Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Luns, 11 de maio de 2020 Páx. 19648

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 4 de maio de 2020 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social, e se convocan para os anos 2020, 2021 e 2022, cofinanciadas parcialmente polo Fondo Social Europeo e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco dos programas operativos FSE Galicia 2014-2020 e Feder Galicia 2014-2020 (código de procedemento BS631A).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27, puntos 23 e 24, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social e en promoción do desenvolvemento comunitario, respectivamente.

En virtude deste título competencial, aprobouse a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, que ten por obxecto estruturar e regular, como servizo público, os servizos sociais en Galicia para a construción do sistema galego de benestar.

Posteriormente, a Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, avanzando no enfoque da inclusión social activa, deseñou un sistema que integra as prestacións económicas de activación/inserción vinculadas a proxectos personalizados de carácter social e formativo.

Este enfoque da inclusión social activa, recollido na Estratexia para a inclusión social de Galicia 2014-2020, está consolidado como unha das prioridades da Unión Europea e dos Estados membros e é prioritario para os fondos estruturais. Neste sentido, o artigo 3 do Regulamento (UE) 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo e polo que se derroga o Regulamento (CE) 1081/2006 do Consello, establece que o Fondo Social Europeo apoiará, como prioridade de investimento, en relación co obxectivo temático «promover a inclusión social, loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación», a inclusión social activa, con vistas a promover a igualdade de oportunidades, a participación activa e a mellora da posibilidade de atopar un emprego.

Así mesmo, esta orde reguladora recolle tamén outra das prioridades establecidas na Estratexia para a inclusión social de Galicia 2014-2020, incluíndo axudas dirixidas ao investimento en centros de inclusión e emerxencia social regulados na Orde do 25 de xaneiro de 2008 pola que se regulan os requisitos específicos que deben cumprir os centros de inclusión e emerxencia social, actualmente vixente en virtude da disposición derradeira primeira do Decreto 61/2016, do 11 de febreiro, polo que se define a Carteira de servizos sociais de inclusión, coa finalidade de reformar e/ou adaptar os ditos equipamentos ás necesidades das persoas usuarias, ofrecéndolles servizos que redunden nunha mellora en calidade da atención dispensada.

Un dos tres piares en que se basea a inclusión social activa é o acceso a uns servizos de calidade, o que implica, no ámbito dos servizos sociais, a complementariedade entre os diversos axentes que operan no territorio e a importancia de complementar a acción pública coa execución de accións e proxectos por parte das entidades de iniciativa social debidamente autorizadas. Neste senso, a Consellería de Política Social, como órgano que ten asumidas as competencias da Xunta de Galicia en materia de servizos sociais, incluíndo as políticas de inclusión social, servizos comunitarios e inmigración en virtude do Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, considera adecuado fomentar o cumprimento dos fins das entidades de iniciativa social que se axusten aos requisitos de autorización, calidade e complementariedade e aumentar a súa capacidade de acción para loitar contra a exclusión social. A este fin responde esta convocatoria, onde se establecen subvencións dirixidas a entidades de iniciativa social para a prestación de servizos sociais no ámbito dos servizos sociais comunitarios e da inclusión social, incluíndo aqueles específicos en favor da poboación inmigrante, pois estas institucións, ao traballaren directa e continuadamente coas persoas e familias afectadas por factores de exclusión social, coñecen de primeira man as súas necesidades, características e posibilidades, así como os instrumentos máis eficaces para potenciar as súas capacidades e promover a súa participación social e o seu acceso ao mundo laboral.

Baixo esta perspectiva, a orde regula varios tipos de axudas, en primeiro lugar aquelas dirixidas á cobertura de necesidades básicas como o aloxamento e a manutención, as cales constitúen, en moitos casos, un primeiro nivel de atención que brinda ás persoas usuarias o acceso ao resto dos recursos dispoñibles.

Outras tipoloxías de axudas van dirixidas á promoción de actuacións e á formulación e desenvolvemento de programas dirixidos a complementar, ampliar ou innovar a actuación dos servizos sociais comunitarios, tanto mediante o impulso da especificidade na atención de persoas ou territorios con características singulares como mediante o complemento da acción que estes levan a cabo.

Así, en consonancia coas previsións recollidas no Plan estratéxico de Galicia 2015-2020, na Estratexia de inclusión social de Galicia 2014-2020 e na Lei 10/2013, do 27 de novembro, dáse unha énfase especial aos procesos vinculados á inclusión sociolaboral, tanto a inclusión básica como de transición ao emprego das persoas usuarias dos servizos, establecendo unha liña de axudas destinada ao desenvolvemento de accións de capacitación persoal para a mellora da empregabilidade das persoas en situación ou risco de exclusión social, así como ao traballo de acompañamento social e ao apoio preciso para facilitar a participación das persoas destinatarias nos proxectos de inclusión sociolaboral. As actividades financiadas neste caso terán como obxectivo o apoio ou reforzo ás persoas que, polo distanciamento dos seus vínculos persoais co contorno social ou a súa condición de inmigrantes, precisan dun acompañamento técnico que facilite e/ou posibilite a súa inclusión social e laboral, e terán por obxecto tanto a adquisición de habilidades e destrezas como a formación básica adaptada ás súas necesidades, como a preparación para a avaliación das competencias clave exixibles para o acceso normalizado á formación e cualificación profesional. Igualmente, serán obxecto de financiamento as actuacións de dinamización en territorios en exclusión severa que teñan como obxectivo o intercambio de experiencias, vivencias, aprendizaxes e problemáticas comúns e as súas posibles solucións.

Existe crédito dispoñible para esta finalidade na Lei 6/2019, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.

Esta orde de convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, nas subvencións financiadas nos programas operativos Feder e FSE Galicia para o período 2014-2020 aplícanse o Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello; o Regulamento (UE) 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello; o Regulamento (UE) 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego, e polo que se derroga o Regulamento (CE) 1080/2006, e de xeito supletorio aplicaranse as disposicións da Lei de subvencións de Galicia e o seu regulamento.

Nesta convocatoria incorpórase o establecemento de métodos de custos simplificados conforme o disposto no artigo 14 do Regulamento (UE) 1304/2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018; as normas xerais aplicables ás opcións de custos simplificados a título do FSE establécense nos artigos 67, 68, 68 bis e 68 ter do Regulamento (UE) 1303/2013.

Na súa virtude e en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e polo Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento do réxime de concesión de axudas ás entidades de iniciativa social que, de conformidade coa Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, levan a cabo a atención ás persoas nos centros de inclusión e emerxencia social e desenvolven programas e/ou prestan servizos na área de actuación dos servizos sociais comunitarios, de inclusión e, especificamente, da inclusión social e laboral da poboación inmigrante, e realizar a súa convocatoria para os exercicios 2020, 2021 e 2022.

2. Quedan fóra do obxecto das subvencións reguladas nesta orde as actividades e proxectos que teñan principalmente os seguintes contidos:

a) Promoción da saúde pública, asesoramento sobre enfermidades crónicas, divulgación das características e efectos dunha determinada enfermidade ou outras problemáticas de índole sanitaria, salvo as dirixidas á prevención das discapacidades, especialmente enfermidade celíaca e fenilcetonuria. Estas actividades e proxectos deberán, en todo caso, establecer criterios de progresividade social na atención ás persoas e familias.

b) Realización de actividades lúdicas, culturais, de lecer ou recreo.

3. Non serán prioritarias, para os efectos previstos nesta orde, aquelas actividades ou proxectos susceptibles de acceder a outras liñas de colaboración financeira específicas promovidas por outros centros directivos da Xunta de Galicia.

4. O código deste procedemento administrativo é o BS631A.

Artigo 2. Financiamento

1. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de dezaoito millóns trescentos doce mil cento corenta euros (18.312.140 €), distribuído en tres anualidades e que se imputarán ás aplicacións orzamentarias que se indican:

Aplicación

2020

2021

2022

Total

12.03.312C.460.0

1.120.000 €

2.680.000 €

1.585.000 €

5.385.000 €

12.03.313C.460.1

2.727.206 €

4.667.206 €

2.722.536 €

10.116.948 €

12.03.313C.460.2

154.846 €

379.846 €

225.000 €

759.692 €

12.03.313C.760.0

512.750 €

1.025.000 €

512.750 €

2.050.500 €

Total

4.514.802 €

8.752.052 €

5.045.286 €

18.312.140 €

A partida 13.03.313C.781.0 destinarase ao investimento en centros de inclusión e emerxencia social e estará cofinanciada ao 80 % con fondos Feder do Programa operativo de Galicia 2014-2020, con encaixe no obxectivo temático 9, Promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación; prioridade de investimento 9.7, Investimento en infraestruturas sociais e sanitarias que contribúan ao desenvolvemento nacional, rexional e local e reduzan as desigualdades sanitarias, e o fomento da inclusión social mediante unha mellora do acceso aos servizos sociais, culturais e recreativos e a transición dos servizos institucionais aos servizos locais; obxectivo específico 9.7.1, Investimento en infraestrutura social e sanitaria que contribúa ao desenvolvemento nacional, rexional e local, e reduza as desigualdades sanitarias e transición dos servizos institucionais aos servizos locais; actuación CPSO 9.7.1.2, Actuacións de investimento en centros de inclusión social e en centros de menores para a adaptación das necesidades funcionais.

As partidas 13.03.313C.481.6 e 13.03.312C.481.0 destinaranse ao financiamento das actuacións establecidas no artigo 4.1.b).2º e 3º e poderán estar cofinanciadas ao 80 % con fondos do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, con encaixe no obxectivo temático 9, Promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación; prioridade de investimento 9.1, A inclusión activa, tamén con vistas a promover a igualdade de oportunidades, así como a participación activa e a mellora da posibilidade de encontrar un emprego; obxectivo específico 9.1.1, Mellorar a inserción sociolaboral de persoas en situación ou risco de exclusión social, a través da activación e de itinerarios integrados e personalizados de inserción.

A partida 13.03.312A.481.3 destinarase ao financiamento das actuacións establecidas no artigo 4.1.a), funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social, e no artigo 4.1.b).1º, actuacións singularizadas que constitúan a totalidade ou parte dun proxecto de carácter innovador e/ou complementario dos servizos sociais comunitarios básicos.

2. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderase ampliar excepcionalmente a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda, logo de informe favorable da modificación orzamentaria por parte do organismo intermedio competente do PO FSE Galicia 2014-2020, actualmente a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde as entidades de iniciativa social a que se refire o artigo 30 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, sempre e cando reúnan os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

b) Carecer de ánimo de lucro. Para estes efectos, acreditarase que non reparten beneficios, que no caso de liquidación ou disolución desta o seu patrimonio se destina a fins sociais e que os membros do seu padroado e/ou órgano de goberno desenvolven o seu labor con carácter gratuíto, de conformidade co disposto nos seus estatutos e co disposto nos puntos 2, 5, 6 e 10 do artigo 3 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.

c) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.

d) Non encontrarse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.

e) Dedicarse, con carácter preferente en concordancia cos seus estatutos, á realización de actuacións recollidas no artigo 1.

Todos os requisitos sinalados deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.

2. Dentro dos límites da lexislación autonómica, tamén poderán ser beneficiarias destas subvencións as agrupacións de organizacións sen personalidade xurídica, sempre que poidan levar a cabo os proxectos, as actividades ou os comportamentos ou se encontren na situación que motiva a concesión da subvención.

A agrupación deberá facer constar expresamente na solicitude os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Cada un dos membros da agrupación deberá estar inscrito no Rexistro Único de
Entidades Prestadoras de Servizos Sociais de Galicia.

3. No suposto de subvencións para o funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social, ademais do disposto no punto anterior, a entidade deberá contar coa autorización para o inicio de actividades prevista no Decreto 254/2011, do 23 de decembro.

No momento da solicitude será suficiente con presentar unha copia da solicitude do permiso de inicio de actividades en que conste o rexistro de entrada.

O órgano instrutor verificará que as entidades solicitantes teñen concedido o mencionado permiso con anterioridade á notificación da resolución da subvención que corresponda.

Artigo 4. Actuacións subvencionables

1. Serán subvencionables tres tipos de servizos e prestacións:

a) Funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social. Inclúese neste tipo o funcionamento daqueles centros que complementen os ámbitos de intervención social do Sistema galego de servizos sociais neste nivel de atención, os cales se especifican no artigo 3 da Orde do 25 de xaneiro de 2008 pola que se regulan os requisitos específicos que deben cumprir os centros de inclusión e emerxencia social, e que corresponden ás seguintes tipoloxías:

1º. Albergues.

2º. Centros de acollida.

3º. Comedores sociais.

4º. Centros de atención social continuada.

5º. Centros de día e inclusión social.

b) Actuacións singularizadas que constitúan a totalidade ou parte dun programa de carácter innovador e/ou complementario dos servizos sociais comunitarios básicos ou prestacións vinculadas ao desenvolvemento de determinados servizos sociais de inclusión de atención integrada nos termos establecidos no Decreto 61/2016, do 11 de febreiro, polo que se define a Carteira de servizos sociais de inclusión, incluída aquela dirixida de xeito exclusivo á poboación inmigrante:

1º. Actuacións singularizadas que constitúan a totalidade ou parte dun proxecto de carácter innovador e/ou complementario dos servizos sociais comunitarios básicos. Inclúese os seguintes servizos coa seguinte desagregación por programas:

1º.1. Servizos de atención ás necesidades básicas:

1º.1.1. Servizo da cobertura de necesidade de alimento.

1º.1.2. Servizo de provisión de recursos básicos (hixiene, roupeiro, lavandaría, apoio material...).

1º.1.3. Servizo de atención de rúa e/ou servizo de atención urxente.

1º.2. Servizos de prevención e primeira atención, que comprenderá os programas de valoración, orientación e información dirixidos a identificar situacións de risco e factores de vulnerabilidade, así como a informar sobre os recursos e prestacións do Sistema galego de servizos sociais.

2º. Atencións comprendidas dentro dos servizos de apoio á inclusión sociolaboral, servizo de formación adaptada e servizo de intervención comunitaria en territorios en exclusión:

2º.1. Prestacións do servizo de apoio á inclusión sociolaboral. Dentro deste servizo financiaranse:

2º.1.1. Da sección de inclusión básica. Comprende as prestacións de diagnose; deseño; seguimento e avaliación do proxecto de inclusión social e/ou sociolaboral; acompañamento social; accións para a adquisición e/ou fortalecemento das capacidades persoais e sociais, incluídas as dirixidas a mellorar a administración da economía familiar; o reforzo socioeducativo para menores; o apoio socioeducativo para a adhesión a tratamentos de prescrición facultativa.

2º.1.2. Da sección de inclusión e transición ao emprego. Comprenderá as prestacións de diagnose; deseño; seguimento e avaliación do proxecto de inclusión social e/ou sociolaboral; acompañamento social; accións para a adquisición e/ou fortalecemento das capacidades persoais e sociais, incluídas as dirixidas a mellor a administración da economía familiar; as accións promotoras do acceso e permanencia no mercado laboral; a mediación laboral; a prospección e intermediación laboral activa; o reforzo socioeducativo para menores; apoio socioeducativo para a adhesión a tratamentos de prescrición facultativa.

2º.1.3. Prestación de apoio á conciliación prestada no marco do servizo de apoio á inclusión sociolaboral, tanto na sección de inclusión básica como na sección de inclusión e transición ao emprego, ou cando se trate dunha prestación vinculada directamente a un servizo de formación adaptada.

2º.1.4. Prestacións do servizo de apoio á inclusión residencial. Este servizo inclúe accións de apoio ás persoas en procesos de inclusión sociolaboral que, debido aos seus baixos ingresos e/ou outros factores de discriminación, teñen dificultades de acceso ou mantemento da estabilidade residencial. Subvenciónanse as prestacións obrigatorias da sección de promoción do acceso e mantemento da vivenda: intermediación inmobiliaria, prevención da discriminación no mercado da vivenda e acompañamento nos procesos de transición a recursos residenciais estables e a prestación opcional de mediación e resolución de conflitos relacionados coa vivenda.

2º.2. Prestacións do servizo de formación adaptada. Excepcionalmente, poderanse subvencionar fóra do servizo de apoio á inclusión sociolaboral as accións de formación adaptada cando desenvolvan contidos relacionados coas medidas comprendidas nas prioridades transversais da Estratexia de inclusión social de Galicia, entre as cales se inclúe a formación en alfabetizacións e adquisición de coñecementos básicos dixitais e a formación vinculada coa redución da vulnerabilidade das persoas en risco ou situación de exclusión social con baixa cualificación; nelas englóbase a formación en competencias clave, preparación para as probas de adquisición do título de educación secundaria obrigatoria (ESO) e educación secundaria para adultos (ESA).

2º.3. Prestacións do servicio de intervención comunitaria en territorios de exclusión. Comprenderá as prestacións de dinamización social comunitaria. Tratarase de actuacións en territorios en exclusión severa que aproveiten espazos de dinamización comunitaria ou de interrelación xeracional ou interterritorial e teñan por finalidade tanto compartir experiencias, vivencias e aprendizaxes, como debater problemáticas comúns relativas á análise das potencialidades tanto económicas como sociais do territorio e as súas posibles solucións, sempre que exixan a presenza e dedicación de persoal dinamizador ou experto. Para os efectos desta orde, entenderase que un territorio sofre exclusión severa cando a súa dispersión, recente perda de poboación e/ou dificultades de comunicación por estrada impidan ou dificulten de xeito importante o desenvolvemento destes espazos de comunicación.

Serán persoas beneficiarias das actuacións que se subvencionen no punto 1.b).2º as perceptoras da renda de inclusión social de Galicia ou membros da súa unidade de convivencia, as persoas en situación ou risco de exclusión derivadas da rede de equipos de inclusión sociolaboral e, en xeral, as afectadas por factores de exclusión social. Neste último suposto a situación de exclusión social acredítase mediante declaración responsable da entidade de que o beneficiario está nesa situación.

Para considerar estes factores observarase o establecido nos artigos 3.1 e 3.3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia.

Así mesmo e en aplicación do artigo 56.5 da citada lei, no caso de unidades de convivencia con varias persoas en condicións de participar nun proxecto de inclusión sociolaboral estableceranse medidas personalizadas para cada unha delas.

Na ficha de descrición da actuación (anexo IV) deberán quedar reflectidos os criterios de selección das persoas destinatarias e o seu perfil.

3º. Atención dirixida a fomentar a inclusión social e o acceso e permanencia no mercado de traballo da poboación inmigrante. Inclúense as seguintes prestacións:

3º.1. As actuacións que se sinalan no punto 1.b).2º adaptadas ás necesidades específicas destas persoas.

3º.2. Prestacións do servizo de promoción da participación social, como accións formativas de alfabetización e competencia oral nas linguas oficiais de Galicia e accións formativas dirixidas ao coñecemento dos valores e características da sociedade de acollida.

3º.3. Prestación do servizo de asesoramento técnico especializado en materias propias de estranxeiría; consistirá na información, asesoramento e apoio nos trámites precisos para as autorizacións e renovacións de residencia, homologacións de títulos, reagrupamentos familiares, nacionalidade e demais cuestións relacionadas coa nacionalidade.

3º.4. Prestacións do servizo de apoio á inclusión sociolaboral. Ademais das incluídas no punto 3º.1, subvenciónase a prestación de mediación social e/ou intercultural, dirixida á integración das persoas inmigrantes. Esta prestación deberaa levar a cabo persoal especializado en distintos ámbitos, como sanidade, educación, vivenda ou outros, a través de accións de acompañamento presencial ou de sensibilización directa na contorna social próxima das persoas coas cales se levan a cabo as accións de mediación, que teñan por finalidade o respecto e o fomento de actitudes de tolerancia coa diversidade cultural. As accións de sensibilización non poderán representar máis dun 7 % do importe da axuda concedida para esta actuación.

Serán persoas beneficiarias dos programas ou actuacións subvencionados nesta epígrafe as persoas inmigrantes que acrediten documentalmente tal condición ou a súa orixe estranxeira e estean en risco de exclusión social de acordo co establecido nos artigos 3.1 e 3.3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, ou nunha situación de vulnerabilidade derivada da súa condición de inmigrante; esta situación acreditarase mediante declaración responsable da entidade.

Tamén participarán neste programa aquelas persoas solicitantes ou beneficiarias de protección internacional que puidesen chegar a Comunidade Autónoma galega.

Na ficha de descrición da actuación do anexo IV deberán quedar reflectidos os criterios de selección das persoas participantes e o seu perfil.

c) Investimento en centros de inclusión e emerxencia social. Poderanse adoptar as seguintes modalidades:

1º. A construción, ampliación, reforma e mellora dos centros, así como a adquisición de inmobles que garden unha relación directa coas actuacións anteriores.

2º. Adquisición ou desenvolvemento de aplicacións informáticas que estean relacionadas coa actividade do centro.

3º. A adquisición e a instalación de equipamento e moblaxe, así como a adquisición de vehículos de transporte vinculados á prestación dos servizos propios do centro; exclúense expresamente os vehículos turismos.

2. Poderán solicitarse un máximo de catro actuacións para cada unha das tipoloxías do punto 1.b), indicando a súa orde de prioridade, agás as que conteñan un contido formativo dos ordinais 2º.2, e 3º.2. Esta limitación non será de aplicación á tipoloxía dos puntos 1.a) e 1.c).

3. Todas as accións comprendidas nos puntos 1.b).2º e 1.b).3º serán deseñadas, desenvolvidas e avaliadas incorporando a perspectiva de xénero, o cal significa que se estudará en que medida a variable xénero inflúe nos procesos de exclusión e que se terán en conta as diferentes circunstancias, expectativas e necesidades que teñen os homes e as mulleres a que se dirixen polo mero feito de ser home ou muller. A perspectiva de xénero aplicarase tamén nas accións da letra c) en que sexa posible.

Artigo 5. Gastos subvencionables

1. Para os efectos desta orde, consideraranse como gastos subvencionables das actuacións singularizadas establecidas no artigo 4, puntos 1.a) e 1.b), os seguintes:

a) Gastos subvencionables para o funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social e a realización de actuacións singularizadas:

1º. Gastos directos: terán esta consideración os que a continuación se relacionan, sempre que estean directamente relacionados coa actuación subvencionada e que, polo tanto, se refiran inequivocamente a ela:

1º.1. Gastos de persoal propio da entidade: serán subvencionables as retribucións totais correspondentes á execución do programa, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social e a parte proporcional da paga extraordinaria que lle corresponda. A identificación da actuación que se subvenciona deberá constar no contrato de traballo ou nunha asignación previa de funcións directas, tanto no caso de que a xornada de traballo estea integramente destinada á execución da dita actuación como no caso de dedicación parcial.

1º.2. Gastos de traballadores/as por conta propia para a realización de actividades subvencionadas.

1º.3. Axudas de custo e gastos de viaxe, que se rexerán na súa contía pola normativa establecida nos convenios colectivos aplicables.

1º.4. Gastos por seguros de accidentes do alumnado e participantes que cubran os riscos derivados da actividade subvencionada.

1º.5. Bolsas por asistencia a accións formativas que non sexan percibidas por persoas titulares dunha renda de inclusión social de Galicia que inclúa ese complemento. Esta restrición non será aplicable ás persoas que formen parte da unidade de convivencia da persoa titular da dita renda.

1º.6. Axudas por desprazamento para participantes en accións de formación teórica adaptada dirixida á adquisición do permiso de condución tipo B ou C.

2º. Gastos de carácter indirecto: terán a dita consideración os que a continuación se relacionan, sempre que non se correspondan en exclusiva coa actuación subvencionada por ter carácter estrutural, pero resulten necesarios para a súa realización:

2º.1. Gastos de persoal.

2º.2. Gastos en material funxible.

2º.3. Gastos de alugamento e mantemento das instalacións, que comprende os gastos de luz, auga, calefacción, teléfono, limpeza e seguridade.

b) Poderá subvencionarse ata o 80 % dos gastos necesarios para a realización do investimento en centros de inclusión e emerxencia social definido no artigo 4.1.c) que se correspondan de maneira indubidable coa operación cofinanciada, e deberán estar debidamente pagados con anterioridade á finalización do período de xustificación previsto na presente base reguladora, coas especificidades que se indican nos seguintes puntos.

Será subvencionable a construción, ampliación, reforma e mellora dos centros, así como a adquisición de edificacións xa existentes para seren rehabilitadas ou postas en uso como centros de inclusión e emerxencia social.

Unicamente con respecto ás solicitudes para ampliación da superficie destinada para a atención das persoas usuarias, será subvencionable a adquisición de terreos en que exista unha relación directa entre a compra e os obxectivos da operación, ata o límite do 10 % do gasto total subvencionable da operación, de conformidade co artigo 69.3 do Regulamento 1303/2013 e do artigo 7.2 da Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

Estes terreos deberán ser limítrofes, agás no caso de unidades funcionalmente vinculadas ao establecemento principal, as cales, non obstante, deberán estar próximas a este, de tal xeito que a súa utilización permita que se despracen a pé as persoas usuarias.

Esta limitación do 10 % do gasto total subvencionable da operación non será de aplicación cando o edificio constitúa o elemento principal, isto é, que o valor do mercado do edificio sexa superior ao valor de mercado do solo. Noutro caso, se o valor de mercado do solo é superior ao do edificio, aplicaríase a limitación anterior.

En todo caso, o importe subvencionable non poderá superar o valor de mercado dos terreos e dos bens inmobles, aspecto que se deberá acreditar mediante certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial.

Non será subvencionable a adquisición de terreos ou de bens inmobles que pertenzan ou pertencesen durante o período de elixibilidade ao organismo responsable da execución ou a outro organismo ou entidade, directa ou indirectamente, vinculados ou relacionados con el.

Así mesmo e unicamente con respecto á adquisición de equipamento necesario de adaptación funcional para a prestación dos servizos, poderá ser de segunda man, sempre que conste unha declaración de quen o vende sobre a orixe dos bens e sobre que estes non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria, e que o prezo non sexa superior ao valor de mercado e ao custo dos bens novos similares. Estes aspectos do prezo acreditaranse mediante certificación de taxación independente.

Só se subvencionará a adquisición ou desenvolvemento de aplicacións informáticas cando estean relacionadas coa actividade do centro.

Para os efectos destas axudas, non se considera subvencionable ningún tipo de taxa, tributo ou imposto, agás o imposto sobre o valor engadido (IVE) cando non sexa recuperable polo solicitante.

De acordo co artigo 65.6 do Regulamento (UE) 1303/2013, a operación para a cal se solicita a axuda, para ser subvencionable, non poderá ter concluído materialmente na súa totalidade antes da presentación da solicitude de axuda.

2. En todo caso, as actuacións establecidas no artigo 4.1.b).2º e 3º deberán cumprir as normas establecidas no Regulamento UE 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello; no Regulamento UE 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo e polo que se derroga o Regulamento (CE) 1081/2006 do Consello, ambos modificados polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión, polo que se modifican os regulamentos (UE) 1296/2013, (UE) 1301/2013, (UE) 1303/2013, (UE) 1304/2013, (UE) 1309/2013, (UE) 1316/2013, (UE) 223/2014 e (UE) 283/2014, e a Decisión 541/2014/UE, e polo que se derroga o Regulamento (UE, Euratom) 966/2012; e na Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020. As actuacións sinaladas no artigo 4.1.c) deberán cumprir, ademais das normas establecidas no Regulamento UE 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, citado máis arriba, as normas do Regulamento (UE) 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego, e polo que se derroga o Regulamento (CE) 1080/2006, segundo corresponda en función do financiamento da axuda.

3. O período de referencia para a imputación dos gastos relativos a todas as axudas reguladas na presente orde será do 1 de xullo de 2020 ao 30 de xuño de 2022. Unicamente para as actuacións de construción, ampliación, reforma e mellora de centros, así como para a adquisición de inmobles, poderán adquirirse compromisos de gasto de carácter plurianual máis aló do 30 de xuño de 2022 e en ningún caso posterior ao 30 de novembro do mesmo ano, consonte o establecido no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

4. As dúbidas ou controversias en relación coa subvencionabilidade dos gastos resolveraas a Consellería de Política Social por propia iniciativa ou por petición de calquera das entidades solicitantes.

5. Con respecto ás subvencións establecidas no artigo 4.1.a) e 4.1.b), non está permitida a subcontratación dos gastos subvencionables. Non obstante o anterior, non se considerarán como gastos subcontratados aqueles en que teña que incorrer a entidade beneficiaria para realizar por si mesma a actuación subvencionada, tales como a contratación de persoal monitor, alugamento de instalacións para realizar as actuacións e/ou gastos de subministracións relacionados con elas, sempre que non sexan provistos pola mesma persoa física ou xurídica.

Non obstante o anterior, cando, de acordo co artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o importe de cada un destes gastos supere os 15.000 €, para o caso de subministracións e servizos, e 40.000 € para contratos de obras, a entidade beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes empresas provedoras, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación do servizo, agás no caso de que polas especiais características dos gastos non exista no mercado suficiente número delas ou que os gastos se realizasen con anterioridade á solicitude da subvención.

Artigo 6. Compatibilidade das axudas

1. A percepción de axudas para actuacións recollidas no artigo 4.1.a) e 4.1.b).1º é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado. As subvencións para actuacións recollidas no artigo 4.1.b).2º, 4.1.b).3º e 4.1.c) son incompatibles coa percepción de calquera outra axuda pública de fondos comunitarios para a mesma actuación, e respectaranse as limitacións do artigo 65.11 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013.

2. No caso de entidades solicitantes de subvención para accións recollidas no artigo 4.1.a) e 4.1.b).1º que sexan perceptoras doutras axudas para a mesma finalidade concedidas por outra entidade, deberán acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberase efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Nos casos das subvencións para accións recollidas no artigo 4.1.b).2º e 3º nos supostos en que se declare algunha outra axuda ou ingreso para financiar actuacións subvencionadas, o importe da subvención que corresponda despois de aplicar os módulos correspondentes diminuirase na mesma contía que o ingreso percibido.

3. As subvencións para o funcionamento de centros reguladas nesta orde non son compatibles coa reserva de prazas efectuada entre a entidade solicitante e a Xunta de Galicia mediante calquera das modalidades de contratación administrativa nin coa existencia dun convenio de colaboración especificamente asinado para o mantemento de centros e subvención de actividades.

Artigo 7. Iniciación do procedemento

1. De conformidade co previsto no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para presentar as solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365, que pode solicitar accedendo á web https://sede.xunta.gal/chave365.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que o emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considérase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes. Os sábados e festivos considéranse inhábiles para todos os efectos.

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para tramitar o procedemento

1. Para todas as solicitudes é obrigatorio presentar a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representatividade da persoa solicitante para actuar en nome da entidade para o caso de que esta se atribúa a persoa distinta á designada no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

b) Memoria da entidade do anexo II que conteña os datos básicos de identificación e, como mínimo, as epígrafes sinaladas neste anexo.

c) No caso das agrupacións sen personalidade xurídica, deberá xuntar un documento onde consten os compromisos de execución asumidos por cada un dos seus membros e o importe da subvención que se vai aplicar a cada un deles.

2. Documentación específica para as subvencións de funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social establecidas no artigo 4.1.a):

a) Anexo III, que inclúe a ficha de identificación do centro para o cal se solicita a subvención, que deberá conter os seguintes aspectos:

1º. Tipo de centro para o cal se solicita a subvención.

2º. Identificación do centro e da persoa responsable. No caso de non contar coa autorización para o inicio de actividades prevista no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, deberán achegar a copia da solicitude do permiso de inicio de actividades.

3º. Horario de atención ás persoas usuarias, número de días de apertura, coa desagregación reflectida no anexo III.

4º. Perfil das persoas usuarias e réxime económico aplicado.

5º. Número de prazas autorizadas. Número previsto de persoas usuarias/día.

6º. Outras unidades e recursos: Módulo de unidades familiares, de media estadía, recursos extra e existencia doutros recursos similares na zona de influencia.

7º. Recursos humanos dispoñibles.

8º. Descrición das características técnicas do centro.

9º. Declaración dos gastos previstos, que se deberá presentar de xeito separado para as actuacións previstas do 1.7.2020 ata o 30.11.2020, do 1.12.2020 ata o 30.11.2021 e do 1.12.2021 ata o 30.6.2022.

A información mínima requirida no anexo III poderá ser ampliada, á discreción da entidade solicitante, nunha memoria complementaria.

3. Documentación específica para as subvencións de promoción de actuacións singularizadas que constitúan a totalidade ou parte dun programa innovador e/ou complementario dos servizos sociais comunitarios básicos, ou prestacións vinculadas ao desenvolvemento de determinados servizos sociais de inclusión de atención integrada, ademais do servizo de promoción da participación social dirixida, no marco desta orde, de xeito exclusivo á poboación inmigrante, establecidas no artigo 4.1.b), coa achega do anexo IV, un por cada actuación solicitada coa ficha descritiva da actuación, que deberá conter como mínimo:

a) Datos da entidade solicitante.

b) Denominación da actuación.

c) Tipo de actuación.

d) Xustificación da necesidade social e localización territorial.

e) Obxectivos e descrición xeral da actuación que deberá estar adaptada ás persoas destinatarias, a cal deberá incorporar a perspectiva de xénero nos termos definidos no artigo 4.

f) Descrición dos recursos humanos e materiais que se van utilizar para garantir o axeitado desenvolvemento da actuación, con especificación da titulación e dedicación horaria do persoal á actuación para a cal se solicita a subvención.

g) Cronograma da/s actuación/s: a/s descrición/s conterá/n o período temporal de desenvolvemento da actuación, con indicación do seu número total de horas e/ou, no caso de que sexa necesario pola súa natureza, días, semanas ou meses de execución efectiva, así como o número previsto de persoas usuarias, coa desagregación reflectida no anexo IV. Esta descrición deberase presentar desagregada, recollendo de maneira separada as actuacións previstas ata o 30 de novembro de 2020, de ser o caso, ata o 30 de novembro de 2021, e de ser o caso ata o 30 de xuño de 2022, segundo o establecido no anexo IV.

Nas actuacións de tipo formativo distinguiranse o número de horas e as unidades didácticas ou módulos en que se divida, con expresión da duración de cada un deles.

h) Perfil e criterios de selección das persoas destinatarias para a actuación e para cada unha das súas fases. Indicarase/nse, de ser o caso, a/s problemática/s específica/s das persoas usuarias. No caso de solicitudes tipo 4.1.b).2º e 4.1.b).3º, este punto deberase axustar ao establecido nos artigos 3.1 e 3.3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro.

i) Metodoloxía que se vai empregar no desenvolvemento da actuación, a cal deberá incorporar a perspectiva de xénero describindo os axustes que se introducirán en función dos roles diferentes que asumen homes e mulleres na sociedade e que poden condicionar o acceso e a calidade da súa participación.

j) Avaliación cualitativa prevista.

k) Para as actuacións do artigo 4.1.b).1º unha declaración de gastos previstos, que deberá presentarse de xeito separado para as actuacións previstas do 1.7.2020 ata o 30.11.2020, do 1.12.2020 ata o 30.6.2021, do 1.7.2021 ata o 30.11.2021 e do 1.12.2021 ata o 30.6.2022.

De ser o caso, declaración responsable prevista no artigo 4.1b).2º de que a persoa beneficiaria se encontra en situación de exclusión social.

A información mínima requirida no anexo IV poderá ser ampliada, á discreción da entidade solicitante, nunha memoria complementaria.

4. Documentación específica para as subvencións de investimento de centros de inclusión ou emerxencia social establecidas no artigo 4.1.c):

a) Memoria técnica xustificativa da actuación que se vai desenvolver (anexo V). Nesta memoria recollerase, de ser o caso, como se atenden os condicionantes de xénero no proxecto proposto.

b) Nas subvencións para construción, reforma ou ampliación, planos da actuación a escala axeitada e proxecto de execución ou licenza. No caso de presentación de solicitude para equipamento e vehículos de transporte vinculados á prestación dos servizos do centro, este substituirase por unha memoria xustificativa da súa necesidade e documento das súas condicións técnicas.

c) No caso de subvencións para a adquisición de inmobles para ser rehabilitados ou postos en uso como centros de inclusión e emerxencia social, deberán achegar :

– Certificado do Rexistro da Propiedade en que figuren as cargas que puidese ter o inmoble, así como a titularidade deste a favor do vendedor.

– Documento de opción de compra, no cal se indicará a data de caducidade desta, así como o prezo e a forma de pagamento.

– Informe técnico sobre o estado do inmoble, no cal se incluirá a localización, superficie, tipoloxía de centro prevista e prazas estimadas.

d) Para as solicitudes de subvencións dirixidas á construción dun novo centro de inclusión e emerxencia social, a modificación substancial dun centro xa existente, ou a adquisición de inmobles para destinalos a centros de inclusión social, deberá achegar a solicitude de autorización de creación/construción ou modificación substancial.

e) Documentación acreditativa do réxime fiscal da entidade solicitante respecto do IVE, para os efectos de determinar a súa subvencionabilidade. Esta documentación non será necesaria naqueles casos en que xa fose presentada en convocatorias anteriores e non se producisen cambios na situación fiscal da entidade solicitante.

5. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

8. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. De conformidade co establecido na normativa de protección de datos, para a tramitación deste procedemento consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 10. Instrución dos procedementos

1. A instrución dos procedementos correspóndelle á Subdirección Xeral de Inclusión e Integración Social. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. De conformidade co previsto no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada localizada na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Nos procedementos para a concesión de subvencións para o funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social previstos no artigo 4.1.a), as notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. Nos procedementos para a concesión de subvencións para realizar actuacións singularizadas, prestacións vinculadas ao desenvolvemento de servizos sociais de inclusión ou investimentos previstos no artigo 4.1.b) e c), publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os actos administrativos e as correspondentes resolucións deste procedemento. Esta publicación producirá os efectos de notificación. Así mesmo, de xeito complementario, efectuarase a notificación das resolucións da concesión mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia, Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

5. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos, conforme o establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, o órgano instrutor requirirá as entidades interesadas para que, nun prazo improrrogable de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixesen, se teráns por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aquelas actuacións que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, regulada no artigo 11.

As solicitudes ou actuacións que non cumpran as exixencias contidas nesta orde ou na normativa de aplicación ou que non conteñan a documentación necesaria quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión, na cal se indicarán as causas desta. A resolución será notificada nos termos establecidos no artigo 40 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

6. No exercicio das súas funcións, o órgano instrutor poderá solicitar informe á unidade administrativa con competencias en materia de autorización e inspección de servizos sociais acerca do grao de cumprimento da normativa en materia de inscrición de entidades e autorización dos centros e/ou programas de servizos sociais, e tamén informes dos servizos técnicos pertinentes, tanto a nivel central como territorial, os cales non terán carácter preceptivo nin vinculante. Así mesmo, poderá requirir das entidades solicitantes das subvencións información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

Artigo 11. Procedementos de concesión

1. O crédito da aplicación orzamentaria 13.03.312A.481.3 dedicarase ás actuacións establecidas no artigo 4.1.a), Funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social, e 4.1.b).1º, Actuacións singularizadas que constitúan a totalidade ou parte dun proxecto de carácter innovador e/ou complementario dos servizos sociais comunitarios básicos. En todo caso, destinarase ás actuacións da tipoloxía 4.1.b).1º un mínimo de 300.000 €, coa seguinte distribución: 75.000 € en 2020, 150.000 € en 2021 e 75.000 € en 2022. En todo caso, na tipoloxía 4.1.b).1º atenderase en primeiro lugar ás solicitudes para cubrir as necesidades básicas e unha vez atendidas estas continuarase coas solicitudes para as actividades informativas.

Para as actuacións do artigo 4.1.a), dada a súa natureza e finalidade, ao abeiro do artigo 19.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a concesión das subvencións será baixo o réxime de concorrencia non competitiva, polo que o órgano competente procederá ao rateo, entre as entidades beneficiarias da subvención, da cantidade de 5.085.000 €.

O crédito da aplicacións orzamentarias 13.03.313C.481.6 e 13.03.312C.481.0 distribuirase entre as solicitudes da tipoloxía do artigo 4.1.b).2º e 4.1.b).3º de xeito proporcional ao importe das actuacións admitidas de cada tipoloxía susceptibles de seren baremadas, e reservarase un mínimo de 500.000 € para aqueles programas que teñan por destinatarias persoas sen fogar ou en exclusión severa, concretamente para o desenvolvemento das medidas recollidas no eixe 4 (Enfoque inclusivo da vivenda) do Plan de atención ás persoas sen fogar en Galicia 2019-2023.

2. O procedemento de concesión das subvencións para actuacións singularizadas do artigo 4.1.b) que constitúan a totalidade ou parte dun programa de carácter innovador e/ou complementario dos servizos sociais comunitarios básicos e para a atención dirixida a fomentar a inclusión social e o acceso e permanencia no mercado de traballo das persoas en situación ou risco de exclusión social, incluídas aquelas dirixidas de xeito exclusivo á poboación inmigrante, atenderá a un réxime de concorrencia competitiva.

De non esgotarse todo o crédito destinado a unha tipoloxía de actuación, poderá ser utilizado no resto das tipoloxías previstas neste punto sempre que se respecten os principios de elixibilidade que establezan os fondos financiadores das ditas axudas.

3. No caso de existiren solicitudes susceptibles de axuda pero que se desestiman por terse esgotado o crédito dispoñible, quedarán en reserva para seren atendidas, ben co crédito que quedase libre por producirse algunha renuncia ou por modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ou ben por incremento do crédito orzamentario destinado a esta subvención, de acordo co establecido nos artigos 30.2. e 33.7 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Para estes efectos, poderanse realizar sucesivas propostas, as cales respectarán a orde de prelación previamente realizada.

4. Os criterios de valoración das actuacións previstas no artigo 4.1.b).1º, 2º e 3º serán os seguintes, cun máximo de 100 puntos por proxecto:

a) Calidade técnica do programa: ata 60 puntos, coa seguinte desagregación:

1º. Necesidade social do programa: ata 10 puntos.

2º. Definición clara dos obxectivos que se deberán acadar, descrición detallada das actuacións que se deberán desenvolver no programa e calendarización destas: ata 15 puntos.

3º. Adecuación dos recursos humanos, materiais e técnicos para o desenvolvemento do programa: ata 5 puntos.

4º. Indicadores de control e sistema de avaliación: ata 5 puntos.

5º. Os participantes son derivados dos servizos sociais comunitarios: ata 10 puntos.

Todos: 10 puntos.

Máis do 70 %: 7 puntos.

Mais do 50 %: 5 puntos.

Máis do 30 %: 3 puntos.

6º. Contido innovador na metodoloxía empregada ou sistemas de organización ou xestión que acheguen valor ao proxecto: ata 5 puntos.

7º.1. Presentación dun compromiso de contratación ou de realización de prácticas non laborais asinado por unha empresa, ou de que a entidade solicitante é promotora ou traballa en coordinación cunha empresa de inserción laboral (EIL) debidamente inscrita no Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción Laboral de Galicia: 10 puntos.

7º.2. Para actuacións establecidas no artigo 4.1.b).1º:

Necesidades básicas: ata 10 puntos.

Informativas: ata 5 puntos.

b) Experiencia e especialización da entidade na realización de programas de inclusión sociolaboral para persoas en situación ou risco de exclusión social, reflectida na execución de programas e na memoria da entidade: ata 10 puntos, coa seguinte desagregación:

1º. Experiencia da entidade no ámbito da inclusión social, considerada en función do número de anos que desde o actual leva dedicándose ininterrompidamente a este labor: ata 4 puntos, 1 por ano.

2º. Colaboración coa Xunta de Galicia no desenvolvemento de programas: 2 puntos.

3º. Os catro puntos restantes distribuiranse como se indica a continuación:

3º.1. Para as actuacións de apoio á inclusión sociolaboral baseadas na agricultura social que se desenvolvan en áreas rurais do territorio galego previstas no artigo 4.1.b).2º.1: 4 puntos.

3º.2. Para actuacións establecidas no artigo 4.1.b).1º:

Número de socios que contribúan ao financiamento da entidade: 4 puntos.

c) Actuacións integrais de carácter transversal en dous ou máis ámbitos da inclusión sociolaboral, como a educación e formación, inserción laboral, acción social, cobertura de necesidades básicas, orientación e información, vivenda, sanidade: ata 15 puntos, coa seguinte desagregación:

1º. Presentación de actuacións en dous ámbitos: 6 puntos.

2º. Presentación de actuacións en tres ámbitos: 9 puntos.

3º. Presentación de actuacións en catro ámbitos: 12 puntos.

4º. Presentación de actuacións nos cinco ámbitos: 15 puntos.

d) Programas desenvolvidos en zonas de alta concentración de persoas nas cales concorren factores de exclusión, asentamentos de poboación con alto índice de vivenda inadecuada ou territorios en exclusión con alta dispersión da poboación: 10 puntos.

Para actuacións establecidas no artigo 4.1.b).1º:

Coordinación acreditada con outras entidades ou axentes sociais: 10 puntos.

e) Realización de actividades específicas de promoción da igualdade de xénero: ata 5 puntos.

5. O procedemento de concesión das subvencións para o investimento de centros de inclusión e emerxencia social reguladas no artigo 4.1.c) será o de concorrencia competitiva e os criterios de valoración serán os seguintes, cun máximo de 100 puntos por proxecto:

a) Impacto e necesidade social do investimento ou equipamento solicitado: ata 45 puntos, coa seguinte desagregación:

1º. Impacto social: ata 25 puntos, segundo se trate de:

1º.1. Obra nova: 25 puntos.

1º.2. Reforma ou mellora do centro: 15 puntos.

1º.3. Equipamento: 10 puntos.

2º. Necesidade social: ata 20 puntos, segundo se trate de:

2º.1. Albergues e comedores: 20 puntos.

2º.2. Centro de acollida: 10 puntos.

2º.3. Centro de atención social continuada e centro de día: 5 puntos.

b) Complementariedade do servizo que vai prestar o centro con outros dispositivos de atención a persoas en exclusión, que complementa pero non duplica os existentes ou é o único dispositivo existente na zona: 20 puntos.

c) Outras fontes de financiamento para realizar o investimento distintas dos fondos propios: 15 puntos.

d) A coordinación dos proxectos con outros axentes do territorio: ata 10 puntos, coa seguinte desagregación:

1º. Con servizos sociais comunitarios: 5 puntos.

2º. Con outros axentes privados: 5 puntos.

e) Atención aos condicionantes de xénero no proxecto proposto: 10 puntos se acredita a existencia dun plan de igualdade.

Artigo 12. Comisión de valoración

1. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, para os procedementos de concorrencia competitiva previstos no artigo 11.2 e 5 crearase unha comisión de valoración, que será o órgano colexiado encargado de emitir o correspondente informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada, con indicación da puntuación e da axuda aplicable en cada caso. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) Presidente/a: a persoa titular da Subdirección Xeral de Inclusión e Integración Social.

b) Vogais: a persoa titular da xefatura do Servizo de Coordinación de Programas de Inclusión, a persoa titular da xefatura do Servizo de Atención ás Persoas Inmigrantes e un/unha funcionario/a adscrito/a á Subdirección Xeral de Inclusión e Integración Social.

c) Secretario/a, con voz pero sen voto: un/unha funcionario/a por proposta da persoa titular da presidencia.

En caso de ausencia dalgún membro da comisión de valoración, este será substituído pola persoa designada polo/a presidente/a.

Na composición da comisión de valoración procurarase acadar una presenza equilibrada de homes e mulleres.

2. Unha vez avaliados os expedientes e determinado o importe que lle correspondería a cada actuación, a comisión presentaralle ao órgano instrutor o informe dos resultados da avaliación efectuada.

3. Neste informe figurará de maneira individualizada a avaliación das solicitudes presentadas, con especificación do importe que lle correspondería a cada unha delas.

Artigo 13. Determinación do importe das subvencións

1. Para as subvencións para o funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social previstos no artigo 4.1.a), a determinación do importe das subvencións tomará como referencia o número de persoas que cada centro prevé atender, coa limitación do número de prazas para as cales estea autorizado, e un importe unitario máximo de axuda por persoa atendida por día en función da tipoloxía de centro, do xeito seguinte:

a) Centros de acollida e inclusión: módulo de 6 € por cada persoa con atención básica por día e módulo de 40 € por cada persoa con atención especializada por día. Establécese un límite máximo de 350.000 € por centro.

b) Centros de día de inclusión social: módulo de 3 € por cada persoa que se atenda e día. Establécese un límite máximo de 80.000 € por centro.

c) Albergues: módulo de 5 € por cada persoa que se atenda e día. Establécese un límite máximo de 80.000 € por centro.

d) Comedores sociais: módulo de 3 € por cada persoa que se atenda e día. Establécese un límite máximo de 200.000 € por centro.

e) Centros de atención social continuada: módulo de 3 € por cada persoa que se atenda e día. Establécese un límite máximo de 80.000 € por centro.

2. Nas subvencións previstas no artigo 4.1.b) para actuacións singularizadas que constitúan a totalidade ou parte dun programa de carácter innovador e/ou complementario dos servizos sociais comunitarios básicos ou prestacións vinculadas ao desenvolvemento de determinados servizos sociais de inclusión de atención integrada, ademais daquelas do servizo de promoción da participación social dirixida, no marco desta orde, de xeito exclusivo á poboación inmigrante, unha vez valoradas as solicitudes por tipoloxías conforme os criterios establecidos no artigo anterior, obterase unha relación ordenada delas, a cal se empregará como listaxe para a asignación do crédito dispoñible na convocatoria, que se distribuirá do seguinte xeito:

a) Módulo de apoio á inclusión sociolaboral:

1º. Sección de inclusión básica: 18,49 €/hora de traballo efectivo máis o 20 % en concepto doutros custos directos ou indirectos, realizado por persoal técnico cunha titulación universitaria, titulación superior de FP complementada cunha dilatada experiencia profesional e/ou formación especializada, ou, na súa falta, con coñecementos adquiridos no desempeño da súa profesión, complementados con formación específica no posto de traballo que sexa equivalente á titulación referida. En todo caso, respectaranse as exixencias de titulación específica para o desempeño da súa profesión, en todos os postos en que así estea establecido pola normativa legal, cun máximo de 3.440 horas para o período subvencionable, que se corresponden coa dedicación dun/dunha profesional a xornada completa, ou varios profesionais con dedicación parcial. Neste suposto será necesario acreditar un número mínimo de 80 persoas atendidas, das cales o 60 % deberá ter realizadas polo menos as prestacións que a Carteira de servizos sociais de inclusión considera obrigatorias para esta sección: diagnose; deseño, seguimento e avaliación do proxecto de inclusión social e/ou laboral; acompañamento social; accións de adquisición e/ou fortalecemento das capacidades persoais e sociais.

2º. Sección de inclusión e transición ao emprego: 18,49 €/hora de traballo efectivo máis o 40 % en concepto doutros custos directos ou indirectos, realizado por persoal técnico coa mesma titulación que no punto anterior, cun máximo de 3.440 horas para o período subvencionable, que corresponden coa dedicación dun/dunha profesional a xornada completa, ou varios profesionais con dedicación parcial. Neste suposto será necesario acreditar un número mínimo de 80 persoas atendidas, das cales o 60 % deberá ter realizadas polo menos as prestacións que a Carteira de servizos sociais de inclusión considera obrigatorias para esta sección: diagnose; deseño, seguimento e avaliación do proxecto de inclusión social e/ou laboral; acompañamento social; accións de adquisición e/ou fortalecemento das capacidades persoais e sociais; accións promotoras do acceso e permanencia no mercado laboral.

O número de persoas atendidas exixido minorarase proporcionalmente en función da dedicación horaria declarada.

Se as persoas atendidas son persoas sen fogar ou se atopan en situación de exclusión severa, circunstancia que se fará constar no momento da solicitude, exixirase para unha dedicación a xornada completa a atención de 30 persoas, que deberán ter realizadas, polo menos, as prestación obrigatorias elixidas do mesmo xeito que no punto anterior, así como prestacións do servizo de apoio á inclusión residencial.

As persoas que estean a desenvolver un proceso de inclusión xestionado por una entidade local ou polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, en calquera das dúas seccións do apoio á inclusión sociolaboral, non se computarán para acreditar o número mínimo de persoas atendidas.

b) Módulo de formación adaptada/promoción da participación social: 18,49 €/hora de traballo efectivo máis o 40 % en concepto doutros custos directos ou indirectos, realizado por persoal técnico coa mesma titulación que a prevista na letra a).

Os importes establecidos corresponderán cando teñan dereito á certificación acreditativa da súa realización un mínimo de cinco participantes que teñan acreditada a asistencia como mínimo ao 60 % do total das horas da acción formativa.

c) Módulo de medidas de apoio á conciliación: 14,37 €/hora de traballo efectivo máis o 20 % en concepto doutros custos directos ou indirectos realizado por persoal técnico con formación académica e/ou profesional de grao medio, ou equivalente, completados cunha experiencia ou titulación profesional necesaria para o desenvolvemento da súa función.

d) Módulo de mediación social e/ou intercultural: 16,46 €/hora de traballo efectivo máis o 20 % en concepto doutros custos directos ou indirectos realizado por persoal técnico con formación profesional superior de grao medio, ou formación académica equivalente, complementada con coñecementos adquiridos por demostrada experiencia no seu posto de traballo en mediación intercultural.

e) Módulo de asesoramento técnico especializado no ámbito normativo en materia de estranxeiría: 18,49 €/hora de traballo efectivo máis o 40 % en concepto doutros custos directos ou indirectos, cun máximo de 3.440 horas para o período subvencionable, que se corresponden coa dedicación dunha persoa coa titulación en dereito a xornada completa.

f) Módulo de intervención comunitaria en territorios en exclusión severa sempre que comporte a presenza de monitor: 18,49 €/hora de traballo efectivo máis o 40 % en concepto doutros custos directos ou indirectos para a actividade acreditada.

g) Módulo de servizos de atención ás necesidades básicas previsto no artigo 4.1.b).1º.1: 10 € por persoa atendida nun período subvencionable de 12 meses. Para estes efectos, establécense dous períodos subvencionables: o primeiro do 1.7.2020 ata o 30.6.2021 e o segundo do 1.7.2021 ata o 30.6.2022. En consecuencia, unha mesma persoa poderá ser computada nos dous períodos, pero só unha vez en cada un deles.

h) Módulo de servizos de prevención e primeira atención previsto no artigo 4.1.b).1º.2: 5 € por persoa atendida nun período subvencionable de 12 meses. Para estes efectos, establécense dous períodos subvencionables: o primeiro do 1.7.2020 ata o 30.6.2021 e o segundo do 1.7.2021 ata o 30.6.2022. En consecuencia, unha mesma persoa poderá ser computada nos dous períodos, pero só unha vez en cada un deles.

Os módulos descritos nas letras g) e h) non estarán cofinanciados co FSE.

O crédito asignado para cada anualidade de gasto distribuirase en función da puntuación xeral resultante en orde decrecente de tal xeito que, unha vez esgotado o crédito dispoñible para unha das anualidades, continuará asignándose o correspondentes ás outras anualidades de maneira independente. Para estes efectos, a anualidade de 2020 abranguerá actuacións comprendidas ata o 30 de novembro de 2020, a anualidade de 2021 desde o 1 de decembro de 2020 ata o 30 de novembro de 2021, e a anualidade de 2022 desde o 1 de decembro de 2021 ata o 30 de xuño de 2022.

A contía máxima de axuda por actuación establécese nun importe de 83.000 €. Para as actuacións da tipoloxía prevista no artigo 4.1.b).1º, a contía máxima será do 50 % para cada un dos dous períodos subvencionables establecidos nos puntos 2.g) e 2.h).

3. Para os efectos de determinar o importe da subvención prevista no artigo 4.1.c) para o investimento de centros de inclusión social e emerxencia social, terase en conta o orzamento presentado pola entidade solicitante, que non poderá superar o 80 % do orzamento total.

En ningún caso o importe máximo da axuda por proxecto para conceder superará o importe de 300.000 €.

Artigo 14. Resolución

1.A concesión das subvencións obxecto desta orde resolveraa a persoa titular da Dirección Xeral de Inclusión Social, quen resolverá por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social, por proposta do órgano instrutor e unha vez fiscalizada a proposta pola Intervención Delegada.

2. O prazo máximo para resolver e notificar as resolucións ás entidades interesadas será de cinco meses, que empezarán a contar desde a entrada de cada solicitude no rexistro do órgano competente para resolver, no caso das subvencións recollidas no artigo 4.1.a), que se tramitan polo procedemento de concorrencia non competitiva, e desde o día seguinte da publicación desta orde, nos demais casos. As resolucións estarán motivadas e indicarán a puntuación acadada no proceso de valoración. Se vencese o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada.

3. En todo caso, deberase notificar cada beneficiario sobre as condicións da axuda, de conformidade co establecido nos artigos 125.3.c) e d), 125.4.a) e 67.6) do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, no artigo 10 do Regulamento de execución (UE) 1011/2014 da Comisión, do 22 de setembro de 2014, e no anexo III do Regulamento delegado (UE) 480/2014 da Comisión, do 3 de marzo. Na resolución de outorgamento da subvención constará a información sobre o cofinanciamento dos programas operativos FSE Galicia 2014-2020 e Feder 2014-2020, e a correspondente porcentaxe con indicación do obxectivo temático, prioridade de investimento e obxectivo específico. Así mesmo, figurará a identificación do beneficiario, a contía da subvención e obrigas que lle correspondan, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deben obterse con ela, o plan financeiro e o prazo de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA).

4. Unha vez recibida a resolución de concesión da subvención, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez días a súa aceptación. No caso de non comunicación, entenderase tacitamente aceptada en todas as súas condicións.

5. A aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión das entidades beneficiarias na lista de operacións que se publicará no portal da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda, co contido previsto no número 1 do anexo XII e no artigo 115.2 do Regulamento (UE) 1303/2013:

http://www.dgfc.sepg.minhafp.gob.es/sitios/dgfc/es-ES/loFEDER1420/porFEDER/Paginas/inicio.aspx

6. En aplicación do artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando a subvención teña por obxecto o financiamento de actuacións recollidas no artigo 4.1.b) e o importe da axuda da proposta de resolución sexa inferior ao que figura na solicitude, poderase instar a entidade beneficiaria para que, nun prazo de dez días, reformule a solicitude para axustar os compromisos e as condicións á subvención proposta e/ou formule as alegacións que considere pertinentes. En calquera caso, a reformulación de solicitudes deberá respectar o obxecto, as condicións e a finalidade da subvención, así como os criterios de valoración establecidos e que deron lugar ao seu outorgamento. Así mesmo, a dita reformulación non poderá comprometer a viabilidade do programa polo cal se deberán manter os gastos necesarios para o seu correcto desenvolvemento.

Artigo 15. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro desta orde porán fin á vía administrativa e contra elas poderase interpor, se é o caso, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, contado a partir da notificación da resolución expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ante o mesmo órgano que as ditou, de acordo co previsto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a orde xurisdicional competente, de conformidade co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, no prazo de dous meses, contados desde a súa notificación, se o acto é expreso, ou seis meses a partir do día seguinte a que se produza o acto presunto, e sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que coiden oportuno.

Artigo 16. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas ou subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución da subvención por instancia da entidade beneficiaria, sempre que se cumpran os requisitos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. Será de aplicación aos beneficiarios e beneficiarias das subvencións recollidas na presente orde o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 17. Obrigas das entidades subvencionadas

1. As entidades que sexan subvencionadas deberán:

a) Executar e acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención e o cumprimento dos requisitos e das condicións desta ante o órgano concedente. En todo caso, as actuacións prestaranse de acordo co establecido na Carteira de servizos sociais de inclusión definida no Decreto 61/2016, do 11 de febreiro, en todos os aspectos que sexan de aplicación.

b) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder. No caso das axudas financiadas polo FSE Galicia 2014-2020, bastará con manter de forma separada na contabilidade o ingreso da axuda percibida, de maneira que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos do programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

c) En todo caso, respecto das axudas cofinanciadas co FSE ou co Feder, deberán conservar toda a documentación relativa á subvención durante un período de tres anos, que se contará a partir do 31 de decembro seguinte á presentación destas contas en que estean incluídos os gastos da operación perante á Comisión Europea, de conformidade co artigo 140.1 do Regulamento (UE) 1303/2013, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. O comezo deste prazo será oportunamente comunicado polo Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos.

d) Os beneficiarios comprométense a asumir a responsabilidade de adoptar as medidas necesarias para facer chegar ao público información sobre as operacións financiadas polo PO Feder/FSE, de acordo co estipulado no artigo 2.2 do anexo XII do Regulamento (UE) 1303/2013. En particular, deberán facer constar, en todo tipo de publicidade e información ás actuacións realizadas, a condición de subvencionados pola Consellería de Política Social, de ser o caso, polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional 2014/2020 ou polo PO FSE Galicia 2014/2020, segundo o establecido no anexo XII do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello. En todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo, o beneficiario deberá recoñecer o apoio recibido ao proxecto, e deberá figurar o emblema da Unión e unha referencia á Unión Europea, referencia ao Fondo Feder ou FSE que dá apoio ao proxecto e aos lemas dos fondos. Durante a realización do proxecto e durante o período de duración dos compromisos de mantemento do investimento ou emprego informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 nun lugar destacado e visible. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispor dela, sobre a actuación e a axuda financeira recibida da Unión Europea, e sobre os obxectivos e resultados da operación financiada. As características técnicas para a exhibición do emblema da Unión e referencia ao Fondo deberanse axustar ao establecido nos artigos 3, 4 e 5 do Regulamento (UE) 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo de 2014.

e) Informar, de ser o caso, as persoas destinatarias de que as actuacións en que participan están financiadas pola Xunta de Galicia (Consellería de Política Social) e, de ser o caso, cofinanciadas polo Feder e/ou FSE, así como dos obxectivos dos fondos, e os emblemas figurarán como mínimo nos partes de asistencia/participación, enquisas de avaliación ou certificados de asistencia.

f) Adecuar a metodoloxía das actuacións, así como a de recollida e proceso de datos de seguimento e acreditación da realización da actividade de persoas beneficiadas, ás fórmulas que, de ser o caso, propoña a Consellería de Política Social e, se así é requirido, incorporarse como usuarias da aplicación informática deseñada e implantada para a xestión da Estratexia de inclusión social de Galicia 2014-2020. Así mesmo, deberán realizar as actuacións precisas para recoller información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de produtividade e resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao FSE. Os indicadores de produtividade relativos a persoa solicitante refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación do participante coas actuacións subvencionadas, mentres que os indicadores de resultado inmediato se deberán referir ao período comprendido entre o día posterior á finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes, no período de xustificación da correspondente subvención. Así mesmo, a Administración poderá requirir novos datos no prazo de seis meses desde que finalice a vinculación do participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento. Para estes efectos, seralle facilitado o acceso á aplicación Participa 1420. Polo que respecta aos indicadores relativos ás axudas ao investimento en centros de inclusión e emerxencia social, realizarase un reconto global da capacidade máxima de persoas para as cales está deseñado o centro e, no caso de adquisición de equipamento de uso social, farase unha estimación da poboación beneficiaria durante a súa vida útil.

g) Axustarse na execución das accións aos obxectivos que, de ser o caso, estableza a Consellería de Política Social a través da Dirección Xeral de Inclusión Social. En particular, e coa periodicidade coa que sexa requirida, deberá comunicar á Dirección Xeral de Inclusión Social o cumprimento das accións subvencionadas polas persoas participantes, comunicación na cal se fará constar toda a información precisa para dar cumprimento aos requirimentos de información asociados aos indicadores de produtividade e de resultado do FSE. En particular e con respecto ás persoas participantes, recadará información sobre os indicadores de produtividade e resultado para FSE. Para a acreditación deste aspecto, a entidade deberá solicitar e custodiar unha declaración das persoas participantes ou outra documentación análoga que lle permita responsabilizarse da súa declaración conxunta perante a Dirección Xeral de Inclusión Social. Esta mesma obriga contraerase cos servizos sociais comunitarios de referencia da persoa participante, cando sexa solicitado para o seguimento da súa intervención social.

h) As infraestruturas e equipamentos subvencionados deberán permanecer destinados ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención por un período de cinco anos desde o pagamento final ao beneficiario, segundo establece o artigo 71 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, a que se remite o artigo 7 da Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro. O incumprimento deste requisito dará lugar á revogación da subvención, co reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora legalmente establecidos desde o momento do pagamento da subvención, segundo o establecido no artigo 22.3.

i) Comunicar as variacións das datas de inicio e remate das actuacións previstas na solicitude, así como os informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da Consellería de Política Social, en especial, os relativos á subministración de información nos termos establecidos no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei e certificado en que se indique o número estimado da poboación beneficiada para a actuación no período subvencionado pola orde de convocatoria.

j) Controlar a asistencia ás accións formativas e expedir certificado de aproveitamento para os participantes que teñan asistido como mínimo ao 60 % do total das súas horas.

k) Solicitar, de ser o caso, á Dirección Xeral de Inclusión Social a autorización das modificacións que afecten as actuacións subvencionadas cunha antelación de cinco días respecto á data en que se produzan.

l) Remitir no prazo de dez días os informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da Consellería de Política Social.

m) Someterse ás actuacións de comprobación e control e facilitar toda a información requirida pola Dirección Xeral de Inclusión Social, e ás verificacións dos organismos implicados na xestión e seguimento do PO FSE Galicia 2014-2020 e Feder, incluídas as visitas sobre o terreo, que se establezan en aplicación dos artigos 72, 73 e 74 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

n) Contratar un seguro para o alumnado ou participantes nas actuacións que cubra os riscos que poidan ter durante o desenvolvemento das actividades e os dos desprazamentos para a asistencia a elas.

o) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

p) Todas aquelas obrigas e requisitos que se desprendan do articulado desta orde e dos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e da súa normativa de desenvolvemento.

2. Os servizos da Consellería de Política Social poderán efectuar as comprobacións que consideren oportunas en canto ao cumprimento por parte das entidades de iniciativa social participantes dos requisitos exixidos pola Lei 13/2008, do 3 de decembro, e pola súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, poderán solicitar informes dos servizos da rede pública de servizos sociais en canto aos aspectos de complementariedade, oportunidade e eficacia dos servizos e actuacións das entidades solicitantes recollidos nesta orde.

3. No que respecta ás obrigas previstas nas letras c) e d) de comunicar e informar a cidadanía de que as actuacións foron subvencionadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional 2014/2020 ou Fondo Social Europeo 2014/20120 e poder xustificar o cumprimento dos indicadores de comunicación previstos nos programas operativos, a Dirección Xeral de Inclusión Social solicitará proba documental do cumprimento desta obriga, que deberá ser facilitada no prazo de 10 días. O incumprimento desta obriga ou non proporcionar a proba documental nos prazos exixidos poderá supor unha minoración da contía total da axuda na forma prevista no artigo 21.

Artigo 18. Xustificación das subvencións

1. A xustificación das actuacións recollidas no artigo 4.1.a) e 4.1.b).1º realizarase pola modalidade de módulos conforme o establecido no artigo 44.b) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; as actuacións recollidas no artigo 4.1.b).2º e 3º xustificaranse a través das modalidades de custos simplificados previstas nos artigos 67.1.b) e d) do Regulamento (UE) 1303/2013 e 14.2 do Regulamento (UE) 1304/2013, e as actuacións recollidas no artigo 4.1.c) xustificaranse a través da conta xustificativa do gasto realizado.

2. As entidades beneficiarias deberán xustificar cada anualidade de maneira independente. A primeira comprende as actuacións realizadas entre o 1 de xullo do 2020 e o 30 de novembro de 2020, ambos incluídos, e a xustificación presentarase con data límite 7 de decembro de 2020; a segunda comprende as actuacións realizadas entre o 1 de decembro de 2020 e o 30 de novembro de 2021, ambos incluídos, e a xustificación presentarase con data límite 5 de decembro de 2021; a terceira comprende as actuacións desde o 1 de decembro de 2021 ata o 30 de xuño de 2022, ambos incluídos, e a xustificación presentarase con data límite do 15 de xullo de 2022. No caso de subvencións para a construción, ampliación e mellora de centro en que, de conformidade co artigo 5.3, se adquiran compromisos máis alá do 30 de xuño de 2022 e antes do 30 de novembro do mesmo ano, a data límite para presentar a xustificación desta anualidade será o 7 de decembro de 2022.

3. Para xustificar o funcionamento de centros e inclusión social recollidos no artigo 4.1.a) deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Xustificación dos pagamentos á conta da liquidación definitiva do artigo 20:

1º. Solicitude de pagamento da subvención do anexo VI.

2º. Declaración responsable do anexo VII.

3º. Memoria económica xustificativa e declaración de gastos reais correspondente ao período que se pretenda xustificar do anexo VIII.

4º. Listaxe codificada de persoas usuarias por día, á cal se xuntará certificación acreditativa de que os datos que contén a dita listaxe se corresponden cos datos recollidos no libro de rexistro ou fichas en soporte papel do centro. No caso de comedores, albergues, centros de día e centros de atención social continuada, a listaxe a que se refire este punto substituirase por unha relación do número de persoas que foron atendidas cada día xunto coa certificación acreditativa.

b) Xustificación de cada anualidade:

A mesma documentación que a requirida para a xustificación dos pagamentos á conta da liquidación definitiva. Memoria de actuación rematada segundo o anexo IX.

4. Para a xustificación das actuacións recollidas no artigo 4.1.b).1º achegarase a documentación que a continuación se relaciona:

a) Xustificación dos pagamentos á conta da liquidación definitiva do artigo 20:

1º. Solicitude de pagamento do anexo VI.

2º. Declaración responsable do anexo VII.

3º. Memoria económica xustificativa e declaración de gastos reais correspondente ao período que se pretenda xustificar do anexo VIII.

4º. Listaxe codificada de persoas usuarias, á cal se xuntará certificación acreditativa de que os datos que contén a dita listaxe se corresponden cos datos recollidos nos rexistros ou fichas en soporte papel do centro da entidade, salvo que se trate de actuacións informativas que se desenvolvan en centros educativos, suposto en que será suficiente presentar unha certificación expedida pola persoa responsable do centro, onde conste o número de persoas asistentes.

b) Xustificación de cada anualidade:

A mesma documentación que a requirida para a xustificación dos pagamentos á conta da liquidación definitiva. Na anualidade en que rematen as actuacións subvencionadas presentarán, ademais, unha memoria segundo o guión establecido no anexo IX.

5. Documentación que se deberá presentar para xustificar as actuacións previstas no artigo 4.1.b).2º e 3º:

a) Xustificación parcial das actuacións que se realizan durante todo o período subvencionable.

1º. Prestacións do servizo de apoio á inclusión sociolaboral, que requirirá a presentación da seguinte documentación:

1º.1. Solicitude de pagamento parcial anexo VI.

1º.2. Declaración responsable do anexo VII.

1º.3. Memoria económica e xustificativa do anexo VIII.

1º.4. Follas mensuais comprensivas da totalidade das horas efectivamente dedicadas ao programa, asinadas polo/a traballador/a ou traballadores/as e a persoa responsable da entidade, onde conste un resumo do número total de horas no período subvencionado.

2º. No caso das accións promotoras do acceso e permanencia no mercado laboral no marco do servizo de formación adaptada, e prestacións de dinamización comunitaria no marco de desenvolvemento dun servizo de intervención comunitaria en territorios en exclusión e prestacións do servizo de promoción da participación social, presentarase:

2º.1. Solicitude de pagamento parcial, anexo VI.

2º.2. Declaración responsable do anexo VII.

2º.3. Memoria económica xustificativa do anexo VIII.

2º.4. Partes de asistencia das actuacións realizadas no período xustificado onde conste o número total de horas de formación asinados pola persoa participante, o/a responsable técnico/a da realización da actuación e a persoa responsable da entidade.

3º. No caso das actuacións de apoio á conciliación, de mediación intercultural e asesoramento técnico especializado en materia de estranxeiría:

3º.1. Solicitude de pagamento parcial, anexo VI.

3º.2. Declaración responsable do anexo VII.

3º.3. Memoria económica e xustificativa do anexo VIII.

3º.4. Resumo do total de horas efectivamente dedicadas ao programa por parte do persoal dedicado á actuación, asinado polo traballador e pola entidade responsable.

b) Xustificación para as actuacións finalizadas.

1º. As prestacións do servizo de apoio á inclusión sociolaboral requirirán a presentación da seguinte documentación:

1º.1. Solicitude de pagamento, anexo VI.

1º.2. Declaración responsable do anexo VII.

1º.3. Memoria económica e xustificativa do anexo VIII.

1º.4. Follas mensuais comprensivas da totalidade das horas efectivamente dedicadas ao programa, asinadas polo/a traballador/a ou traballadores/as e a persoa responsable da entidade, onde conste un resumo do número total de horas no período subvencionado.

1º.5. Acreditación do número total das persoas atendidas durante o período subvencionado. Se as persoas atendidas acadasen todas as prestacións obrigatorias, achegarase declaración responsable da entidade no modelo que determine a Dirección Xeral de Inclusión Social, que deberá estar asinada tamén polo traballador e o beneficiario da prestación, de que a persoa realizou as prestacións obrigatorias. Para as persoas atendidas que non acadasen as prestacións obrigatorias, presentarase declaración responsable da entidade de cales foron as persoas e de que se cumpriron para cada un deles os indicadores de produtividade. Esta declaración deberase presentar no modelo que determine a Dirección Xeral de Inclusión Social.

1º.6. Canto ás actuacións dirixidas á atención de persoas sen fogar ou exclusión severa, presentarase certificado emitido por profesional competente acreditativo da situación.

1º.7. Memoria da actuación rematada, anexo IX.

2º. No caso das accións promotoras do acceso e permanencia no mercado laboral no marco do servizo de formación adaptada e prestacións de dinamización comunitaria no marco de desenvolvemento dun servizo de intervención comunitaria en territorios en exclusión e prestacións do servizo de promoción da participación social, presentarase:

2º.1. Solicitude de pagamento parcial, anexo VI.

2º.2. Declaración responsable do anexo VII.

2º.3. Memoria económica xustificativa do anexo VIII.

2º.4. Declaración responsable da entidade de cales foron as persoas e de que se cumpriron para cada un deles os indicadores de produtividade. Esta declaración deberá presentarse no modelo que determine a Dirección Xeral de Inclusión Social.

2º.5. Partes de asistencia das actuacións onde conste o número total de horas de formación asinados pola persoa participante, o/a responsable técnico/a da realización da actuación e a persoa responsable da entidade.

2º 6. Memoria da actuación rematada, anexo IX).

3º. No caso das actuacións de apoio á conciliación, de mediación intercultural e asesoramento técnico especializado en materia de estranxeiría:

3º.1. Solicitude de pagamento parcial, anexo VI.

3º.2. Declaración responsable do anexo VII.

3º.3. Memoria económica e xustificativa do anexo VIII.

3º.4. Acreditación do número total das persoas atendidas durante o período subvencionado. Para iso achegarase declaración responsable da entidade no modelo que determine a Dirección Xeral de Inclusión Social, que deberá estar asinada tamén polo/a traballador/a e o/a beneficiario/a da prestación, de que a persoa realizou a prestación.

3º.5. Resumo do total de horas efectivamente dedicadas ao programa polo persoal dedicado á actuación, asinado polo/a traballador/a e a entidade responsable.

3º 6. Memoria da actuación rematada, anexo IX.

6. Para xustificar o investimento en centros de inclusión ou emerxencia social recollidos no artigo 4.1.c) achegarase a documentación que se relaciona a continuación:

1º. Solicitude de pagamento, anexo VI.

2º. Declaración responsable do anexo VII.

3º. Conta xustificativa do gasto realizado total ou parcial na anualidade en que se lle concedeu a subvención. Esta realizarase mediante certificación do órgano que teña atribuída na dita entidade as correspondentes facultades de control e conterá unha relación clasificada dos gastos, con identificación do acredor, concepto que permita identificar dunha maneira inequívoca a subvencionabilidade do gasto de acordo coas normas aplicables, número de factura, nómina ou documento similar, importe, data de emisión, data de pagamento, sumas parciais (folla por folla) e total da relación.

4º. Facturas ou documento contable de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa, con expresión do seu número, acredor, data de emisión, concepto e importe e data de pagamento. As facturas deberán cumprir o disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento en que se establecen as obrigas de facturación.

As facturas, como calquera documento acreditativo que figure e se xunte na relación, deberán vir acompañadas dos documentos acreditativos de ter realizados os pagamentos do correspondente gasto, e deberanse cumprir os requisitos establecidos no artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na normativa comunitaria. Non se admitirán xustificantes de pagamento en efectivo.

5º. No caso de compravenda, achegarase escritura onde constará que o inmoble obxecto da subvención se destinará, polo menos durante os cinco anos seguintes, á finalidade que serviu de fundamento á petición e, no caso de obra, a correspondente licenza municipal.

6º. Evidencias do cumprimento das obrigas de información e publicidade.

Artigo 19. Anticipos

1. Para as actuacións comprendidas no artigo 4.1.b).2º e 4.1.b).3º e que teñan que xustificarse no 2020 e 2021 poderán realizarse anticipos de pagamento. Para iso é necesario que o representante da entidade presente a solicitude do anticipo, a aceptación da subvención e a declaración do inicio da actividade.

A estes anticipos aplicaráselle o disposto no artigo 31.6. da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no seu regulamento, e acadarán distintas porcentaxes, dependendo da contía de cada subvención individual concedida: para aquelas axudas que non excedan o importe de 18.000 €, o anticipo acadará a porcentaxe do 50 % do importe que se subvenciona da anualidade 2020 e 2021. Se superan ese importe, a porcentaxe do anticipo será o importe de sumar ao importe fixo de 9.000 € o 10 % da diferenza entre a subvención concedida e a cantidade de 18.000 €.

2. Non se poderán realizar pagamentos anticipados para as actuacións incluídas no artigo 4.1.a), 4.1.b).1º e 4.1.c).

Calquera dos anticipos deberá ser solicitado necesariamente antes do 1 de setembro de 2020, para as actuacións que teñan que xustificarse no ano 2020, e do 30 de xuño de 2021 para as actuacións que teñan que xustificarse no ano 2021.

Artigo 20. Pagos á conta

1. Para as subvencións para o funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social establecidos no artigo 4.1.a), a entidade poderá solicitar pagamentos á conta da liquidación definitiva en función das accións realizadas, cuxo importe total non poderá superar o 80 % da subvención concedida. Para tal fin, establécense os períodos durante os cales se poden solicitar: un pagamento á conta desde o 1.7.2020 ata o 30.11.2020, tres desde o 1.12.2020 ata o 30.11.2021 e un desde o 1.12.2021 ata o 30.6.2022. Con cada solicitude de pagamento á conta deberá enviar a documentación prevista no artigo 18.3.

2. Para as subvencións para a prestación de servizos de atención ás necesidades básicas e de primeira atención previstas no artigo 4.1.b).1º, a entidade poderá solicitar un pagamento á conta da liquidación definitiva en función das accións realizadas no período do 1.12.2020 ata o 30.6.2021, e cuxo importe total non poderá superar o 80 % da subvención concedida. A entidade presentará a solicitude do pagamento á conta do período do 1.12.2020 ao 30.6.2021 como máximo o 31 de xullo 2021, xunto coa documentación prevista no artigo 18.4.

Artigo 21. Pagamento das subvencións

1. Unha vez xustificada cada anualidade da subvención de conformidade co artigo 18, o órgano competente, antes de proceder ao seu pagamento, realizará as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da conduta e/ou actividade subvencionada.

2. No caso das subvencións para o funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social establecidos no artigo 4.1.a), o pagamento realizarase en función do número de persoas efectivamente atendidas por día, multiplicado polo importe unitario de axuda establecido no artigo 13.1.

3. No caso das subvencións para a prestación de servizos de atención ás necesidades básicas e de primeira atención previstas no artigo 4.1.b).1º, o pagamento realizarase en función do número de persoas efectivamente atendidas no período subvencionable, multiplicado polo importe unitario establecido no artigo 13.2.

4. Con respecto ás subvencións para as prestacións vinculadas ao desenvolvemento de determinados servizos sociais de inclusión de atención integrada, incluída aquela dirixida de xeito exclusivo á poboación inmigrante, previstas no artigo 4.1.b).2º e 3º, farase un pagamento en cada exercicio en función das accións xustificadas. Para facer efectivo o pagamento a entidade deberá presentar a documentación establecida no artigo 18 nos prazos nel establecidos.

5. No caso das subvencións para as prestacións vinculadas ao desenvolvemento de determinados servizos sociais de inclusión de atención integrada e das accións promotoras do acceso e permanencia no mercado laboral, nos termos de prestación obrigatoria do servizo de formación adaptada, incluída aquela dirixida de xeito exclusivo á poboación inmigrante, se non se acredita a atención do número mínimo de persoas establecido en función da dedicación horaria declarada ou non se mantén a porcentaxe de persoas que deben ter realizadas as actuacións obrigatorias, realizarase unha redución proporcional da subvención concedida en función da porcentaxe do incumprimento.

6. Con respecto ás subvencións de investimento en centros de emerxencia social previstas no artigo 4.1.c), farase un pagamento en cada exercicio en función das accións xustificadas. Naquelas subvencións concedidas para a construción de centros de inclusión e emerxencia social a Subdirección Xeral de Inclusión e Integración Social comprobará, con carácter previo ao pagamento final, que o centro conta coa autorización da unidade administrativa con competencias en materia de autorización e inspección de servizos sociais.

Artigo 22. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta orde ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. Particularmente, acadará a porcentaxe dun 2 % de minoración sobre a contía total da axuda percibida o incumprimento das obrigas recollidas no artigo 17.b) e 17.d). O incumprimento das obrigas establecidas no artigo 17.j) e 17.k) implicará que a correspondente acción formativa se considere non realizada, agás no caso da establecida no artigo 17.j), cando se poida acreditar que a non comunicación en prazo se deba a causas imprevistas debidamente xustificadas e comunicadas no momento en que se produzan.

Procederá o reintegro do 5 % no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas, e o reintegro do exceso percibido máis xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puideren corresponder, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas.

Suporá a perda dun 5 % non comunicar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Suporá a perda dun 5 % da subvención unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

Non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período de 5 anos suporá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período en que se incumprise este requisito.

No caso de condicións que constitúan obrigas que o beneficiario debe acreditar en fase de xustificación, como obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas etc., estas deberanse xustificar en todo caso para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso en que se detecte en controis posteriores ao pagamento algún incumprimento relativo a esas obrigas.

3. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con axudas ou subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria.

4. As cantidades que teñan que reintegrar as entidades beneficiarias terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza o previsto no artigo 14.4. do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 9/2007, do 13 de xuño; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na normativa comunitaria de aplicación.

5. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

6. De conformidade co previsto no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o beneficiario poderá realizar devolución voluntaria de cantidades indebidamente percibidas mediante ingreso na conta habilitada da Facenda pública galega. O importe da devolución incluirá os xuros de demora. No documento de ingreso deberá identificarse o número do expediente, o concepto da devolución e o nome e NIF do beneficiario. Unha vez ingresado, deberase informar a Dirección Xeral de Inclusión Social da devolución voluntaria realizada.

Artigo 23. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren imporse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información de conformidade co previsto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea, no marco da presente convocatoria, poderá pór os citados feitos en coñecemento do Servicio Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf.

Artigo 24. Control

1. A Consellería de Política Social poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas reguladas nesta orde. En concreto, no caso de subvencións de capital superiores a 60.000 €, en cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, o órgano concedente realizará a comprobación material do investimento, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada tanto polo representante da Administración como polo beneficiario.

2. Sen prexuízo do indicado no punto anterior, a Consellería de Política Social realizará, ben con persoal propio ou a través de empresas auditoras, actuacións de comprobación e control para verificar sobre o terreo o cumprimento das condicións para a percepción das axudas. As comprobacións incidirán sobre todos aqueles aspectos que garantan a realización dos compromisos adquiridos e o cumprimento dos requisitos fixados nesta orde. O persoal encargado da verificación levantará a acta da actuación de control, que asinará a entidade, á cal se lle entregará unha copia, e presentaralla ao órgano competente da Dirección Xeral de Inclusión Social xunto co informe de verificación. A entidade queda obrigada a facilitarlle ao persoal designado copia da documentación que se lle solicite relativa ao expediente obxecto de control.

3. Ademais do anterior, todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e aquelas outras que determinen a súa condición de subvencionada polo PO FSE Galicia 2014-2020.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Inclusión Social para actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social verbo de resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispor gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Disposición adicional segunda. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Política Social, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que sderive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia. Os datos serán comunicados á Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos da Consellería de Facenda coa finalidade de realizar a xestión, seguimento, información, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europea na súa condición de organismo intermedio dos programas operativos, en virtude das funcións atribuídas pola autoridade de xestión dos programas operativos segundo o disposto nos artigos 125, número 2, artigo 140, números 3 a 5, e anexo XIII, número 3, do Regulamento (UE) 1303/2013 e nas súas disposicións de desenvolvemento.

Co fin de dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www. xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento da orde

Autorízase a persoa titular do órgano de dirección con competencias en materia de inclusión social da Consellería de Política Social para ditar as normas que sexan necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2020

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO IX

Guión para a elaboración da memoria de actuación das actividades realizadas

1. Datos relativos á actuación.

a) Denominación da entidade.

b) Denominación da actuación, con indicación do marco en que se desenvolve.

2. Xustificación da actuación.

3. Obxectivos.

a) Obxectivo xeral.

b) Obxectivos específicos.

4. Recursos empregados.

a) Recursos humanos, con especificación da súa titulación e dedicación horaria á actuación.

b) Recursos materiais, con especificación dos que son cedidos e a cooperación con outras entidades, de ser o caso.

5. Actuacións desenvolvidas.

a) Cronograma.

b) Datas de inicio e remate.

c) Número de horas.

d) Modo de selección de participantes.

e) Metodoloxía do programa, incluíndo como se aplicou a perspectiva de xénero no seu desenvolvemento. Referencia ás técnicas e procedementos da intervención, facendo especial fincapé, de ser o caso, naqueles con compoñente innovador.

f) Relación de participantes con expresión do DNI ou equivalente.

g) Lugar onde se realiza e descrición das instalacións.

h) Outros datos de interese (asistencia, número de baixas, motivación, dificultades etc.) desagregados por sexo.

i) Coordinación con outros dispositivos (equipos de inclusión, servizos sociais comunitarios, outras entidades etc.)

6. Datos relativos ás persoas participantes (só para actuacións do artigo 4.1.a) e 4.1.b).1º. Para o resto de actuacións esta información achegarase a través dos cuestionarios que se lles faciliten).

a) Perfil:

1º. Clasificación segundo o sexo (número de homes, número de mulleres).

2º. Clasificación segundo idade (por sexo).

3º. Clasificación por nivel de estudos etc. (por sexo).

4º. Clasificación segundo problemáticas (inmigrantes, minorías étnicas, sen teito etc.) por sexo.

5º. Clasificación por situación laboral e sexo.

b) Perfil das persoas con inserción laboral:

1º. Número total de insercións laborais.

2º. Clasificación segundo o sexo (número de homes, número de mulleres).

3º. Clasificación segundo idade (por sexo).

4º. Clasificación segundo problemáticas dos participantes por sexo (inmigrantes, minorías étnicas, sen teito etc.).

5º. Clasificación por nivel de estudos por sexo etc.

6º. Datos relativos ao tipo de contrato, xornada e sector de actividade por sexo.

7. Avaliación cualitativa da actuación.

a) Grao de cumprimento de obxectivos.

b) Protocolo de seguimento de actuacións e participantes.

c) Valoración do alumnado/persoas participantes/usuarias.

d) Resultado de indicadores de avaliación.

e) Conclusións. Aspectos que destacaría como boa práctica.

As entidades deberán seguir este guión e poderán engadir nas súas memorias os aspectos que consideren significativos para a valoración das actuacións desenvolvidas.

A entidade deberá presentar unha memoria para cada unha das actuacións subvencionadas.