Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Mércores, 13 de maio de 2020 Páx. 20008

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 7 de maio de 2020 pola que se acorda a continuación do procedemento para a concesión das subvencións a establecementos e servizos turísticos de xestión pública e/ou privada, nos procesos de certificación, seguimento e renovación das correspondentes normas UNE co obxecto da obtención e/ou mantemento da marca Q de Calidade Turística do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2020, ao abeiro do diposto na disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 (código de procedemento TU970A).

I. O 2 de marzo de 2020 publicouse no DOG núm. 41 a Resolución do 11 de febreiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a establecementos e servizos turísticos de xestión pública e/ou privada, nos procesos de certificación, seguimento e renovación das correspondentes normas UNE co obxecto da obtención e/ou mantemento da marca Q de Calidade Turística do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TU970A).

O seu obxecto é a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para os procesos de certificación de normas UNE que conduzan á obtención, seguimento e renovación da marca Q de Calidade Turística do ICTE.

O prazo para presentar as solicitudes é dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Así, o prazo finalizaba o 2 de abril de 2020.

II. O 14 de marzo de 2020 declarouse o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo (BOE núm. 67, do 14 de marzo), suspendéndose os prazos administrativos, que continuarán no momento en que perda vixencia o presente real decreto ou, de ser caso, as súas prórrogas.

A suspensión de termos e interrupción dos prazos aplicarase a todo o sector público definido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Non obstante o anterior, a disposición adicional terceira no seu punto 3 dispón que «o órgano competente poderá acordar, mediante resolución motivada, as medidas de ordenación e instrución estritamente necesarias para evitar prexuízos graves nos dereitos e intereses do interesado no procedemento e sempre que este manifesta a súa conformidade, ou cando o interesado manifeste a súa conformidade con que non se suspenda o prazo».

Así mesmo, o seu punto 4 establece que «sen prexuízo do disposto nos puntos anteriores, desde a entrada en vigor do presente real decreto, as entidades do sector público poderán acordar motivadamente a continuación daqueles procedementos administrativos que veñan referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos».

Pola súa vez, o 8 de abril de 2020, no DOG núm. 69-Bis, publicouse a Resolución do 3 de abril de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 3 de abril de 2020, de continuación de procedementos de adxudicación de contratos e de concesión de subvencións que estivesen en tramitación no momento de entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, na cal se dispón:

«Con carácter previo á adopción, polos órganos competentes do sector público autonómico, de resolución motivada de continuación dos procedementos de adxudicación de contratos que estivesen en tramitación no momento de entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, así como dos procedementos de concesión de subvencións respecto dos cales xa se tivesen aprobado e publicado as correspondentes bases reguladoras e convocatoria pero non se tivese ditado resolución de concesión no dito momento, deberá someterse a proposta de continuación a valoración polo Consello da Xunta de Galicia co fin de garantir unha coordinación, dentro do sector público autonómico, sobre as actuacións que deban continuar, por referírense a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou por seren indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos, de acordo co número 4 da disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, tendo en conta sempre a evolución da situación de crise sanitaria, os créditos orzamentarios dispoñibles e a atención preferente das necesidades vitais e indispensables derivadas da emerxencia sanitaria».

No Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 24 de abril de 2020, sobre a continuación da tramitación de determinados expedientes e procedementos en materia de subvencións, no eido da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico, autorízase que poida acordar o órgano competente para a concesión da subvención, mediante resolución debidamente motivada, a continuación dos procedementos de concesión de subvencións cuxas bases e convocatoria se tivesen aprobado e publicado no momento de entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, pero que non se tivese ditado a resolución de concesión, entre as que se atopa a presente convocatoria de subvención, xustificado en razóns de protección do interese xeral.

III. A Axencia de Turismo de Galicia ten como obxectivo impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da comunidade e a conservación e promoción dos Camiños de Santiago. Así mesmo, de acordo co disposto no artigo 1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, a Administración autonómica adecuará as súas actuacións á promoción e ao estímulo dun sector turístico galego competitivo e de calidade, ao impulso da desestacionalización e da diversificación da oferta turística e de calidade, e ao fomento da actividade turística para conseguir o equilibrio territorial entre as distintas zonas de Galicia.

A actual situación do estado de alarma e as medidas adoitadas están a ter un grande impacto no sector turístico. Os primeiros informes de impacto apuntan a unha recuperación máis tardía que noutros sectores. Será dos últimos sectores en volver á normalidade, de aí a necesidade de dar continuidade, entre outras, á presente convocatoria de subvencións, tratando de contribuír á reactivación do sector turístico.

Polo exposto,

RESOLVO:

1. Continuar a tramitación do procedemento para a concesión das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para os procesos de certificación de normas UNE que conduzan á obtención, seguimento e renovación da marca Q de Calidade Turística do ICTE.

2. Continuar o prazo de presentación de solicitudes por un período de 20 días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Contra a presente resolución, que pon fin a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a Axencia Turismo de Galicia no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, segundo o disposto nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2020

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia