Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Martes, 16 de xuño de 2020 Páx. 23955

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 9 de xuño de 2020, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se acorda ampliar o prazo de resolución do concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escalas do Servizo de Gardacostas de Galicia, convocado pola Resolución do 8 de maio de 2019 (Diario Oficial de Galicia número 94, do 20 de maio).

Mediante a Resolución do 8 de maio de 2019, DOG núm. 94, do 20 de maio, convocouse un concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escalas do Servizo de Gardacostas de Galicia.

De conformidade co disposto no artigo 89.5 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, os concursos para a provisión de postos de persoal funcionario de carreira, no ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, deberan resolverse no prazo de seis meses, contados desde a publicación das listas definitivas de persoas admitidas e excluídas.

Pola Resolución do 24 de setembro de 2019, da Dirección Xeral da Función Pública, acórdase publicar a relación definitiva de admitidos e excluídos do concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escalas do Servizo de Gardacostas de Galicia (DOG núm. 185, do luns 30 de setembro).

O 14 de marzo de 2020 publícase no BOE o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada por COVID-19, o que supuxo, segundo a súa disposición adicional terceira, a suspensión dos prazos administrativos.

Mediante a Resolución do 20 de maio de 2020, do Congreso dos Deputados, pola que se ordena a publicación do acordo de autorización da prórroga do estado de alarma declarado polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, establécese, no seu ordinal décimo, que con efectos desde o 1 de xuño de 2020 se derrogará a disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, relativa á suspensión de prazos administrativos. Desde esa mesma data, o cómputo dos prazos que fosen suspendidos renovarase ou reiniciarase, se así se previu nunha norma con rango de lei aprobada durante a vixencia do estado de alarma e as súas prórrogas.

Como consecuencia do anterior e con carácter xeral, os procedementos administrativos que se estaban a desenvolver antes da declaración do estado de alarma víronse suspendidos ata o 1 de xuño de 2020, data en que se produce o reinicio dos prazos administrativos.

O concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escalas do Servizo de Gardacostas de Galicia, antes da declaración do estado de alarma, tiña pendentes de realizar varios trámites esenciais, entre eles, a realización de reunións por parte da Comisión de Valoración para resolver as diferentes reclamacións presentadas contra o baremo provisional, así como o remate do desenvolvemento do soporte informático que non se puido finalizar durante o confinamento e que resulta imprescindible para xestionar o procedemento.

A complexidade e transcendencia dos asuntos para debater no seo da comisión requiren que esa/s reunión/s teñan lugar de xeito presencial, a concentración de todos os membros da comisión nun mesmo recinto non resulta aconsellable neste momento, de conformidade coas recomendacións das autoridades sanitarias.

Neste escenario, considérase máis adecuado ampliar o prazo para resolver este procedemento administrativo.

Esta dirección xeral, ao abeiro do artigo 23 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas,

RESOLVE:

Ampliar o prazo de resolución do concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escalas do Servizo de Gardacostas de Galicia, convocado por Resolución do 8 de maio de 2019 (DOG núm. 94, do 20 de maio), por tres meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución.

Contra a presente resolución, de conformidade co artigo 23 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non cabe ningún recurso.

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2020

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública