Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Venres, 22 de maio de 2020 Páx. 20945

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 19 de maio de 2020 de concesión directa da axuda complementaria á dos programas do bono de alugueiro social e do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero.

Antecedentes de feito:

Primeiro. O Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) implantou desde o ano 2015 o Programa do bono de alugueiro social no marco do Plan RehaVIta, Plan galego de rehabilitación, aluguer e mellora de acceso á vivenda 2015-2020. Desde a súa implantación realizáronse sucesivas convocatorias deste programa nos anos 2016, 2017, 2018, 2019 e 2020.

Doutra banda, o 6 de marzo de 2019, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do IGVS, asinou un acordo coa Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para desenvolver, no marco das medidas previstas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero, as que se refiren a asegurar a existencia de recursos habitacionais suficientes e dignos para as mulleres vítimas de violencia de xénero. Tendo en conta as súas especificidades, tanto no relativo ao seu financiamento, como á duración anual da subvención e ao volume previsto de solicitudes, considerouse oportuno crear, dentro do Programa do bono de alugueiro social, unha liña específica, destinada ás axudas ao alugamento de vivendas para as persoas vítimas de violencia de xénero, dando cumprimento ao previsto no citado Pacto de Estado contra a violencia de xénero. No marco deste programa, o IGVS realizou unha convocatoria no ano 2019 e outra neste ano 2020.

Os dous programas citados teñen por obxecto subvencionar as rendas mensuais do alugueiro para unidades de convivencia con recursos económicos limitados. O importe máximo destas axudas, con carácter xeral, non pode exceder do 50 % da renda máxima correspondente á zona territorial onde estea situada a vivenda obxecto do contrato de alugamento.

Segundo. No Boletín Oficial del Estado núm. 91, do 1 de abril de 2020, publicouse o Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte ao COVID-19. O artigo 11 indica que mediante orde do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana se substituirá o Programa de axuda ás persoas en situación de desafiuzamento ou lanzamento da súa vivenda habitual previsto no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021, polo novo Programa de axuda ás vítimas de violencia de xénero, persoas obxecto de desafiuzamento da súa vivenda habitual, persoas sen fogar e outras persoas especialmente vulnerables.

En virtude desta habilitación, no Boletín Oficial del Estado núm. 101, do 11 de abril de 2020, publicouse a Orde TMA/336/2020, do 9 de abril, pola que se incorpora, substitúe e modifican os correspondentes programas de axuda do Plan estatal de vivenda 2018-2021, en cumprimento do disposto nos artigos 10, 11 e 12 do Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte ao COVID-19.

No artigo 3 desta orde ministerial establécese a supresión do Programa de axuda ás persoas en situación de desafiuzamento ou lanzamento da súa vivenda habitual e a súa substitución polo Programa de axuda ás vítimas de violencia de xénero, persoas obxecto de desafiuzamento da súa vivenda habitual, persoas sen fogar e outras persoas especialmente vulnerables.

No punto 1º do artigo 4 da orde ministerial sinálase que o obxecto deste programa é facilitar unha solución habitacional inmediata ás persoas vítimas de violencia de xénero, ás persoas obxecto de desafiuzamento da súa vivenda habitual, ás persoas sen fogar e a outras persoas especialmente vulnerables.

No punto 6º do artigo 4 establécese que as comunidades autónomas poderán conceder estas axudas de forma inmediata, mediante adxudicación directa, ás persoas beneficiarias coa soa acreditación da condición de vítima de violencia de xénero, do desafiuzamento ou lanzamento, inminente ou xa realizado, da vivenda habitual, da condición de persoa sen fogar ou da condición de persoa especialmente vulnerable.

Terceiro. Os programas específicos de axudas do bono de alugueiro social e do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero que, como se indicou no punto primeiro, están implantados desde hai anos na Comunidade Autónoma de Galicia, responden á mesma finalidade que o novo programa do Plan estatal de vivenda.

A situación económica dos colectivos beneficiarios destes programas de axudas resultou especialmente afectada como consecuencia da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 e a declaración do estado de alarma realizada mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo. A previsible evolución da economía a raíz desta pandemia e a vulnerabilidade destas unidades de convivencia aconsellan establecer unha medida excepcional, mediante o outorgamento dunha subvención complementaria á das axudas ordinarias de ambos os programas autonómicos, de xeito que a suma das dúas subvencións acade a totalidade da renda mensual do contrato de alugamento que teñen que pagar as persoas beneficiarias.

Cuarto. Por todo o anterior, a Presidencia do IGVS, mediante a Resolución do 27 de abril de 2020, acordou a continuación da tramitación de expediente relativo ás subvencións complementarias ás dos programas do bono de alugueiro social e do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero, de conformidade co Acordo do Consello da Xunta do 24 de abril de 2020.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A competencia para ditar esta resolución correspóndelle á persoa titular da Presidencia do IGVS, de conformidade co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do IGVS.

Segundo. A concesión destas axudas realizarase de forma directa, de conformidade co establecido nos artigos 22.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e 19.4.c) e 26 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, en relación co artigo 40 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, ao concorreren razóns de interese público, social, económico e humanitario. Estas circunstancias quedan acreditadas polo informe dos servizos sociais municipais que necesariamente debe incorporarse ao procedemento de concesión das axudas dos programas do bono de alugueiro social anteditos e onde se valoran as circunstancias persoais que aconsellan a concesión desta axuda por tratarse de colectivos vulnerables.

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto e finalidade

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar a concesión directa das subvencións complementarias ás dos programas do bono de alugueiro social e do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero.

2. Estas axudas son complementarias ás subvencións concedidas ás persoas beneficiarias dos programas do bono de alugueiro social e do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero e teñen a finalidade de subvencionar, conxuntamente con estas, o importe mensual da renda do alugueiro da vivenda, satisfacendo deste xeito unha solución habitacional a colectivos especialmente vulnerables.

Segunda. Normativa de aplicación

En todo o non recollido nesta resolución aplicarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; na Lei 9/2007, do 13 de xuño; no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Orde do 18 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa do bono de alugueiro social do Plan rehaVIta, Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020; na Orde do 11 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero, con financiamento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero; no Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, e no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021.

Terceiro. Crédito orzamentario

Estas axudas complementarias faranse efectivas con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2020 nas aplicacións orzamentarias e polos importes que a seguir se indican:

Aplicación orzamentaria

Anualidade

Importe

07.83.451B.480.6

2020

650.000 euros (axudas complementarias do bono de alugueiro social)

07.83.451B.480.3

2020

160.000 euros (axudas complementarias do bono de alugueiro social para vítimas de violencia de xénero)

Total

810.000 euros

Cuarto. Persoas beneficiarias e requisitos

1. Serán beneficiarias destas axudas complementarias todas as persoas que na data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia teñan unha resolución de concesión inicial ou, de ser o caso, de prórroga do Programa do bono de alugueiro social ou do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero, así como aqueloutras que resulten beneficiarias en virtude das actuais convocatorias.

2. Será requisito necesario para ser persoa beneficiara destas axudas que no expediente de concesión conste o correspondente contrato de alugamento da vivenda achegado pola persoa interesada.

3. Non poderán ser beneficiaras destas axudas as persoas a que lles fose declarada a perda do dereito ou revogación da subvención concedida no marco dos anteriores programas ou nas que concorra algunha das situacións establecidas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Tampouco poderán ser beneficiarias destas subvencións complementarias aquelas persoas beneficiarias dos programas do bono de alugueiro social ou do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero, cando a renda do seu contrato de alugamento sexa satisfeita integramente coa axuda dos citados programas.

Quinto. Contía da axuda e duración

1. A contía da axuda será polo importe da renda mensual do contrato de alugamento da persoa beneficiaria non subvencionado no marco dos programas do bono de alugueiro social ou, de ser o caso, do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero.

2. En ningún caso o importe desta axuda complementaria, conxuntamente coas axudas dos programas do bono de alugueiro social ou, de ser o caso, do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero, poderá superar os límites máximos da renda do contrato de alugamento que figure no respectivo expediente, nin a axuda complementaria poderá exceder o importe máximo de axuda mensual previsto no artigo 6 da Orde do 18 de decembro de 2018 e no artigo 5 da Orde do 11 de abril de 2019.

3. A axuda terá unha duración máxima de sete meses, desde o 1 de xuño ata o 31 de decembro de 2020. No suposto de que se adquira a condición de persoa beneficiaria dos programas do bono de alugueiro social ou, de ser o caso, do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero con posterioridade á data de publicación desta resolución, a axuda concederase desde o mes da data da resolución de concesión da axuda e ata o 31 de decembro de 2020, sempre que no expediente conste o contrato de alugamento achegado pola persoa beneficiaria. No suposto de que o contrato de alugamento se achegue con posterioridade á data da resolución de concesión, a axuda recoñecerase desde o mes da data de presentación do contrato, salvo que este tivese efectos económicos posteriores, caso en que se concederá a axuda desde ese mes ata o 31 de decembro de 2020.

Sexto. Procedemento de concesión

1. O procedemento de concesión destas axudas iníciase de oficio mediante esta resolución.

2. A tramitación deste procedemento realizaraa a Área Provincial do IGVS onde estea situada a vivenda, sen que sexa necesario que as persoas interesadas teñan que presentar solicitude ningunha.

3. Os datos necesarios para a tramitación do procedemento son os que figuran no expediente do Programa do bono de alugueiro social ou, de ser o caso, do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero.

4. A resolución de concesión específica da axuda complementaria ditaraa a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Contra a resolución poderase interpoñer recurso de alzada, ante a persoa titular da Presidencia do IGVS, no prazo dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Sétimo. Xustificación da subvención

A subvención xustificarase mediante a presentación, dentro dos dez primeiros días naturais de cada mes, dunha declaración responsable en que a persoa beneficiaria indique que continúa residindo na vivenda alugada, a cal deberá ir dirixida á Área Provincial do IGVS onde estea situada a vivenda. Esta declaración responsable poderá presentarse por vía electrónica accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada ou en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Oitavo. Pagamento da subvención

O pagamento da subvención complementaria será mensual e realizarase mediante transferencia bancaria na conta da persoa arrendadora que conste no expediente do bono de alugueiro social ou, de ser o caso, do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero.

Noveno. Obrigas das persoas beneficiarias

Ademais das recollidas nesta resolución e no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, serán obrigas das persoas beneficiarias:

a) Presentar, dentro do prazo sinalado no ordinal sétimo, as declaracións responsables de que continúa residindo na vivenda alugada.

b) Facilitar toda a información que requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

c) Permitirlle ao IGVS a realización das inspeccións ou as comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados ou o destino da subvención concedida.

d) Comunicar á Área Provincial do IGVS onde estea situada a vivenda alugada calquera modificación das circunstancias determinantes do recoñecemento da subvención.

Décimo. Perda e reintegro da subvención

1. Poderán ser causa de perda e posterior reintegro da subvención, ademais dos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as seguintes:

a) O incumprimento das obrigas recollidas no ordinal anterior.

b) A perda e reintegro da subvención do Programa do bono de alugueiro social ou, de ser o caso, do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero.

2. O incumprimento ou a falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención comportará, ademais das sancións que poidan corresponder, o reintegro da subvención percibida, incrementada co xuro legal correspondente desde o seu pagamento, máis o 25 %, segundo establece o artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 xuño, salvo que a Lei de orzamentos xerais do Estado estableza outro diferente.

3. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e, se é o caso, para facer efectiva a devolución, será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 xuño.

Décimo primeiro. Incompatibilidade

Esta subvención é incompatible con outras axudas establecidas para a mesma finalidade que se poidan conter en programas estatais ou autonómicos en materia de vivenda, salvo coas propias axudas dos citados programas do bono de alugueiro social ou, de ser o caso, do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero.

Décimo segundo. Recursos contra esta resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do IGVS no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Décimo terceiro. Efectos

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo