Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Martes, 19 de maio de 2020 Páx. 20491

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

DECRETO 72/2020, do 18 de maio, de convocatoria de eleccións ao Parlamento de Galicia.

Conforme o artigo 12 da Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia, a convocatoria das devanditas eleccións debe realizarse por decreto que sinalará a data das eleccións, a duración da campaña electoral, así como a data constitutiva do Parlamento.

De acordo co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, a convocatoria das eleccións, mediante decreto co contido indicado, corresponde á persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

Mediante o Decreto 12/2020, do 10 de febreiro, de disolución do Parlamento de Galicia e de convocatoria de eleccións, procedeuse á convocatoria de eleccións e fixouse o 5 de abril de 2020 como data de celebración.

Con posterioridade á convocatoria, a evolución do coronavirus COVID-19 determinou a necesidade de adopción de medidas desde varias instancias. Así, o 11 de marzo de 2020 a Organización Mundial da Saúde elevou a situación de emerxencia de saúde pública xerada pola expansión do coronavirus COVID-19 a nivel de pandemia internacional.

Posteriormente, por Resolución do 13 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, polo que se declara a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e se activa o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

E mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, publicado no BOE número 67, do 14 de marzo, declarouse o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. A dita declaración afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial fixouse en 15 días naturais (artigos 2 e 3), contados desde a data de publicación no Boletín Oficial del Estado do real decreto, aínda que neste se previu a posibilidade de prórroga do devandito período inicial.

Entre as medidas contidas no Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, atopábase a limitación da liberdade de circulación das persoas, agás para as estritas finalidades previstas no seu artigo 7, así como a suspensión da apertura ao público dun abundante número de locais e establecementos.

As medidas adoptadas inicialmente, tanto a nivel nacional como autonómico, co obxectivo de loitar contra o COVID-19, comportaron, polo tanto, serias restricións da mobilidade e do exercicio de actividades, así como da apertura de establecementos e locais. Estas medidas, necesarias para a protección da saúde pública nos momentos críticos de evolución da pandemia, resultaron, con todo, incompatibles co normal desenvolvemento dun proceso electoral e, polo tanto, co libre e normal exercicio do dereito de sufraxio, o que motivou que, oídos os grupos políticos máis representativos de Galicia e a Xunta Electoral de Galicia e logo da deliberación do Consello da Xunta, mediante o Decreto 45/2020, do 18 de marzo, se deixase sen efecto a celebración das eleccións ao Parlamento de Galicia do 5 de abril de 2020, como consecuencia da crise sanitaria derivada do COVID-19. No artigo 2 do mesmo decreto previuse que a convocatoria de eleccións ao Parlamento galego se activaría unha vez levantada a declaración do estado de alarma e a situación de emerxencia sanitaria, e engadiuse que a convocatoria se realizaría no prazo máis breve posible, oídos os partidos políticos, e por decreto do presidente da Xunta.

Tal e como se indicou expresamente no dito decreto, as medidas adoptadas nel, de carácter excepcional, viñan impostas por unha interpretación sistemática, finalista, integradora e con dimensión constitucional do marco normativo entón vixente derivado da declaración do estado de alarma, en prol da efectividade do dereito de sufraxio e do seu exercicio coas debidas garantías. As previsións do decreto, polo tanto, fundáronse e tiñan como premisa a situación e o marco normativo vixente cando se ditou, e con este sentido e alcance deben ser interpretadas.

En consecuencia, unha variación das circunstancias e do marco normativo vixentes no momento en que se ditou aquel decreto exixiría, dada a transcendencia democrática do dereito de sufraxio, realizar unha nova interpretación sistemática, finalista, integradora e con dimensión constitucional das novas circunstancias e do novo marco normativo, de cara a determinar a posible realización, no novo contexto, dun proceso electoral con todas as garantías. Tal interpretación non pode verse condicionada nin impedida polo disposto no artigo 2 do Decreto 45/2020, do 18 de marzo, na medida en que, como antes se indicou, o seu sentido e alcance deben entenderse necesariamente no marco das circunstancias e do contexto normativo que lle serviron de fundamento, isto é, as condicións que recolle están referidas á situación existente e previsible no momento en que se ditou o decreto, sen que poida entenderse que tales condicións deben permanecer inalterables aínda que aparezan novos elementos que non se puideron ter en conta no momento da aprobación do decreto. En suma, o disposto no dito artigo non pode prevalecer inexorablemente con independencia de que, pese ao mantemento formal do estado de alarma e da situación de emerxencia sanitaria, se dean as condicións para compatibilizar a protección da saúde pública co correcto exercicio do dereito de sufraxio como consecuencia dun cambio nas circunstancias e no marco normativo aplicable.

Sentado o anterior, son varios os elementos presentes na actualidade que determinan que nos atopemos nun contexto diferente do existente no momento de ditarse o Decreto 45/2020, do 18 de marzo, tanto desde o punto de vista xurídico como epidemiolóxico.

Así, o estado de alarma, previsto cunha duración inicial de quince días, foi obxecto de diversas prórrogas autorizadas polo Congreso dos Deputados. Tras o período inicial e o correspondente á primeira e á segunda prórroga do estado de alarma, iniciouse, durante a terceira prórroga, un proceso de redución progresiva das medidas extraordinarias de restrición da mobilidade, do contacto social e do exercicio de actividades establecidas na versión inicial do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, en especial con motivo da aprobación, polo Consello de Ministros na súa reunión do 28 de abril, do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. No dito plan prevese un proceso gradual de volta á normalidade dividido en catro fases: unha fase cero ou de preparación da desescalada e tres fases de desescalada, diferenciadas en función das actividades permitidas en cada unha delas, polas que poderán transitar os diferentes territorios en función de diversos criterios e indicadores ata chegar á «nova normalidade», na cal se porá fin ás medidas de contención, pero manteranse a vixilancia epidemiolóxica, a capacidade reforzada do sistema sanitario e as medidas de autoprotección da cidadanía. Do exposto no plan e nos seus anexos cabe deducir que, se se van cumprindo os indicadores, a «nova normalidade» acadaríase a finais de xuño.

Nesta liña de redución gradual das medidas restritivas afonda o Real decreto 514/2020, do 8 de maio, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, o cal salienta, na súa parte expositiva, como, pese ao mantemento do estado de alarma, é necesario avanzar na desescalada gradual das medidas extraordinarias de restrición da mobilidade e do contacto social e facilitar unha recuperación, o máis rápida posible, da actividade social e económica, tendo en conta o previsto no plan estatal citado. E engade que, a diferenza do sucedido desde o inicio do estado de alarma e durante as súas sucesivas prórrogas, a nova prórroga prevé expresamente a posibilidade de relaxar as limitacións, sempre que o permitan os baremos previstos no plan. Así, o artigo 3 do real decreto dispón que, en aplicación do plan estatal, o ministro de Sanidade, por proposta, se é o caso, das comunidades autónomas e das cidades de Ceuta e Melilla, e á vista da evolución dos indicadores sanitarios, epidemiolóxicos, sociais, económicos e de mobilidade, poderá acordar, no ámbito da súa competencia, a progresión das medidas aplicables nun determinado ámbito territorial, sen prexuízo das habilitacións conferidas ao resto de autoridades delegadas competentes.

Precisamente no exercicio da dita habilitación, ditouse a Orde SND/399/2020, do 9 de maio, para a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional, establecidas tras a declaración do estado de alarma en aplicación da fase 1 do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, a cal, en atención á actual situación epidemiolóxica da crise sanitaria, flexibiliza determinadas medidas para certas unidades territoriais, entre as que se atopan as catro provincias galegas, en eidos como, entre outros, a liberdade circulatoria, o comercio retallista, a hostalaría, a restauración, a cultura, o deporte ou o turismo.

Xunto ao anterior, o Real decreto 514/2020, do 8 de maio, na súa disposición derradeira primeira, modificou o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, en dous aspectos relacionados co desenvolvemento de procesos electorais. Por unha banda, engadiuse un novo número 1 bis ao artigo 7 conforme o cal a vixencia do estado de alarma non suporá obstáculo ningún ao desenvolvemento e á realización das actuacións electorais precisas para o desenvolvemento das eleccións convocadas a parlamentos de comunidades autónomas. E, por outra banda, introduciuse unha nova disposición adicional sétima en que se prevé que o Goberno, durante a vixencia do estado de alarma, disporá o oportuno para que o servizo público de Correos, os fedatarios públicos e demais servizos da súa responsabilidade coadxuven no mellor desenvolvemento e realización de eleccións convocadas a parlamentos de comunidades autónomas. A finalidade da introdución destas modificacións, como salienta expresamente a parte expositiva do Real decreto 514/2020, do 8 de maio, é a de facer posible a celebración de eleccións autonómicas.

Polo tanto, con posterioridade ao Decreto 45/2020, do 18 de marzo, o marco normativo regulador do estado de alarma variou, como consecuencia da evolución favorable da epidemia, cara a unha progresiva flexibilización das medidas restritivas inicialmente recollidas no Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, á vez que cara a un recoñecemento expreso da compatibilidade do novo marco normativo co desenvolvemento de procesos electorais coas necesarias garantías.

Cómpre salientar, así mesmo, que os cambios no marco xurídico regulador do estado de alarma tamén teñen a súa incidencia no réxime derivado da declaración autonómica de situación de emerxencia sanitaria, dado que as medidas adoptadas pola Comunidade Autónoma con motivo da declaración de situación de emerxencia sanitaria deben ser entendidas no contexto e no marco da normativa do estado de alarma e da súa evolución, singularmente, no marco das medidas flexibilizadoras propias do proceso de desescalada, polo que o mantemento de tal declaración no momento actual non pode considerarse tampouco como obstativa da celebración dun proceso electoral.

Neste sentido, o Consello da Xunta de Galicia, como órgano competente que declarou no seu día a situación de emerxencia sanitaria, adoptou o Acordo do 15 de maio de 2020, sobre o necesario entendemento da declaración de situación de emerxencia sanitaria no marco xurídico derivado do estado de alarma (publicado pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no DOG do 18 de maio). O acordo refírese a que, tras a declaración do estado de alarma, a declaración da situación de emerxencia sanitaria autonómica e as medidas adoptadas ao abeiro dela quedan necesariamente subsumidas no contexto xurídico e operativo derivado do estado de alarma. Así, entre outros aspectos, adóptase o seguinte acordo:

«En virtude do disposto no artigo 7.1.bis do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, modificado polo Real decreto 514/2020, do 8 de maio, conforme o cal a vixencia do estado de alarma non suporá obstáculo ningún ao desenvolvemento e á realización das actuacións electorais precisas para o desenvolvemento das eleccións convocadas a parlamentos de comunidades autónomas, así como das disposicións ditadas no marco do estado de alarma polo Goberno central e polas autoridades delegadas competentes e, en especial, polo Ministerio de Sanidade, como autoridade delegada competente na materia sanitaria, a situación de emerxencia sanitaria declarada polo Consello da Xunta de Galicia é compatible co desenvolvemento e a realización das actuacións electorais precisas para a celebración de eleccións ao Parlamento de Galicia».

É claro, non obstante, que o mantemento e a progresiva flexibilización das medidas que determinen un contexto favorable para o desenvolvemento dun proceso electoral con todas as garantías están intimamente ligados á evolución da epidemia, de aí que a opinión científica sexa tamén un elemento indispensable que hai que ter en conta na decisión dunha nova convocatoria electoral. Neste sentido, da análise e ponderación dos informes solicitados á dirección xeral competente en materia de saúde pública e a tres expertos independentes (o coordinador de Urxencias do Hospital do Salnés e presidente da Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias (Semes) Galicia, vicepresidente primeiro de Semes España; o presidente da Sociedade Galega de Medicina Intensiva e Unidades Coronarias, membro da Comisión de Xestión da Crise Sanitaria do COVID-19, e o xefe do Servizo de Enfermidades Infecciosas do CHUAC), dedúcense varios aspectos que se deben ter en conta para adoptar unha decisión, dentro dos interrogantes científicos que existen sobre a posible evolución da pandemia:

– A duración da pandemia pode estenderse facilmente a 18-24 meses, ata que a inmunidade poboacional acade uns niveis que dificulten a circulación do virus, salvo que poida estar antes dispoñible unha vacina en números suficientes, cousa moi improbable antes do primeiro semestre do ano 2021. Deste modo, debe destacarse que lamentablemente durante moito tempo non vai existir unha situación na cal haxa unha seguridade sanitaria absoluta, polo que non resulta realista subordinar a convocatoria das eleccións a unha supresión total do risco sanitario.

– Poden existir picos de actividade do virus máis ou menos intensos, segundo a implantación e seguimento das medidas de mitigación e control establecidas.

– Os expertos prevén escenarios nos cales podería haber unha grande onda no outono, seguida de novas ondas menores no próximo ano. En particular, despois do verán é previsible que se poida producir un novo brote debido á variación estacional observada nas infeccións virais en xeral. Ademais, esta época coincidirá co aumento seguro das patoloxías que poden confundirse coa enfermidade COVID-19, como son primeiro os procesos catarrais comúns e logo os procesos gripais, cunha clínica de infección respiratoria aguda (IRA), que serán moi difíciles de distinguir entre si. Esta situación pode provocar que se teñan que adoptar de novo medidas de certa restrición social ou volta parcial a un certo confinamento para evitar unha circulación descontrolada do virus que leve a unha situación de sobrecarga asistencial.

– Un factor que pode alterar a situación de control da infección na comunidade é a entrada de turistas e persoas procedentes doutros territorios cun nivel de infección superior no momento en que se eliminen as restricións de movementos de viaxeiros, o que sucedería, se se van cumprindo as fases do plan de desescalada do Goberno do Estado, a finais de xuño. Este factor pode incrementarse segundo avance o verán.

Os informes solicitados á dirección xeral competente en materia de saúde pública e a expertos independentes avalan, pois, que se o desconfinamento se fai coas debidas cautelas acompañadas da observación das recomendacións xerais, especialmente de hixiene e distanciamento individual, as semanas que seguen ao momento en que finalizaría, de manterse a evolución favorable da epidemia, o período de transición á nova normalidade (última semana de xuño e primeiras semanas de xullo) a priori presentarían unha situación epidemiolóxica máis favorable, respecto de posibles rebrotes, que as semanas posteriores do verán e do outono.

O ata aquí exposto pon de manifesto que a situación actualmente vixente, tanto desde o punto de vista xurídico como epidemiolóxico, e pese á vixencia formal do estado de alarma e da situación de emerxencia sanitaria, difire substancialmente da existente no momento da aprobación do Decreto 45/2020, do 18 de marzo, no que atinxe ás condicións para o posible desenvolvemento dun proceso electoral coas debidas garantías.

Para maior abastanza, efectuar unha nova convocatoria electoral tan axiña como concorran condicións que permitan o exercicio do dereito de sufraxio coas debidas garantías imponse con especial intensidade no presente caso tendo en conta a necesidade, por unha banda, de poñer fin ao período de anomalía institucional derivado da disolución anticipada do Parlamento de Galicia que produciu a convocatoria das eleccións do 5 de abril de 2020 e, por outra banda, de evitar que, de demorarse a convocatoria e producirse rebrotes da epidemia, chegue a excederse o mandato de catro anos estatutariamente previsto.

En efecto, debe recordarse que o Parlamento de Galicia é a peza institucional básica da autonomía política, do seu funcionamento democrático e fonte de lexitimidade do presidente e do seu Goberno. Resulta, desde unha perspectiva democrática e institucional, polo tanto, conveniente pór termo a esta situación e posibilitar a celebración de eleccións e a constitución dun novo parlamento no menor tempo posible, ao poder darse xa as condicións mínimas para isto.

É máis, debe terse en conta que, como se deduce das opinións científicas antes citadas, existe o risco de que, se non se convocan agora as eleccións, as condicións nun momento posterior (setembro ou outubro) poden chegar a ser peores, de tal xeito que pode perigar ou estar en xogo a convocatoria, por novos rebrotes ou posibles confinamentos. Se se demora a convocatoria e a situación da epidemia empeora posteriormente, podería chegarse a unha situación extraordinaria e constitucional e estatutariamente ignota, como podería ser a finalización do prazo normal da lexislatura sen a celebración de eleccións democráticas, coa consecuente crise de lexitimade do Goberno, precisamente nun momento de especial necesidade dun parlamento e desa lexitimidade democrática para afrontar, con plena normalidade institucional, o necesario proceso de reactivación económica e atención ás consecuencias da epidemia.

Dado que a convocatoria debe producirse «no prazo máis breve posible» e «oídos os partidos políticos», como indicaba o artigo 2 do Decreto 45/2020, do 18 de marzo, polo que se deixou sen efecto a celebración das eleccións ao Parlamento de Galicia, convocáronse a unha reunión o día 14 de maio de 2020 os representantes dos seguintes grupos políticos: Partido Popular de Galicia, Partido Socialista de Galicia-Partido Socialista Obrero Español, Galicia en Común, Bloque Nacionalista Galego, En Marea, Ciudadanos e Vox. Xunto coa convocatoria deuse traslado aos grupos políticos dos informes da Dirección Xeral de Saúde Pública e dos tres expertos independentes, así como do informe da Dirección Xeral da Asesoría Xurídica Xeral. Á reunión acudiron os seguintes grupos políticos: Partido Popular de Galicia, Partido Socialista de Galicia-Partido Socialista Obrero Español, Galicia en Común, Bloque Nacionalista Galego, En Marea e Ciudadanos.

Na reunión, o presidente da Xunta de Galicia, expresou que a decisión máis responsable sería a da celebración das eleccións nas primeiras semanas de xullo tendo en conta os informes antes expresados e as súas conclusións. Os representantes do Partido Popular, En Marea e Ciudadanos mostráronse partidarios da celebración das eleccións en xullo, tendo en conta as circunstancias e sempre que se dean as condicións sanitarias. Os representantes do Partido Socialista de Galicia-Partido Socialista Obrero Español, Galicia en Común e Bloque Nacionalista Galego mostráronse contrarios á celebración das eleccións en xullo.

Atendidas, pois, as circunstancias concorrentes, a opinión científica e o marco normativo vixente e en prol do necesario equilibrio entre a protección da saúde e a efectividade do dereito de sufraxio, fundamento esencial dunha sociedade democrática, e unha vez oídos os partidos políticos, esta presidencia entende que a decisión máis correcta e responsable é a de efectuar unha nova convocatoria electoral ao dárense nas datas elixidas, ata onde resulta posible predicir neste momento, as necesarias condicións que permitan compatibilizar a protección da saúde pública co correcto exercicio do dereito de sufraxio.

Para o efectivo equilibrio entre ambos os dereitos os órganos competentes adoptarán as medidas que garantan a seguridade de todos os participantes no proceso electoral. En particular, deberán observarse as instrucións e os protocolos que aproben as autoridades sanitarias, co obxecto de minimizar os riscos de transmisión da enfermidade.

Neste sentido, o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 15 de maio de 2020, antes citado, determina no punto segundo da súa parte dispositiva que: «No caso de convocatoria de eleccións ao Parlamento de Galicia, os órganos autonómicos competentes adoptarán as medidas necesarias para garantir a protección da saúde durante o desenvolvemento do proceso electoral. Así mesmo, a Administración autonómica promoverá que as demais administracións e entidades con competencias no desenvolvemento do proceso electoral adopten medidas coa mesma finalidade e prestará a colaboración que, para estes efectos, resulte necesaria».

Por último, a presente convocatoria non pode permanecer allea á falta de certeza absoluta sobre a evolución futura da epidemia, de modo que se efectúa sen prexuízo de que, se por razóns derivadas da protección do dereito á saúde fronte á epidemia se retorna a un marco incompatible co desenvolvemento do proceso electoral coas debidas garantías, e logo dos informes sanitarios e xurídicos oportunos, poida procederse, de forma motivada, a deixala sen efecto. Neste caso, o período elixido neste decreto para a celebración das eleccións podería aínda permitir, sempre que o posibilitasen as condicións sanitarias, a realización dunha nova convocatoria con anterioridade á finalización do prazo normal da lexislatura.

Na súa virtude, de acordo co previsto na Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia, na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e na Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia, oídos os grupos políticos máis representativos de Galicia e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do dezaoito de maio de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo 1

Convócanse eleccións ao Parlamento de Galicia, que terán lugar o doce de xullo de dous mil vinte.

Artigo 2

En aplicación do artigo 9 da Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia, o número de deputados correspondente a cada circunscrición é o seguinte:

A Coruña: vinte e cinco.

Lugo: catorce.

Ourense: catorce.

Pontevedra: vinte e dous.

Artigo 3

A campaña electoral, por imperativo do disposto no artigo 51.2 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, de réxime electoral xeral, durará quince días. Comezará ás cero horas do venres día vinte e seis de xuño e finalizará ás vinte e catro horas do venres día dez de xullo de dous mil vinte.

Artigo 4

Celebradas as eleccións convocadas por este decreto, a Cámara resultante reunirase para a súa sesión constitutiva o día sete de agosto de dous mil vinte, ás once horas.

Artigo 5

As eleccións convocadas por este decreto rexeranse pola Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, así como pola Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia; polo Decreto13/2020, do 10 de febreiro, polo que se establecen as normas sobre os medios materiais que se utilizarán nas eleccións ao Parlamento de Galicia de 2020; polo Decreto 14/2020, do 10 de febreiro, polo que se fixan as gratificacións e indemnizacións que percibirán os membros da Administración electoral en Galicia e o persoal ao seu servizo, os/as xuíces/zas de primeira instancia ou de paz, representantes da Administración da Comunidade Autónoma nas mesas electorais, así como o persoal da Xunta de Galicia, co gallo das eleccións ao Parlamento de Galicia de 2020, e a demais normativa de desenvolvemento.

Disposición derradeira única

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de maio de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente