Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Xoves, 11 de xuño de 2020 Páx. 22974

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 10 de xuño de 2020 pola que se amplía o prazo para a xustificación e avaliación do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais correspondente ao exercicio 2019, así como para a presentación do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais correspondente ao ano 2020.

O Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, publicado no Diario Oficial de Galicia do 30 de marzo, establece, no seu artigo 43.1, segundo a redacción dada a este precepto pola modificación do dito decreto aprobada no Decreto 148/2014, do 6 de novembro, publicado no Diario Oficial de Galicia número 228, do 27 de novembro, que unha vez finalizado o correspondente exercicio orzamentario e, en todo caso, co día límite do 31 de marzo do exercicio inmediatamente posterior, todas as corporacións locais financiadas consonte o dito decreto deberán presentar ante o órgano de dirección da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, con atribucións en materia de servizos sociais comunitarios, a xustificación e avaliación da execución do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais, así como o proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais correspondente ao ano en curso. A esta data límite do 31 de marzo tamén fai referencia o artigo 58.6 do dito Decreto 99/2012, do 16 de marzo, na redacción dada polo antedito Decreto 148/2014, do 6 de novembro, para a presentación de maneira integrada coa documentación correspondente á xustificación e avaliación do proxecto anual de servizos sociais da certificación do órgano competente da corporación local acreditativa do gasto realizado para o desenvolvemento do servizo de axuda no fogar para persoas en situación de dependencia, e demais datos que se lle requiran en relación coa xestión deste servizo.

Debido á necesidade de actualizar a aplicación informática a través da cal todas as corporacións locais teñen que elaborar necesariamente os formularios para a xustificación e avaliación da execución do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais correspondente ao exercicio 2019, así como para a presentación do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais correspondente ao exercicio 2020, mediante o cal as corporacións locais solicitan o financiamento para a prestación dos servizos sociais comunitarios da súa competencia, por mor dun pequeno atraso no proceso de actualización da dita aplicación, que está a dificultar a súa completa dispoñibilidade coa antelación suficiente para a cobertura dos datos indicados no prazo establecido, cómpre abordar a ampliación do dito prazo, vixente en virtude da situación actual.

Logo da entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara do estado de alarma para a xestión da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, e de conformidade co disposto na súa disposición adicional terceira, o cómputo destes prazos para a xustificación e avaliación do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais correspondente ao exercicio 2019, así como para a presentación do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais correspondente ao ano 2020 quedou interrompido na data de publicación do dito real decreto.

O día 23 de maio de 2020 publicase no Boletín Oficial del Estado número 145 o Real decreto 537/2020, do 22 de maio, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara do estado de alarma para a xestión da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. De conformidade co disposto no seu artigo 9, continúa o cómputo dos prazos administrativos suspendidos desde o 1 de xuño de 2020 e, en virtude da súa disposición derrogatoria única, queda derrogada a disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, con efectos desde o 1 de xuño de 2020.

Por todo o exposto, coa finalidade de cumprir coas exixencias derivadas do principio xeral de seguridade xurídica (artigo 9.3 da Constitución española), e ao abeiro do disposto no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, cómpre, mediante a presente orde, ampliar os ditos prazos para a xustificación e avaliación, así como para a presentación do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais, e fixar unha nova data para a súa finalización o vindeiro día 30 de xuño de 2020.

Así mesmo, clarifícase o cómputo dos prazos da documentación presentada, a través dos rexistros ou por calquera outro medio, desde o 14 de marzo de 2020.

En consecuencia, de conformidade coa disposición derradeira segunda do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, que faculta a persoa titular da consellería competente no sistema galego de servizos sociais para ditar no ámbito das súas competencias cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación do dito decreto e, en concreto, para o desenvolvemento mediante unha orde dos aspectos procesuais relativos ao financiamento dos servizos sociais comunitarios das corporacións locais, e no uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, desenvolvida polo Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social,

RESOLVO:

Artigo único. Ampliación do prazo

1. Amplíase o prazo para a presentación da xustificación e avaliación da execución do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais correspondente ao exercicio 2019, así como para a presentación do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais correspondente ao exercicio 2020, ata o día 30 de xuño de 2020, incluído.

2. Toda a documentación presentada en relación con este procedemento, a través dos rexistros ou por calquera outro medio, desde o 14 de marzo de 2020, data da entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara do estado de alarma para a xestión da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, ata o 1 de xuño de 2020, data de efectos da derrogación da disposición adicional terceira do dito Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, considerarase presentada o día 1 de xuño de 2020.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A presente disposición entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xuño 2020

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social