Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Martes, 2 de xuño de 2020 Páx. 21939

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 25 de maio de 2020 pola que se modifican parcialmente as resolucións do 29 de xuño de 2016, do 21 de maio de 2018 e do 28 de decembro de 2018 polas que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o programa Industrias do futuro 4.0, orientado a proxectos de investigación industrial, desenvolvemento experimental e innovación centrados en tecnoloxías industriais innovadoras, e se convocan para o ano 2019 (respectivamente, primeira convocatoria no Diario Oficial de Galicia do 29 de xuño de 2016, segunda convocatoria no Diario Oficial de Galicia do 4 de xuño de 2018 e terceira convocatoria no Diario Oficial de Galicia do 8 de febreiro de 2019), (código de procedemento IN854A).

No marco da RIS3 defínense varios instrumentos de apoio agrupados dentro do programa Innova en Galicia, que ten por obxectivo que o investimento público sexa un elemento tractor na mobilización e atracción de capital privado para os procesos de innovación galegos. Neste contexto sitúase a iniciativa Industria 4.0-captacións de investimentos e o programa de axudas Industrias do futuro 4.0.

Para a execución deste programa de axudas, GAIN publicou no DOG as seguintes convocatorias:

1. Resolución do 29 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o programa Industrias do futuro 4.0 orientado a proxectos de investigación industrial e desenvolvemento experimental estratéxicos centrados en tecnoloxías industriais innovadoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016 (código de procedemento IN854A), publicada no DOG do 14 de xullo de 2016. Esta convocatoria está financiada con fondos propios, os proxectos concedidos finalizan no ano 2020 e recóllense na Resolución do 28 de marzo de 2019 (DOG do 15 de abril).

2. Resolución do 21 de maio de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o programa Industrias do futuro 4.0 (segunda convocatoria), orientado a proxectos de investigación industrial, desenvolvemento experimental e innovación centrados en tecnoloxías industriais innovadoras dentro da iniciativa Industrias 4.0-captación de investimentos, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (código de procedemento IN854A).

As axudas concedéronse mediante a Resolución do 9 de agosto de 2018, publicada no DOG do 27 de agosto de 2018, e os proxectos rematan no ano 2020.

3. Resolución do 28 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o programa Industrias do futuro 4.0 (terceira convocatoria), orientado a proxectos de investigación industrial, desenvolvemento experimental e innovación centrados en tecnoloxías industriais innovadoras dentro da iniciativa Industrias 4.0-captación de investimentos, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento IN854A), publicada no DOG do 8 de febreiro de 2019.

As axudas correspondentes á primeira edición concedéronse mediante a Resolución do 17 de xuño de 2019 (DOG do 28 de xuño) e as da segunda edición mediante a Resolución do 13 de decembro de 2019 (DOG do 19 de decembro); os proxectos rematan no ano 2022.

Durante a execución destes proxectos entrou en vigor o Acordo do Consello da Xunta, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19 (DOG núm. 49-Bis, do 12 de marzo de 2020). Así mesmo, o Goberno de España ditou o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 (BOE núm. 67, do 14 de marzo de 2020) e o Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19 (BOE núm. 73, do 18 de marzo de 2020).

A situación de crise sanitaria xerada pola pandemia do coronavirus COVID-19 provocou un escenario sen precedentes que comeza a traducirse nunha situación extremadamente grave en termos económicos, polo que é necesario implementar accións rápidas e eficaces que permitan mitigar o impacto socioeconómico do estado de alarma no tecido empresarial español. É necesario garantir que as empresas, sexan do tipo que sexan, dispoñen de suficiente liquidez e preservan a continuidade da actividade económica durante e despois do brote de COVID-19.

Polo tanto, á vista desta situación excepcional e das anteditas medidas adoptadas pola Xunta de Galicia e o Goberno de España, cómpre modificar determinados artigos das bases reguladoras das citadas convocatorias, xa que a execución dos proxectos foi suspendida ou ben continúa pero a un ritmo moito menos intenso debido a dificultades de subministración, a expedientes de ERTE que afectan o persoal investigador, a paralizacións ou demoras nas subcontratacións necesarias ou outras circunstancias derivadas do contexto actual.

As modificacións que se consideran necesarias afectan fundamentalmente a distribución de custos por anualidades ao permitir que os beneficiarios poidan presentar solicitudes neste sentido, ás datas límite de presentación de xustificantes de gasto e memorias de avance do proxecto, á necesidade de presentación de garantías no caso de pagamentos anticipados co fin de darlles liquidez ás entidades beneficiarias, á gradación de incumprimentos e ao momento da inspección final obrigatoria por parte da GAIN.

A introdución destas medidas permitirá darlles liquidez aos beneficiarios para continuar os proxectos, compasar a distribución anual do gasto á progresión do proxecto, facilitar as xustificacións parciais e evitar reintegros por desviacións nalgún concepto de gasto superiores aos inicialmente previstos, sempre coa condición de que o proxecto se realice.

Consecuentemente con todo o anterior, a directora da Axencia Galega de Innovación, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación,

DISPÓN:

CAPÍTULO I

Modificación da Resolución do 29 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o programa Industrias do futuro 4.0 orientado a proxectos de investigación industrial e desenvolvemento experimental estratéxicos centrados en tecnoloxías industriais innovadoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016 (código de procedemento IN854A), publicada no DOG do 14 de xullo de 2016.

Artigo 1. Modificación do número 2 do artigo 38 das bases reguladoras

O número 2 do artigo 38 das bases reguladoras queda redactado do seguinte xeito:

«2. Prazos de xustificación:

Períodos de emisión das facturas (realización de gastos) e realización de pagamentos dos gastos executados:

Primeira anualidade

Desde a data de presentación da solicitude ata o 31 de outubro de 2016

Segunda anualidade

Desde o 1 de novembro de 2016 ata o 31 de outubro de 2017

Terceira anualidade

Desde o 1 de novembro de 2017 ata o 31 de outubro de 2018

Cuarta anualidade

Desde o 1 de novembro de 2018 ata o 31 de outubro de 2019

Quinta anualidade

Desde o 1 de novembro de 2019 ata o 31 de decembro de 2020

Prazos de presentación da documentación:

Primeira anualidade

Ata o 31 de outubro de 2016

Segunda anualidade

Ata o 31 de outubro de 2017

Terceira anualidade

Ata o 31 de outubro de 2018

Cuarta anualidade

Ata o 31 de outubro de 2019

Quinta anualidade

Ata o 31 de marzo de 2021

Estes prazos poderán axustarse en función da data na que se resolva a convocatoria ao poder estar esta condicionada á decisión ou decisións previas da Comisión en que se autoricen ou non as axudas para proxectos que superen os limiares máximos de notificación do Regulamento 651/2014».

Artigo 2. Modificación do artigo 41 das bases reguladoras

O artigo 41 das bases reguladoras queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 41. Pagamento

1. Poderanse realizar pagamentos anticipados e á conta das subvencións recollidas nesta resolución. De acordo co estipulado no artigo 62.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e tras a autorización do Consello da Xunta de Galicia, estes pagamentos poderán acadar ata o 100 % da axuda concedida.

Estes pagamentos están exentos da presentación de garantías de acordo co establecido no artigo 67.4 do Decreto 11/2009, conforme a autorización do Consello da Xunta de Galicia.

2. Pagamentos anticipados:

Para realizar pagamentos anticipados a entidade beneficiaria deberá presentar solicitude motivada.

Os pagamentos anticipados poderán acadar ata o 50 % da subvención concedida sen superar o importe da anualidade correspondente.

3. Pagamentos á conta: faranse efectivos, para cada anualidade, unha vez presentada e comprobada a correcta xustificación da execución do proxecto sen necesidade de entregar ningún tipo de garantías.

4. Unha vez rematado o proxecto, a Axencia Galega de Innovación comprobará, de acordo co establecido no artigo 30 da Lei 9/2007, a xustificación adecuada da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención, e será obrigatorio que realice unha actividade de inspección a Axencia Galega de Innovación a todos os membros da agrupación. Tras esta visita efectuarase unha avaliación do proxecto presentado e valorado na solicitude, e emitirase un informe en que se indique o grao de cumprimento e se foi:

a) Excelente.

b) Positivo.

c) Negativo se non se conseguen as tarefas, compromisos, obxectivos ou condicións do proxecto inicial por un baixo desempeño ou deficiente organización. Neste caso, deberase cuantificar a porcentaxe de incumprimento de cada entidade participante no caso de proxectos en cooperación.

Se pola situación excepcional creada pola epidemia COVID-19 non fose oportuno realizar a inspección in situ, transitoriamente poderase substituír polo envío de materiais fotográficos por parte do beneficiario de modo que se poida comprobar o correcto funcionamento dos activos tanxibles e as súas características, número de serie e o cumprimento dos requisitos de publicidade da normativa Feder, sen prexuízo de que posteriormente, cando sexa posible, se efectúe a dita inspección».

Artigo 3. Modificación do número 3 do artigo 44 das bases reguladoras

O número 3 do artigo 44 das bases reguladoras queda redactado do seguinte xeito:

«3. Por afectar as condicións que se tiveron en conta no momento de conceder a subvención, nos seguintes casos de incumprimento reducirase a axuda, tendo en conta a axuda concedida para cada proxecto, da seguinte forma:

a) No caso de que o custo total do proxecto finalmente xustificado sexa inferior ao orzamento mínimo subvencionable (20.000.000 €), reducirase a axuda aplicando o seguinte factor de corrección: Fc=1-X²/3600, onde X é a porcentaxe deixada de xustificar sobre o custo concedido.

b) Se o custo xustificado finalmente na partida de persoal de nova contratación é inferior á contía concedida nesta partida, reducirase a axuda aplicando o seguinte factor de corrección: Fc=1-X²/3600, onde X é a porcentaxe deixada de xustificar sobre o custo que lle foi concedido nesta partida.

e) Se se incumpre a obriga de dar publicidade ao financiamento do proxecto, ou a obriga de comunicar a obtención doutras axudas para o mesmo proxecto, aplicarase un factor de corrección do 0,95.

f) Se se incumpren as tarifas, compromisos, obxectivos ou condicións do proxecto dando lugar a un informe final negativo, o incumprimento valorarase en función deste e suporá a aplicación dun factor de corrección igual á porcentaxe de incumprimento sinalado no informe técnico.

A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á apreciación conxunta destas, aplicando á axuda o factor que resulte do produto de todos os factores de corrección. Nos casos en que algún dos factores de corrección sexa negativo, a intensidade da axuda será cero.

A aplicación do factor de corrección realizarase coa revisión da xustificación da última anualidade e, de ser o caso, requirirase a entidade beneficiaria para que proceda á devolución dos fondos percibidos indebidamente. A falta de devolución destes nos prazos requiridos dará lugar á incoación de expediente de reintegro nos termos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007 e no título V do Decreto 11/2009».

CAPÍTULO II

Modificación da Resolución do 21 de maio de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o programa Industrias do futuro 4.0 (segunda convocatoria), orientado a proxectos de investigación industrial, desenvolvemento experimental e innovación centrados en tecnoloxías industriais innovadoras dentro da iniciativa Industrias 4.0-captación de investimentos, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (código de procedemento IN854A).

Artigo 1. Modificación do número 2 do artigo 41 das bases reguladoras

O número 2 do artigo 41 das bases reguladoras queda redactado do seguinte xeito:

«2. Prazos de xustificación:

Períodos de emisión das facturas (realización de gastos) e realización de pagamentos dos gastos executados:

Primeira anualidade:

– Axudas concedidas na resolución da primeira edición: desde a data de presentación da solicitude ata o 31 de outubro de 2018.

– Axudas concedidas na resolución da segunda edición: desde a data de presentación da solicitude ata o 20 de decembro de 2018. No caso de solicitudes denegadas na primeira edición que fosen presentadas tamén á segunda sen modificación ningunha, o período de emisión de facturas poderase remontar á data da solicitude presentada á primeira edición.

Segunda anualidade:

– Axudas concedidas na resolución da primeira edición: desde o 1 de novembro de 2018 ata o 30 de setembro de 2019.

– Axudas concedidas na resolución da segunda edición: desde o 21 de decembro de 2018 ata o 30 de setembro de 2019.

Terceira anualidade: para as dúas edicións, desde o 1 de outubro de 2019 ata o 31 de decembro de 2020.

Prazos de presentación da documentación:

Primeira anualidade:

– Axudas concedidas na resolución da primeira edición: ata o 5 de novembro de 2018.

– Axudas concedidas na resolución da segunda edición: ata o 27 de decembro de 2018

Segunda anualidade: para as dúas edicións, ata o 5 de outubro de 2019.

Terceira anualidade: para as dúas edicións, ata o 31 de marzo de 2021.

Estes prazos poderanse axustar en función da data en que se resolva a convocatoria, tras a tramitación do procedemento correspondente e cos informes preceptivos».

Artigo 2. Modificación do artigo 44 das bases reguladoras

O artigo 44 das bases reguladoras queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 44. Pagamento

1. Poderanse realizar pagamentos anticipados e á conta das subvencións recollidas nesta resolución. De acordo co estipulado no artigo 62.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e tras a autorización do Consello da Xunta de Galicia, estes pagamentos poderán acadar ata o 100 % da axuda concedida.

Estes pagamentos están exentos da presentación de garantías de acordo co establecido no artigo 67.4 do Decreto 11/2009, conforme a autorización do Consello da Xunta de Galicia.

2. Pagamentos anticipados:

Para realizar pagamentos anticipados a entidade beneficiaria deberá presentar solicitude motivada.

Os pagamentos anticipados poderán acadar ata o 60 % da subvención concedida sen superar o importe da anualidade correspondente.

3. Pagamentos á conta: faranse efectivos, para cada anualidade, unha vez presentada e comprobada a correcta xustificación da execución do proxecto sen necesidade de entregar ningún tipo de garantías.

4. Unha vez rematado o proxecto, a Axencia Galega de Innovación comprobará, de acordo co establecido no artigo 30 da Lei 9/2007, a xustificación adecuada da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención, e será obrigatorio que realice unha actividade de inspección a Axencia Galega de Innovación a todos os membros da agrupación. Tras esta visita efectuarase unha avaliación do proxecto presentado e valorado na solicitude, e emitirase un informe en que se indique o grao de cumprimento e se foi:

a) Excelente.

b) Positivo.

c) Negativo se non se conseguen as tarefas, compromisos, obxectivos ou condicións do proxecto inicial por un baixo desempeño ou deficiente organización. Neste caso, deberase cuantificar a porcentaxe de incumprimento de cada empresa participante da agrupación.

Se pola situación excepcional creada pola epidemia COVID-19 non fose oportuno realizar a inspección in situ, transitoriamente poderase substituír polo envío de materiais fotográficos por parte do beneficiario de modo que se poida comprobar o correcto funcionamento dos activos tanxibles e as súas características, número de serie e o cumprimento dos requisitos de publicidade da normativa Feder, sen prexuízo de que posteriormente, cando sexa posible, se efectúe a dita inspección».

Artigo 3. Modificación do número 3 do artigo 47 das bases reguladoras

O número 3 do artigo 47 das bases reguladoras queda redactado do seguinte xeito:

«3. Por afectar as condicións que se tiveron en conta no momento de conceder a subvención, nos seguintes casos de incumprimento reducirase a axuda, tendo en conta a axuda concedida para cada proxecto, da seguinte forma:

a) No caso de que o custo total do proxecto finalmente xustificado sexa inferior ao orzamento mínimo subvencionable (4.000.000 €), reducirase a axuda aplicando o seguinte factor de corrección: Fc=1-X²/3600, onde X é a porcentaxe deixada de xustificar sobre o custo concedido. No caso de proxectos en cooperación, X é a porcentaxe deixada de xustificar por cada un dos membros da agrupación sobre o custo que lle foi concedido.

b) Se o custo xustificado finalmente por algunha entidade beneficiaria é inferior á participación mínima que se exixe no artigo 6 destas bases reguladoras para os proxectos en cooperación, reducirase a intensidade da axuda aplicando o factor de corrección Fc=1-X²/3600, onde X é a porcentaxe deixada de xustificar por este beneficiario sobre o custo que lle foi concedido, nos seguintes supostos:

– No caso de organismos de investigación, o 15 % do orzamento total subvencionable do proxecto, pero sempre que este sexa superior ao 10%.

– No caso de empresas, o 10 % do orzamento total subvencionable do proxecto de forma xeral. Ademais, no caso de proxectos de innovación en materia de organización e procesos solicitados por grandes empresas, a participación da/s peme/s coa/s que colabora deberá ser como mínimo do 30 % dos custos subvencionables totais do proxecto en cooperación.

c) Se o custo xustificado finalmente na partida de persoal de nova contratación é inferior á contía concedida nesta partida, reducirase a axuda aplicando o seguinte factor de corrección: Fc=1-X²/3600, onde X é a porcentaxe deixada de xustificar sobre o custo que lle foi concedido nesta partida.

d) Se se incumpriu a obrigación de dar publicidade ao financiamento do proxecto consonte o establecido nesta resolución, ou a obriga de comunicar a obtención doutras axudas para a mesma finalidade ou os mesmos custos, aplicarase un factor de corrección do 0,95.

e) Se se incumpriron as tarefas, compromisos, obxectivos ou condicións do proxecto, dando lugar a un informe final negativo, o incumprimento valorarase en función deste e suporá a aplicación dun factor de corrección igual á porcentaxe de incumprimento sinalado no informe técnico. Se esta porcentaxe é superior ao 50 % considerarase como incumprimento total e dará lugar ao reintegro da totalidade da axuda.

A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á apreciación conxunta destas, aplicando á intensidade da axuda o factor que resulte do produto de todos os factores de corrección. No caso de que algún dos factores de corrección sexa negativo, a intensidade da axuda será cero.

A aplicación do factor de corrección realizarase na última anualidade e o importe minorado detraerase desta. No caso de que o importe aprobado para a última anualidade resulte insuficiente para cubrir esta diferenza, requirirase a entidade beneficiaria para que proceda a devolver os fondos percibidos indebidamente. A falta de devolución destes nos prazos requiridos dará lugar á incoación de expediente de reintegro nos termos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007 e no título V do Decreto 11/2009».

CAPÍTULO III

Modificación da Resolución do 28 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas do programa Industrias do futuro 4.0 (terceira convocatoria), orientado a proxectos de investigación industrial, desenvolvemento experimental e innovación centrados en tecnoloxías industriais innovadoras dentro da iniciativa Industrias 4.0-captación de investimentos cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento IN854A).

Artigo 1. Modificación do número 2 do artigo 41 das bases reguladoras

O número 2 do artigo 41 das bases reguladoras queda redactado do seguinte xeito:

«2. Prazos de xustificación:

Períodos de emisión das facturas (realización de gastos) e realización de pagamentos dos gastos executados:

Primeira anualidade

Primeira edición: desde a presentación da solicitude ata o 31 de outubro de 2019

Segunda edición: desde a presentación da solicitude ata o 31 de decembro de 2019

Segunda anualidade

Primeira edición: desde o 1 de novembro de 2019 ata o 31 de decembro de 2020

Segunda edición: desde o 1 de xaneiro de 2020 ata o 31 de decembro de 2020

Terceira anualidade

Para as dúas edicións: desde o 1 de xaneiro de 2021 ata 30 de novembro de 2021

Cuarta anualidade

Para as dúas edicións: desde o 1 de decembro de 2021 ata 30 de setembro de 2022

Prazos de presentación da documentación:

Primeira anualidade

Primeira edición: ata o 15 de novembro de 2019

Segunda edición: ata o 24 de xaneiro de 2020

Segunda anualidade

Para as dúas edicións: ata o 31 de marzo de 2021

Terceira anualidade

Para as dúas edicións: ata 10 de decembro de 2021

Cuarta anualidade

Para as dúas edicións: ata o 31 de decembro de 2022

Estes prazos poderanse axustar en función da data en que se resolva a convocatoria, tras a tramitación do procedemento correspondente e cos informes preceptivos».

Artigo 2. Modificación do artigo 44 das bases reguladoras

O artigo 44 das bases reguladoras queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 44. Pagamentos

1. Poderanse realizar pagamentos anticipados e á conta das subvencións recollidas nesta resolución. De acordo co estipulado no artigo 62.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e tras a autorización do Consello da Xunta de Galicia, estes pagamentos poderán acadar ata o 100 % da axuda concedida.

Estes pagamentos están exentos da presentación de garantías de acordo co establecido no artigo 67.4 do Decreto 11/2009, conforme a autorización do Consello da Xunta de Galicia.

2. Pagamentos anticipados:

Para realizar pagamentos anticipados a entidade beneficiaria deberá presentar solicitude motivada.

Os pagamentos anticipados poderán acadar ata o 50 % da subvención concedida sen superar o importe da anualidade correspondente.

3. Pagamentos á conta: faranse efectivos, para cada anualidade, unha vez presentada e comprobada a correcta xustificación da execución do proxecto sen necesidade de entregar ningún tipo de garantías.

4. Unha vez rematado o proxecto, a Axencia Galega de Innovación comprobará, de acordo co establecido no artigo 30 da Lei 9/2007, a xustificación adecuada da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención, e será obrigatorio que realice unha actividade de inspección a Axencia Galega de Innovación a todos os membros da agrupación. Tras esta visita efectuarase unha avaliación do proxecto presentado e valorado na solicitude, e emitirase un informe en que se indique o grao de cumprimento e se foi:

a) Excelente.

b) Positivo.

c) Negativo se non se conseguen as tarefas, compromisos, obxectivos ou condicións do proxecto inicial por un baixo desempeño ou deficiente organización. Neste caso, deberase cuantificar a porcentaxe de incumprimento de cada empresa participante da agrupación.

Se pola situación excepcional creada pola epidemia COVID-19 non fose oportuno realizar a inspección in situ, transitoriamente poderase substituír polo envío de materiais fotográficos por parte do beneficiario de modo que se poida comprobar o correcto funcionamento dos activos tanxibles e as súas características, número de serie e o cumprimento dos requisitos de publicidade da normativa Feder, sen prexuízo de que posteriormente, cando sexa posible, se efectúe a dita inspección».

Artigo 3. Modificación do número 3 do artigo 47 das bases reguladoras

O número 3 do artigo 47 das bases reguladoras queda redactado do seguinte xeito:

«3. Por afectar as condicións que se tiveron en conta no momento de conceder a subvención, nos seguintes casos de incumprimento reducirase a axuda, tendo en conta a axuda concedida para cada proxecto, da seguinte forma:

a) No caso de que o custo total do proxecto finalmente xustificado sexa inferior ao orzamento mínimo subvencionable (2.000.000 €), reducirase a axuda aplicando o seguinte factor de corrección: Fc=1-X²/3600, onde X é a porcentaxe deixada de xustificar sobre o custo concedido. No caso de proxectos en cooperación, X é a porcentaxe deixada de xustificar por cada un dos membros da agrupación sobre o custo que lle foi concedido.

b) Se o custo xustificado finalmente por algunha entidade beneficiaria é inferior á participación mínima que se exixe no artigo 6 destas bases reguladoras para os proxectos en cooperación, reducirase a intensidade da axuda aplicando o factor de corrección Fc=1-X²/3600, onde X é a porcentaxe deixada de xustificar por este beneficiario sobre o custo que lle foi concedido, nos seguintes supostos:

– No caso de organismos de investigación, o 15 % do orzamento total subvencionable do proxecto, pero sempre que este sexa superior ao 10 %.

– No caso de empresas, o 10 % do orzamento total subvencionable do proxecto de forma xeral. Ademais, no caso de proxectos de innovación en materia de organización e procesos solicitados por grandes empresas, a participación da/s peme/s coa/s que colabora deberá ser como mínimo do 30 % dos custos subvencionables totais do proxecto en cooperación.

c) Se o custo xustificado finalmente na partida de persoal de nova contratación é inferior á contía concedida nesta partida, reducirase a axuda aplicando o seguinte factor de corrección: Fc=1-X²/3600, onde X é a porcentaxe deixada de xustificar sobre o custo que lle foi concedido nesta partida.

d) Se se incumpriu a obrigación de dar publicidade ao financiamento do proxecto consonte o establecido nesta resolución, ou a obriga de comunicar a obtención doutras axudas para a mesma finalidade ou os mesmos custos, aplicarase un factor de corrección do 0,95.

e) Se se incumpriron as tarefas, compromisos, obxectivos ou condicións do proxecto, dando lugar a un informe final negativo, o incumprimento valorarase en función deste e suporá a aplicación dun factor de corrección igual á porcentaxe de incumprimento sinalada no informe técnico. Se esta porcentaxe é superior ao 50 %, considerarase como incumprimento total e dará lugar ao reintegro da totalidade da axuda.

A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á apreciación conxunta destas, aplicando á intensidade da axuda o factor que resulte do produto de todos os factores de corrección. No caso de que algún dos factores de corrección sexa negativo, a intensidade da axuda será cero.

A aplicación do factor de corrección realizarase na última anualidade e o importe minorado detraerase desta. No caso de que o importe aprobado para a última anualidade resulte insuficiente para cubrir esta diferenza, requirirase a entidade beneficiaria para que proceda á devolución dos fondos percibidos indebidamente. A falta de devolución destes nos prazos requiridos dará lugar á incoación de expediente de reintegro, nos termos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007 e no título V do Decreto 11/2009».

Disposición adicional única. Redistribución de créditos

Coa finalidade de facilitar a realización dos proxectos e harmonizar ao seu progreso a distribución anual de gasto, poderase solicitar unha redistribución das anualidades concedidas, cun límite máximo do vinte por cento do custo concedido para cada anualidade, aumentando no mesmo importe a seguinte anualidade. Esta redistribución deberá ser solicitada antes do 15 de setembro da anualidade afectada e previamente á súa aprobación deberase tramitarse o correspondente expediente económico.

Disposición derradeira única. Vixencia e entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2020

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación