Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Venres, 15 de maio de 2020 Páx. 20223

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 12 de maio de 2020 pola que se acorda a continuación do procedemento regulado pola Resolución do 10 de xaneiro de 2020 pola que se aproban as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, á creación escénica e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento CT403B).

I. O día 20 de febreiro de 2020 publicouse no DOG núm. 35 a Resolución do 10 de xaneiro de 2020 pola que se aproban as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, á creación escénica e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento CT403B).

O seu obxecto é fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Axencia Galega das Industrias Culturais para contribuír á promoción da produción da actividade escénica, dentro do marco das competencias deste organismo, e proceder á súa convocatoria para o ano 2020.

O prazo para a presentación de solicitudes era dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, entendéndose o último o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación, polo que o prazo remataba o día 20 de marzo.

II. O día 14 de marzo de 2020 publícase no Boletín Oficial del Estado o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma, que establece, na súa disposición adicional terceira, a suspensión de termos e a interrupción de prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público, o que provocou unha parálise total da actividade económica, ante este novo escenario social.

Con posterioridade, o día 18 de marzo publícase no Boletín Oficial del Estado o Real decreto 465/2020, do 17 de marzo, polo que se modifica o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo. Entre outras modificacións, dáse nova redacción ao número 4 da disposición adicional terceira daquel real decreto. Conforme a redacción vixente, as entidades do sector público poderán acordar motivadamente a continuación daqueles procedementos administrativos que veñan referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.

O 8 de abril de 2020, no DOG núm. 69-Bis, publicouse a Resolución do 3 de abril de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 3 de abril de 2020, de continuación de procedementos de adxudicación de contratos e de concesión de subvencións que estivesen en tramitación no momento de entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, na cal se dispón:

«Con carácter previo á adopción, polos órganos competentes do sector público autonómico, de resolución motivada de continuación dos procedementos de adxudicación de contratos que estivesen en tramitación no momento de entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, así como dos procedementos de concesión de subvencións respecto dos cales xa se tivesen aprobado e publicado as correspondentes bases reguladoras e convocatoria pero non se tivese ditado resolución de concesión no dito momento, deberá someterse a proposta de continuación a valoración polo Consello da Xunta de Galicia co fin de garantir unha coordinación, dentro do sector público autonómico, sobre as actuacións que deban continuar, por referírense a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou por seren indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos, de acordo co número 4 da disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, tendo en conta sempre a evolución da situación de crise sanitaria, os créditos orzamentarios dispoñibles e a atención preferente das necesidades vitais e indispensables».

O día 24 de abril de 2020 o Consello da Xunta acorda a continuación da tramitación de determinados expedientes e procedementos en materia de subvencións, no eido da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico, considerando o procedemento de concesión de subvencións á creación escénica (código de procedemento CT403B) como de interese xeral.

Coa intención de paliar esta crise e reactivar o sector cultural e turístico, o día 30 de abril de 2020 aprobouse no Consello da Xunta de Galicia o Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados do COVID-19. Entre as medidas que recolle este plan está a flexibilización das condición da convocatoria de produción escénica 2020 para fomentar o emprego e a mobilización de recursos para a produción de novos proxectos escénicos.

III. A Axencia Galega das Industrias Culturais pretende fomentar a demanda de produtos culturais na sociedade galega e, pola súa vez, aumentar a exportación. Os destinatarios da Axencia son as empresas culturais privadas dedicadas principalmente á produción, distribución ou comercialización de produtos culturais incorporados en calquera clase de soporte, así como de espectáculos ao vivo.

A actual situación do estado de alarma e as medidas adoptadas están a ter un grande impacto no sector cultural e os primeiros informes de impacto apuntan a unha recuperación máis tardía que noutros sectores. Será dos últimos sectores en volver á normalidade, de aí a necesidade de dar continuidade, entre outras, á presente convocatoria de subvencións, tratando de contribuír á reactivación do sector das artes escénicas e ampliando o prazo para que poida acceder a elas o maior número de interesados.

Polo exposto,

RESOLVO:

1. Continuar a tramitación do procedemento de concesión de subvencións da Resolución do 10 de xaneiro de 2020 pola que se aproban as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, á creación escénica e se convocan para o ano 2020.

2. Continuar o prazo de presentación de solicitudes por un período de 20 días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, resultando ampliado o prazo de presentación de solicitudes regulado na base quinta da citada resolución.

Contra a presente resolución, que pon fin a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a Axencia Turismo de Galicia no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, segundo o disposto nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2020

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais