Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Xoves, 28 de maio de 2020 Páx. 21476

I. Disposicións xerais

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

RESOLUCIÓN do 25 de maio de 2020, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se establecen medidas en relación coa utilización dos servizos de transporte público de viaxeiros de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia.

O 14 de marzo de 2020 entrou en vigor o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, no cal se estableceron medidas dirixidas a limitar a mobilidade da cidadanía e, ao mesmo tempo, a garantir a prestación de servizos de transporte público que garantan a posibilidade de realizar desprazamentos vinculados ás actividades expresamente permitidas.

Dentro desta situación de crise sanitaria e de avance na súa superación en Galicia, o 6 de maio de 2020 ditouse a Orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade pola que se aproban medidas para aplicar nos servizos de transporte público de viaxeiros de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia, publicada no Diario Oficial de Galicia do 8 de maio.

Esta disposición establece medidas para adoptar nos servizos de transporte público de viaxeiros de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia para a realización dunha transición paulatina ao levantamento das restricións implantadas por causa do COVID-19, e habilita a Dirección Xeral de Mobilidade para interpretar esta orde e para resolver sobre a modificación e, en particular, flexibilización ou levantamento das medidas, restricións e parámetros indicados na dita orde, en función da evolución epidemiolóxica, coa finalidade de garantir a adecuación da oferta de transporte ás necesidades esenciais da poboación.

Posteriormente, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana ditou novas disposicións que flexibilizan certas limitacións na prestación de servizos establecidas con carácter xeral, no referente fundamentalmente á ocupación dos vehículos destinados ao transporte de viaxeiros por estrada, flexibilización que resulta igualmente axeitado trasladar ao ámbito desta Comunidade Autónoma de acordo coa favorable evolución da crise sanitaria en Galicia.

En concreto, as ordes TMA/400/2020, do 9 de maio, e TMA/424/2020, do 20 de maio, prevén normas de aplicación xeral referentes á ocupación dos vehículos que, en determinadas condicións, facilitan unha progresiva volta á normalidade na utilización dos medios de transporte colectivo, compatibilizando a flexibilización das condicións de ocupación coas debidas garantías sanitarias, flexibilidade das condicións de ocupación que resulta procedente trasladar ao réxime establecido na indicada Orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade do 6 de maio de 2020.

Polo exposto, con base na habilitación que establece a disposición derradeira primeira da Orde da Consellería de Infraestruturas de Mobilidade do 6 de maio,

RESOLVO:

Primeiro. As condicións de capacidade dos vehículos e embarcacións establecidas no artigo 8.4 da Orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade do 6 de maio de 2020 quedan establecidas do seguinte modo:

a) Nos vehículos e embarcacións que dispoñan de asentos, limítase a ocupación total de prazas de xeito que os pasaxeiros teñan un asento baleiro contiguo que os separe de calquera outro pasaxeiro, agás que se trate de persoas que viaxen xuntas e convivan no mesmo domicilio.

No caso de vehículos ou embarcacións nos cales todos os viaxeiros deban viaxar sentados, cumprirán o requisito de separación aqueles asentos situados a carón da zona de paso que non teñan ningún outro contiguo.

b) Non se poderá ocupar a primeira fila situada inmediatamente detrás do posto de condución, cando se encontren no mesmo habitáculo, agás que o vehículo dispoña dun anteparo que separe o espazo do posto de condución desa primeira fila.

c) Nos vehículos e embarcacións con prazas de pé, procurarase que as persoas manteñan entre si a máxima distancia posible; establécese como referencia a ocupación da metade das prazas sentadas dispoñibles e de dous viaxeiros por cada metro cadrado na zona habilitada para viaxar de pé.

Segundo. A presente resolución será de aplicación inmediata desde a data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2020

Ignacio Maestro Saavedra
Director xeral de Mobilidade