Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Martes, 16 de xuño de 2020 Páx. 23952

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 9 de xuño de 2020 pola que se modifica a Resolución do 11 de xaneiro de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a extensión de redes de banda larga ultrarrápida en entidades singulares de poboación, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o período 2018-2020 (procedemento administrativo PR605A).

Con data do 15 de xaneiro de 2018 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución de 11 de xaneiro de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a extensión de redes de banda larga ultrarrápida en entidades singulares de poboación, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o período 2018-2020 (procedemento administrativo PR605A).

No artigo 8 da convocatoria establécese que o despregamento da rede poderá prolongarse no tempo ata o prazo máximo para a posta en servizo, que é o 24 de marzo de 2020, e que a execución dos investimentos subvencionables se levará a cabo entre o día seguinte á data de presentación da solicitude e o 30 de xuño de 2020.

Con data do 14 de marzo de 2020 publicouse o Real decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, que estableceu unhas medidas especiais que afectan directamente as tarefas precisas para o despregamento das redes obxecto desta convocatoria, impedindo en moitos casos a súa execución.

Por outra banda, a realización dos despregamentos comporta a necesidade de consecución de licenzas e permisos de particulares, que están a sufrir atrasos, o que afecta o cumprimento dos obxectivos do proxecto nos prazos estipulados, máis aínda nas circunstancias actuais.

Así mesmo, ante a posibilidade de que a situación actual continúe a afectar con maior ou menor intensidade a realización dos despregamentos previstos, así como a consecución dos permisos e licenzas necesarios para a súa execución, considérase precisa a modificación dos prazos previstos inicialmente.

Con base no anterior, e en uso das competencias atribuídas no Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Resolución do 11 de xaneiro de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a extensión de redes de banda larga ultrarrápida en entidades singulares de poboación, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o período 2018-2020 (procedemento administrativo PR605A)

Un. O artigo 6.1 da convocatoria queda redactado como segue:

«1. Para o financiamento desta convocatoria está prevista unha dotación orzamentaria máxima de 14.200.000€, que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 04.A1.571A.770.0, coa seguinte distribución:

Aplicación

Código proxecto

2018

2019

2020

2021

04.A1.571A.770.0

2016 00001

2.683.739,20 €

7.677.507,20 €

1.919.376,80 €

1.919.376,80 €

».

Dous. O artigo 8, puntos 1, 2 e 3, da convocatoria quedan redactados como segue:

«1. A execución dos investimentos subvencionables levarase a cabo entre o día seguinte á data de presentación da solicitude e o 31 de xullo de 2021.

2. A documentación xustificativa do cumprimento da finalidade da subvención deberá presentarse ata o 31 de xullo de 2021.

3. O despregamento da rede poderá prolongarse no tempo ata o prazo máximo para a posta en servizo, que é o 31 de xullo de 2021».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2020

Mar Pereira Álvarez
Directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia