O día 24 de febreiro de 2020 a Axencia e o Concello de Pontedeume asinaron o convenio de adhesión dese concello á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.
De conformidade co establecido no artigo 10 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, dispoño a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2020
José Antonio Cerdeira Pérez
Director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística
Convenio de adhesión á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística
Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2020.
Interveñen:
Dunha parte, José Simoes Couceiro, alcalde por delegación do Concello de Pontedeume, provincia da Coruña, en representación do Concello, de conformidade co disposto no artigo 61 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e no artigo 21 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.
E doutra parte, Ángeles Vázquez Mejuto, conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, nomeada polo Decreto 94/2018, do 26 de setembro, no exercicio das atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.
Expoñen:
Primeiro. A Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG, en diante), no seu artigo 10 establece que a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística é un ente público de natureza consorcial, dotado de personalidade xurídica, patrimonio e orzamento propios e plena autonomía no cumprimento das súas funcións, para o desenvolvemento en común por parte da Administración autonómica e dos municipios que voluntariamente se integren nela das funcións de inspección, restauración da legalidade e sanción en materia de urbanismo e o desempeño de cantas outras competencias lle asignan os seus estatutos.
Así mesmo, establece que son membros da Axencia a Administración autonómica e os municipios que voluntariamente se integren nela. A incorporación dos municipios realizarase a través do correspondente convenio de adhesión, que deberá obter a aprobación previa do Pleno da Corporación e da persoa titular da consellería competente en materia de urbanismo e ordenación, e será publicado no Diario Oficial de Galicia.
Os estatutos da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística foron aprobados polo Decreto autonómico 213/2007, do 31 de outubro, e publicados no Diario Oficial de Galicia núm. 222, do 16 de novembro.
Segundo. O Concello de Pontedeume ten atribuídas competencias en materia de disciplina urbanística, en virtude do disposto no artigo 80 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, no artigo 25 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e nos artigos 151 e seguintes da LSG.
A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, no seu artigo 10 determina que a Administración local e as demais administracións públicas axustarán as súas relacións recíprocas aos deberes de información mutua, colaboración, coordinación e respecto aos ámbitos competenciais respectivos, e que procederá á coordinación das competencias das entidades locais entre si e, especialmente, coas das restantes administracións públicas, cando as actividades ou os servizos locais transcendan o interese propio das correspondentes entidades, incidan ou condicionen de maneira relevante os das devanditas administracións ou sexan concorrentes ou complementarios dos destas.
O texto refundido das disposicións vixentes en materia de réxime local, aprobado polo Decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, no seu artigo 69 establece que as competencias compartidas ou concorrentes poderán ser exercidas conxuntamente pola Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma e pola Local, mediante a constitución de entes instrumentais de carácter público ou privado.
Terceiro. En virtude do establecido no artigo 10 da LSG, a Axencia exercerá as competencias que lle sexan delegadas polos concellos consorciados.
Neste senso, o artigo 9 dos estatutos da Axencia, aprobados polo Decreto autonómico 213/2007, do 31 de outubro, dispón que a adhesión necesariamente producirá a atribución á Axencia das competencias de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística que correspondan ao municipio integrado voluntariamente na Axencia, nos supostos que determine a Lei urbanística autonómica, segundo se estableza no convenio de adhesión.
Cuarto. Este convenio de adhesión obtivo a autorización previa do Pleno da Corporación municipal de Pontedeume en sesión que tivo lugar o 31 de outubro de 2019, co voto favorable da maioría absoluta do número legal de membros da Corporación, de conformidade co disposto no artigo 10 da LSG, e no artigo 215.3 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.
Así mesmo, obtivo a aprobación da persoa titular da consellería competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio, do 24 de febreiro de 2020, de conformidade co disposto no artigo 10 da LSG.
Os intervenientes recoñécense mutua capacidade para o outorgamento do presente convenio de adhesión, de conformidade coas seguintes
Estipulacións:
Primeira. Incorporación á Axencia
O Concello de Pontedeume, na provincia da Coruña, incorpórase e adhírese como membro da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, asumindo os dereitos e obrigas que disto derivan, de conformidade co estipulado no presente convenio de adhesión e co establecido nos estatutos da Axencia, aprobados polo Decreto autonómico 213/2007, do 31 de outubro, e na Lei do solo de Galicia.
Segunda. Delegación de competencias
1. O Concello de Pontedeume delega na Axencia de Protección da Legalidade Urbanística o exercicio das competencias municipais de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística establecidas nos artigos 151 e seguintes da LSG, en relación coas obras e usos do solo que se executen sen licenza urbanística ou sen axustarse ás súas condicións, sempre que estean situadas nalgunha das seguintes clases de solo:
a) Solo rústico ou non urbanizable en calquera das súas categorías (artigos 31 e seguintes da LSG e disposición transitoria primeira da LSG).
b) Solo urbanizable ou apto para urbanizar, mentres non sexa aprobado o correspondente planeamento de desenvolvemento (artigo 27 e disposición transitoria primeira da LSG).
c) Núcleos rurais delimitados no planeamento urbanístico municipal (artigo 23 e disposición transitoria primeira da LSG).
A Axencia exercerá efectivamente estas competencias desde o día seguinte ao da publicación do convenio no Diario Oficial de Galicia.
2. Nesta delegación de competencias non está incluída a reposición da legalidade nin a potestade sancionadora en relación coas obras completamente rematadas antes da publicación deste convenio, que serán exercidas polo Concello.
3. A resolución dos recursos administrativos interpostos contra os actos ditados pola Axencia, en exercicio de competencias delegadas, corresponderalle igualmente á Axencia, logo do informe do Concello, que deberá emitirse no prazo máximo dun mes. Transcorrido este, continuarase coa tramitación do recurso.
4. A delegación de competencias poderá ser revogada en calquera momento polo Pleno da Corporación, coa maioría exixida no artigo 215.3 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia. A revogación será efectiva unha vez comunicada á Dirección da Axencia e publicada no Diario Oficial de Galicia.
Terceira. Réxime económico
1. O réxime económico do presente convenio establecese coas seguintes condicións:
a) O Concello contribuirá ao sostemento da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística cunha achega de 2.950 euros (50 euros por cada núcleo rural delimitado), que será transferida polo Concello á conta xeral da Axencia antes de enviar ao Diario Oficial de Galicia o anuncio de publicación do convenio.
b) A Axencia transferirá ao Concello o 10 % do produto das multas coercitivas e sancións e, como máximo, trinta mil euros anuais, efectivamente recadadas pola Axencia no termo municipal de Pontedeume.
2. O importe das multas coercitivas e das sancións impostas pola Axencia, en exercicio de competencias delegadas polo Concello, serán ingresadas polos suxeitos obrigados directamente na conta xeral da Axencia. No suposto de non seren aboadas en período voluntario, a Axencia solicitará da Consellería de Facenda o seu cobramento pola vía de constrinximento.
Ao finalizar cada exercicio anual, a Axencia transferirá ao Concello unha cantidade equivalente ao 10 % dos ingresos percibidos e, como máximo, trinta mil euros anuais, polas multas coercitivas e sancións recadadas no seu termo municipal.
Este modelo de financiamento será de aplicación ás multas coercitivas e sancións impostas a partir da entrada en vigor do convenio, sen afectar as multas e sancións impostas en períodos anteriores, aínda que se recaden unha vez que entre en vigor o convenio.
Cuarta. Obrigas asumidas polo Concello
O Concello de Pontedeume asume as seguintes obrigas:
a) Prestar a cooperación e asistencia activa que a Axencia lle solicite para o eficaz exercicio das súas competencias;
b) Facilitarlle ao persoal da Axencia o acceso inmediato aos expedientes de planeamento, xestión e disciplina urbanística, así como canta información, documentación e axuda material precise para o adecuado cumprimento das súas funcións;
c) Cando os concellos adheridos remitan denuncias por obras e usos do solo sen licenza ou sen axustarse ás súas determinacións, deberán achegar un informe técnico con contido suficiente para a incoación dos expedientes administrativos que procedan. En todo caso, e como mínimo, deberán identificarse as persoas responsables da actuación inspeccionada e as obras obxecto de expediente, así como os incumprimentos da normativa urbanística.
d) Prestar o auxilio da policía local para facilitar as inspeccións, executar as ordes de precinto de obras e identificar os responsables de posibles infraccións;
e) Absterse de outorgar licenzas urbanísticas que impliquen a legalización de obras e usos do solo respecto dos cales a Axencia ordenase a súa demolición, cesamento ou restauración da realidade física alterada;
f) Emitir informe previo á resolución dos recursos interpostos contra actos ditados pola Axencia en exercicio de competencias delegadas, no prazo máximo dun mes. Transcorrido este prazo, continuarase coa tramitación do recurso.
g) Contribuír ao sostemento económico da Axencia nos termos establecidos no presente convenio de adhesión;
h) Respectar as estipulacións do presente convenio e o establecido nos estatutos da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, aprobados polo Decreto autonómico 213/2007, do 31 de outubro.
Quinta. Programa de incorporación
A incorporación do Concello á Axencia será efectiva desde o día seguinte ao de publicación deste convenio no Diario Oficial de Galicia.
Os expedientes relativos ás obras en execución nas materias que son obxecto de delegación deberán ser remitidos á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística no prazo dun mes desde a data de entrada en vigor deste convenio.
Sexta. Prazo de vixencia do convenio
Este convenio entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e o seu prazo de vixencia será indefinido.
A resolución do presente convenio producirase no suposto de que o Concello de Pontedeume perda a condición de membro da Axencia por calquera da causas que se establecen no artigo 12 dos estatutos da Axencia e cos efectos que o mesmo artigo dispón.
Sétima. Interpretación do convenio
As controversias que poidan xurdir na interpretación do presente convenio e a súa aplicación serán resoltas polo Consello Executivo da Axencia, de conformidade co disposto no artigo 10 dos estatutos da Axencia, aprobados polo Decreto 213/2007, do 31 de outubro.
Oitava. Protección de datos de carácter persoal
As partes asinantes obríganse ao cumprimento do Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e demais normativa vixente de aplicación en cada momento en materia de protección de datos.
A sinatura do presente convenio suporá o consentimento expreso das partes asinantes para incluír e facer públicos os datos persoais que consten no convenio, e o resto de especificacións contidas nel, de conformidade co artigo 15 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno (DOG núm. 30, do 15 de febreiro), e co Decreto 126/2006, do 20 de xullo, polo que se regula o rexistro de convenios da Xunta de Galicia (DOG núm. 149, do 3 de agosto)
E para que así conste, asinan o presente convenio de adhesión, por triplicado exemplar, no lugar e na data arriba indicados.
Polo Concello de Pontedeume:
José Simoes Couceiro
Alcalde por delegación
Pola Xunta de Galicia:
Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivienda