Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Mércores, 20 de maio de 2020 Páx. 20811

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 5 de maio de 2020 pola que se continúa o prazo de presentación de solicitudes de axudas destinadas á elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2020, e a continuación do procedemento de concesión das subvencións (código de procedemento MR462B).

O Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, declara o estado de alarma. Na súa disposición adicional terceira decreta a suspensión de prazos administrativos.

No mesmo sentido, a Resolución do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), mediante o que se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19, no seu punto sétimo decreta a suspensión e a interrupción dos prazos dos procedementos das entidades do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia e, no oitavo, a interrupción dos prazos de prescrición e caducidade.

O Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 24 de abril de 2020, sobre a continuación da tramitación de determinados expedientes e procedementos en materia de subvencións, no eido da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico, establece aspectos relativos á continuación dos procedementos de concesión de subvencións cuxas bases e convocatoria se tivesen aprobado e publicado no momento da entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, pero que non se tivese ditado a resolución de concesión, entre os que se atopa o das axudas para a elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestais para 2020.

O 13 de febreiro de 2020 publicouse no DOG a Orde do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento MR462B). O artigo 11 das ditas bases establecía que o prazo de presentación de solicitudes sería de corenta e cinco días hábiles contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG.

O 17 de abril de 2020 publicouse no DOG a Orde do 1 de abril de 2020 pola que se modifica a Orde do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento MR462B). O artigo 2 desta orde establecía que o prazo de presentación de solicitudes finalizaría corenta e cinco días hábiles despois da publicación desa orde no Diario Oficial de Galicia, comezando a contar o día seguinte ao da súa publicación.

Coa entrada en vigor do Real decreto 463/2020 o 14 de marzo de 2020 suspendeuse o prazo de presentación de solicitudes.

De acordo co anterior,

RESOLVO:

1. Continuar co prazo de presentación de solicitudes de axudas económicas destinadas á elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestais (código de procedemento MR462B), que será de 45 días hábiles desde a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. Continuar coa tramitación do procedemento de concesión de subvencións destinadas á elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestais (código de procedemento MR462B).

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2020

O conselleiro do Medio Rural
P.D. (Orde do 17.11.2015)
José Luis Chan Rodríguez
Director xeral de Planificación e Ordenación Forestal