Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Venres, 22 de maio de 2020 Páx. 20955

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 19 de maio de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa de axudas para contribuír a minimizar o impacto económico e social do COVID-19 nos alugueiros de vivenda habitual, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento VI432E).

No Boletín Oficial del Estado número 91, do 1 de abril de 2020, publicouse o Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte ao COVID-19. O seu artigo 10 indica que, mediante orde do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, se incorporará ao Plan estatal de vivenda 2018-2021, regulado no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, un novo programa de axudas ao alugueiro, denominado Programa de axudas para contribuír a minimizar o impacto económico e social do COVID-19 nos alugueiros de vivenda habitual.

En virtude da citada habilitación, no Boletín Oficial del Estado número 101, do 11 de abril de 2020, publicouse a Orde TMA/336/2020, do 9 de abril, pola que se incorporan, se substitúen e se modifican os correspondentes programas de axuda do Plan estatal de vivenda 2018-2021, en cumprimento do disposto nos artigos 10, 11 e 12 do Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte ao COVID-19.

No artigo 1 desta orde ministerial establécese a incorporación de forma inmediata ao Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, do novo Programa de axudas para contribuír a minimizar o impacto económico e social do COVID-19 nos alugueiros da vivenda habitual.

No punto 3 do artigo 2 establécese que as comunidades autónomas concretarán o prazo e forma de presentación de solicitudes, mediante resolución ou acordo, que será obxecto de publicidade coa maior brevidade posible. E no punto 5 do artigo 2 establécese que lles corresponde ás comunidades autónomas tramitar e resolver os procedementos de concesión e pagamento das axudas deste programa, así como a xestión do seu pagamento, unha vez que recoñecesen as ditas administracións públicas o dereito das persoas beneficiarias a obtelas, dentro das condicións e límites establecidos no Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, na orde ministerial e no propio Plan estatal de vivenda 2018-2021.

A Comunidade Autónoma de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, aproba esta resolución, co obxectivo de regular as bases reguladoras das subvencións do Programa de axudas para contribuír a minimizar o impacto económico e social do COVID-19 nos alugueiros de vivenda habitual, e realiza a súa convocatoria para o ano 2020. Este programa, segundo sinala a exposición de motivos da Orde TMA/336/2020, do 9 de abril, establece axudas para facer fronte ás situacións máis acentuadas de vulnerabilidade social e económica que non sexan resoltas coas axudas transitorias de financiamento, así como axudar ao pagamento do préstamo que, de ser o caso, se lle concedese ás persoas arrendatarias ao abeiro do artigo 9 do Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo.

Esta resolución axústase ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

I. Disposicións xerais

Primeiro. Obxecto e réxime das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión das subvencións do Programa de axudas para contribuír a minimizar o impacto económico e social do COVID-19 nos alugueiros de vivenda habitual e convocar estas axudas para a anualidade 2020, que se tramitará co código de procedemento VI432E.

Este programa ten por obxecto a concesión de axudas ao alugueiro, mediante a adxudicación directa ás persoas arrendatarias de vivenda habitual que, como consecuencia do impacto económico e social do COVID–19, teñan problemas transitorios para atender o pagamento parcial ou total do alugueiro. Especificamente, o programa inclúe no seu obxecto a concesión de axudas para facer fronte á devolución das axudas transitorias de financiamento recollidas no artigo 9 del Real decreto lei 11/2020, polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte ao COVID-19 e contraídas polas persoas arrendatarias de vivenda habitual, a cuxa devolución non puidesen facer fronte.

2. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Definicións

Para os efectos da aplicación desta resolución, os termos incluídos neste ordinal interpretaranse co significado e alcance seguintes:

a) Unidade familiar: colectivo composto pola persoa que debe a renda de alugueiro, o seu cónxuxe non separado legalmente ou parella de feito inscrita e os fillos e fillas, con independencia de súa idade, que residan na vivenda, incluídos os vinculados por unha relación de tutela, garda ou acollemento familiar, e o seu cónxuxe non separado legalmente ou parella de feito inscrita, que residan na vivenda.

b) Residencia habitual e permanente da persoa inquilina e do resto das persoas integrantes da unidade familiar: domicilio en que constan empadroados todos eles.

c) Persoa con discapacidade: interpretarase de conformidade co Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social.

d) Indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM): é o indicador definido no Real decreto lei 3/2004, do 25 de xuño, para a racionalización da regulación do salario mínimo interprofesional e para o incremento da súa contía; considerarase unidade de medida para determinar a contía dos ingresos familiares, no seu cómputo anual, incluíndo dúas pagas extras.

Terceiro. Definición da situación de vulnerabilidade económica para os efectos de obter estas axudas

1. De acordo co establecido no artigo 5 do Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, os supostos de vulnerabilidade económica como consecuencia da emerxencia sanitaria ocasionada polo COVID-19 requirirán, para os efectos de obter axudas en relación coa renda do alugueiro da vivenda habitual, a concorrencia conxunta dos seguintes requisitos:

a) Que a persoa que estea obrigada a pagar a renda de alugueiro pase a estar en situación de desemprego, expediente temporal de regulación de emprego (en diante, ERTE) ou reducise a súa xornada por motivo de coidados, en caso de ser empresario, ou outras circunstancias similares que supoñan unha perda substancial de ingresos, e non alcanzar por iso o conxunto dos ingresos dos membros da unidade familiar, desde a declaración do estado de alarma e ata un mes despois da súa finalización:

i. Con carácter xeral, o límite de 3 veces o IPREM.

ii. Este límite incrementarase en 0,1 veces o IPREM por cada fillo a cargo na unidade familiar. O incremento aplicable por fillo a cargo será de 0,15 veces o IPREM por cada fillo no caso de unidade familiar monoparental.

iii. Este límite incrementarase en 0,1 veces o IPREM por cada persoa maior de 65 anos membro da unidade familiar.

iv. No caso de que algún dos membros da unidade familiar teña declarada discapacidade igual ou superior ao 33 por cento, situación de dependencia ou enfermidade que o incapacite acreditadamente de forma permanente para realizar unha actividade laboral, o límite previsto na subepígrafe i) será de 4 veces o IPREM, sen prexuízo dos incrementos acumulados por fillo a cargo.

v. No caso de que a persoa obrigada a pagar a renda de alugueiro sexa unha persoa con parálise cerebral, con enfermidade mental ou con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 por cento, ou persoa con discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecida igual ou superior ao 65 por cento, así como nos casos de enfermidade grave que incapacite acreditadamente a persoa ou o seu coidador para realizar unha actividade laboral, o límite previsto na subepígrafe i) será de 5 veces o IPREM.

b) Que a renda, máis os gastos e subministracións básicas, do mes anterior á solicitude da axuda resulten superiores ou iguais ao 35 % dos ingresos netos que perciba o conxunto dos membros da unidade familiar. Para estes efectos, entenderase por «gastos e subministracións básicas» o importe do custo das subministracións de electricidade, gas, gasóleo para calefacción, auga corrente, dos servizos de telecomunicación fixa e móbil, e as posibles contribucións á comunidade de propietarios, todos eles da vivenda habitual que corresponda que satisfaga a persoa arrendataria.

2. Non se entenderá que concorren os supostos de vulnerabilidade económica como consecuencia da emerxencia sanitaria ocasionada polo COVID-19 para os efectos de obter estas axudas, en relación coa renda de alugueiro da vivenda habitual, cando a persoa arrendataria ou calquera das persoas que compoñen a unidade familiar que habita aquela sexa propietaria ou usufrutuaria dalgunha vivenda en España.

Considerarase que non concorren estas circunstancias cando o dereito recaia unicamente sobre unha parte alícuota dela e se obtivo por herdanza ou mediante transmisión mortis causa sen testamento. Exceptuarase deste requisito tamén a aquelas persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten a non dispoñibilidade dela por causa de separación ou divorcio, por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade do seu titular ou dalgunha das persoas que conforman a unidade familiar.

Cuarto. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e demais actos administrativos realizaranse preferentemente por medios electrónicos. A persoa interesada deberá manifestar expresamente na súa solicitude a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). Non obstante, as persoas interesadas poderán comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións que se practiquen en papel tamén estarán á disposición da persoa interesada a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, para que poida acceder ao seu contido de forma voluntaria.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez (10) días naturais desde á posta á disposición da notificación sen que se acceda a ela.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) practicará a notificación por calquera outro medio dos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Quinto. Información ás persoas interesadas

As persoas interesadas poderán obter documentación normalizada ou información adicional sobre esta convocatoria nas áreas provinciais do IGVS, a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, ou a través da páxina web do IGVS http://igvs.xunta.gal/web/igvs/portada e no teléfono 012 do Servizo de Atención e Información á Cidadanía.

Sexto. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o IGVS publicará no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) e na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar ao IGVS, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no DOG.

Sétimo. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-IGVS, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderanse fundamentar no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para tramitar e resolver os seus procedementos ou para que a cidadanía poida acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais .

Oitavo. Recursos contra a presente resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do IGVS no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Noveno. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta resolución, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión deste programa.

Décimo. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta resolución aplicarase o disposto no Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo; na Orde TMA/336/2020, do 9 de abril; no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021 (en diante, Plan 2018-2021); na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Décimo primeiro. Efectos

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG.

II. Bases reguladoras

Décimo segundo. Requisitos das persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas maiores de idade que na data da presentación da solicitude cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter a nacionalidade española ou residir legalmente en España, no caso das persoas estranxeiras.

b) Ser titulares, en condición de persoa inquilina, dun contrato de alugamento de vivenda cunha duración mínima dun ano, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos, con mención expresa da súa referencia catastral e do medio e forma de pagamento á persoa arrendadora.

c) Que a vivenda arrendada constitúa a súa residencia habitual e permanente, así como da súa unidade de familiar. Para estes efectos, tanto a persoa beneficiaria como as demais persoas integrantes da súa unidade familiar deben constar empadroadas na vivenda obxecto do contrato de alugamento na data da presentación da solicitude.

d) Estar en situación de vulnerabilidade económica, conforme o establecido no ordinal terceiro.

e) Estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Non estar incurso nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, e/ou no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. Non se poderá conceder a axuda cando a persoa solicitante ou algunha das persoas integrantes da súa unidade familiar se encontren nalgunha das situacións que a continuación se indican:

a) Ser propietario ou usufrutuario dalgunha vivenda en España. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por herdanza ou transmisión mortis causa sen testamento. Exceptuaranse deste requisito tamén as persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten a non dispoñibilidade dela por causa de separación, divorcio ou por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa solicitante ou dalgún membro da súa unidade familiar.

b) Ter parentesco en primeiro ou segundo grao de consanguinidade ou de afinidade coa persoa que teña a condición de arrendador da vivenda ou ser socias ou partícipes da persoa física ou xurídica que actúe como arrendadora.

c) Ter sido obxecto dunha resolución de revogación ou reintegro dunha axuda deste plan de vivenda ou doutro anterior, por causa que lles sexa imputable.

Décimo terceiro. Contía, duración e finalidade das axudas

1. A contía desta axuda será de ata 500 euros mensuais, sen que en ningún caso poida exceder o importe da renda do contrato.

No suposto de ter accedido ás axudas transitorias de financiamento reguladas no artigo 9 do Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, a axuda poderá chegar ata un importe de 3.000 euros, co que se satisfará total ou parcialmente o pagamento da renda da vivenda habitual.

2. A axuda concederase polo prazo en que se acredite estar en situación de vulnerabilidade como consecuencia do COVID-19, durante un período máximo de 6 meses, e poderá ter efectos retroactivos nos termos sinalados na correspondente convocatoria.

3. A axuda ten carácter finalista e, polo tanto, non poderán aplicarse a outro destino que o pagamento da renda do alugueiro ou, de ser o caso, á cancelación, total ou parcial, das axudas transitorias de financiamento reguladas no artigo 9 do Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo. Neste suposto, unicamente cando se cancelase a totalidade do préstamo, se o seu importe fose inferior ao da axuda concedida, poderá destinarse a axuda a cubrir o pagamento de novas mensualidades de renda ata acadar o total da axuda concedida.

Décimo cuarto. Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. A solicitude realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I a esta resolución, que está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Deberá dirixirse á Dirección Técnica de Fomento do IGVS.

2. Só se admitirá unha única solicitude por cada unidade familiar. No caso de presentar máis dunha solicitude, só se tramitará a primeira das presentadas e teranse por inadmitidas todas as demais.

3. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. No modelo de solicitude constan como de obrigada consignación varios campos, os cales deben estar cubertos no momento da súa presentación. Aquelas solicitudes que sexan presentadas sen cubrir os citados campos obrigatorios non serán admitidas a trámite.

6. No modelo de solicitude, a persoa solicitante realizará as seguintes declaracións:

a) Declaración responsable de que se encontra en situación de vulnerabilidade económica como consecuencia da emerxencia sanitaria ocasionada polo COVID-19, segundo o establecido no ordinal terceiro desta resolución.

b) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade familiar solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou ter obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e o seu importe.

c) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida á persoa solicitante ou a calquera das persoas integrantes da súa unidade familiar para a mesma finalidade, así como o seu importe.

d) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade familiar é propietaria ou usufrutuaria dunha vivenda situada no territorio nacional, agás os supostos exceptuados no punto 2.a) do ordinal décimo segundo.

e) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade familiar ten parentesco por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao, coa persoa arrendadora nin é socia ou partícipe da persoa física ou xurídica que actúe como arrendadora.

f) Declaración responsable de que nin á persoa solicitante nin a ningunha outra persoa integrante da súa unidade familiar se lle revogou ou foi obxecto dunha resolución de reintegro dunha axuda, deste plan de vivenda ou doutro anterior, por causa que lle sexa imputable.

g) Declaración responsable de que a persoa solicitante non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro.

h) Declaración responsable de que a persoa solicitante non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

i) Declaración responsable de que todos os datos da solicitude son certos.

6. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación das bases reguladoras.

Décimo quinto. Documentación necesaria para tramitar o procedemento

1. Coa solicitude deberase achegar a seguinte documentación:

a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe en nome da persoa solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados .

b) No caso de cesamento de actividade dos traballadores por conta propia, mediante certificado expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria ou órgano competente da Comunidade Autónoma, sobre a base da declaración de cesamento de actividade declarada pola persoa interesada.

c) No caso de que a persoa solicitante estea afectada por un ERTE, certificado da empresa en que acredite que a persoa solicitante está incluída no ERTE, conforme o previsto no ordinal terceiro.

d) Libro de familia ou documento acreditativo de parella de feito.

e) Certificado de empadroamento relativo ás persoas empadroadas na vivenda, con referencia ao momento da presentación dos documentos acreditativos e aos seis meses anteriores.

f) De ser o caso, declaración de discapacidade, de dependencia ou de incapacidade permanente da persoa solicitante e das persoas membros da unidade familiar para realizar unha actividade laboral,no caso de non ser expedida pola Xunta de Galicia.

g) No caso de que a persoa solicitante ou algunha das persoas membros da súa unidade familiar conste como titular catastral dunha vivenda, nota simple do servizo de índices do Rexistro da Propiedade ou calquera outro documento que acredite que non é titular de ningunha vivenda.

h) De ser o caso, documento acreditativo de non ter a dispoñibilidade da vivenda da súa propiedade ou de que esta resulta inaccesible.

i) Contrato de alugamento da vivenda, cunha duración mínima dun ano, con mención expresa da súa referencia catastral e do medio e forma de pagamento á persoa arrendadora.

j) Extractos ou certificados bancarios acreditativos do pagamento das últimas tres mensualidades da renda do contrato anteriores ao primeiro mes para o cal se solicita a axuda, salvo que o contrato levase vixente un prazo menor, caso en que se acreditará o pagamento desde o inicio do contrato.

k) No caso de non constar nos dous documentos anteriores o número de conta da persoa arrendadora en que se deba aboar a renda do contrato, documentación acreditativa do número de conta bancaria da persoa arrendadora.

l) De ser o caso, solicitude da axuda transitoria de financiamento de acordo co establecido no artigo 9 do Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, ou certificado bancario do préstamo formalizado conforme o artigo 9 do Real decreto Lei 11/2020, do 31 de marzo, en que conste o número de conta do acredor onde se ten que realizar o pagamento da axuda para a cancelación total ou parcial do préstamo.

m) Anexo II, de declaración responsable das persoas integrantes da unidade de familiar da persoa solicitante e comprobación dos datos necesarios para tramitar o procedemento, no caso de que a unidade familiar estea integrada por máis dunha persoa.

n) Documentación acreditativa dos ingresos da persoa solicitante e da súa unidade familiar correspondentes ao mes anterior ao da presentación da solicitude:

– Nóminas ou outros xustificantes dos rendementos do traballo.

– Certificados ou xustificantes do importe mensual de prestacións, subsidios ou pensións das administracións públicas.

– Certificados bancarios de rendementos do capital mobiliario.

– No caso de empresarios, xustificación da redución dos ingresos, derivados da redución de xornada por coidados ou outras circunstancias similares.

ñ) Documentación acreditativa dos gastos e subministracións básicas da vivenda habitual que corresponda que satisfaga a persoa arrendataria, referidos no ordinal terceiro e relativos ao mes anterior ao da presentación da solicitude.

2. Se a persoa solicitante da axuda non puider achegar algún dos documentos requiridos nas letra a) a h) do punto anterior, poderá substituílo por unha declaración responsable que inclúa a xustificación expresa dos motivos, relacionados coas consecuencias da crise do COVID-19, que lle impiden a súa achega. Tras a perda de vixencia do estado de alarma e das súas prórrogas disporá dun prazo dun mes, contado desde o seguinte ao da finalización da vixencia do estado de alarma para a achega dos documentos antes sinalados que non facilitase. No caso de non achegar a citada documentación no prazo sinalado, declararase a perda do dereito á subvención e iniciarase, de ser o caso, o correspondente procedemento de reintegro.

3. As solicitudes que no momento da súa presentación non veñan acompañadas, de ser o caso, dos documentos sinalados nas letras i), j), k), l), m), n) e ñ) do punto 1 deste ordinal serán automaticamente inadmitidas.

4. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo foron presentados. Presumirase que o acceso a estes documentos é autorizado polas persoas interesadas, salvo que conste neste procedemento a súa oposición expresa.

5. No suposto de que exista a imposibilidade material de obter o documento, o órgano instrutor poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos contidos a que se refire o documento.

Décimo sexto. Forma de presentación da documentación complementaria

1. As persoas solicitantes deberán presentar a documentación complementaria preferiblemente por vía electrónica. Tamén poderán presentala en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

2. Para o caso de que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

3. As persoas solicitantes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas. Excepcionalmente, o IGVS poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o seu cotexo coa copia electrónica presentada.

4. No caso de que os documentos que se deban presentar superen os tamaños máximos establecidos na sede electrónica ou teñan un formato non admitido, deberán seguirse para a súa presentación as instrucións da sede electrónica da Xunta de Galicia sinaladas no seguinte enderezo: https://sede.xunta.gal/axuda/como-podo .

Décimo sétimo. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade ou, de ser o caso, número de identidade de estranxeiro da persoa solicitante e, de ser o caso, da súa persoa representante, así como das persoas que integran a súa unidade familiar.

b) Número de identificación fiscal da entidade representante da persoa solicitante.

c) Permiso de residencia legal da persoa solicitante, para o caso de que sexa estranxeira.

d) Certificado de empadroamento da persoa solicitante, así como das persoas que integran a unidade familiar.

e) Certificacións da Axencia Estatal da Administración Tributaria, da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, correspondentes á persoa solicitante e ás persoas que integran a unidade familiar.

f) Datos catastrais correspondentes ás persoas integrantes da unidade familiar.

g) Certificación de titularidade de bens inmobles da Dirección Xeral do Catastro, onde conste que nin a persoa solicitante nin ningunha das persoas integrantes da unidade familiar teñen en usufruto ou en propiedade outra vivenda en territorio español.

h) Consulta da situación actual de desemprego da persoa solicitante.

i) Importes das prestacións de desemprego percibidas pola persoa solicitante, así como polas persoas que integran a súa unidade familiar.

j) Certificado acreditativo da discapacidade, para o caso de que a persoa solicitante ou calquera das persoas integrantes da unidade familiar faga constar na solicitude que lle é de aplicación esta circunstancia, no suposto de que o documento deba ser expedido pola Xunta de Galicia.

k) Informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social dos últimos 12 meses da persoa solicitante.

l) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas da persoa solicitante.

m) Consulta de concesións de subvencións e axudas da persoa solicitante.

n) Consulta das prestacións do Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, incapacidade temporal e maternidade do Instituto Nacional da Seguridade Social, da persoa solicitante, así como das persoas que integran a súa unidade familiar.

ñ) Certificado das percepcións da Risga da persoa solicitante, así como das persoas que integran a súa unidade familiar.

2. No caso de que a persoa solicitante ou calquera das persoas que integran a súa unidade familiar se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado nos anexos I e II, respectivamente, e achegar os ditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Décimo oitavo. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo noveno. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A instrución do procedemento de concesión das axudas é competencia da Dirección Técnica de Fomento do IGVS.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión das axudas.

Vixésimo. Procedemento de concesión e requirimentos de emenda

1. O procedemento iniciarase de oficio, en réxime de concorrencia non competitiva, mediante a publicación no DOG da resolución de convocatoria realizada pola persoa titular da Presidencia do IGVS.

2. O prazo de presentación de solicitudes será o establecido na correspondente convocatoria.

3. Se a solicitude presentada non reúne os requisitos exixidos, requirirase a persoa solicitante para que no prazo de dez días hábiles a emende ou achegue os documentos preceptivos, e advertiráselle que, no caso de non atender o requirimento, se considerará que desiste da súa petición, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Non obstante o anterior, aquelas solicitudes que sexan presentadas sen consignar os campos obrigatorios determinados no correspondente anexo I non serán admitidas a trámite. Tampouco serán admitidas a trámite as solicitudes que non vaian acompañadas coa documentación sinalada no punto 3 do ordinal décimo quinto.

4. De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os requirimentos de emenda poderanse facer mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada.

Poderánselles enviar mensaxes ás persoas interesadas ao teléfono móbil e correo electrónico que avisen destas publicacións. Para estes efectos, as persoas solicitantes deberán indicar no anexo de solicitude un teléfono móbil e/ou un correo electrónico de contacto para recibir as ditas comunicacións.

5. Sen prexuízo do disposto nos puntos anteriores, a persoa solicitante poderá ser requirida para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para tramitar e resolver o procedemento.

6. Unha vez completado o expediente e feitas as comprobacións oportunas, a persoa titular da Dirección Técnica de Fomento do IGVS elevará a proposta de resolución de cada expediente á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen, á vista delas e tendo en conta o límite orzamentario, resolverá o que segundo dereito proceda.

7. De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, as resolucións de denegación das axudas solicitadas poderán publicarse na páxina web do IGVS www.igvs.xunta.gal, logo de publicación desta circunstancia no DOG.

Vixésimo primeiro. Resolución e recursos

1. A resolución estimará, desestimará ou declarará a inadmisión da axuda ao alugamento. A resolución de concesión indicará a contía da axuda, a súa duración, os seus efectos económicos, así como a súa forma de xustificación.

2. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución do procedemento será de tres (3) meses, contados desde a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se dite e notifique a resolución expresa, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. Para os efectos da concesión das axudas, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes en calquera dos rexistros previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e considerarase data de presentación aquela en que a solicitude quedase validamente presentada, por terse cuberto na forma correcta e vir acompañada da totalidade dos documentos exixidos nas bases reguladoras e na correspondente convocatoria.

4. Contra a resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

Vixésimo segundo. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou, de ser o caso, a obtención concorrente doutras subvencións e axudas poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da subvención ou á súa revogación.

2. A modificación ou revogación da resolución de concesión acordarase a través dunha nova resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS. De ser o caso, comunicaralle á persoa beneficiaria a obriga de devolver as cantidades anteriormente percibidas en concepto de subvención. No suposto de que a modificación sexa causa da perda sobrevida do dereito á axuda, na resolución limitarase o prazo de concesión ata a data en que se considere efectiva a dita perda.

Vixésimo terceiro. Causas de inadmisión e desestimación

1. Inadmitirase a solicitude da subvención cando non veña acompañada do documentación sinalada nas letras i), j), k), l), m), n), e ñ) do punto 1 do ordinal décimo quinto desta resolución, así como cando se presentase fóra do prazo previsto na correspondente convocatoria.

2. Serán desestimadas as solicitudes de subvención que incumpran os requisitos exixidos nestas bases reguladoras e na correspondente convocatoria, así como aqueloutras que non dispoñan de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución.

Vixésimo cuarto. Xustificación da subvención

1. A xustificación da subvención realizarase mensualmente mediante a presentación dunha declaración responsable de que a unidade familiar continúa en condicións de vulnerabilidade e de que reside na vivenda obxecto do contrato de alugamento.

2. No caso de ter subscrito un préstamo mediante as axudas transitorias de financiamento reguladas no artigo 9 do Real decreto lei 11/2020, a xustificación da subvención realizarase mediante un certificado bancario onde se recolla a correspondente cota mensual do préstamo. No suposto de que se cancelase a totalidade do préstamo, se o seu importe é inferior ao da axuda concedida, a xustificación do pagamento das novas mensualidades de renda ata acadar o total da axuda concedida farase mediante a presentación da documentación sinalada no punto 1 deste ordinal.

3. Estas xustificacións realizaranse utilizando o modelo normalizado para a achega de documentación xustificativa dispoñible na Carpeta cidadá e poderanse presentar ben electronicamente, na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), ben presencialmente, na área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda.

4. Esta xustificación deberase presentar dentro dos dez (10) primeiros días naturais de cada mes e deberase dirixir á Dirección Técnica de Fomento do IGVS.

Vixésimo quinto. Pagamento da axuda

1. O pagamento da subvención requirirá que a persoa beneficiaria presente a documentación exixida para a xustificación da subvención.

2. O pagamento farase mes a mes, agás no caso de concederse con carácter retroactivo, caso en que se poderá facer un único pagamento dos importes correspondentes ás mensualidades anteriores que expresamente se sinalen na notificación da resolución de concesión. No caso de ter subscrito o préstamo, poderase pagar o importe do préstamo amortizado ata chegar ao 100 % da axuda concedida.

3. A subvención pagarase, por conta da persoa beneficiaria, á persoa arrendadora segundo os datos que figuren no documentación achegada coa solicitude, salvo que se teña subscrito un préstamo mediante as axudas transitorias de financiamento reguladas no artigo 9 do Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, caso en que se aboará directamente na conta bancaria do acredor.

Vixésimo sexto. Cambio de domicilio

1. Se durante a vixencia da concesión desta axuda a persoa beneficiaria cambia o seu domicilio dentro da Comunidade Autónoma de Galicia e subscribe un novo contrato de alugamento de vivenda, quedará obrigada a comunicar o dito cambio á Dirección Técnica de Fomento do IGVS. A comunicación deberase facerse no prazo máximo de cinco (5) días, contados desde a sinatura do novo contrato de alugamento, e deberase achegar o citado contrato, con indicación expresa da súa referencia catastral e do medio e forma de pagamento á persoa arrendadora, xunto co certificado de empadroamento de toda a unidade familiar na vivenda obxecto do novo contrato.

2. O cambio de domicilio non suporá a perda do dereito á subvención, sempre que co novo alugamento se cumpran os requisitos establecidos nestas bases reguladoras e na correspondente convocatoria.

3. O importe da subvención axustarase á contía do novo contrato de alugamento, sen que en ningún caso poida recibir máis subvención da que viña percibindo.

Vixésimo sétimo. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias, ademais das recollidas na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, terán as seguintes obrigas:

1. Comunicarlle ao IGVS calquera modificación das condicións e requisitos que motivaron o recoñecemento da axuda.

2. Permitirlle ao IGVS a realización das inspeccións ou as comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados e/ou o destino da subvención concedida.

3. Estar ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social no momento en que se aboen as subvencións.

4. Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

5. As demais obrigas que derivan desta resolución.

Vixésimo oitavo. Perda e reintegro da subvención

1. Poderán ser causa de perda e posterior reintegro da subvención, ademais dos supostos previstos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os seguintes:

a) O incumprimento das obrigas recollidas no ordinal anterior.

b) A falta de xustificación da subvención ou a falsidade no pagamento das rendas á persoa arrendadora da vivenda e a resolución do contrato de alugamento.

2. O incumprimento ou a falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención comportará, ademais das sancións que poidan corresponder, o reintegro da subvención percibida, incrementada co xuro legal correspondente desde o seu pagamento, máis o 25 %, segundo establece o artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 xuño, salvo que a Lei de orzamentos xerais do Estado estableza outro diferente.

3. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e, de ser o caso, para facer efectiva a devolución será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 xuño.

4. De acordo co establecido no artigo 7 do Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, as persoas que se beneficiasen destas axudas sen reunir os requisitos previstos no artigo 5 do citado real decreto lei serán responsables dos danos e perdas que se puidesen producir, así como de todos os gastos xerados pola aplicación destas medidas excepcionais, sen prexuízo das responsabilidades doutra orde a que a súa conduta puidera dar lugar. O importe dos danos e perdas non poderá ser inferior ao beneficio indebidamente obtido pola persoa arrendataria pola aplicación da norma, quen incorrerá en responsabilidade, tamén, nos casos en que, voluntaria e deliberadamente, busque situarse ou manterse nos supostos de vulnerabilidade económica coa finalidade de obter a aplicación das medidas reguladas polo real decreto lei.

Vixésimo noveno. Compatibilidade da axuda

A axuda deste programa, con independencia de que se teña subscrito ou non un préstamo mediante as axudas transitorias de financiamento reguladas no artigo 9 do Real decreto lei 11/2020, é compatible con calquera outra axuda ao alugamento que viñese percibindo a persoa arrendataria, incluso se fose con cargo ao propio Plan 2018-2021, sempre e cando o total das axudas non supere o 100 % do importe do alugueiro do mesmo período. No caso de superalo, se a axuda correspondente a este programa fose concedida, reducirase na contía necesaria ata cumprir co dito límite.

III. Convocatoria da anualidade 2020

Trixésimo. Obxecto

A convocatoria para solicitar as subvencións do Programa de axudas para contribuír a minimizar o impacto económico e social do COVID-19 nos alugueiros de vivenda habitual rexerase polo establecido nesta resolución e demais normativa de aplicación.

Trixésimo primeiro. Crédito orzamentario

1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 07.83.451B.480.6 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2020, por un importe de 7.901.884 euros.

2. A contía establecida poderá ser obxecto de ampliación mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS e producirá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Trixésimo segundo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 30 de setembro de 2020 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, que será publicado no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Trixésimo terceiro. Datos fiscais e valor do IPREM para a concesión das axudas

Os datos fiscais que se avaliarán nesta convocatoria para a concesión inicial das axudas corresponderán ao exercicio económico 2020. Para valorar as solicitudes utilizarase o valor do IPREM deste mesmo ano.

Trixésimo cuarto. Retroactividade das axudas

1. De conformidade co ordinal décimo terceiro das bases reguladoras, as axudas recoñeceranse desde o 1 de abril de 2020, sempre que o correspondente contrato de alugamento estivese vixente nesa data, se tivese xustificado debidamente o pagamento das mensualidades anteriores, conforme o ordinal décimo quinto, punto 1.k), e as mensualidades posteriores á citada data non lle fosen aboadas á persoa arrendadora.

2. En ningún caso se concederán axudas que excedan a anualidade 2020.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file