Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Martes, 12 de maio de 2020 Páx. 19876

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 6 de maio de 2020, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publican a orde de prelación e a puntuación definitiva obtida polas persoas aspirantes admitidas no proceso de actualización das listas de selección temporal de diversas categorías de persoal estatutario.

O vixente Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia, publicado pola Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos, do 13 de xuño de 2016 (Diario Oficial de Galicia núm.123, do 30 de xuño), regula na súa norma II.4.4 a xeración e publicación das listas.

Pola Resolución do 13 de febreiro de 2020 (Diario Oficial de Galicia núm. 36, do 21 de febreiro) publicáronse os resultados provisionais de baremación dos/das aspirantes admitidos/as nas categorías de técnico/a superior en anatomía patolóxica e citoloxía, técnico/a superior en dietética e nutrición, técnico/a superior en documentación sanitaria, técnico/a superior en hixiene bucodental, técnico/a superior en imaxe para o diagnóstico, técnico/a superior en laboratorio de diagnóstico clínico, técnico/a superior en radioterapia, técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría e técnico/a en farmacia, e iniciouse o prazo de inscrición na área especial de críticos da categoría de técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría, de conformidade co acordo da Comisión Central de Seguimento do Pacto, publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 19, do 29 de xaneiro de 2020.

No punto cuarto desta resolución disponse que os/as aspirantes da categoría de técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría que formalizasen a súa inscrición nas listas ata o 31 de outubro de 2019 poderán seleccionar a área especial de críticos no prazo dos dez días hábiles seguintes ao da publicación desta resolución. Neste suposto, resultarán admitidos/as na dita área na resolución pola que se publiquen as listas definitivas correspondentes ao proceso de actualización en tramitación.

Finalizado o prazo de impugnación contra a citada resolución e analizadas as reclamacións presentadas, este centro directivo, de conformidade co anexo I, base novena, da Resolución do 12 de setembro de 2013,

RESOLVE:

Primeiro. Aprobar a orde de prelación e a puntuación definitiva obtida polas persoas aspirantes admitidas no proceso de actualización das listas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais no ámbito do Sistema público de saúde de Galicia nas categorías de técnico/a superior en anatomía patolóxica e citoloxía, técnico/a superior en dietética e nutrición, técnico/a superior en documentación sanitaria, técnico/a superior en hixiene bucodental, técnico/a superior en imaxe para o diagnóstico, técnico/a superior en laboratorio de diagnóstico clínico, técnico/a superior en radioterapia, técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría e técnico/a en farmacia.

Segundo. Aprobar e dar publicidade á lista definitiva de admitidos/as na área especial de críticos da categoría de técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría, de conformidade co punto cuarto da Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 13 de febreiro de 2020 (Diario Oficial de Galicia núm 36, do 21 de febreiro)

Terceiro. As listas co número de orde e a puntuación definitiva obtida polas persoas aspirantes admitidas atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a aspirante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Cuarto. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, poderase interpoñer recurso de reposición ante este mesmo órgano nos termos dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

De conformidade coa disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo (BOE núm 51, do 14 de marzo), polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, o cómputo dos prazos de interposición de tales recursos iniciarase no momento en que perda vixencia este real decreto ou, de ser o caso, as prórrogas do mesmo.

Quinto. As listas entrarán en vigor con efectos do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2020

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos