Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Mércores, 27 de maio de 2020 Páx. 21324

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 19 de maio de 2020 pola que se modifica a Orde do 4 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros de emprego dirixidos a persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento TR353B), como consecuencia da situación creada pola evolución da epidemia do COVID-19.

Mediante a Orde do 4 de abril de 2019 establecéronse as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros de emprego dirixidos a persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e procedeuse á súa convocatoria para o ano 2019 (DOG núm. 79, do 25 de abril).

Esta convocatoria enmárcase dentro do Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020, número CCI2014ES05M90P001, cofinanciado cunha porcentaxe do 91,89 % pola Iniciativa de emprego xuvenil e o Fondo Social Europeo.

Durante a execución das accións financiadas con cargo á antedita convocatoria 2019-2020, entrou en vigor o Acordo do Consello da Xunta, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19 (DOG núm. 49 bis, do 12 de marzo). Así mesmo, o Goberno de España ditou o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 (BOE núm. 67, do 14 de marzo) e o Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19 (BOE núm. 73, do 18 de marzo).

O artigo 54 do Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte ao COVID-19, establece que se poderán modificar os prazos de execución da actividade subvencionada así como da súa xustificación e comprobación, baixo determinadas pautas relacionadas coa imposibilidade de realizar as ditas actividades durante a vixencia do estado de alarma, así como a insuficiencia do prazo que reste tras a súa finalización para a súa realización, xustificación ou comprobación.

As medidas adoptadas tanto a nivel nacional como autonómico co obxectivo de loitar contra a expansión do COVID-19 comportaron serias restricións da mobilidade e do exercicio de actividades. Esas medidas, necesarias para a protección da saúde pública, resultaron incompatibles co normal desenvolvemento dos obradoiros de emprego implicando a suspensión das súas actividades formativas e prácticas profesionais na modalidade presencial. Neste sentido, emitíronse instrucións desde a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral respecto da suspensión das actividades dos obradoiros desde o día 13 de marzo ata o momento en que finalicen as medidas restritivas. Para os efectos do cálculo do incremento do custo dos programas que implica a súa suspensión, considérase que o reinicio de actividades se producirá non máis tarde do 1 de setembro de 2020. Se non é posible retomar as actividades nesa data, procederase a unha nova ampliación do importe en función da nova data prevista.

En consecuencia, a duración dos obradoiros de emprego para persoas mozas que non completasen as súas actividades na data prevista ten que prorrogarse polo tempo equivalente á duración da suspensión para garantir o seu desenvolvemento completo tanto da etapa de formación como da práctica profesional. Tendo en conta que a suspensión temporal implicou a ampliación mediante prórroga da duración dos contratos tanto do alumnado como do persoal directivo, docente e administrativo, e co obxecto de facer fronte a ese incremento de custo xustificable, procede o incremento da dotación de crédito inicial da orde de convocatoria.

Á vista da situación excepcional creada pola epidemia COVID-19 e das anteditas medidas adoptadas pola Xunta de Galicia e o Goberno de España, cómpre modificar determinados aspectos das bases reguladoras e da convocatoria, ampliar prazos e importes subvencionables e adaptar o réxime de pagamentos, así como darlle a necesaria publicidade para garantir a seguridade xurídica e económica das entidades beneficiarias.

Consecuentemente con todo o anterior, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación do artigo 4

O artigo 4 da Orde do 4 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros de emprego dirixidos a persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019, queda redactado do seguinte xeito:

«1. Os proxectos terán unha duración de seis meses, así como unha única etapa de formación en alternancia co traballo ou a práctica profesional, que estará dirixida á aprendizaxe, cualificación e adquisición de experiencia profesional. Non obstante, por mor da situación derivada da pandemia provocada polo COVID-19, e para aqueles proxectos que non completasen as súas actividades na data prevista, este prazo verase ampliado polo mesmo tempo que dure a suspensión derivada do estado de emerxencia sanitaria en Galicia e do estado de alarma, coa finalidade de que poidan continuar desenvolvéndose partindo da situación en que se atopaban no momento da súa suspensión.

2. Transcorrido o prazo de duración previsto na resolución de aprobación do proxecto ou o que resulte da ampliación expresada no punto anterior, o proxecto considerarase finalizado.

3. A ampliación regulada no presente artigo establécese sen prexuízo da suspensión do cómputo de prazos que resulte aplicable, polo mesmo período e circunstancias, a outros aspectos regulados na convocatoria e nas bases reguladoras.

4. A data límite para o inicio dos proxectos será o 30 de setembro de 2019».

Artigo 2. Modificación do artigo 26

Engádese o punto 3 ao artigo 26 coa seguinte redacción:

«3. Para facer fronte ao incremento de gasto producido pola ampliación do tempo necesario para poder finalizar os cinco proxectos que estaban en funcionamento na data de suspensión de actividades e non remataron as actividades programadas na data inicialmente prevista, dótase un crédito adicional por importe de 871.388,79 euros para a anualidade de 2020, na aplicación orzamentaria 09.41.322A.460.2, código de proxecto 2014 00543, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, financiada con fondos finalistas do Estado non sendo imputable a fondos do Programa Operativo de Emprego Xuvenil (POEX). Esta ampliación de crédito está prevista para un reinicio de actividades non máis tarde do 1 de setembro de 2020. No caso de que non se puidesen reiniciar as actividades antes desta data, será necesario un novo incremento».

Artigo 3. Modificación do punto 4 do artigo 33 e inclusión dun punto 4 bis

O punto 4 do artigo 33 queda redactado do seguinte xeito:

«4. O 50 % ou a porcentaxe que resulte restante da subvención inicial aboaráselle á entidade promotora unha vez que presente a xustificación de todos os gastos realizados no período que se corresponda coa duración inicialmente prevista dos proxectos. As entidades que rematasen as actividades na data inicialmente prevista xustificarán todos os gastos e acompañarán a acta de liquidación do expediente nos termos dispostos nos artigos 34 e 35 desta orde. Para as entidades que se acollan á ampliación do prazo de realización de actividades derivada do COVID-19 este pagamento pasará a ter a consideración de pagamentoo parcial que se efectuará contra a presentación da xustificación de gastos. Neste último caso, os gastos correspondentes ao período de realización efectiva das actividades aboarase con fondos POEX, e os correspondentes ao período de suspensión aboaranse con fondos finalistas».

Engádese un punto 4 bis ao artigo 33 coa seguinte redacción:

«Artigo 4 bis. As entidades que se acollan á ampliación do prazo para a realización de actividades derivada do COVID-19 percibirán o pagamento final dos gastos soportados durante o período de ampliación, ata a cantidade máxima que calculará a xefatura territorial competente en función da duración efectiva da suspensión, contra a presentación de xustificación de gastos e acta de liquidación do expediente nos termos dispostos nos artigos 34 e 35 desta orde. Estas entidades poderán solicitar o pagamento parcial e o pagamento final por separado ou acumulalos ambos ao remate das actividades, segundo a súa elección. Os gastos correspondentes ao período de realización efectiva das actividades aboarase con fondos POEX e os correspondentes ao período de suspensión aboaranse con fondos finalistas».

Artigo 4. Modificación do punto 6 do artigo 34

O punto 6 do artigo 34 queda redactado do seguinte xeito:

«6. A xustificación final de gastos presentarase dentro dos dous meses seguintes ao remate do obradoiro que, dada a suspensión de prazos e termos recollida na disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, empezará a contar desde o momento en que se levante a dita suspensión ou ben do momento posterior en que remate o prazo de execución ampliado. Non obstante, as entidades que así o estimen poderán presentar en calquera momento anterior ao levantamento da suspensión a dita xustificación final producindo todos os efectos».

Artigo 5. Modificación do punto 1 do artigo 35

O punto 1 do artigo 35 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 35. Liquidación do expediente

1. Dentro do prazo determinado no artigo 34 punto 6 anterior, a entidade promotora remitirá á xefatura territorial correspondente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, nos modelos que estableza a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, a seguinte documentación:

a) Memoria final en que se reflictan as actuacións desenvolvidas e en que se relacionen detallados todos os custos, subvencionados ou non, imputados ao desenvolvemento do obradoiro, seguindo a estrutura do modelo de orzamento de gastos incluído no anexo III da orde.

b) Acta de liquidación e cadro-resumo de xustificantes de gastos.

c) Copia dos certificados de aproveitamento, en que conste o número de horas da formación recibida e a cualificación final, entregados ao alumnado participante no proxecto.

Tanto na memoria como na acta del liquidación e cadro-resumo de xustificantes de gasto deberán recollerse separadamente os gastos imputables ao período de realización efectiva das actividades dos que correspondan ao período en que estas estean suspendidas».

Artigo 6. Modificación do artigo 36

O artigo 36 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 36. Subvención máxima xustificable

A subvención máxima que se pode admitir como xustificada, por gastos de formación e funcionamento, para cada un dos módulos A e B, non poderá exceder o que resulte de multiplicar o número de horas realizadas polo importe de cada módulo. Para estes efectos, tamén serán consideradas como horas efectivas as do alumnado-traballador que abandone o proxecto polo tempo comprendido entre a data da súa baixa e, se é o caso, o remate do proxecto. Computaranse como horas realizadas as correspondentes ao período de suspensión para aquelas entidades que se acollesen á ampliación do prazo para a realización de actividades motivada polo COVID-19.

De igual xeito, asimilaranse ás horas de formación efectivamente impartidas as correspondentes aos períodos de vacacións anuais retribuídos disfrutados durante o período de duración do proxecto polo alumnado participante, establecidos legal ou convencionalmente».

Disposición adicional única. Suspensión de prazos

A ampliación de prazos a que se refire a presente orde establécese sen prexuízo da suspensión do cómputo de prazos que resulte aplicable, polo mesmo período e circunstancias, a outros aspectos regulados na orde orixinal que sexan susceptibles de ampliación. En concreto e sen carácter exclusivo: verificación da axeitada realización do proxecto; conservación de documentación; presentación da documentación acreditativa do mantemento do sistema de contabilidade separada; presentación da información que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores comúns e específicos tanto de produtividade como de resultado inmediato e a longo prazo; presentación da documentación acreditativa do cumprimento das obrigas en materia de información e comunicación establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) 1303/2013 modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046, etc.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2020

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria