Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Venres, 22 de maio de 2020 Páx. 20953

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 19 de maio de 2020 de concesión directa da axuda complementaria á dos programas do bono de alugueiro social e do bono alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero.

BDNS (Identif.): 506553.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da resolución de concesión directa, cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Serán beneficiarias destas axudas complementarias todas as persoas que na data publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia teñan unha resolución de concesión inicial ou, de ser o caso, de prórroga do Programa do bono de alugueiro social ou do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero, así como aqueloutras que resulten beneficiarias en virtude das actuais convocatorias.

2. Será requisito necesario para ser persoa beneficiara destas axudas que no expediente de concesión conste o correspondente contrato de alugamento da vivenda achegado pola persoa interesada.

Segundo. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar a concesión directa das subvencións complementarias ás dos programas do bono de alugueiro social e do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero.

2. Estas axudas son complementarias ás subvencións concedidas ás persoas beneficiarias dos programas do bono de alugueiro social e do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero e teñen a finalidade de subvencionar, conxuntamente con estas, o importe mensual da renda do alugueiro da vivenda, satisfacendo deste xeito unha solución habitacional a colectivos especialmente vulnerables.

Terceiro. Bases reguladoras

Son as contidas na propia resolución de concesión directa.

Cuarto. Crédito orzamentario

Estas axudas complementarias faranse efectivas con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2020 nas aplicacións orzamentarias e polos importes que a seguir se indican:

Aplicación orzamentaria

Anualidade

Importe

07.83.451B.480.6

2020

650.000 euros (axudas complementarias do bono de alugueiro social)

07.83.451B.480.3

2020

160.000 euros (axudas complementarias do bono de alugueiro social para vítimas de violencia de xénero)

Total

810.000 euros

Quinto. Procedemento

1. O procedemento de concesión destas axudas iníciase de oficio mediante esta resolución.

2. A tramitación deste procedemento realizaraa a Área Provincial do IGVS onde estea situada a vivenda, sen que sexa necesario que as persoas interesadas teñan que presentar solicitude ningunha.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2020

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo