Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Martes, 19 de maio de 2020 Páx. 20608

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 8 de maio de 2020 pola que se deixan sen efecto por causas sobrevidas diferentes convocatorias de concesión de subvencións, bolsas e patrocinios.

I. A Axencia Turismo de Galicia publicou a finais do ano 2019 e principios do ano 2020, por tramitación anticipada de gasto ao abeiro do artigo 25.1.a) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, diferentes convocatorias de axudas no seu ámbito competencial:

– Resolución do 2 de xaneiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións a concellos declarados municipios turísticos e a xeodestinos de Galicia, para a contratación de persoal nas oficinas de turismo nos meses de maio, xuño, xullo, agosto e setembro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TU900A) (DOG do 11 de febreiro) polo importe de 450.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 11.A2.761A.460.0.

– Resolución do 3 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións a concellos para o apoio, a promoción e difusión ás festas declaradas de interese turístico de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TU500A) (DOG do 16 de decembro) polo importe de 306.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 11.A2.761A.760.1, proxecto 2017 00005.

– Resolución do 19 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas no medio rural e se anuncia a convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TU501B) (DOG 19 de novembro) polo importe de 1.200.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 11.A2.761A.760.0, proxecto 2016 00002.

– Resolución do 12 de decembro de 2019 pola que se regulan as bases para a concesión de bolsas de formación práctica en mercados emisores mediante a realización de prácticas de especialización en oficinas de turismo en mercados emisores durante o ano 2020, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento TU981B) (DOG do 23 de decembro) polo importe de 228.439,10 € con cargo á aplicación orzamentaria 11.A2.761A.480.0, proxecto 2015 00006 (223.791,50 €) e 11.A2.761A.480.0, proxecto 2015 00006 (4.647,60 €).

– Resolución do 28 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a xeodestinos de Galicia para o desenvolvemento de actuacións de dinamización turística, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TU501C) (DOG do 19 de decembro de 2019) por importe de 1.075.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 11.A2.761A.760.3, proxecto 2015 00006 (550.000 €) e 11.A2.761A.781.0, proxecto 2015 00005 (525.000 €).

– Resolución conxunta do 18 de decembro de 2019, da Axencia Galega das Industrias Culturais e da Axencia Turismo de Galicia, pola que se establecen as condicións de adhesión á marca Fest Galicia para a temporada 2020 e para a realización de contratos de patrocinio con entidades privadas para festivais de música profesionais que se celebran desde o 1 de xuño ao 30 de setembro de 2020, considerados estratéxicos para o territorio xa que xeran un retorno publicitario para as marcas Fest Galicia e Xacobeo Galicia 2021 (código de procedemento CT302A) (DOG do 8 de xaneiro de 2020), por importe de 460.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 11.A2.761A.640.0, proxecto 2018 00002.

II. O pasado 11 de marzo de 2020, a Organización Mundial da Saúde declarou pandemia internacional a situación de emerxencia de saúde pública ocasionada polo COVID-19.

Mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, declárase o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. O estado de alarma declarado foi prorrogado mediante o Real decreto 476/2020, do 27 de marzo; polo Real decreto 487/2020, do 10 de abril, e polo Real decreto 492/2020, do 24 de abril, que determina que se estenderá ata o día 10 de maio de 2020, e someterase ás mesmas condicións establecidas no Real decreto 463/2020, do 14 de marzo.

As restricións á libre circulación de persoas acordadas polas autoridades están a afectar a todos os sectores da nosa economía, pero especialmente produciuse un forte impacto no sector turístico, que se viu obrigado ao peche dos seus negocios pola Orde SND/257/2020, pola que se declara a suspensión de apertura ao público de establecementos de aloxamento turísticos en beneficio da contención sanitaria da pandemia para evitar a concentración de traballadores e clientes en aloxamentos turísticos que deben compartir determinados espazos comúns, o que implica un incremento do risco de contaxio.

Por outra banda, e aínda contando co levantamento do estado de alarma, a incerteza que xera o COVID-19 fai pensar nunha menor demanda de servizos turísticos, unha limitación ás concentracións de público e nunha forte baixada do turismo, especialmente o internacional. Unha nova etapa que supón un cambio de modelo e que nos vai exixir situar a Galicia como un destino seguro.

Esta situación de excepcionalidade obriga a Axencia Turismo de Galicia, no ámbito das súas competencias, a modificar o seu plan de acción anual tanto no ámbito da súa actividade de fomento como da promoción turística e a reorientar os créditos reservados para estas convocatorias de axudas claramente ineficientes nas circunstancias actuais, para elaborar e sustentar economicamente unha nova planificación que permita, por unha banda, reducir o impacto do COVID-19 nas empresas do sector turístico e, por outra, reactivar o sector, readaptalo e preparalo para a recuperación dos mercados e ás necesidades que demanda tras o estado de alarma, polo que concorren circunstancias singulares e razóns de interese público, social, económico e humanitario para acordar de maneira inmediata unha serie de medidas económicas de apoio ao sector turístico.

III. Adicionalmente cabe considerar que, ao non seren resoltas as convocatorias, non existen dereitos creados fronte á Administración a favor dos seus potenciais beneficiarios, ao así dispoñelo expresamente o artigo 24.6 da Lei 38/2003, do 18 de novembro, xeral de subvencións, e o artigo 21.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia: as propostas de resolución provisional e definitiva non crean ningún dereito a favor do beneficiario proposto fronte á Administración mentres non se notificase a resolución de concesión.

En ningunha das convocatorias sinaladas se ditou resolución de concesión, nin por tanto notificación ningunha, estas atópanse en distintos momentos da súa tramitación, sen que se resolvese o procedemento, e non existe ningún dereito a favor das persoas solicitantes, que non chegaron a adquirir así o carácter de beneficiarias.

Polo exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Deixar sen efecto por causas sobrevidas as seguintes convocatorias:

– Resolución do 2 de xaneiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións a concellos declarados municipios turísticos e a xeodestinos de Galicia, para a contratación de persoal nas oficinas de turismo nos meses de maio, xuño, xullo, agosto e setembro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TU900A) (DOG do 11 de febreiro).

– Resolución do 3 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións a concellos para o apoio, promoción e difusión ás festas declaradas de interese turístico de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TU500A) (DOG do 16 de decembro).

– Resolución do 19 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas no medio rural e se anuncia a convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TU501B) (DOG do 19 de novembro).

– Resolución do 12 de decembro de 2019 pola que se regulan as bases para a concesión de bolsas de formación práctica en mercados emisores mediante a realización de prácticas de especialización en oficinas de turismo en mercados emisores durante o ano 2020, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento TU981B) (DOG do 23 de decembro).

– Resolución do 28 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a xeodestinos de Galicia para o desenvolvemento de actuacións de dinamización turística, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TU501C) (DOG do 19 de decembro).

– Resolución conxunta do 18 de decembro de 2019, da Axencia Galega das Industrias Culturais e da Axencia Turismo de Galicia, pola que se establecen as condicións de adhesión á marca Fest Galicia para a temporada 2020 e para a realización de contratos de patrocinio con entidades privadas para festivais de música profesionais que se celebran desde o 1 de xuño ao 30 de setembro de 2020, considerados estratéxicos para o territorio xa que xeran un retorno publicitario para as marcas Fest Galicia e Xacobeo Galicia 2021 (código de procedemento CT302A) (DOG do 8 de xaneiro de 2020).

A anulación comporta a terminación dos procedementos iniciados tras a aprobación das convocatorias citadas.

Segundo. Declarar dispoñibles os créditos reservados para estas convocatorias polo importe global de 3.719.439,10 € coa seguinte distribución por capítulos dos orzamentos da Axencia Turismo de Galicia para o ano 2020:

– Capítulo IV: 678.439,10 €.

– Capítulo VI: 460.000 €.

– Capítulo VII: 2.581.000 €.

Terceiro. Esta resolución terá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interporse recurso potestativo de reposición ante a Dirección da Axencia Turismo de Galicia no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, de acordo co establecido no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Tamén se pode interpor recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo, no prazo de dous meses desde o día seguinte ao da publicación no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2020

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia