Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Martes, 12 de maio de 2020 Páx. 19861

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 29 de abril de 2020, da Secretaría Xeral de Emprego, pola que se publica o Acordo dos sindicatos Confederación Intersindical Galega (CIG), Unión Xeral de Traballadores (UGT) e Comisións Obreiras (CC.OO.) de suspensión dos procesos de eleccións sindicais durante a emerxencia sanitaria como consecuencia do COVID-19.

Con data do 16 de marzo de 2020, os sindicatos máis representativos de Galicia, CIG, UGT e CC.OO., subscribiron un acordo de suspensión dos procesos de eleccións sindicais a órganos de representación das persoas traballadoras nas empresas e do persoal ao servizo das administracións públicas nesta comunidade autónoma durante a emerxencia sanitaria como consecuencia do COVID-19.

O Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, asigna á Secretaría Xeral de Emprego, a través da Subdirección Xeral de Relacións Laborais, a coordinación dos rexistros administrativos de eleccións sindicais.

Por isto,

RESOLVO:

Publicar no Diario Oficial de Galicia o acordo alcanzado polos sindicatos CIG, UGT e CC.OO.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2020

Covadonga Toca Carús
Secretaria xeral de Emprego

ANEXO

Acordo dos sindicatos CIG, UGT e CC.OO. de suspensión dos procesos de
eleccións sindicais durante a emerxencia sanitaria como consecuencia do COVID-19

Susana Méndez Rodríguez, en representación da CIG.

José Luis Fernández Celis, en representación da UGT.

Mabel Pérez Simal, en representación de CC.OO.

ACORDAN:

1. A suspensión temporal de todos os procesos de eleccións sindicais desde o 16 de marzo de 2020 no ámbito territorial de Galicia.

2. O acordo manterase en vigor mentres dure a situación de emerxencia sanitaria que se vive en Galicia e calquera das partes poderá propoñer o reinicio dos procesos electorais, acordo que se tomará por unanimidade das partes asinantes.

3. As condicións da presente suspensión serán as seguintes:

– Os sindicatos acordan non rexistrar novos avisos previos, así como deixar decaer aqueles que se rexistrasen ata a data de hoxe.

– Os procesos electorais que hoxe en día están en marcha quedan suspendidos con efectos da data en que se subscribe o acordo e retomaranse no mesmo punto en que se produce a suspensión.

– De acordo co artigo 67.3 do Estatuto dos traballadores, os delegados e delegadas de persoal e membros dos comités de empresa manteranse en función no exercicio das súas competencias e das súas garantías ata que se promovan ou se celebren novas eleccións.

– Os procesos arbitrais que hoxe en día están en marcha quedan suspendidos.

– Durante esta situación de suspensión, as comunicacións sobre impugnacións poderán realizarse a través do correo electrónico e remitiranse ao enderezo de correo das oficinas públicas de rexistro provincial que corresponda.

– En canto á representatividade, terase en conta o último dato oficial comunicado pola Administración autonómica.

– Unicamente no caso das incidencias que impliquen que un/unha ou varios/as dos/as representantes legais dos e das traballadoras cesen por motivos legalmente previstos se admitirá a incidencia para a súa substitución pola seguinte persoa que corresponda polos votos obtidos, a través do correo electrónico da OPR correspondente.

– A Administración enviará unha comunicación ás empresas onde neste momento hai procesos electorais abertos.

– Con respecto a situacións non previstas neste acordo, enviarase unha comunicación por correo electrónico aos/ás representantes das tres organizacións sindicais nas OPR provinciais.

4. Durante este período de suspensión as partes asinantes comprométese a facer un seguimento puntual do acordo e das incidencias non previstas nel.

5. Trasladaremos este acordo á Secretaría Xeral de Emprego co fin de que dite unha resolución para a súa publicación no DOG.