Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Xoves, 14 de maio de 2020 Páx. 20107

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 8 de maio de 2020 pola que se modifican parcialmente determinados prazos das bases reguladoras e ordes de convocatoria de subvencións no ámbito da formación profesional para o emprego, como consecuencia da situación creada pola evolución da epidemia do COVID-19.

Durante a execución de diversas accións formativas financiadas con cargo a ordes de bases reguladoras e de convocatoria de subvencións, no ámbito da formación profesional para o emprego do período 2019-2020, entrou en vigor o Acordo do Consello da Xunta, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19. Así mesmo, o Goberno de España ditou o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, e o Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19.

Por outra banda, o artigo 54 do Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte ao COVID-19, permite que se poidan modificar os prazos de execución da actividade subvencionada, así como da súa xustificación e comprobación, baixo determinadas pautas, relacionadas coa imposibilidade de realizar as ditas actividades durante a vixencia do estado de alarma, así como a insuficiencia de prazo para a súa realización, xustificación ou comprobación.

Polo tanto, á vista da situación excepcional creada pola epidemia do COVID-19 e das anteditas medidas adoptadas pola Xunta de Galicia e polo Goberno de España, cómpre modificar determinadas bases reguladoras e convocatorias, no sentido de ampliación de prazos, xa que a execución das accións formativas por elas financiadas foi suspendida, o que comporta, pola cantidade de cursos e alumnado afectado, a necesidade de introducir certas flexibilizacións neste sentido e dar publicidade delas para garantir a seguridade xurídica e económica das entidades beneficiarias.

A introdución destas medidas permitirá unha reprogramación das accións formativas co obxecto de que as entidades que as imparten non se vexan na obriga de renunciar a elas, co conseguinte prexuízo que isto suporía para as persoas traballadoras participantes e para as propias entidades beneficiarias.

Consecuentemente con todo o anterior, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO ÚNICO

Modificación de determinados prazos en procedementos de convocatorias de subvencións no ámbito da formación profesional para o emprego

Artigo 1. Relación de ordes de bases reguladoras e de convocatoria de subvencións en materia de formación profesional para o emprego, en fase previa á resolución de concesión, para as cales se amplían determinados prazos

1. Durante o prazo de vixencia do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, amplíanse, pola súa duración e das correspondentes prórrogas, os prazos de comezo das accións formativas, resolución e notificación, en todos os procedementos vinculados ás seguintes ordes de bases reguladoras e de convocatoria:

a) Procedemento TR301P, regulado pola Orde do 17 de decembro de 2019 pola que se procede á segunda convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas para os exercicios 2020-2021 (código de procedemento TR301P) e á primeira convocatoria dos incentivos á contratación vinculados (código de procedemento TR349X) para o exercicio 2020: en particular, os artigos 6 e 14.

b) Orde do 2 de maio de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións no marco do Plan de formación para o emprego (persoas traballadoras ocupadas) e se procede á súa convocatoria para os exercicios 2019 e 2020 (código de procedemento TR302A): en particular, os artigos 10, 42, 59 e 60.

2. Logo da resolución de concesión e da súa correspondente notificación, aplicaranse ás accións formativas financiadas con cargo ás ordes referidas no número 1 as disposicións establecidas de ampliación e suspensión de prazos de execución determinados no artigo 2.

Artigo 2. Relación de ordes de bases reguladoras e de convocatoria de subvencións en materia de formación profesional para o emprego, en fase de execución, para as cales se amplían determinados prazos vinculados coa execución das accións formativas por elas financiadas

1. Durante o prazo de vixencia do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, amplíanse, pola súa duración e das correspondentes prórrogas, todos e cada un dos prazos máximos referidos ao remate da execución, solicitude e pagamento de anticipos, pagamento e xustificacións, parciais e finais, dos gastos, así como liquidación, en todas as accións formativas financiadas con cargo ás seguintes ordes de bases reguladoras e de convocatoria:

a) Procedemento TR301P, regulado na Orde do 13 de agosto de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2019-2021 e se procede á primeira convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas, para os exercicios 2019-2020 (código de procedemento TR301P), e se establecen as bases do Programa de incentivos á actividade laboral vinculada ás accións formativas con compromiso de contratación inmediata para os exercicios 2020-2021 (código de procedemento TR349X): en particular, os artigos 26, 28, 29 e 32.

b) Orde do 16 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de unidades formativas dirixidas á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas para o período 2019-2021, cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á primeira convocatoria, correspondente aos exercicios 2019-2020 (código de procedemento TR310A): en particular, os artigos 1, 31 e 42.

2. As ampliacións a que se refire este artigo establécense sen prexuízo da suspensión do cómputo de prazos que resulta aplicable, polo mesmo período e circunstancias, a outros aspectos regulados nas sinaladas convocatorias e nas súas bases reguladoras que sexan susceptibles de ampliación, concretamente e sen carácter exclusivo: verificación da axeitada realización, presentación da solicitude de pagamento, conservación da documentación, realización do módulo de prácticas, solicitude de renuncia, etc.

Disposición derradeira única. Vixencia e entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e terá vixencia durante o período en que se amplíen os prazos como consecuencia do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 (BOE núm. 67, do 14 de marzo de 2020), e as súas respectivas prórrogas.

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2020

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria