Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Martes, 16 de xuño de 2020 Páx. 23933

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 10 de xuño de 2020 pola que se establecen as disposicións relativas á levanza informática dos rexistros obrigatorios do sector vitivinícola mediante a aplicación informática ACIOS (código de procedemento MR360E).

O Regulamento (UE) núm. 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se crea a organización común de mercados dos produtos agrarios e polo que se derrogan os regulamentos (CEE) núm. 922/72, (CEE) núm. 234/79, (CE) núm. 1037/2001 e (CE) núm. 1234/2007, establece no seu artigo 147 que as persoas físicas ou xurídicas ou as agrupacións de persoas que manexen produtos do sector vitivinícola, en particular as persoas produtoras, embotelladoras, transformadoras e comerciantes, terán a obriga de levar rexistros das entradas e saídas dos produtos vitivinícolas.

O desenvolvemento normativo desta obriga recóllese no Regulamento delegado (UE) 2018/273 da Comisión, do 11 de decembro de 2017, polo que se completa o Regulamento (UE) núm. 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que atinxe ao réxime de autorizacións para plantacións de vide, o rexistro vitícola, os documentos de acompañamento, a certificación, o rexistro de entradas e saídas, as declaracións e a publicación da información notificada, e no Regulamento de execución (UE) 2018/274 da Comisión, do 11 de decembro de 2017, polo que se establecen as normas de desenvolvemento do Regulamento (UE) núm. 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que respecta ao réxime de autorizacións para plantacións de vide, a certificación, o rexistro de entradas e saídas, as declaracións obrigatorias e as notificacións. No artigo 13 do citado Regulamento (UE) 2018/274 establécense as modalidades que poden empregarse para os rexistros e os rexistros electrónicos son unha delas.

A Consellería do Medio Rural estableceu normas de aplicación relativas aos rexistros do sector vitivinícola mediante o Decreto 158/2011, do 21 de xullo, polo que se ditan normas de aplicación sobre os documentos que acompañan o transporte de produtos vitivinícolas, os rexistros e as declaracións de determinadas prácticas no sector vitivinícola na Comunidade Autónoma de Galicia. No artigo 18 deste decreto recóllese que a dirección xeral competente en materia de calidade agroalimentaria establecerá unha aplicación informática de levanza dos rexistros vitivinícolas, que se facilitará aos operadores comercias que queiran utilizala.

Cómpre, polo tanto, desenvolver e implantar unha aplicación informática que facilite a levanza dixital dos rexistros vitivinícolas, coñecidos habitualmente como libros rexistro. Para iso, a Consellería de Medio Rural desenvolveu unha aplicación informática baixo a denominación Aplicación contabilidade integral oficial (ACIOS).

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e na disposición derradeira segunda do citado Decreto 158/2011, do 21 de xullo,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. A presente orde ten por obxecto:

a) Establecer, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, o procedemento para facilitar a levanza dos rexistros vitivinícolas ou libros rexistro mediante o programa informático Aplicación contabilidade integral oficial (en diante, ACIOS). Mediante o dito programa os operadores poderán anotar, en particular, as entradas e saídas de cada produto, as manipulacións efectuadas sobre estes e os produtos empregados nelas, todo iso de conformidade co disposto no Regulamento (UE) núm. 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se crea a organización común de mercados dos produtos agrarios e polo que se derrogan os regulamentos (CEE) núm. 922/72, (CEE) núm. 234/79, (CE) núm. 1037/2001 e (CE) núm. 1234/2007; e nos seus regulamentos de desenvolvemento, Regulamento delegado (UE) núm. 2018/273 da Comisión, do 11 de decembro de 2017, e Regulamento de execución (UE) núm. 2018/274 da Comisión, do 11 de decembro de 2017, así como no Decreto 158/2011, do 21 de xullo.

b) Determinar o procedemento de autorización dos operadores para a utilización do programa informático ACIOS, utilización que ten carácter voluntario. Este procedemento estará identificado co código de procedemento MR360E.

2. Esta orde aplícase á contabilidade dos produtos do sector vitivinícola a que fai referencia a parte II do anexo VII do Regulamento (UE) núm. 1308/2013, e aos produtos definidos como viños aromatizados no Regulamento (UE) núm. 251/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 26 de febreiro de 2014, sobre a definición, descrición, presentación, etiquetaxe e protección das indicacións xeográficas dos produtos vitivinícolas aromatizados, así como á sangría e á clarea, definidas na Orde do 23 de xaneiro de 1974 pola que se regulamenta a elaboración, circulación e comercio da sangría e doutras bebidas derivadas do viño (BOE do 7 de febreiro).

Exceptúase da súa aplicación o vinagre de viño, ao excluírse este produto na definición de produtos vitivinícolas que se recolle no artigo 2.1.b) do Regulamento delegado (UE) 2018/273.

Artigo 2. Autoridade competente

De acordo co que se establece no Decreto 158/2011, a autoridade competente no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para supervisar a levanza dos rexistros ou libros rexistro é a dirección xeral da consellería competente en materia de agricultura que teña atribuídas as competencias relativas ao control oficial da calidade alimentaria.

Artigo 3. Características e tipos de rexistros

1. A contabilidade informática dos produtos vitivinícolas deberá levarse en rexistros diferentes para cada operador e instalación en que se encontren os produtos e con contas separadas para cada categoría destes, de acordo co establecido na normativa vixente, en particular co recollido no capítulo III do Decreto 158/2011, do 21 de xullo.

2. Os libros rexistro dixitais recollerán os mesmos datos que constan nos modelos de libros rexistro do anexo IV do Decreto 158/2011, do 21 de xullo, e cumprirán o establecido no capítulo III, Rexistros de contabilidade vitivinícola, do dito decreto.

Artigo 4. Peche anual das contas dos rexistros

As contas dos rexistros pecharanse o 31 de xullo, coincidindo co peche da campaña de produción e o inventario anual de existencias.

Simultaneamente ao peche das contas de rexistro realizarase o reconto das existencias reais. Se estas no coinciden co resultado do balance anterior, farase un asento de regularización.

A apertura das contas da seguinte campaña realizarase o 1 de agosto, anotando nas entradas as existencias reais de cada produto por tipo, graduación, variedade e cantos datos se desexe facer constar na súa designación e presentación.

Artigo 5. Procedemento de autorización para a utilización dos rexistros informáticos

1. Corresponderá a xefatura territorial de cada provincia onde estea localizada a instalación a autorización para a levanza informática e o competente para resolver será o xefe territorial da Consellería do Medio Rural.

2. Os operadores que opten por levar informaticamente os rexistros indicados nesta orde deberán solicitalo á autoridade competente conforme o establecido no número 3 seguinte e, ademais, deberán cumprir as seguintes condicións:

a) Ser unha persoa física ou xurídica, ou unha agrupación de persoas que, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, elaboren, embotellen, almacenen ou teñan no seu poder baixo calquera concepto, no exercicio da súa profesión ou con fins comerciais, un produto vitivinícola.

b) Dispor dun sistema informático adecuado para a levanza, e algún dos mecanismos de identificación e sinatura aceptados pola sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/a-sede/sistemas-de-identificacion-e-sinatura).

c) Levar todos os rexistros mediante sistema informático. Non será posible levar uns rexistros mediante o sistema informático e outros rexistros en formato papel.

Aqueles operadores que non opten por acollerse a esta modalidade de levanza informática da contabilidade vitivinícola poderán seguir empregando os rexistros en papel.

3. As persoas que desexen solicitar a autorización indicada no número anterior deberán presentar unha solicitude por cada instalación en que realicen a súa actividade, que se axustará ao contido do modelo que figura como anexo I desta orde. A dita solicitude dirixirase á persoa titular da xefatura territorial da Consellería do Medio Rural da provincia onde se sitúe a instalación para a al se solicita a levanza informática dos rexistros e non terá un prazo específico para a súa presentación, podéndose solicitar calquera día do ano.

Na solicitude deberanse especificar os libros rexistro para os que se pide a autorización e os datos das persoas usuarias iniciais que accederán á aplicación ACIOS.

4. Nos termos previstos no artigo 14.2 da Lei 39/2015, as persoas xurídicas están obrigadas a relacionarse a través de medios electrónicos coas administracións públicas.

No caso de persoas físicas incluídas no réxime especial de traballadores autónomos, a obriga de relacionarse a través de medios electrónicos coa Administración fundaméntase no artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

Tendo en conta o carácter empresarial dos operadores, as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 6. Duración e revogación da autorización para a utilización dos rexistros informáticos

1. A autorización concedida en virtude do anterior artigo terá carácter indefinido, sen prexuízo do disposto no seguinte apartado.

2. Poderase revogar a autorización cando se comprobe o incumprimento das condicións que motivaron a súa concesión.

A revogación realizarase mediante resolución motivada da persoa titular da xefatura territorial competente en materia de agricultura que en cada momento teña atribuídas as competencias relativas ao control oficial da calidade agroalimentaria, logo da instrución do expediente que se tramitará de conformidade co procedemento administrativo común.

Artigo 7. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas en solicitar algún libro rexistro para levar a contabilidade vitivinícola de viños acollidos a unha denominación de orixe protexida (DOP) deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

Documento acreditativo de estar inscrito no rexistro de adegas da correspondente denominación de orixe protexida.

Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que sexa realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas ou entidades públicas:

a) Documentos acreditativos da personalidade da entidade ou da persoa solicitante, consistentes no NIF cando o solicitante sexa unha persoa xurídica e no DNI/NIE no caso de persoa física.

b) Documento acreditativo da persoa representante, consistente no DNI/NIE.

c) Documento acreditativo de inscrición no Rexistro de Industrias Agrarias (RIA).

d) Documento acreditativo de inscrición no Rexistro de Operador Vitivinícola (REOVI).

2. Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Documento acreditativo de inscrición no Rexistro Embotellador.

b) Autorización para a utilización das mencións relativas ao ano de colleita e/ou variedade de uva na etiquetaxe e presentación dos viños sen denominación de orixe nin indicación xeográfica protexida.

c) Documento acreditativo como operador inscrito nalgunha indicación xeográfica protexida (viños IXP).

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Notificación de resolucións e actos administrativos

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. O prazo de resolución e notificación deste procedemento administrativo será de tres meses, de acordo co disposto no artigo 21 da Lei 39/2015, e o sentido do silencio será positivo.

Artigo 11. Obrigas dos operadores autorizados

O operador, unha vez recibida a notificación da resolución de autorización para levar os rexistros mediante o sistema informático ACIOS, deberá realizar o peche dos rexistros en soporte papel, e comunicar ao servizo competente, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da autorización, o peche destes rexistros e a apertura dos rexistros mediante sistema informático.

Se no prazo dun mes, desde o día seguinte ao da notificación da autorización, non se efectúa a apertura dos rexistros informáticos, producirase a caducidade da autorización.

A partir da data en que se inicien as anotacións no sistema informático, só serán eficaces os asentos recollidos no rexistro electrónico e quedarán sen validez os asentos en papel.

Como primeira anotación figurarán as existencias no momento do peche dos rexistros en papel, figurando todos os datos obrigatorios para cada rexistro, diferenciando tipos de produto, graduación, variedades e cantos datos se desexe facer constar na súa designación e presentación.

Artigo 12. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería do Medio Rural, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en http://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en http://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional. Actualización de modelos normalizados

Os modelos normalizados aplicables na tramitación do procedemento regulado na presente disposición poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes afectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.

Disposición transitoria única. Réxime de autorizacións previas

Os operadores que fosen autorizados antes da entrada en vigor desta orde para a levanza informática do Libro rexistro de embotellados terán un prazo de tres meses desde a súa entrada en vigor para solicitar ou ben a levanza informática dos libros rexistro ou ben a dilixencia do Libro de embotellados en formato papel.

Unha vez transcorrido este prazo de tres meses perderán a vixencia as autorizacións concedidas con anterioridade á entrada en vigor desta orde.

Disposición derradeira primeira. Instrucións para a aplicación desta orde

Facultase a persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias para aprobar as instrucións complementarias que resulten necesarias para o cumprimento e a correcta interpretación de canto se establece nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor aos 20 días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2020

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

MR360E-G.pdf
MR360E-G.pdf
MR360E-G.pdf