Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Martes, 12 de maio de 2020 Páx. 19864

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 5 de maio de 2020 pola que se deixa sen efecto a Orde do 22 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de axudas ao alumnado do Sistema universitario de Galicia para estadías nalgún Estado membro da Unión Europea, durante o verán de 2020, co obxecto de coñecer a lingua dese país (Diario Oficial de Galicia número 18, do 28 de xaneiro), como consecuencia da situación provocada polo COVID-19.

Pola Orde do 22 de novembro de 2019 (DOG núm. 18, do 28 de xaneiro) aprobáronse as bases e procedeuse á convocatoria de axudas a estudantes universitarios para estadías nalgún Estado membro da Unión Europea, durante o verán de 2020, co obxecto de coñecer a lingua dese país.

As estadías realizaríanse entre o 15 de xuño e o 31 de agosto de 2020. As persoas interesadas tiveron ata o 13 de marzo de 2020 para presentar as súas solicitudes. O momento procedemental en que se atopa na actualidade corresponderíase coa publicación das listaxes provisionais de admitidos e excluídos por documentación incompleta.

Porén, desde a publicación da convocatoria acaeceron circunstancias de especial relevancia derivadas da declaración de emerxencia sanitaria orixinada pola propagación do virus COVID-19, que a Organización Mundial da Saúde elevou á categoría de pandemia internacional o 11 de marzo de 2020.

En Galicia, polo Acordo do Consello da Xunta do 12 de marzo de 2020 adoptáronse medidas preventivas en materia de saúde pública que foron seguidas da declaración, polo Acordo do Consello da Xunta do 13 de marzo de 2020, da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e de activación do Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

En virtude do referido Acordo do 13 de marzo de 2020, declarouse a situación de emerxencia sanitaria, activouse o Platerga e constituíuse, co obxecto de garantir o funcionamento e a operatividade do Plan, un Centro de Coordinación Operativa (Cecop), habilitado para adaptar ás circunstancias as previsións nel establecidas, para ditar ordes e instrucións que afecten dereitos da cidadanía nos termos establecidos polas leis, así como para adoptar medidas de obrigado cumprimento para os seus destinatarios e destinatarias, se así o aconsellan as necesidades da emerxencia e dos bens que hai que protexer, medidas que, entre outras, poderían implicar a reorganización funcional dos servizos administrativos.

Mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, publicado no BOE número 67, do 14 de marzo, declarouse o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, por período de 15 días. A vixencia desta situación foi prorrogada por medio de sucesivas autorizacións do Congreso dos Deputados; de momento, mediante o Real decreto 492/2020, do 24 de abril, estendeuse ata as 00.00 horas do día 10 de maio de 2020 (BOE núm. 115, do 25 de abril).

Entre as medidas previstas no Real decreto 463/2020 e nos anteriores acordos da Xunta de Galicia atópanse fortes restricións á liberdade de circulación de persoas, á suspensión da apertura ao público de bo número de locais e establecementos no ámbito da actividade comercial, equipamentos culturais, establecementos e actividades recreativas, actividades de hostalaría e restauración, e outras adicionais.

Pola Resolución do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, deuse publicidade ao acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), mediante o cal se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19.

Neste acordo, entre outros aspectos, prevíase, en consonancia co establecido na disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, a suspensión dos termos e prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público, definido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Con posterioridade, publicouse no BOE do 18 de marzo o Real decreto 465/2020, do 17 de marzo, polo que se modifica o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo. Entre outras modificacións, dáse nova redacción ao número 4 da disposición adicional terceira daquel real decreto. Conforme a redacción vixente, as entidades do sector público poderán acordar motivadamente a continuación daqueles procedementos administrativos que veñan referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.

O 8 de abril de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 3 de abril de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 3 de abril de 2020, sobre iniciación, continuación e aprobación de expedientes de contratación e de subvencións.

No punto segundo do referido acordo establécese que, respecto de cada expediente en particular, os correspondentes órganos competentes disporán, mediante resolución motivada, o inicio ou a continuación dos expedientes daqueles procedementos administrativos que veñan referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, con base no establecido nos números 3 e 4 da disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

A Orde de convocatoria da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional do 22 de novembro de 2019 ten por obxecto conceder axudas para estadías nalgún Estado membro da Unión Europea, durante o verán de 2020 (entre o 15 de xuño e o 31 de agosto de 2020).

A aparición do COVID-19 require adoptar medidas preventivas e accións que limiten a propagación internacional da enfermidade. En España, de momento, a última prórroga do estado de alarma esténdese, polo Real decreto 492/2020, do 24 de abril, ata as 00.00 horas do día 10 de maio de 2020.

Neste contexto, a realización de estadías noutros países durante o verán do 2020 suporía pór o alumnado destinatario das axudas nun grave risco para a súa saúde e seguridade.

Por todo o anterior, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo único

Deixar sen efecto a Orde do 22 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de axudas ao alumnado do Sistema universitario de Galicia para estadías nalgún Estado membro da Unión Europea, durante o verán de 2020, co obxecto de coñecer a lingua dese país (DOG núm. 18, do 28 de xaneiro) como consecuencia da situación provocada polo COVID-19.

Disposición adicional única. Impugnación da orde

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2020

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional