Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Xoves, 11 de xuño de 2020 Páx. 22971

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

ORDE do 2 de xuño de 2020 pola que se deixan sen efecto as bases e as convocatorias das axudas para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego dos centros de titularidade pública e privada de Galicia que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios, para o curso escolar 2019/20 (códigos de procedemento PL500A e PL500B), como consecuencia do peche dos centros educativos por causa do COVID-19.

O 30 de xaneiro de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 20 a Orde do 27 de decembro de 2019 pola que se anuncia a convocatoria de axudas para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego dos centros de titularidade pública de Galicia que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios, para o curso escolar 2019/20 (código de procedemento PL500A), e mais a orde, da mesma data, pola que se anuncia a convocatoria de subvencións para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego dos centros de titularidade privada de Galicia que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios, para o curso escolar 2019/20 (código de procedemento PL500B).

Estas axudas formaban parte das medidas de dinamización dirixidas á promoción da lingua galega nos centros educativos, tanto públicos como privados, e pretendían valorar e apoiar o labor dos seus equipos de dinamización lingüística. A achega económica que se lle asignaría a cada proxecto determinaríase tendo en conta a ponderación do número de estudantes do centro, así como os seguintes aspectos: grao de implicación activa dos membros da comunidade, colaboración con outras institucións e centros, nivel de utilización das novas tecnoloxías, realización de actividades plurianuais e tipoloxía das actividades organizadas (celebracións e festas tradicionais, promoción da lingua oral e escrita, dinamización do centro e da contorna, intercambios…). Como tamén se sinalaba en ambas as ordes, sería entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño de 2020 cando se efectuase o gasto e o pagamento das actividades realizadas.

A situación actual provocada pola evolución da epidemia do coronavirus COVID-19 supuxo a adopción dunha serie de medidas preventivas en materia de saúde pública como o peche de todos os centros educativos desde o 16 de marzo de 2020. Así se concretou no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de marzo de 2020 (DOG núm. 49-Bis, do 12 de marzo) que, respecto dos centros de ensino non universitario, estableceu, entre outras medidas, a suspensión de todo tipo de actividade lectiva, que inclúe tamén os servizos educativos complementarios, especialmente o comedor, o transporte e o servizo de madrugadores; a suspensión de todas as viaxes de estudos, excursións ou calquera tipo de desprazamento de grupos de alumnado ou de profesorado; así como a suspensión de todo tipo de festivais, galas ou actividades que impliquen a reunión de alumnado.

Así mesmo, a través do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020 (DOG núm. 50-Bis, do 13 de marzo), declarouse a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e activouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego).

Ademais, co fin de afrontar a xestión da crise sanitaria ocasionada polo coronavirus COVID-19, declarouse o estado de alarma en todo o territorio nacional a través do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo (BOE núm. 67, do 14 de marzo), que foi prorrogado mediante os reais decretos 476/2020, do 27 de marzo; 487/2020, do 10 de abril; 492/2020, do 24 de abril; 514/2020, do 8 de maio, e 537/2020, do 22 de maio. Esta declaración tamén supuxo o establecemento de medidas de contención baseadas na suspensión da actividade educativa presencial en todos os centros, ben que a última das prórrogas do estado de alarma recolle que as administracións educativas poderán dispor a flexibilización das medidas de contención e a continuación das actividades presenciais no ámbito educativo non universitario e da formación.

De acordo co sinalado nesta última prórroga, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publicou a Resolución do 22 de maio de 2020 pola que se reinicia a actividade lectiva presencial no curso escolar 2019/20, se determinan as instrucións para o que resta do presente curso e se adoptan medidas de prevención e hixiene para a reapertura parcial nos centros de ensino non universitario dependentes da consellería. En concreto, retómase a actividade lectiva presencial con carácter voluntario para o alumnado de segundo curso de bacharelato e para os segundos cursos de formación profesional de grao superior e de grao medio, tanto en réxime ordinario como no caso de educación para adultos. Sinálase, ademais, que o primeiro día de reinicio da actividade lectiva presencial é o 25 de maio e, o último, o 19 de xuño.

Tendo en conta a situación excepcional xerada como consecuencia da COVID-19, e aínda prevendo o retorno á actividade lectiva presencial en determinados niveis e con carácter voluntario, resulta imposible que se poidan desenvolver os proxectos de fomento do uso do galego presentados, dada a tipoloxía da gran maioría das súas actividades e o calendario establecido, sen prexuízo de que se poidan ter en conta para as próximas convocatorias.

Por todo o anterior, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo único

Deixar sen efecto as bases e convocatorias das seguintes ordes:

– Orde do 27 de decembro de 2019 pola que se anuncia a convocatoria de axudas para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego dos centros de titularidade pública de Galicia que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios, para o curso escolar 2019/20 (código de procedemento PL500A) (DOG núm. 20, do 30 de xaneiro de 2020).

– Orde do 27 de decembro de 2019 pola que se anuncia a convocatoria de subvencións para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego dos centros de titularidade privada de Galicia que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios, para o curso escolar 2019/20 (código de procedemento PL500B) (DOG núm. 20, do 30 de xaneiro de 2020).

Disposición adicional única. Impugnación da orde

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura e Turismo no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2020

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura e Turismo