Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Xoves, 11 de xuño de 2020 Páx. 22920

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 2 de xuño de 2020, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se modifica a Resolución do 7 de maio de 2008 pola que se regulan as substitucións entre funcionarios ao servizo da Administración de xustiza en Galicia.

Por medio da Resolución do 7 de maio de 2008, da Dirección Xeral de Xustiza (DOG núm. 93, do 15 de maio), regulouse a provisión de forma temporal mediante substitucións dos postos de traballo reservados aos funcionarios integrantes dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza, sistema previsto no artigo 74.1 do Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do dito persoal. A través da referida resolución reguláronse, así mesmo, as atribucións de funcións entre os membros do corpo de auxilio xudicial da mesma localidade, previstas no artigo 39.2 do citado regulamento.

No tempo transcorrido desde a entrada en vigor da antedita resolución, diversas circunstancias fixeron necesaria a súa modificación, particularmente as derivadas da execución da Sentenza núm. 510/2011 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e, posteriormente, do acordo acadado entre a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e as organizacións sindicais SPJ-USO, UGT e CC.OO. o 23 de maio de 2018.

Na actualidade xa se iniciou un proceso de negociación coas organizacións sindicais con representación na mesa sectorial da Administración de xustiza para regular mediante orde os procesos extraordinarios de provisión de postos, como é o caso das comisións de servizo e substitucións, previstas no artigo 527, puntos 1 e 2 respectivamente, da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, así como nos artigos 73 e 74 do Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario da Administración de xustiza.

O proceso que permita culminar a dita negociación, seguido da correspondente tramitación e entrada en vigor da concreta orde reguladora das comisións de servizo e substitucións, precisará dun tempo, polo que entrementres faise necesario proceder á modificación da actual resolución en aspectos que están a afectar o funcionamento dos xulgados, fiscalías e outros órganos da Administración de xustiza. Así, a convocatoria e resolución anual do concurso de traslados, xunto coa creación nos últimos anos de novos órganos e coas recentes convocatorias de oferta de emprego público, teñen provocado unha constante mobilidade do persoal que cómpre conciliar coa necesaria garantía da prestación do servizo público. Neste sentido, a non exixencia dun tempo mínimo no desempeño das substitucións reguladas na vixente resolución, unida á posibilidade de renuncia en calquera momento desde a adxudicación, está a provocar importantes disfuncionalidades que é preciso corrixir.

Por outra banda, a vixente resolución prevé como unha das causas de finalización da substitución a falta de desempeño durante quince (15) días hábiles, excepto no caso de vacacións. Esta regulación xa produciu algún pronunciamento xudicial en contra por ser considerada vulneratoria de dereitos en determinadas situacións, como é o caso da persoa que ten dispensa total de acudir ao posto de traballo.

Polo anteriormente exposto, e tras negociación coas organizacións sindicais con representación na mesa sectorial da Administración de xustiza,

DISPOÑO:

Modifícase a Resolución do 7 de maio de 2008, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se regulan as substitucións entre funcionarios ao servizo da Administración de xustiza en Galicia, nos seguintes termos:

Primeiro. O artigo cuarto queda redactado como segue:

«Cuarto. Requisitos dos solicitantes

1. Poderán solicitar as substitucións, con exención de funcións nos seus postos, os funcionarios de carreira dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza con destino en órganos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que estean en situación de activo, prestando efectivamente servizos en xulgados, tribunais, fiscalías ou outros órganos da Administración de xustiza, e leven un mínimo de seis meses continuados no posto de traballo desde o cal participan na convocatoria, ben sexa con carácter definitivo, ben provisional.

2. No caso das substitucións verticais, para ser nomeado substituto no corpo inmediatamente superior será preciso estar en situación de servizo activo nun posto de traballo dalgún dos centros de destino a que se refire o anterior parágrafo e estar en posesión da titulación académica exixida para acceder ao posto superior que é obxecto de substitución».

Segundo. O artigo sétimo queda redactado como segue:

«Sétimo. Duración das substitucións e cesamento do substituto

1. A substitución finalizará cando se incorpore o/a titular do posto ou remate a causa que motivou a substitución, así como pola renuncia do substituto ou por amortización da praza.

2. Salvo renuncia do interesado, se o cesamento do substituto se produce antes de acadar un período mínimo de seis meses de desempeño, este poderá facer valer a súa preferencia nas seguintes necesidades de substitución, cando menos ata completar o devandito período mínimo. En todo caso, a renuncia a unha substitución, unha vez adxudicada esta, será penalizada coa imposibilidade de obter unha nova substitución durante o período dun ano».

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso de reposición ante o director xeral de Xustiza no prazo dun mes ou recurso contencioso-administrativo ante o órgano competente no prazo de dous meses, ambos os dous prazos contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2020

Juan José Martín Álvarez
Director xeral de Xustiza