Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Xoves, 28 de maio de 2020 Páx. 21478

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 18 de maio de 2020 pola que se acorda a continuación de determinados procedementos relativos á concesión de subvencións indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos públicos no ámbito desta consellería durante a vixencia do estado de alarma.

I. O Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, declara o estado de alarma e, nas súas disposicións adicionais terceira e cuarta, decreta a suspensión dos prazos administrativos, así como dos prazos de prescrición e caducidade.

II. No mesmo sentido, a Resolución do 15 de marzo de 2020 (DOG núm. 51, do 15 de marzo), da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), mediante o que se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do COVID-19, no seu punto sétimo decreta a suspensión e interrupción dos prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia e, no oitavo, a interrupción dos prazos de prescrición e caducidade.

III. O Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 3 de abril de 2020, sobre a continuación de procedementos de adxudicación e de concesión de subvencións que estivesen en tramitación no momento de entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, establece aspectos relativos á continuación dos procedementos de concesión de subvencións respecto dos cales xa se tivesen aprobado e publicado as correspondentes bases reguladoras e convocatoria pero non se tivese ditado resolución de concesión no dito momento.

IV. As ordes de convocatoria foron publicadas nas datas que a seguir se relacionan:

1. Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

Procedemento

Publicación no DOG

Orde do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento IN519B)

21.1.2020

Orde do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións destinadas ao reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica que dan servizo aos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento IN519D)

21.1.2020

Orde do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións destinadas á creación de viveiros industriais de empresas en parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento IN541A)

21.1.2020

Coa entrada en vigor do Real decreto 463/2020, o 14 de marzo suspendéronse e interrompéronse os prazos de presentación de solicitudes, así como de tramitación dos procedementos relacionados.

V. O 24 de abril de 2020, o Consello da Xunta de Galicia acordou valorar favorablemente a proposta de continuación da Consellería de Economía, Emprego e Industria dos expedientes de concesión de subvencións cuxas bases e convocatorias estivesen aprobadas e publicadas no momento de entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, pero que non se tivese ditado a resolución de concesión.

VI. Constan resolucións motivadas polas que se levanta a suspensión dos prazos e se acorda a continuación da tramitación dos procedementos de concesión das subvencións que se relacionan na presente orde.

VII. Consonte o previsto no artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, correspóndelles aos conselleiros o exercicio da potestade regulamentaria nas materias da súa competencia, así como exercer a dirección e a inspección de todos os servizos da consellería e dos seus entes adscritos.

No Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, outórganselle a esta consellería competencias e funcións nos ámbitos de promoción e dinamización da economía, investigación, desenvolvemento e innovación, industria, seguridade industrial, metroloxía, metais preciosos, enerxía, minas e recursos minerais, artesanía, comercio interior e exterior, consumo, así como a planificación, en colaboración coa consellería competente en materia de vivenda e solo, das infraestruturas de servizos empresariais do solo industrial. Competencias tamén para propoñer e executar as directrices xerais do Goberno no ámbito laboral, que engloba as competencias en materia de políticas activas de emprego, política laboral, relacións laborais e seguridade e saúde laboral, responsabilidade social empresarial, cooperativas e outras entidades de economía social, orientación e promoción laboral e para impulsar a actividade económica asociada á industria forestal, coa mellora da competitividade e da innovación das empresas do sector e a utilización da biotecnoloxía como técnica na mellora dos produtos forestais.

No eido das ditas competencias e segundo o anteriormente indicado, cómpre que a persoa titular da consellería deixe sen efecto a suspensión dos prazos administrativos dos procedementos administrativos nos casos sinalados do devandito real decreto, decidindo así, motivadamente, sobre a continuación dos procedementos referidos aos feitos xustificativos do estado de alarma e daqueles que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.

De acordo con todo o anterior, vista a proposta formulada pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas e facendo uso das facultades previstas no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, da disposición adicional terceira, punto 4, do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma, e atraendo, ao abeiro do previsto no artigo 10 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, para a adopción do presente acto, as competencias asignadas polo Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria,

RESOLVO:

Primeiro. Continuar o prazo de presentación de solicitudes nos procedementos de concesión de subvencións da Consellería de Economía, Emprego e Industria que se relacionan no anexo I, nos cales se indican, ademais, segundo os casos, os días que restan para a presentación de solicitudes ou a data final de presentación destas establecidos tendo en conta o período que faltaba para a súa finalización na data de entrada en vigor do Real decreto 463/2020.

Segundo. Autorizar a continuación da tramitación dos procedementos de subvencións da Consellería de Economía, Emprego e Industria que se relacionan no anexo II.

Terceiro. De conformidade coa disposición adicional oitava do Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte ao COVID-19, o prazo para interpoñer recurso en vía administrativa ou para instar calquera outro procedementos de impugnación, reclamación, conciliación, mediación, arbitraxe que os substitúa, de acordo co previsto nas leis, computarase desde o día hábil seguinte á data de finalización da declaración do estado de alarma, con independencia do tempo que transcorrese desde a notificación da actuación administrativa obxecto de recurso, polo que no pé de recurso dos actos administrativos que se diten nos procedementos cuxa continuación se permite en virtude da presente orde, dos cales poidan derivar efectos desfavorables ou de gravame para as persoas interesadas, farase constar a devandita circunstancia.

Cuarto. A presente orde producirá efectos desde o día seguinte á data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2020

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

ANEXO I

Relación dos procedementos de concesión de subvencións da Consellería de Economía, Emprego e Industria cuxo prazo de presentación de solicitudes continúa

1. Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

Procedemento

Prazo presentación solicitudes (días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde no DOG)

Orde do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións destinadas ao reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica que dan servizo aos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento IN519D)

70

ANEXO II

Relación dos procedementos de concesión de subvencións da Consellería de Economía, Emprego e Industria cuxo prazo de presentación de solicitudes xa rematou pero aínda non se ditou a resolución de concesión

1. Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

Procedemento

Orde do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento IN519B)

Orde do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións destinadas á creación de viveiros industriais de empresas en parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento IN541A)