Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Martes, 19 de maio de 2020 Páx. 20613

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 8 de maio de 2020 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva e en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ao financiamento de plans de formación das entidades locais de Galicia para o ano 2020, no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (código de procedemento PR780A).

Entre os fins da Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP), a formación do persoal empregado público constitúe un dos eixes fundamentais da súa actividade. Esta formación execútase de dúas formas diferentes: a través da convocatoria e da realización directa de actividades formativas, ou, de forma indirecta, a través da convocatoria de subvencións que teñen como obxecto o financiamento dos plans de formación das entidades locais.

A EGAP comezou coa convocatoria destas subvencións no ano 2014, como consecuencia da sentenza do Tribunal Constitucional 225/2012, do 29 de novembro, que respondía a un conflito de competencias promovido pola Xunta de Galicia e que outorgou a esta comunidade autónoma a titularidade da competencia relativa á convocatoria das axudas, da tramitación e resolución do procedemento da súa concesión, e do control das actuacións formativas promovidas polas entidades locais e federacións ou asociacións de entidades locais de ámbito autonómico e destinadas ao persoal empregado público que presta os seus servizos nelas, así como tamén as referentes á modificación dos ditos plans e á resolución de discrepancias na súa negociación.

Esta sentenza supuxo unha formulación diferente desde o punto de vista competencial que foi reflectido no Acordo de formación para o emprego das administracións públicas do 19 de xullo de 2013 (en diante, AFEDAP), publicado no Boletín Oficial del Estado en virtude da Resolución da Secretaría de Estado de Administracións Públicas do 9 de outubro de 2013 (BOE núm. 252, do 21 de outubro).

Na convocatoria deste ano incorpórase unha importante novidade de tramitación posto que as entidades interesadas xa non terán que empregar o portal denominado Fedap para a presentación das súas solicitudes senón a sede electrónica da Xunta de Galicia. Con isto perséguese ofrecer ás interesadas unha maior garantía de axilidade na presentación dos seus escritos e unha atención máis directa e eficaz na resolución de dúbidas e incidencias. Este cambio comporta, ademais, a necesidade de introducir certos cambios no texto da convocatoria para adecualos á Guía de textos normalizados para a habilitación electrónica de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia.

Na súa virtude e en uso das atribucións que teño conferidas, resolvo convocar as subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación das entidades locais de Galicia para o ano 2020, no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas, de acordo coas seguintes bases reguladoras:

Primeira. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e efectuar a convocatoria das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva e en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ao financiamento de plans de formación para o emprego promovidos polas entidades locais de Galicia no marco do AFEDAP (código de procedemento administrativo PR780A).

Segunda. Finalidade

As subvencións destinaranse a financiar os plans de formación promovidos polas entidades locais de Galicia para o seu persoal empregado público, no marco do AFEDAP.

As entidades locais poderán promover plans de formación unitarios ou plans de formación agrupados, circunscritos ao territorio autonómico. As asociacións ou federacións de entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia lexitimamente constituídas ao abeiro do previsto nos artigos 120 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, poderán presentar plans de formación interadministrativos ou agrupados, tanto individualmente por iniciativa propia ou mediante as adhesións dos concellos e deputacións provinciais que o desexen.

Os plans deberán cumprir os obxectivos e demais requisitos fixados no AFEDAP e serán aprobados pola Comisión Paritaria de Formación Local da Comunidade Autónoma de Galicia.

En todo caso, todas as actividades desenvolvidas no marco das subvencións convocadas garantirán a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, eliminando calquera tipo de discriminación directa ou indirecta e fomentando a conciliación.

Terceira. Actividades obxecto de financiamento

As entidades promotoras recollidas na base quinta desta resolución poderán solicitar subvencións para financiar os seguintes tipos de plans:

1. Plans unitarios: caracterízanse por afectar o persoal dunha soa entidade local con, polo menos, 200 efectivos.

2. Plans agrupados: son aqueles que afectan o persoal de dúas ou máis entidades locais que agrupen, polo menos, 200 efectivos. Poderán ser formulados ben polas propias entidades locais das cales dependa o persoal ou ben por federacións ou asociacións de entidades locais. En todo caso, cada entidade local só poderá participar nun único plan agrupado.

3. Plans interadministrativos: son aqueles destinados non só ao persoal da Administración promotora, senón tamén ao persoal empregado público doutras administracións. Estes plans só poderán ser elaborados pola Federación Galega de Municipios e Provincias, segundo o establecido no artigo 6, segundo parágrafo do AFEDAP.

Cuarta. Financiamento. Liñas de subvencións

A asignación para as subvencións obxecto desta convocatoria para o exercicio 2020 establécese en 403.843,50 euros.

Esta resolución, segundo o principio de economía procedemental, inclúe dúas liñas de subvencións: unha, en réxime de concorrencia competitiva e outra en réxime de concorrencia non competitiva, coa mesma causa, isto é, o financiamento de plans de formación para o emprego promovidos polas entidades locais de Galicia. O importe distribúese do seguinte xeito:

Descrición

Aplicación orzamentaria

Importe

Entidades beneficiarias

Liña en concorrencia competitiva

05.80.122B.460.1

330.542,05 euros

Entidades locais que presenten plans de formación unitarios e/ou agrupados

Liña en concorrencia non competitiva

05.80.122B.481.0

73.301,45 euros

Entidades que presenten plans de formación interadministrativos

Poderá ampliarse a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Quinta. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias da liña en réxime de concorrencia competitiva das subvencións convocadas os concellos, as deputacións provinciais e demais entidades locais recoñecidas no artigo 2 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, reguladora da Administración local de Galicia, que promovan plans de formación para o persoal empregado público, de carácter unitario ou agrupado, dentro do ámbito do AFEDAP.

De conformidade co establecido no artigo 6, segundo parágrafo do AFEDAP, só poderá ser beneficiaria da liña en réxime de concorrencia non competitiva das subvencións convocadas a Federación Galega de Municipios e Provincias.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias destas subvencións as entidades locais nas cales concorra algunha das circunstancias ou prohibicións indicadas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións , como nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de que as entidades locais non están incursas nas prohibicións ou circunstancias relacionadas nos ditos artigos realizarase mediante declaración responsable, a través dos anexos I, IV e VI, segundo corresponda.

Sexta. Gastos subvencionables

1. Serán subvencionables os gastos directamente destinados ao desenvolvemento da actividade formativa programada, incluíndo os desprazamentos da persoa que imparta a docencia.

Terán, así mesmo, a consideración de gastos subvencionables os materiais didácticos e complementarios necesarios para o desenvolvemento da actividade formativa.

Na memoria da actividade formativa incluirase a previsión do custo da actividade formativa, desagregado pola natureza do gasto, debendo ter en conta o seguinte:

a) O custo dos gastos subvencionables non poderá superar o valor de mercado.

b) Só serán subvencionables os gastos que se realicen entre o 1 de xaneiro de 2020 e o 15 de novembro do ano 2020 e que se atopen efectivamente pagados o 3 de decembro de 2020 data de finalización do período de xustificación.

c) Os tributos serán gasto subvencionable cando a beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se considerarán gastos financiables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.

2. Poderán financiarse con cargo ás subvencións concedidas os gastos directamente imputables ás accións formativas e ás actividades complementarias, así como os gastos xerais imputables á totalidade das actividades que conforman o plan de formación aprobado.

2.1. Gastos directamente imputables ás accións formativas:

a) Gastos de formadores/as internos/as e externos/as no exercicio de actividades de preparación, impartición, titoría e avaliación das persoas participantes.

b) Gastos de medios e materiais didácticos, como textos e materiais dun só uso polo alumnado (compra, elaboración, reprodución e distribución), e materiais de traballo funxibles utilizados para o desenvolvemento das actividades de formación.

c) Gastos pola elaboración de contidos para a impartición de cursos a través da internet.

d) Gastos de aloxamento, mantemento e desprazamento das persoas que interveñen nas accións formativas (alumnos/as, coordinadores/as, persoal de apoio e profesorado). As entidades beneficiarias ás cales lles sexa de aplicación o Real decreto 462/2002, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razón do servizo, axustaranse ás contías e condicións establecidas nel. Para as demais entidades beneficiarias, observaranse os principios xerais, os requisitos dos gastos e a forma de xustificación establecidos na devandita norma, limitándose as contías máximas subvencionables, con carácter xeral, ás establecidas para o grupo 2.

e) Gastos de alugamento tanto de instalacións como de equipamento necesarios para o desenvolvemento das actividades formativas.

2.2. Gastos xerais asociados á execución das actividades subvencionadas que non poidan ser imputados de forma directa, co límite máximo do 25 por cento do total dos gastos directos:

a) Gastos de persoal de apoio, tanto interno como externo, para a xestión e execución do plan.

b) Gastos de alugamento de instalacións e de equipamento non imputables directamente ás actividades previstas no plan de formación.

c) Gastos de seguros, incluído, de ser o caso, o da cobertura de accidentes das persoas participantes, en coherencia coa disposición adicional terceira do AFEDAP.

d) Gastos de publicidade e difusión.

e) Gastos de avaliación e control.

f) Outros gastos indirectos en concepto de auga, gas, electricidade, mensaxaría, telefonía, material de oficina consumido, vixilancia e limpeza e outros non especializados imputables ao plan de formación, co límite máximo do 6 por cento do total dos gastos directos e sen que sexa precisa a súa xustificación documental.

Sétima. Procedemento de concesión das subvencións

O procedemento para a concesión de subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e non competitiva conforme os artigos 19 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Oitava. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal e que figura como anexo I a esta resolución.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderán empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As solicitudes deberán ir asinadas electronicamente pola persoa designada como representante da promotora para o plan presentado. Nos formularios normalizados cubriranse todos os campos obrigatorios sen engadir novos datos, e sen emendar, variar ou raiar o seu formato orixinal. En caso contrario, as solicitudes non serán admitidas a trámite. Xunto coa solicitude anexaranse copias dixitalizadas da documentación que se menciona nas bases seguintes.

3. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

4. Os datos requiridos ao cubrir a solicitude fan referencia á seguinte información:

a) Datos administrativos da entidade promotora, incluíndo o número de efectivos en 31 de xullo de 2019. Para estes efectos, unicamente serán considerados os efectivos computados para a elaboración do Boletín Estatístico do Persoal ao Servizo das Administracións Públicas.

b) Datos da persoa de contacto designada.

Novena. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Informe da representación sindical asinado polas persoas responsables sindicais.

b) Proposta descritiva das actividades formativas co detalle individualizado destas, a súa prioridade, número de edicións, alumnos/as e horas por edición, orzamento económico e destinatarios/as.

c) No caso de federacións ou agrupacións, a documentación que acredite, conforme a lexislación vixente, as facultades de representación da persoa que asina o plan para actuar en nome da persoa xurídica solicitante.

d) Cando se trate dun plan agrupado, os documentos de adhesión ao devandito plan e, no caso daquelas entidades adheridas cuxo número de empregados/as sexa igual ou superior a 200, informe da representación sindical das ditas entidades.

e) Memoria das accións formativas que conterá os seguintes puntos:

1) Obxectivos xerais e finalidade do plan de formación.

2) Deseño do plan de formación:

2.1) Resposta do plan ás necesidades de formación detectadas na organización e especificación do procedemento e metodoloxía empregados para iso.

2.2) Resultados da avaliación do plan do exercicio anterior.

2.3) Incorporación dos resultados da avaliación do plan do ano anterior ao plan de formación presentado.

3) Criterios de seguimento e avaliación do plan: previsións acerca do seguimento das accións formativas (aplicación de técnicas para a avaliación dos resultados, e, se for o caso, do impacto da formación).

4) Implantación do plan de formación:

4.1) Ámbito de aplicación e colectivos afectados.

4.2) Criterios de selección dos/das participantes.

5) Contido de accións formativas específicas:

5.1) Actividades formativas que sexan instrumento de motivación e compromiso dos/das empregados/as públicos/as.

5.2) Accións formativas relativas á Administración electrónica.

5.3) Accións formativas relativas á ética, transparencia e integridade pública.

5.4) Accións formativas relativas á igualdade de xénero e violencia de xénero.

5.5) Accións formativas relativas ás novidades lexislativas atinentes ó eido administrativo en aspectos tales como lexislación básica en materia de procedemento administrativo, contratación, etc.

6) Participación sindical na elaboración, xestión e execución do plan.

7) Resultados do plan do exercicio anterior:

7.1) Número total de actividades de formación desenvoltas e número total de horas de formación impartidas.

7.2) Número total de persoas participantes desagregado por sexo.

f) De ser o caso, memoria de cada proxecto de actividade complementaria que conteña a súa denominación, descrición da actividade con expresa mención á súa finalidade, ao seu custo e ao produto específico que se obterá coa realización da actividade e que deberá entregarse xunto coa xustificación económica do gasto realizado con motivo da realización da actividade.

g) Memoria económica que conteña os seguintes datos:

1º. Datos relativos ás anteriores convocatorias: destinatarios/as, recursos propios dedicados, fondos subvencionados, recursos humanos dedicados.

2º. Datos económicos do plan, con desagregación por conceptos de gasto.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución así como da tramitación do pagamento, ao abeiro do disposto no artigo 11.e) e 31.7.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Décima. Comprobación de datos

1. Para a tramitación do procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) Certificado de estar ao día coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

c) Certificado de estar ao día coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

d) Certificado de estar ao día coa Consellería de Facenda.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo primeira. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo segunda. Órganos competentes

Recibidas as solicitudes formuladas polas interesadas así como a súa documentación complementaria, procederá a analizalas e valoralas unha comisión de valoración que estará composta por seis persoas: dúas da EGAP, unha da Federación Galega de Municipios e Provincias e tres da representación sindical. Na composición desta comisión procurarase acadar unha presenza equilibrada entre homes e mulleres.

A resolución de concesión das subvencións que se outorguen será competencia da directora da EGAP, logo dos informes que se mencionan na base 15ª desta resolución.

De acordo co disposto polo artigo 23.a) da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, a persoa que forme parte desta comisión en representación da Federación Galega de Municipios e Provincias, deberá absterse de participar na análise e na valoración referida ao plan de formación que, de ser o caso, presente o dito organismo.

Décimo terceira. Emenda e reformulación das solicitudes

1. Unha vez presentada a solicitude xunto coa documentación complementaria, o órgano instrutor comprobará se reúne todos os requisitos e documentos exixidos nesta convocatoria. No caso de que algunha solicitude estea incompleta ou conteña erros ou no caso de que non se acompañe toda a documentación requirida, outorgarase un prazo de emenda de 10 días hábiles, coa advertencia expresa á solicitante de que, se non atende o requirimento, terase por desistida da súa petición, logo de resolución que será ditada nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. O requirimento de emenda será notificado de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Con todo, de conformidade co sinalado no artigo 41.6 da devandita lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no taboleiro electrónico habilitado para estes efectos na páxina web da EGAP, onde se establecerá o contido pormenorizado do requirimento que se fai. Se se opta por esta última modalidade, comunicarase por medios telemáticos que o requirimento de emenda se encontra exposto no citado taboleiro electrónico. Poderase facer indicación expresa de que os seguintes actos administrativos do procedemento serán notificados a través do citado taboleiro.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse a solicitante para que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios na tramitación e resolución do procedemento.

4. Despois de revisar as solicitudes e as emendas feitas, valoraranse os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación. Aqueles que non cumpran coas exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, serán obxecto de resolución de denegación.

5. Cando o importe da proposta de subvención sexa inferior ao que figura na solicitude presentada, instarase a beneficiaria para que, no prazo de quince días, reformule a solicitude e adapte o plan de formación ao devandito importe, respectando, en todo caso, as directrices do plan inicial. A dita adaptación deberá de ser presentada a través do anexo II a esta resolución. Os órganos de valoración darán a súa conformidade ás adaptacións.

Décimo cuarta. Informes e proposta de resolución

1. A Comisión Paritaria de Formación Local da Comunidade Autónoma de Galicia, á vista da valoración realizada polo órgano a que se refire a base décimo segunda, deberá emitir informe sobre os plans de formación que concorran á convocatoria de subvencións para o financiamento dos devanditos plans. O dito informe será favorable no caso daqueles plans que sexan aprobados por este órgano.

De acordo co disposto polo artigo 23.a) da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, as persoas que formen parte desta comisión en representación da Federación Galega de Municipios e Provincias deberán absterse na emisión do informe referido ao plan de formación que, de ser o caso, presente o dito organismo.

2. Á vista do expediente e dos informes da Comisión Paritaria de Formación Local da Comunidade Autónoma de Galicia, o órgano instrutor elaborará as propostas de resolución de concesión de subvencións, debidamente motivadas e nas cales constará a relación de solicitantes para os que se propón a concesión da axuda e a súa contía, así como a desestimación expresa das demais solicitudes, de conformidade co artigo 25 da Lei 38/2003, do 17 de novembro.

3. Elaborada a relación sinalada anteriormente, e sempre con anterioridade á resolución do procedemento, efectuarase o trámite de audiencia, por un prazo de 10 días. Con todo, poderá prescindirse do trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos, nin outras alegacións ou probas que as aducidas polos interesados.

Décimo quinta. Criterios de outorgamento da subvención e a súa cuantificación

1. Como criterios cualitativos, co fin de determinar a adecuación dos plans presentados a uns criterios mínimos de calidade, a Comisión Paritaria de Formación Local da Comunidade Autónoma de Galicia valorará ponderadamente os seguintes criterios:

a) Recursos económicos propios destinados á formación no exercicio anterior á convocatoria, ata 5 puntos para plans unitarios e 8 puntos para plans agrupados.

b) Recursos humanos destinados á xestión da formación no exercicio anterior, ata 3 puntos para plans unitarios e 6 para plans agrupados.

c) Grao de execución da subvención no exercicio anterior, 5 puntos para plans unitarios e 8 para plans agrupados.

d) Resposta do plan de formación a necesidades de formación detectadas a través da aplicación de técnicas de avaliación, 5 puntos.

e) Presentación e incorporación dos resultados da avaliación do plan de formación subvencionado no exercicio anterior, 5 puntos.

f) Incorporación de actividades que sexan instrumento de motivación dos/das empregados/das públicos/as, 3 puntos.

g) Inclusión de accións formativas relativas á Administración electrónica, 3 puntos.

h) Inclusión de accións formativas relativas a transparencia, ética e integridade pública, 3 puntos.

i) Inclusión de accións formativas en materia de igualdade de xénero e violencia de xénero, 3 puntos.

j) Inclusión de accións formativas en materia de novidades lexislativas atinentes ao eido administrativo en aspectos tales como lexislación básica en materia de procedemento administrativo, contratación, etc. 3 puntos.

k) Previsión de seguimento das accións formativas, avaliación dos resultados e do impacto da formación, 5 puntos.

l) Eficiencia económica demostrada na execución do último plan de formación subvencionado con fondos AFEDAP, en función do custo hora-participante previsto. Valorarase a capacidade da solicitante para formar un maior número de persoas co menor custo posible, asignándolle ao plan máis eficiente 5 puntos no caso dos plans agrupados e 8 puntos no caso dos plans unitarios, aplicando un criterio de proporcionalidade na valoración dos restantes plans.

m) Sinatura sindical do plan presentado, 6 puntos.

Así mesmo, e de acordo co disposto polo Acordo do Consello da Xunta do 28 de febreiro de 2013 polo que se determinan os criterios aplicables ás axudas e subvencións destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para primar proxectos de xestión compartida e incentivar procesos de fusión municipal, deberán ponderarse na puntuación dos plans agrupados os seguintes aspectos:

m) Concederanse 2,5 puntos pola mera presentación de solicitudes deste tipo de plans.

n) Concederanse 2,5 puntos pola presentación xunto coa solicitude dunha memoria de aforro de custos respecto da presentación de modo individual.

ñ) Concederanse ate un máximo de 2,5 puntos en función do número de concellos que formen parte do plan que se presente.

Para a súa aprobación, o plan presentado deberá obter unha puntuación mínima de 35 puntos.

2. Para os efectos de determinar a cuantificación individualizada da subvención que se vai conceder a cada un dos plans presentados que acaden a puntuación mínima referida na epígrafe anterior, e tendo en conta en todo caso que non poderá ser superado o límite de crédito establecido na base 4ª, o parámetro que se vai utilizar será o número total de empregados/as que integren o cadro de persoal da entidade local promotora, nos plans unitarios, ou a suma dos/das empregados/as incluídos/as nos respectivos cadros de persoal das entidades locais, no caso dos plans agrupados. Nos dous casos tomarase como referencia o número de efectivos en 31 de xullo de 2019, considerándose, para estes efectos, unicamente aqueles que sexan computados para a elaboración do Boletín Estatístico do Persoal ao Servizo das Administracións Públicas.

Décimo sexta. Resolución

1.A resolución que poña fin ao procedemento ditarase no prazo máximo de quince días desde a data de elevación da proposta de resolución e publicarase no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Así mesmo, será igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Escola.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder os cinco meses a partir da publicación desta convocatoria. O final deste prazo sen terse notificado a resolución lexitimará as interesadas para entender desestimada por silencio administrativo a súa solicitude.

3. A resolución da directora da EGAP pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a directora da EGAP, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación nos termos dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou ben de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto de conformidade co establecido nos artigos 8.2.a) e 14 e 46, respectivamente, da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que se resolva expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

Décimo sétima. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo oitava. Concorrencia e acumulación con outras subvencións

1. O importe da subvención outorgada en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o custo da actividade subvencionada.

2. A obtención doutras axudas ou subvencións para financiar as actividades subvencionadas deberá ser comunicada á EGAP, tan pronto como a interesada teña coñecemento e, en todo caso, con anterioridade á xustificación do investimento realizado. A dita comunicación farase consonte o modelo normalizado que figura como anexo I, III, IV e VI desta resolución, segundo corresponda, que estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia (https//sede.xunta.gal) co código de procedemento PR780A. A presentación da dita comunicación realizarase por medios electrónicos accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada.

3. O incumprimento do disposto nesta base considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Décimo novena. Obrigas das beneficiarias

Sen prexuízo do disposto noutras bases desta resolución, serán obrigas das entidades beneficiarias as seguintes:

a) Destinar os fondos percibidos ao obxecto para o cal foron concedidos e executar a actividade que fundamenta a concesión da axuda no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 15 de novembro de 2020.

b) Achegar a documentación requirida nesta convocatoria.

c) Efectuar a selección das persoas que vaian participar nas accións formativas pola adecuación do seu perfil aos seus obxectivos e contidos.

d) Xustificar, antes da data que se sinala no número 1.b) da base sexta, os gastos realizados no exercicio económico en que se concedeu a subvención nos termos fixados na convocatoria.

e) Achegar a información sobre as accións formativas realizadas que sexa necesaria para a súa inclusión nunha memoria anual e para efectos estatísticos do seguimento das accións formativas desenvolvidas. Esta información achegarase desagregada por sexo relativa tanto ás persoas encargadas de impartir ou coordinar as ditas accións como ás persoas que formasen parte do alumnado.

f) Someterse ás actuacións de comprobación que realice a EGAP, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeira, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, achegando a información requirida.

g) Comunicar á EGAP a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención.

h) Expedir os correspondentes certificados de asistencia e/ou aproveitamento, de acordo cos requisitos previamente establecidos pola Comisión Xeral de Formación para o Emprego das Administracións Públicas.

i) Garantir a calidade e gratuidade das accións formativas financiadas con estes fondos e cumprir con todos os deberes previstos no AFEDAP.

k) Conservar os documentos xustificativos dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

l) Incorporar de forma visible no material de difusión das actividades formativas subvencionados o seu financiamento público

m) Reintegrar os fondos percibidos nos supostos recollidos no artigo 33 da Lei de subvencións de Galicia.

n) Cumprir coas obrigas correspondentes previstas no AFEDAP e no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Vixésima. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a EGAP publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas xurídicas beneficiarias de subvencións reguladas nesta resolución están obrigadas a subministrar á EGAP, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Vixésimo primeira. Pagamento da subvención

1. Sempre e cando o importe da subvención outorgada non supere os 18.000 euros, poderanse realizar á entidade beneficiada pagamentos anticipados por importe de ata o 80 % da subvención outorgada, que suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención e cos límites establecidos no artigo 63.1.un do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As entidades locais que estean interesadas en recibir estes pagamentos anticipados deberán solicitalo consonte ao modelo normalizado que figura como anexo IV desta resolución que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https//sede.xunta.gal) co código de procedemento PR780A e xustificar o pagamento que dá lugar á subvención de acordo co previsto na base 23ª.

2. As beneficiarias estarán exentas de constituír avais, depósitos ou calquera outro medio de garantía.

Vixésimo segunda. Modificación dos plans de formación e da resolución

1. A partir do momento da adxudicación das subvencións, as entidades beneficiarias poderán modificar os seus plans de formación, debendo realizalo logo de autorización no caso daquelas modificacións que se consideren substanciais. A solicitude desta autorización, á que se xuntará unha memoria explicativa da modificación do proxecto e que se dirixirá á EGAP antes do 15 de outubro de 2020, poderá dar lugar á modificación da resolución de adxudicación nos casos previstos nesta base. A dita solicitude farase consonte ao modelo normalizado que figura como anexo V desta resolución que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https//sede.xunta.gal) co código de procedemento PR780A e a presentación da dita solicitude realizarase por medios electrónicos accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada.

2. Para estes efectos, entenderase por modificación substancial todo aquel cambio do plan de formación que poida afectar os criterios cualitativos que foron tidos en conta á hora de outorgar a subvención.

3. A obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, tamén poderá dar lugar á modificación da resolución.

4. Cando por circunstancias técnicas sexa imprescindible variar o contido específico dos investimentos recollidos no proxecto inicial, o órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia da beneficiaria, debendo cumprirse os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiras persoas.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de concorreren na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda ou subvención.

Neste caso, a beneficiaria deberá xuntar á solicitude de modificación un documento asinado pola persoa titular da secretaría da entidade en que se certifique o cumprimento destes requisitos.

5. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola directora da EGAP.

Vixésimo terceira. Xustificación

1. A xustificación da realización dos plans de formación para os cales foron concedidas as subvencións, e dos gastos incorridos no ano natural de concesión, realizarase mediante a achega á EGAP da correspondente conta xustificativa na forma e prazo que se determina nos números seguintes.

2. A data límite de xustificación será o 3 de decembro de 2020.

3. A xustificación a que se refire o número 1 desta base adoptará a forma de «conta xustificativa simplificada» e deberá realizarse consonte ao modelo normalizado que figura como anexo VI desta resolución que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https//sede.xunta.gal) co código de procedemento PR780A. A presentación desta xustificación realizarase por medios electrónicos accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada co contido seguinte:

1º. Informe da intervención ou do órgano que teña atribuídas as funcións de control da toma de razón en contabilidade do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida a subvención.

2º. Certificación expedida polo/a secretario/a da entidade local co visto e prace do/da alcalde/sa ou presidente/a da entidade, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, en que se faga constar, como mínimo, o seguinte:

a) Datos sobre a execución das accións formativas que conforman o plan de formación.

b) Datos dos gastos realizados por cada un dos conceptos de gasto recollidos no orzamento do plan de formación.

c) Unha relación clasificada dos gastos da actividade, con identificación do/da acredor/a e do documento, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento.

3º. Certificado expedido polo/a secretario/a da entidade local co visto e prace do/da alcalde/sa ou presidente/a da entidade acreditativo da realización das actividades realizadas que foron financiadas coa subvención, así como dos gastos realizados e o seu pagamento.

4. De acordo co establecido no artigo 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, se transcorrido o prazo establecido de xustificación a beneficiaria non presenta a documentación xustificativa, a EGAP requiriraa para que, no prazo improrrogable de 10 días, sexa presentada, con apercibimento de que a falta de presentación dará lugar á perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, á exixencia de reintegro e ás demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

Vixésimo cuarta. Subcontratación

Permitirase que a beneficiaria subcontrate con terceiras persoas a execución total ou parcial da actuación que se subvenciona nos termos recollidos no artigo 27 e concordantes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Vixésimo quinta. Aceptación e renuncia

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos 10 días hábiles desde a notificación ou publicación desta sen que a interesada comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiaria.

2. A renuncia á subvención farase consonte ao modelo normalizado que figura como anexo VII desta resolución que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https//sede.xunta.gal) co código de procedemento PR780A. A presentación da dita renuncia realizarase por medios electrónicos accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada.

Vixésimo sexta. Reintegro das subvencións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras ou na normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución da concesión, dará lugar ao deber de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ás súas normas de desenvolvemento.

Vixésimo sétima. Réxime de sancións

Ás beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases aplicaráselles o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Vixésimo oitava. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia –Escola Galega de Administración Pública– coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario. Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou, presencialmente, nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Vixésimo novena. Réxime de recursos

Esta resolución pon fin á vía administrativa e poderá ser impugnada en reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, de acordo co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, cabe a interposición directa de recurso contencioso-administrativo ante os xulgados desa xurisdición que resulten competentes, no prazo de dous meses contados tamén a partir do día seguinte ao da publicación deste acto no Diario Oficial de Galicia.

No caso de que se opte polo recurso de reposición, non caberá interpoñer o recurso contencioso-administrativo ata que se resolva expresamente ou se produza a desestimación presunta por silencio do recurso de reposición interposto.

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2020

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file