Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Luns, 11 de maio de 2020 Páx. 19721

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 4 de maio de 2020 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social, e se convocan para os anos 2020, 2021 e 2022, cofinanciadas parcialmente polo Fondo Social Europeo e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco dos programas operativos FSE Galicia 2014-2020 e Feder Galicia 2014-2020 (código de procedemento BS631A).

BDNS (Identif.): 504622.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http//www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarias

Serán beneficiarias as entidades de iniciativa social a que se refire o artigo 30 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos socias de Galicia, sempre e cando reúnan os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

b) Carecer de ánimo de lucro. Para os efectos do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, considéranse entidades privadas de iniciativa social aquelas organizacións non gobernamentais e institucións non gobernamentais que realicen actividades de servizos sociais carecendo de ánimo de lucro. Para estes efectos, acreditarase que non reparten beneficios, que no caso de liquidación ou disolución desta o seu patrimonio se destina a fins sociais e que os membros do seu padroado e/ou órgano de goberno desenvolven o seu labor con carácter gratuíto, de conformidade co disposto nos seus estatutos e co disposto nos puntos 2, 5, 6 e 10 do artigo 3 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.

c) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.

d) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.

e) Dedicarse, con carácter preferente en concordancia cos seus estatutos, á realización de actuacións referidas á atención ás persoas nos centros de inclusión e emerxencia social, e ao desenvolvemento dos programas e/ou da prestación de servizos na área de actuación dos servizos sociais comunitarios, de inclusión e, especificamente, da inclusión social e laboral da poboación inmigrante.

Segundo. Finalidade

A finalidade consistirá na concesión de subvencións ás entidades de iniciativa social que, de conformidade coa Lei 13/2008, do 3 de decembro, levan a cabo a referida atención ás persoas nos centros de inclusión e emerxencia social, e desenvolven programas e/ou prestan servizos na área de actuación dos servizos sociais comunitarios, de inclusión e, especificamente, da inclusión social e laboral da poboación inmigrante.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 4 de maio de 2020 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social, e se convocan para os anos 2020, 2021 e 2022, cofinanciadas parcialmente polo Fondo Social Europeo e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco dos programas operativos FSE Galicia 2014-2020 e Feder Galicia 2014-2020.

O código deste procedemento administrativo é o BS631A.

Cuarto. Importe

1. O crédito total destinado ás actuacións ascende á cantidade de dezaoito millóns trescentos doce mil cento corenta euros (18.312.140 €), distribuído en tres anualidades e que se imputarán ás aplicacións orzamentarias que se indican:

Aplicación

2020

2021

2022

Total

12.03.312C.460.0

1.120.000 €

2.680.000 €

1.585.000 €

5.385.000 €

12.03.313C.460.1

2.727.206 €

4.667.206 €

2.722.536 €

10.116.948 €

12.03.313C.460.2

154.846 €

379.846 €

225.000 €

759.692 €

12.03.313C.760.0

512.750 €

1.025.000 €

512.750 €

2.050.500 €

Total

4.514.802 €

8.752.052 €

5.045.286 €

18.312.140 €

A partida 13.03.313C.781.0 destinarase ao investimento en centros de inclusión e emerxencia social e estará cofinanciada ao 80 % con fondos Feder do programa operativo de Galicia 2014-2020, con encaixe no obxectivo temático 9, promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación; prioridade de investimento 9.7, investimento en infraestruturas sociais e sanitarias que contribúan ao desenvolvemento nacional, rexional e local e reduzan as desigualdades sanitarias, e ao fomento da inclusión social mediante unha mellora do acceso aos servizos sociais, culturais e recreativos, e a transición dos servizos institucionais aos servizos locais; obxectivo específico 9.7.1, investimento en infraestrutura social e sanitaria que contribúa ao desenvolvemento nacional, rexional e local, e reduza as desigualdades sanitarias e transición dos servizos institucionais aos servizos locais, actuación CPSO 9.7.1.2, actuacións de investimento en centros de inclusión social e en centros de menores para a adaptación das necesidades funcionais.

As partidas 13.03.313C.481.6 e 13.03.312C.481.0 destinaranse ao financiamento das actuacións establecidas no artigo 4.1.b).2º e 3º e poderán estar cofinanciadas ao 80 % fondos do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, con encaixe no obxectivo temático 9, promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación; prioridade de investimento 9.1, a inclusión activa, tamén con vistas a promover a igualdade de oportunidades, así como a participación activa e a mellora da posibilidade de encontrar un emprego; obxectivo específico 9.1.1, mellorar a inserción sociolaboral de persoas en situación ou risco de exclusión social, a través da activación e de itinerarios integrados e personalizados de inserción.

2. As subvencións para o funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social distribuiranse como se indica:

a) Centros de acollida e inclusión: módulo de 6 € por cada persoa con atención básica por día e módulo de 40 € por cada persoa con atención especializada por día. Establécese un límite máximo de 350.000 € por centro.

b) Centros de día de inclusión social: módulo de 3 € por cada persoa que se atenda e día. Establécese un límite máximo de 80.000 € por centro.

c) Albergues: módulo de 5 € por cada persoa que se atenda e día. Establécese un límite máximo de 80.000 € por centro.

d) Comedores sociais: módulo de 3 € por cada persoa que se atenda e día. Establécese un límite máximo de 200.000 € por centro.

e) Centros de atención social continuada: módulo de 3 € por cada persoa que se atenda e día. Establécese un límite máximo de 80.000 € por centro.

3. Nas subvencións para programas, a contía máxima de axuda por actuación establécese nun importe de 83.000 €.

4. Nas subvencións para o investimento de centros de inclusión e emerxencia social, para os efectos de determinar o importe da subvención terase en conta o orzamento presentado pola entidade solicitante e esta non poderá superar o 80 % do orzamento total. En ningún caso o importe máximo da axuda que se conceda superará o importe de 300.000 €.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. Os sábados e festivos considéranse inhábiles para todos os efectos.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2020

Fabiola García Martín
Conselleira de Política Social