persoal emitida polo responsable de recursos humanos co visto e prace do responsable da entidade beneficiaria, consistente nunha relación detallada por meses do persoal dedicado as actividades financiadas, que deberá incluír os seguintes datos: DNI, nome, apelidos, posto na entidade, retribución bruta e líquida mensual, data de pagamento das retribucións, importe da Seguridade Social, data de pagamento da Seguridade Social e custo total imputado (retribucións e seguridade social) segundo a dedicación de cada traballador ás actividades financiadas.

2. Xustificación da comunicación por escrito ao traballador que parte do seu salario está a ser cofinanciado con fondos Feder.

3. Declaración asinada polo responsable de recursos humanos da entidade beneficiaria cos importes mensuais de retencións do IRPF dos traballadores dedicados ás actividades financiadas, acompañada dos modelos 111 e dos seus correspondentes xustificantes bancarios. Nos documentos correspondentes a cotas liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe considerarase xustificado coa presentación da citada declaración e as entidades quedarán obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación no prazo máximo dun mes desde a data límite de xustificación establecida na convocatoria.

4. Copia das nóminas do persoal dedicado ás actividades financiadas e copia dos xustificantes bancarios do seu pagamento. Nos xustificantes de pagamento das nóminas deberán vir detallados os seus receptores, así como as cantidades percibidas por cada un deles. Cando a documentación xustificativa deste gasto conste dun xustificante bancario da remesa total mensual, deberá achegarse a listaxe da orde de transferencia en que se detallen os distintos traballadores incluídos, que deberá estar selada pola entidade bancaria.

5. Boletíns de cotización á Seguridade Social e copia dos seus xustificantes de pagamento. Nos documentos correspondentes a cotas liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe poderá ser xustificado na anualidade seguinte no caso de axudas plurianuais.

6. Informe de vida laboral emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social para cada un dos traballadores.

7. No caso de persoal de nova contratación, deberá achegarse copia do contrato de traballo en que poida verificarse a contratación para o desenvolvemento de actividade financiada. No contrato farase mención expresa ao cofinanciamento Feder no marco do eixe 1 do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (obxectivo específico 1.2.1), e a presente convocatoria. É requisito imprescindible que a contratación do persoal de nova contratación se realice con data posterior á presentación da solicitude e que no momento da contratación non teña nin tivese vinculación laboral coa entidade nos últimos dous anos.

8. Declaración responsable da non participación do persoal, financiado con cargo ás axudas da presente convocatoria, noutras actividades/proxectos financiados con axudas procedentes de calquera Administración pública ou, en caso contrario, declaración responsable de non superar, conxuntamente coa dedicación a esta axuda, a porcentaxe do 100 %, utilizando o modelo que aparece como anexo VIII a esta resolución e que está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia http://sede.xunta.gal e na páxina web da Axencia Galega de Innovación http://gain.xunta.gal.

h) Tres ofertas de diferentes provedores cando o importe do gasto subvencionable, no caso de adquisición de bens de equipamento e contratación de servizos ou subministracións e materiais, igual ou superior os 15.000 euros no global do proxecto cun mesmo provedor. Cando polas especiais características dos gastos non exista no mercado suficiente número de entidades que os presten ou subministren, deberá achegarse unha xustificación de tal circunstancia. Se a elección entre as ofertas presentadas non tivese recaído na proposta económica máis vantaxosa, deberá achegarse unha memoria xustificativa.

Non obstante, no caso de que as entidades beneficiarias reúnan os requisitos previstos na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para ter a consideración de poder adxudicador deberán someterse á disciplina de contratación pública nos termos previstos no devandito texto legal.

i) Declaración asinada polo representante legal en que se detalle o cadro de amortización de cada equipamento incluído no seu orzamento calculado sobre a base de boas prácticas contables, así como informe técnico sobre o período de amortización. En todo caso, a esta documentación deberán xuntarse os estados contables da entidade e dos correspondentes documentos xustificativos do gasto e pagamento da compra. A Axencia Galega de Innovación poderá comprobar a veracidade destes datos accedendo, en calquera momento, aos documentos contables da entidade.

k) No caso de subcontratacións, deberá achegarse a seguinte documentación:

1. Factura/s emitida/s pola entidade subcontratada en que se especifique a referencia á actividade financiada.

2. Xustificantes de pagamento da/das factura/s da subcontratación.

3. Memoria realizada polo subcontratista das súas actividades, na cal se debe incluír unha relación das persoas que participaron nelas, unha descrición especifica das tarefas realizadas por cada unha delas e a porcentaxe de dedicación.

l) Documentación xustificativa (documentación gráfica, fotografías ou calquera outro soporte probatorio) do cumprimento das obrigas de publicidade previstas nesta convocatoria de conformidade co Regulamento (UE) nº 1303/2013 e no Regulamento de execución (UE) nº 821/2014.

m) Para poder acreditar os custos de consultoría da liña 2.1 será necesaria a presentación da copia do contrato ou acordo formalizado entre o experto en coaching que prestou o servizo e a axencia EASME.

5. Sen prexuízo da documentación indicada nos puntos anteriores, poderá requirirse que se acheguen cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

6. A documentación presentarase electronicamente. Os beneficiarios responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presentan. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Nos casos de imposibilidade funcional e/ou tecnolóxica que impidan a presentación electrónica da documentación, esta poderá presentarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Neste caso, as facturas que se presenten deberán ser orixinais ou copias compulsadas.

7. Se, transcorrido o prazo establecido para a xustificación da subvención, a entidade beneficiaria non presenta a documentación pertinente segundo o indicado, a Axencia Galega de Innovación requirirao para que no prazo improrrogable de dez días a presente, advertíndolle de que a falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito á subvención e a exixencia do reintegro no caso de ter recibido cantidades en concepto de anticipo, e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007.

Artigo 9. Pagamento

1. Poderán realizarse pagamentos anticipados e á conta das subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, nos artigos 62 e 63 do Decreto 11/2009.

2. Pagamentos anticipados.

Poderá anticiparse ata o 50 % do importe concedido no momento da resolución de concesión individual. No caso de que a entidade fixese constar na solicitude de subvención que solicita a modalidade de pagamento anticipado, no prazo máximo de 15 días hábiles a partir do día seguinte ao da notificación da resolución individual de concesión, deberá presentar a documentación seguinte:

a) Unha solicitude de pagamento anticipado, utilizando o modelo dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e publicado tamén na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal) (anexo VII).

b) A declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de todas as administracións públicas e declaración do conxunto de axudas recibidas pola entidade en concepto de minimis, durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso no que se presenta a solicitude, utilizando o modelo dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e publicado tamén na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal) (anexo VI).

– No caso de axudas plurianuais:

a) Primeira anualidade: poderá anticiparse ata o 50 % do importe concedido para esa anualidade.

b) Anualidades seguintes: poderá anticiparse como máximo ata o 50 % do importe da subvención concedida para a anualidade correspondente sempre que, conxuntamente cos pagamentos anticipados e á conta realizados ata ese momento, non se supere o 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, tras a xustificación e pagamento da anualidade anterior e presentación da documentación sinalada anteriormente. No caso de que a xustificación da anualidade anterior sexa insuficiente e dea lugar a unha minoración da subvención, o importe minorado detraerase do importe desta anualidade.

3. Pagamentos parciais á conta: faranse efectivos, para cada anualidade, unha vez presentada e comprobada a correcta xustificación intermedia da execución das actividades obxecto da axuda.

O importe conxunto dos pagamentos parciais á conta e dos pagamentos anticipados non poderá ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, nin excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

4. Recibida a documentación xustificativa da subvención, a Axencia Galega de Innovación, antes de proceder ao seu pagamento final, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinaron a concesión da subvención, de acordo co establecido no artigo 30 da Lei 9/2007. Será obrigatoria a realización dunha actividade de inspección por parte da Axencia Galega de Innovación e no caso de subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento polo órgano concedente, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada, tanto polo representante da Administración coma polo beneficiario.

Artigo 10. Garantías

Tal e como se indica no artigo 30 das bases reguladoras, no caso de pagamentos á conta ou anticipos, non se precisará a presentación de garantías de acordo co disposto nos artigos 65.4 e 67.4 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación das axudas convocadas consultaranse automaticamente, tal e como se recolle no artigo 17 das bases, os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Certificados de estar ao día nas seguintes obrigas: coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social e coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI/NIE da persoa representante que asine a solicitude.

d) DNI/NIE das persoas socias mancomunadas.

E, ademais:

e) Poder do representante que presenta a solicitude inscrito no rexistro competente.

f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

g) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

h) Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a estas consultas, deberán indicalo nos cadros correspondentes habilitados nos formularios de solicitude publicados xunto con esta convocatoria e achegar os devanditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos requirirase ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Información aos interesados

1. Sobre as diferentes liñas contidas nesta convocatoria, poderase obter información adicional na Axencia Galega de Innovación, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Axencia Galega de Innovación, http://gain.xunta.gal, na súa epígrafe de axudas.

b) No teléfono 981 54 10 71 da devandita Axencia.

c) No enderezo electrónico programas.gain@xunta.gal.

d) Persoalmente.

e) Na Guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo http://sede.xunta.gal.

f) Na relación de preguntas frecuentes (FQA) dispoñibles na web da Gain específicas para estas axudas.

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

3. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos aspectos previstos no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 13. Consentimentos e publicidade

1. Sen prexuízo do disposto no artigo 19 das base reguladoras, a presentación dunha solicitude a esta convocatoria implica o coñecemento e a aceptación das devanditas bases (Resolución do 31 de maio de 2019 que foi publicada no DOG do 11 de xullo).

2. A Axencia Galega de Innovación informará os beneficiarios de que a aceptación da axuda implica que pasarán a formar parte da lista de operacións, que será obxecto de publicación na páxina web da Gain (http://gain.xunta.gal), onde figurarán os nomes dos beneficiarios, as operacións, a cantidade de fondos públicos asignada, así como da outra información prevista no anexo XII en relación co artigo 115.2 do Regulamento (UE) 1303/2013, do Parlamento e do Consello, do 17 de decembro de 2013.

Artigo 14. Control

1. Na xestión das solicitudes que se concedan ao abeiro desta convocatoria considerarase o disposto no artigo 32 das bases reguladoras.

Artigo 15. Normativa aplicable

As axudas obxecto desta convocatoria réxense polas normas comunitarias aplicables por razón do cofinanciamento pola Unión Europea e polas normas nacionais de desenvolvemento ou transposición, as cales se detallan no artigo 33 das bases reguladoras.

Disposición adicional única. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados na xestión desta convocatoria serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia (Axencia Galega de Innovación) coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propios formularios anexos e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Os datos serán comunicados á Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos da Consellería de Facenda coa finalidade de realizar a xestión, seguimento, información, control, coordinación, estudo, execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europea na súa condición de organismo intermedio dos programas operativos en virtude das funcións atribuídas pola Autoridade de Xestión dos programas operativos segundo o disposto no artigo 125, punto 2; artigo 140, puntos 3 a  5, e anexo XIII, punto 3, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 e a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Co fin de darlle publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou, presencialmente, nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a directora da Axencia Galega de Innovación para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2020

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file