Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Xoves, 25 de xuño de 2020 Páx. 25187

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 18 de xuño de 2020 pola que se amplía o crédito orzamentario existente para a concesión das axudas previstas na Orde do 17 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2020.

A Orde do 17 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2020 (DOG núm. 14, do 22 de xaneiro), establece no seu artigo 1.2 que o financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria se fará con cargo ás aplicacións orzamentarias 09.41.322A.460.4 e 09.41.322A.481.1 (código de proxecto 2015 00524), polos importes máximos de 2.700.000 e 4.000.000 de euros, respectivamente, correspondentes a fondos finalistas recibidos do Servizo Público de Emprego Estatal, que figuran no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.

Esta orde establece no seu artigo 1.3 que os importes fixados nas aplicacións previstas nela poderán ser obxecto de modificación como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos finalistas para o financiamento dos programas e servizos en materia de emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais, así como nos supostos previstos nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, logo da aprobación, se é o caso, da modificación orzamentaria que proceda.

Debido ao elevado volume de solicitudes recibidas en relación co orzamento dispoñible con cargo á aplicación orzamentaria 09.41.322A.481.1, así como á existencia de créditos dispoñibles tanto nos propios conceptos orzamentarios da convocatoria como noutros do mesmo programa orzamentario, considérase conveniente ampliar o importe inicial do financiamento das subvencións destinadas a entidades sen ánimo de lucro con cargo á aplicación orzamentaria 09.41.322A.481.1, por un importe total de 185.000,00 euros.

Para tal fin, procede publicar esta ampliación de crédito, de acordo co disposto no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento que desenvolve a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Por todo o exposto, e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1

Ampliar o importe total dos créditos para o financiamento das axudas previstas na Orde do 17 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2020, na aplicación orzamentaria 09.41.322A.481.1, código de proxecto 2015 00524, na contía de 185.000,00 euros. O total asignado na dita aplicación tras a presente ampliación ascende a 4.185.000,00 euros.

Artigo 2

Esta modificación non implicará a apertura dun novo prazo para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2020

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria