Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Martes, 2 de xuño de 2020 Páx. 21934

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 25 maio de 2020 pola que se modifica parcialmente a Resolución do 28 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento das actividades integradas en plans de innovación enmarcados en prioridades estratéxicas da RIS3, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (Diario Oficial de Galicia do 8 de febrero), (código de procedemento IN848D).

No marco da RIS3 defínense varios instrumentos de apoio agrupados dentro do programa de apoio ás pemes innovadoras «Peme Innova», que ten por obxectivo incidir no déficit das empresas, sobre todo das pemes, respecto da súa capacidade de innovar por falta de recursos idóneos para a absorción de coñecementos. Neste contexto sitúase a iniciativa Innova Peme de mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento das actividades integradas en plans de innovación

Para a execución deste programa de axudas, Gain publicou no DOG a seguinte convocatoria:

Resolución do 28 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento das actividades integradas en plans de innovación enmarcados en prioridades estratéxicas da RIS3, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento IN848D).

As axudas concedéronse mediante as resolucións do 29 de xullo de 2019, publicada no DOG do 13 de agosto de 2019 e do 29 de outubro de 2019, lista de agarda publicada no DOG do 27 de novembro de 2019, e os plans de innovación rematan no ano 2020.

Durante a execución destes plans de innovación entrou en vigor o Acordo do Consello da Xunta do 12 de marzo de 2020 polo que se adoptan medidas preventivas en materia de saúde pública, na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19 (DOG núm. 49 bis, do 12 de marzo de 2020). Asemade, o Goberno de España ditou o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 (BOE núm. 67, do 14 de marzo de 2020), e o Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19 (BOE núm. 73, do 18 de marzo de 2020).

Así mesmo, o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 24 de abril de 2020, sobre a continuación da tramitación de determinados expedientes e procedementos en materia de subvencións no eido da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico, establece respecto das subvencións xa concedidas no momento de entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, e como consecuencia do COVID-19 ou das medidas adoptadas polas administracións públicas para combatelo, a posibilidade de modificar as ordes de convocatoria ou resolucións de concesión para ampliar os prazos de execución da actividade subvencionada e, de ser o caso, de xustificación e comprobación da dita execución, aínda que non se recollese nas correspondentes bases reguladoras.

A situación de crise sanitaria xerada pola pandemia do coronavirus COVID-19 provocou un escenario sen precedentes que comeza a traducirse nunha situación extremadamente grave en termos económicos, polo que é necesario implementar accións rápidas e eficaces que permitan mitigar o impacto socioeconómico do estado de alarma no tecido empresarial español. É necesario garantir que as empresas, sexan do tipo que sexan, dispoñen de suficiente liquidez e preservan a continuidade da actividade económica durante e despois do abrocho de COVID-19.

Polo tanto, á vista desta situación excepcional e das devanditas medidas adoptadas pola Xunta de Galicia e polo Goberno de España, cómpre modificar determinados artigos das bases reguladoras da citada convocatoria, xa que a execución dos plans de innovación foi suspendida ou ben continúa pero a un ritmo moito menos intenso debido a dificultades de subministración, a expedientes de ERTE que afectan o persoal involucrado no plan de innovación, a paralizacións ou demoras nas subcontratacións necesarias ou outras circunstancias derivadas do contexto actual.

As modificacións que se consideran necesarias afectan fundamentalmente a distribución de custos por anualidades e as datas límite de realización e de presentación de xustificantes de gasto, a flexibilidade dos pagamentos anticipados co fin de darlles liquidez ás entidades beneficiarias e o momento da comprobación final obrigatoria por parte de Gain.

Consecuentemente con todo o anterior, a directora da Axencia Galega de Innovación, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación,

DISPÓN:

Modificación da Resolución do 28 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento das actividades integradas en plans de innovación enmarcados en prioridades estratéxicas da RIS3, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento IN848D), publicada no DOG do 8 de febreiro de 2019.

Artigo 1. Modificación do artigo 28 das bases reguladoras

O artigo 28 das bases reguladoras queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 28. Pagamento

1. Poderán realizarse pagamentos anticipados e á conta das subvencións recollidas nesta resolución, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, nos artigos 62 e 63 do Decreto 11/2009 e nesta convocatoria.

2. Pagamentos anticipados.

a) Anualidade 2019: poderá solicitarse o anticipo do ata o 50 % do importe concedido para esta anualidade logo de solicitude expresa para o efecto.

A entidade beneficiaria que queira solicitar o anticipo deberá presentar a solicitude, no modelo que estará ao seu dispor na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal) e na cal se incluirá unha declaración responsable de ter iniciado as actividades do plan, así como do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de todas as administracións públicas, no prazo de 10 días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación da resolución de concesión.

b) Anualidade 2020: de acordo co artigo 63.3 do Decreto 11/2019, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e tras a autorización do Consello da Xunta de Galicia poderán realizarse pagamentos anticipados ata o 70 % da subvención concedida nesta anualidade sempre que, conxuntamente cos pagamentos anticipados e á conta realizados ata ese momento, non se supere o 80 % da porcentaxe subvencionada conforme o punto 4 deste artigo.

No caso de que a xustificación da anualidade anterior sexa insuficiente e dea lugar a unha minoración da subvención, o importe minorado detraerase do importe desta anualidade.

A entidade beneficiaria que queira solicitar o pagamento anticipado deberá presentar a corresponde solicitude motivada, no modelo que estará ao seu dispor na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal) e na cal se incluirá unha declaración responsable de continuidade de execución das actividades do plan, así como do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de todas as administracións públicas.

3. Pagamentos parciais á conta: faranse efectivos, para cada anualidade, unha vez presentada e comprobada a correcta xustificación da execución das actividades obxecto da axuda.

4. O importe conxunto dos pagamentos parciais á conta e dos pagamentos anticipados non poderá ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, nin excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

5. No caso de pagamentos á conta ou anticipos, non se precisará a presentación de garantías de acordo co disposto nos artigos 65.2 e 67.4 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Recibida a documentación xustificativa da subvención, a Axencia Galega de Innovación, antes de proceder ao seu pagamento final, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinaron a concesión da subvención, de acordo co establecido no artigo 30 da Lei 9/2007.

Ademais, con carácter previo ao pagamento final da subvención, a Axencia Galega de Innovación comprobará a realización das actividades desenvolvidas no plan de innovación, tendo como referencia as previsións da entidade beneficiaria valoradas no artigo 19 desta resolución.

A comprobación dará lugar a un informe técnico positivo ou negativo. O segundo caso suporá, de acordo co disposto no artigo seguinte, unha minoración da axuda igual á porcentaxe de incumprimento sinalado no informe técnico, sempre e cando o incumprimento non supere o 40 %, suposto en que procederá o reintegro total.

Se pola situación excepcional creada pola epidemia COVID-19 non for oportuno realizar a inspección in situ, transitoriamente poderá substituírse pola entrega de xustificación documental en que se constate de forma razoable e suficiente a realización da actividade subvencionada e, no caso de activos tanxibles, polo envío de materiais fotográficos por parte do beneficiario de modo que se poida comprobar o seu correcto funcionamento e as súas características, número de serie e o cumprimento dos requisitos de publicidade da normativa Feder, sen prexuízo de que posteriormente, cando sexa posible, se efectúe a dita inspección».

Disposición adicional única. Redistribución de créditos

Coa finalidade de facilitar a realización dos plans de innovación e harmonizar ao seu progreso a distribución anual de gasto, poderase solicitar unha redistribución do importe da anualidade 2020, cun límite máximo do vinte por cento do custo concedido para esta anualidade, aumentando no mesmo importe a anualidade 2021. Esta redistribución deberá ser solicitada antes do 15 de setembro de 2020 e previamente á súa aprobación deberá tramitarse o correspondente expediente económico.

A autorización desta redistribución implica que para o ano 2021 o período de realización de gastos (emisión de facturas) e realización de pagamentos dos gastos executados será do 1 de decembro de 2020 ao 31 de marzo de 2021 e o prazo de presentación da documentación xustificativa será ata o 30 de abril de 2021.

Disposición derradeira única. Vixencia e entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2020

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación